Lactalis, demandada por apropiación indebida de 2 millóns de euros

Unións Agrarias presentou unha denuncia no xulgado de Vilalba na que solicita a incoación de dilixencias e a depuración de responsabilidades penais. Reclámalle á industria gala o pago dos cartos que as cadeas de distribución lle están trasladando coa encomenda de repercutilos nas súas granxas proveedoras

Lactalis, demandada por apropiación indebida de 2 millóns de euros

O secretario xeral de Unións, Roberto García, en rolda de prensa. / Arquivo.

En decembro do 2015, logo de mobilizacións e tractoradas ante as principais cadeas de distribución, os gandeiros pecharon un acordo coa maioría de grupos de supermercados para que subisen en 2 céntimos litro o prezo que pagaban polas súas marcas brancas de leite. Os supermercados, segundo o acordado, abónanlle desde entón eses cartos ás diferentes industrias coa encomenda de que llos trasladen as súas granxas proveedoras. Problema, Lactalis, estase a quedar presuntamente co diñeiro.

Unións Agrarias calcula que a industria gala, a principal recolledora de leite en Galicia, cuns 1.200 gandeiros, está a reter arredor de dous millóns de euros que lle corresponden as súas granxas proveedoras. En vistas da situación, a organización agraria vén de presentar unha denuncia no xulgado de Vilalba no que solicita a incoación de dilixencias contra Lactalis por apropiación indebida. Unións pide a declaración en calidade de imputado de José Enrique García Luis, conselleiro de Lactalis, e solicita que se depuren as correspondentes responsabilidades penais.

A organización lembra que Lactalis asinou o acordo lácteo de setembro do 2014 polo que, entre outras cuestións, se comprometía a “compartir cos gandeiros a revalorización que as industrias obteñan sobre os prezos de cesión”. En decembro, os gandeiros chegaron a un acordo coas cadeas de distribución para que lle trasladasen 2 céntimos máis ás industrias polo leite de marca branca, coa encomenda de que eses cartos fosen a parar ás granxas proveedoras de cada industria.

Os actos de boicot contra Lactalis continuarán o próximo xoves nun centro comercial

Lactalis cumpriu o primeiro trimestre do acordo e mesmo lle chegou a comunicar por carta os seus gandeiros o correspondente suplemento no pago, pero desde entón “está apropiándose” dos 2 céntimos a maiores que lle pagan as cadeas de distribución por litro de leite, segundo asegurou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

O conflicto que os gandeiros manteñen con Lactalis, que tamén abarca outras cuestións, como os contratos de compra-venda de leite, levaron a Unións a iniciar este mes un boicot contra as marcas da industria gala (Puleva, President, etc.). Hai dúas semanas, os produtores protagonizaron un acto no Gadis de Lugo e para a próxima semana teñen previsto continuar con outra protesta nun centro comercial da provincia da Coruña.

Reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo
Para comezos da próxima semana está prevista unha reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo, un órgano no que Unións Agrarias pedirá explicacións pola “impunidade” na que entende que están a operar as industrias. “Temos presentadas 17 denuncias contra diferentes industrias na Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), pero descoñecemos como se resolveron esas denuncias, que probas se practicaron ou que sancións houbo, se se produciron”, resume Roberto García.

Unións pide información sobre o resultado das denuncias. “Este ocultismo leva a que se perda o efecto exemplarizante que terían as sancións contra as industrias ou contra as cadeas de distribución”, critica o secretario xeral da organización, Roberto García. Unións pedirá tamén o etiquetado obrigatorio da orixe dos produtos lácteos, a imaxe do que xa está a facer Francia.

Gandeiros afectados por impagos de primeiros compradores

Arredor de 200 produtores que traballan con primeiros compradores intermediarios acumulan varios meses de retraso no pago do leite. A situación é extrema no caso duns 50, que levan sen cobrar o leite desde xaneiro. Unións Agrarias anunciou tamén hoxe o inicio de accións legais contra estes operadores.

A organización agraria considera que o problema de fondo radica na falta de regulación da figura dos compradores intermediarios. “É necesario que a Administración esixa uns criterios de solvencia e que as industrias coas que operan os primeiros compradores sexan responsables subsidiarias en caso de impagos”, demanda Roberto García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información