Lactalis triplica beneficios no peor da crise láctea

Unións Agrarias advirte de que a industria gala, sometida estes días a un bloqueo gandeiro en Francia, ofrécelles ós gandeiros galegos “contratos trucados” que levarían a novas baixadas de prezos

Lactalis triplica beneficios no peor da crise láctea

Protesta ante Lactalis, en Vilalba, en xaneiro. / Arquivo.

A crise de prezos do leite está a agravarse este verán e entre as industrias protagonistas das baixadas sitúase Lactalis. A firma gala, con dúas plantas en Galicia (Lugo e Vilalba), é a primeira industria en recollida en Galicia, polo que as organizacións agrarias consideran que marca tendencia no sector. Este verán aplicou unha nova baixada, que o sector cifra en máis dun céntimo, e presentoulle ós gandeiros contratos que Unións Agrarias califica en nota de prensa de “trucados”, pois, pronostica, levarían a novas baixadas de prezos nos próximos meses.

En tanto os prezos en orixe do leite seguen a baixar, Lactalis Ibérica pechou no 2015 un ano economicamente positivo. Os seus beneficios netos chegaron ós 24 millóns de euros, o que supón triplicar os seus números do 2014, segundo os datos que manexa Unións Agrarias. O conxunto do sector en Galicia cuestiona as prácticas de Lactalis. Tanto Unións coma o Sindicato Labrego, a OPL e a Fruga inciden nos baixos prezos e nos contratos “abusivos” que manexa a industria.

Unións valora unha denuncia penal contra Lactalis por “apropiación” de 2 millóns de euros que lles corresponden ós gandeiros

Unións considera ademais que a industria, que opera con marcas coma Puleva, President ou Lauki, está a engordar a súa conta de beneficios con cartos que lles corresponden directamente ós gandeiros. Alude Unións ó aumento de ingresos que percibe Lactalis desde decembro das cadeas de distribución. Ese aumento, pactado entre os gandeiros da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e as principais cadeas de hipermercados, debía en teoría trasladárselle ós gandeiros. “Outras industrias cumpriron. Lactalis non”, cuestiona Unións Agrarias, que cifra a retención de cartos por parte da firma gala en arredor de 2 millóns de euros.

De non atoparse unha solución, a organización ten previsto presentar unha denuncia penal contra Lactalis. A maiores, manterá un encontro en breve coa Agencia de Información y Control Alimentario (AICA) para denunciar os contratos que está a ofrecer a empresa.

O Sindicato Labrego pide medidas por parte da Xunta

Desde o Sindicato Labrego demandan unha inmediata actuación da Xunta de Galicia, á que consideran “cómplice” da situación. “Todas as denuncias que se levan feito ante a Xunta e ante a AICA non serviron polo de agora de nada”, sosteñen.

Contratos
Unións considera que eses contratos están “trucados”, pois marcan a evolución do prezo do leite en función do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia. “A industria autorreferénciase en parte a si mesma, xa que é a principal recolledora da comunidade”, cuestiona a organización “Así, imposible que os prezos suban”, din.

Lactalis aceptou ter unha reunión este xoves cos gandeiros franceses que bloquean a súa factoría en Laval

Desde Unións, lembran que este verán a tendencia dos produtos lácteos industriais é de aumento das cotizacións. Tamén subiu o prezo do leite que se vende en cisternas entre industrias, como reflicten os datos do Observatorio do Sector Lácteo Europeo. As empresas transformadoras, cuestionan os gandeiros, queren ir en sentido contrario.

Protesta en Francia
As prácticas de Lactalis tamén teñen molestos ós gandeiros franceses, que desde este luns bloquean a sede central da industria, en Laval, no oeste francés. Para este xoves, está prevista unha reunión entre representantes dos produtores e a industria. Os gandeiros reclaman unha suba de prezos, pois sosteñen que Lactalis está a pagar este verán menos que outras grandes empresas transformadoras. En tanto non hai acordo, o bloqueo segue.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información