La Croisière: Un exemplo do bo funcionamento das CUMA´s en Francia

Francia foi o país no que primeiro se crearon as Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA), un modelo hoxe estendido noutros países, e tamén en España. Coa EFA Fonteboa visitamos a CUMA La Croisière, un referente neste tipo de cooperativismo

La Croisière: Un exemplo do bo funcionamento das CUMA´s en Francia

Olivier Fonteneau, á esquerda, presidente da CUMA La Croisiere, Á súa dereita outro membro da directiva e á dereita Paul, antigo socio e e membro da directiva da CUMA, hoxe xa xubilado.

A Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) La Croisière é un exemplo de bo funcionamento deste tipo de fórmulas cooperativas en Francia, un país que foi pioneiro no mundo na creación destas entidades ao remate da Segunda Guerra Mundial.

Situada no concello de La Bruffière, no departamento de La Vendée, esta CUMA presta neste momento servizo integral de maquinaria agrícola a 83 explotacións agrícolas e gandeiras, o 100% das existentes no concello.

E é que a organización e a colaboración entre os produtores para reducir os custos de produción, neste caso da maquinaria agrícola, é un dos sinais de identidade dos gandeiros franceses e que lles axuda a ser máis competitivos.

Durante unha visita organizada pola EFA Fonteboa o pasado mes de marzo, o presidente de La Croisière, Olivier Fonteneau, explicou as claves do éxito do seu modelo.

“Os custos de mecanización das nosas explotacións son moi baixos grazas á CUMA, e de feito temos tarifas incluso máis baixas que as das empresas de servizos agrícolas. E todo sen axudas públicas, porque non temos axudas para a compra de maquinaria agrícola, a non ser que sexan moi innovadoras para reducir o impacto medioambiental. Nese caso temos un 25% de subvención, pero o 95% das nosas máquinas mercámolas sen axuda”, explica Olivier.

 “O 95% das máquinas comprámolas sen axudas públicas”

Creada no ano 2010, a partir da fusión das 7 CUMAS que previamente había no concello, esta CUMA dispón dun moderno parque de maquinaria agrícola co que cada ano cultivan unhas 2.600 hectáreas de millo e de herba e 1.800 de cereal, colza e millo para gran, realizando todas as labores, dende a preparación do terreo e sementeira, a aplicación de fitosanitarios ou a colleita. E é que, grazas a dispoñibilidade de base territorial, en Francia é común que os gandeiros de vacún de leite ou de carne tamén produzan cereal, unha parte do cal destinan á venda e outra a penso para o seu gando.

O pasado ano La Croisière facturou preto de 1 millón de euros, dos que 65.000 corresponderon a ingresos pola venda de electricidade das placas solares que teñen instaladas nos teitos das naves de maquinaria.

En canto ao cadro de persoal, esta CUMA conta 4 traballadores a tempo completo que desempeñan os traballos de mecánicos e de chóferes. Tamén teñen contratada unha secretaria a media xornada e un aprendiz, unha vía de formación moi implantada nas empresas francesas.

Como se toman as decisións?

A lei de CUMA´s francesa establece que se debe celebrar un mínimo dunha asemblea xeral ao ano, pero no caso de La Croisière teñen 4 reunións anuais e o consello reitor, formado por 20 dos 100 socios, xúntase unha vez ao mes. Os GAEC, o equivalente en España ás SAT ou ás SC, teñen máis votos na asemblea xeral, segundo o número de socios cos que conten. Por último, contan cun comité directivo formado por 4 socios.

“Cada un dos 20 membros do consello reitor é responsable dunha área da CUMA e deste xeito repartimos mellor o traballo e todos nos facemos máis partícipes do bo funcionamento da cooperativa”, destaca o presidente.

En canto á compra de maquinaria, tanto nova como usada, na CUMA La Croisière a decisión ten que ser adoptada pola asemblea xeral. De ser aprobada, solicítase información a todos os distribuidores de maquinaria agrícola da zona. Os orzamentos que reciban son analizados por unha comisión que elabora unha proposta que é debatida e aprobada de novo en asemblea xeral. Para mercar a maquinaria recorren ao préstamo con dúas entidades financeiras coas que manteñen acordos en condicións vantaxosas. “E entre 5 e 7 anos solemos devolver o diñeiro prestado”, engade Olivier.

