Lactalis establece un prezo fixo de 0,27 euros durante os próximos seis meses para os seus contratos en Galicia

Unións Agrarias valora positivamente que a multinacional francesa rectifique o seu anterior contrato que indexaba os prezos á media dos últimos meses do Observatorio Galego do Sector Lácteo. Sen embargo, esixe que devolva aos gandeiros o diñeiro que cobrou a maiores

Lactalis establece un prezo fixo de 0,27 euros durante os próximos seis meses para os seus contratos en Galicia

A multinacional francesa Lactalis, o principal operador lácteo de Galicia, está a aplicar dende o 1 de setembro a arredor de 1.200 explotacións lácteas en Galicia un novo contrato que establece un prezo fixo base de 0,27 euros por litro, máis primas, para os próximos 6 meses.

Lactalis rectifica así o anterior contrato, que empezou a aplicar en agosto, e que establecía un prezo base de algo menos de 0,26 céntimos, e referenciado á evolución dos prezos medios en Galicia reflectidos no Observatorio Galego do Sector Lácteo.

O sindicato Unións Agrarias presentou en xullo unha denuncia ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, contra Lactalis por “impoñer” aos gandeiros un contrato con prezos á baixa, “e tomando como referencia á propia industria”.

Agora, a multinacional francesa da marcha atrás e rectifica. Sen embargo, para o responsable de servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, “se ben é certo que valoramos positivamente que Lactalis recoñeza que é ilegal a cláusula de indexación dos prezos que utilizaba, esiximos que devolva aos gandeiros a media de 1 céntimo por litro que lles retivo en base a esta indexación durante os últimos meses”. Unha cantidade que, segundo a organización agraria, pode roldar os 500 euros de media ao mes por gandería de leite en Galicia.

Ademais, o representante de UUAA considera que “Lactalis está aproveitándose dunha conxuntura de suba de prezos dos derivados lácteos no mercado, de xeito que impón un prezo fixo sen ningún tipo de suba para os próximos meses”. Neste sentido, Óscar Pose demanda que “se o mercado dos produtos lácteos empeza a subir as súas cotizacións, Lactalis tamén debe subir de xeito inmediato aos gandeiros o prezo do leite”.

Campaña de información de UUAA contra Lactalis mañá en Lugo

Por outra parte, UUAA sigue adiante coa súa campaña de información aos consumidores que terá a súa primeira parada no hipermercado Gadis situado no polígono industrial do Ceao en Lugo este venres 16 de setembro a partir das 12.00 h.

Nesta acción a organización agraria entregará información e sinalará con indicativos dentro do establecemento, as marcas de productos elaborados por Lactalis, para que os consumidores non os compren pola actitude que a empresa francesa ten cos gandeiros galegos.

Os manifestantes pedirán que Lactalis aplique melloras nos contratos, como en Francia, onde tras as protestas gandeiras, a multinacional aceptou abonar unha media de 29 céntimos por litro nos últimos 5 meses do ano, dous máis que en Galicia.

O outro punto de desacordo son os arredor de 2 millóns de euros que Unións Agrarias asegura que Lactalis lle está a reter de xeito indebido ós produtores. A organización lembra que desde decembro, as cadeas de distribución estánlle pagando cartos a maiores á industria coa encomenda de trasladarllos ós gandeiros. Unións sostén que Lactalis estase a quedar con eses cartos e planea unha denuncia por vía penal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información