Lactalis atribúe os menores prezos de Galicia a un mercado máis estable

O sector gandeiro, sorprendido do prezo base de 33 céntimos por litro de leite que pagará a industria en Francia este verán, en tanto as granxas galegas quédanse nun prezo base no entorno dos 28 céntimos

Lactalis atribúe os menores prezos de Galicia a un mercado máis estable

Lactalis subiu este verán o prezo base en Francia ata os 33 céntimos de media.

Os prezos do leite no campo están a repuntar este verán en boa parte de Europa. Unha das últimas subas en confirmarse foi a de Lactalis Francia, que comprometeu un prezo base de 33 céntimos para o terceiro trimestre do ano. A situación do país veciño contrasta co escenario galego, onde a industria francesa está a aplicar un prezo base no entorno dos 28 céntimos, sen perspectivas de subas significativas durante o verán.

Lactalis mantén en Galicia contratos a un ano, que expirarán a comezos do 2018, e non prevé unha actualización dos seus prezos na onda da mellora que se está a experimentar no resto de Europa. Esa situación é criticada polas organizacións agrarias. “O problema de Galicia é que nunca temos prezos de mercado. As industrias manteñen entre elas acordos á baixa e non lle dan ningunha posibilidade de negociación ás granxas”, sostén Xabier Gómez Santiso, do Sindicato Labrego.

As organizacións agrarias cuestionan que os prezos no campo en Galicia non sigan as liñas ascendentes do mercado

“O contraste dos prezos de Lactalis en Francia e en España non é unha situación nova, xa pasou no outono pasado. Os prezos na UE móvense co mercado e en Galicia, se o mercado vai ben, sorte para as industrias, e se vai mal, mala sorte para os gandeiros” -resume Gómez Santiso.- “A cuestión en Galicia é que non hai posibilidade de negociar prezos nin de cambiar de industria. En tanto os Gobernos non asuman que este mercado non é libre, senón que hai unha imposición, a situación seguirá igual. Hai unha responsabilidade política clara”, cuestiona.

Desde Unións Agrarias, as valoracións sobre a suba do prezo de Lactalis Francia son similares. “En Francia estase trasladando a situación de mercado ó prezo do leite no campo. O normal sería que aquí tamén subise o prezo do leite, pero en lugar de subir, co sistema de indexación que ten Lactalis, pensamos que en xuño incluso aplicará unha lixeira baixada en Galicia”, sinala Óscar Pose, de Unións Agrarias.

Posición da compañía
Lactalis, consultada sobre a diferenza de prezos entre España e Francia, destaca que os funcionamentos do mercado francés e español son diferentes, con variacións cada ano en función das circunstancias de mercado. “Francia ten historicamente unha curva de prezos volátil, con aumentos significativos no terceiro trimestre e descensos no segundo e cuarto trimestres, en tanto España ten un mercado máis estable ao longo de todo o ano”, sinalan fontes da compañía.

“Francia ten historicamente unha curva de prezos volátil, con aumentos significativos no terceiro trimestre” (Lactalis)

A industria francesa subliña ademais que o prezo que pagou no 2016 en España foi superior ó prezo que abonou en Francia. En canto ao actual contexto, Lactalis apunta que en España, a diferenza de Francia, a compañía non está en periodo de negociación cos gandeiros españois, pois ten asinados a totalidade dos seus contratos.

A firma gala destaca que mantén contratos estables con máis de 2.600 gandeiros de España, asegurándolles unha recollida estable do leite: “A compañía logra renovar a práctica totalidade destas colaboracións tras cada periodo, un feito que pon de manifesto a confianza que os produtores teñen no Grupo Lactalis, tendo en conta un entorno no que a demanda de leite por parte de toda a industria é alto”, sinalan desde a compañía.

Durante 2015 e 2016, a industria deixou de traballar con 41 granxas e asinou novos contratos con 290: “Estos produtores, que lle vendían o seu leite a outros operadores, elixiron Lactalis non só polas condicións de compra, senón pola seguridade e a colaboración que se establece”, destacan.

Por último, Lactalis nega que os prezos a pagar en Galicia vaian baixar: “Tras un incremento de prezos no mes de xaneiro que se mantivo estable ata o mes de maio, en xuño o prezo pagado en Galicia subiu lixeiramente respecto ó mes anterior”, asegura a industria.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información