Lactalis – Puleva quere bloquear o prezo do leite en Galicia no 2020 mentres auméntao en Francia un 7,5%

A multinacional gala, a industria que máis volume de leite procesa en Galicia, ofrécelle as súas granxas proveedoras un contrato anual que impide a suba do leite, afastándose da tendencia do mercado

Lactalis – Puleva quere bloquear o prezo do leite en Galicia no 2020 mentres auméntao en Francia un 7,5%

O escenario de recuperación de prezos do leite no campo que se está a experimentar en España e no resto de Europa facía presaxiar bos tempos para as granxas galegas, pero Lactalis – Puleva, a principal industria por volume de recollida na comunidade, vén de deitar un xarro de auga fría sobre esas expectativas. A multinacional francesa está a entregar no campo unha proposta de contrato anual que na práctica bloquea calquera suba do prezo do leite desde marzo do 2020 a febreiro do 2021, unha situación que xera indignación entre as súas ganderías proveedoras.

Lactalis – Puleva proponlle as súas granxas un prezo base de 29,5 céntimos (0,5 céntimos máis que no contrato de marzo do 2019) e indexa a evolución dese prezo ao longo do ano a como evolucione mes a mes o prezo medio galego (Datos do Fega, Ministerio de Agricultura) en comparación co prezo medio de xaneiro do 2020.

Cal é o truco desde modelo de indexación?. Que se se se mantén a tendencia dos últimos meses, o prezo de xaneiro do 2020 será dos máis altos dos últimos cinco anos, se non o maior, polo que o prezo base pagado por Lactalis ó longo do 2020 non é esperable que suba e mesmo probablemente baixe en determinadas épocas, como a primavera.

O bloqueo provocado por Lactalis e por outras industrias con modelos similares, que operan con prezos semifixos ao longo de todo o ano, impide que as granxas galegas se beneficien das recuperacións do mercado que se suceden periodicamente en Europa e a nivel de España. Ese bloqueo aumenta o diferencial de prezos entre Galicia e o resto de Estado. Cómpre lembrar que a comunidade sitúase desde hai anos como pechacancelas do prezo do leite pagado en España, agora cunha diferencia duns 2 céntimos en relación ó prezo medio ponderado abonado no resto do Estado.

A proposta de Lactalis é o primeiro contrato que chega ó campo para o 2020. Dado que a multinacional gala é a industria con maior volume de recollida en Galicia, con arredor dun 20% do leite, os seus pasos adoitan ser imitados polo resto das industrias. O bloqueo de prezos que tenta Lactalis está por tanto a xerar malestar non só entre as granxas proveedoras da multinacional, senón en todo o sector.

Silencio da industria ante a organización de produtores Ulega
Das máis de mil granxas que lle entregan o leite a Lactalis – Puleva en Galicia, hai algo máis de 400 que pertencen á organización de produtores Ulega, impulsada por Unións Agrarias. A esas granxas, a multinacional gala xa non pode ofrecerlles un contrato directamente, pois a reforma do Paquete Lácteo, aprobada no 2019, obrígaa a negociar eses contratos coa organización de produtores Ulega.

Problema, Lactalis a día de hoxe non contestou ós requerimentos de Ulega para sentarse a negociar nin lle trasladou ningunha proposta de contrato para estas máis de 400 granxas proveedoras. Desde Ulega agardan un inmediato inicio das negociacións con Lactalis – Puleva, pero polo momento a multinacional francesa garda silencio.

Lactalis pactou en novembro en Francia un prezo base de 35,5 céntimos

Mentres a compañía gala mantén bloqueado o prezo do leite en Galicia, en Francia vén de pactar coas organizacións de produtores unha suba dun 7,5%, pasando dos 33 céntimos acordados a comezos do 2019 a 35,5 céntimos de prezo base. O acordo coas organizacións de produtores galas, asociadas na Unell (Unión nacional de granxas que lle entregan a Lactalis) foi posible pola mediación do Goberno francés, en concreto pola figura do mediador de relacións comerciais agrícolas, inexistente en España.

O acordo francés tivo en conta tanto a situación de custos de produción das granxas coma os prezos de venda de Lactalis á distribución. Desde o sector gandeiro de Galicia e do resto de España vén reivindicándose desde hai anos a necesidade de que o Goberno español e a propia Xunta recuperen peso nas negociacións entre industrias e gandeiros, a imitación do que fai o goberno galo.

Mediación
As demandas do sector céntranse en dous puntos. Primeiro, pídese unha mediación gubernamental nas negociacións entre industrias e granxas. Sen embargo, o Ministerio desentendeuse ata o de agora desa demanda, en tanto a Xunta, que mantén desactivada desde hai anos a Mesa do Leite, un antigo foro de negociación entre industrias e produtores, comprometeuse en decembro, a petición de Ulega, a enviar un observador ás negociacións. Queda por comprobar que relevancia ou non pode ter na práctica ese papel de observación.

Presión dos supermercados
A outra gran cuestión que preocupa é o actual sistema de formación de prezos, de arriba cara abaixo, é dicir, as grandes cadeas de distribución, que manteñen unha tendencia de abaratamento do leite nos supermercados, están a condicionar o valor do leite no campo. Se en lugar diso, o prezo do leite se conformase de abaixo cara arriba, fixándose o prezo final ó consumidor en base ós custos de produción e ás tendencias do mercado, a situación sería outra no campo, razónase no sector.

En setembro do 2015, as cadeas de distribución comprometéranse no Acordo Lácteo a revalorizar o leite nos lineais, pero a tendencia dos últimos anos vai en sentido contrario daquelas promesas, que se demostraron papeis que leva o vento, sen que os sucesivos Gobernos tomasen cartas no asunto para rectificar o rumbo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información