Lactalis declara no xulgado por presunta apropiación indebida de 2,5 millóns de euros

O apoderado e responsable de compras da industria, José Enrique García, comparece en Vilalba como imputado a raíz da denuncia presentada por Unións Agrarias

Lactalis declara no xulgado por presunta apropiación indebida de 2,5 millóns de euros

O responsable de compras de Lactalis, José Enrique García, á saída do xulgado.

O pulso que manteñen desde hai un ano Lactalis – Puleva e os gandeiros entrou xa en vía xudicial. O apoderado e responsable de compras da industria, José Enrique García, compareceu no xulgado de Vilalba en calidade de imputado para declarar pola presunta apropiación indebida de 2,5 millóns de euros por parte da empresa.

A denuncia partiu de Unións Agrarias, que acusa a Lactalis de reterlle as súas granxas proveedoras 2,5 millóns de euros que as cadeas de distribución lle pagaron a maiores no último ano. Eses cartos adicionais corresponden ó aumento de 2 céntimos por litro que Lactalis vén recibindo polo leite de marca branca tras ós pactos ós que chegaran gandeiros e cadeas de distribución en decembro do 2015.

O proceso xudicial veu precedido de mobilizacións e de dúas reunións de mediación arbitradas polo Ministerio

En base a eses acordos, as cadeas de distribución aumentaron os pagos as súas industrias proveedoras, coa encomenda de que as cantidades suplementarias lle fosen entregadas ós gandeiros. Parte das industrias cumpriron, pero no caso de Lactalis, só fixo un pago adicional nos primeiros meses do 2016.

A interrupción dos pagos orixinou xa no pasado ano mobilizacións por parte dos gandeiros, que desembocaron finalmente na mediación do Ministerio de Agricultura. “O Ministerio, logo de contrastar as cifras que aportabamos nós coa distribución, deunos a razón, pero Lactalis negouse a pagar” -lembra Óscar Pose, de Unións Agrarias.- “Daquela, Lactalis recoñecía que cobrara os cartos, pero puña diversas excusas para xustificar que non llos entregara ás granxas”.

Estratexia
A organización agraria sinala que na comparecencia de onte no xulgado houbo un cambio de estratexia por parte de Lactalis. “No xulgado, o responsable de compras de Lactalis dixo que non sabía a ciencia certa onde estaban os cartos. Ata agora nunca negaran a existencia dos pagos adicionais”, sinala Óscar Pose.

A situación aclararase máis para a semana, cando está previsto que comparezan no xulgado de Vilalba varias cadeas de distribución en calidade de testemuñas.

Desde Campo Galego puxémonos en contacto con Lactalis para coñecer a súa versión, pero polo de agora non recibimos contestación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información