Os directivos teñen unha pequena indemnización polo tempo que lle dedican a CUMA, gastos de desprazamento e dietas. “No meu caso, son uns 800 euros ao ano”, aclara o presidente.

Dereitos e obrigas dos socios

A CUMA La Croisière está aberta a calquera gandeiro ou agricultor. Para poder forma parte dela o socio aporta o 40% da súa facturación prevista coa CUMA durante un ano. “Esa é a cota de entrada, que cando se xubila recupera xunto cos intereses”, explica o presidente.

En canto á facturación, o socio abona por adiantado cada trimestre a súa previsión de gasto na maquinaria da CUMA e no cuarto trimestre do ano axustan coa facturación real, devolvendo ou cobrando cartos ao socio, segundo o caso.

Todo está regulado e por escrito para evitar conflitos

Cada máquina autopropulsada ten un contador de horas e de kilométros e o socio paga unha tarifa horaria, diferente segundo a máquina, que inclúe os custos fixos (préstamos para a compra da máquina, mantemento, seguros…) e os variables (carburante e os asalariados, en caso de que contrate o servizo con chófer). No caso das máquinas máis eficientes (por exemplo unha picadora de millo) factúrase ao socio por hectárea e non por hora.

Todo está regulado e por escrito para previr conflitos. Así, en caso de avaría, se é debida a desleixo do socio (pedras grandes no campo que estragan unha rotativa, por exemplo) el corre cos gastos da reparación, e do contrario paga a CUMA.

¿Como se reparten as quendas para o uso da maquinaria?

En épocas nas que se concentra o traballo, como o ensilado do millo ou da herba, o reparto das quendas para ter o servizo da maquinaria da CUMA pode ser unha fonte de conflito.

En La Croisière resolvérono establecendo unha rotación anual: “É dicir, os primeiros aos que se lles ensilou o millo no 2017 son os últimos en ensilar a herba no 2018”, asegura Oliver Fonteneau.

Pero este criterio pode verse modificado ou corrixido por outro segundo factor. Así, explica que “nas épocas de maior traballo, cada semana os luns ás 9 da mañá citámonos todos os socios na CUMA para facer un recordatorio de como están programados os traballos coa maquinaria para esa semana, e se o socio chega tarde, córrelle a quenda que lle correspondía. E tamén pódense cambiar quendas entre socios”. “Sempre hai solucións”, subliña.

A CUMA La Croisière en imaxes:

Cooperación entre CUMAS

Outra característica das CUMA´s en Francia é que colaboran entre elas, incluso entre distintas rexións, para a realización dos traballos agrícolas. “No noso caso temos un acordo cunha CUMA de Brest, situada a 400 kilómetros, na Bretaña, e con outras dúas, unha de Rennes, e outra da rexión do Nord Pas de Calais. No caso das de Bretaña caso é a colleita do trigo ou o ensilado do millo imos primeiro facer o traballo ás fincas dos seus socios, e logo baixan eles a axudarnos a nós, xa que o momento da colleita tamén é diferente. Así facemos en menos tempo o traballo e non precisamos aumentar a maquinaria”, explica Olivier Fonteneau.

As claves para que unha CUMA funcione ben:

-”A clave para que unha CUMA funcione ben son as contas claras, responsabilidade de todos os socios e confianza duns noutros”, subliña Olivier.

-Todos os socios teñen os mesmos dereitos e obrigas.

-O consello de administración renóvase para incorporar xente nova. “É preciso ir transmitindo responsabilidades á xente nova pensando no futuro e no relevo na dirección da CUMA”, destaca o presidente de La Croisière.

-”Quand on est cumiste, on doit être bénévole”, destaca Olivier. É dicir, cando un é socio dunha CUMA debe estar disposto a colaborar e dedicarlle parte do seu tempo.

-O persoal asalariado non ocupa postos directivos na CUMA.

-O coidado das relacións humanas entre todos os socios. No caso da CUMA La Croisière entre todos os socios elaboran a súa propia sidra natural e na sala de reunións tamén contan cunha barra para tomaren algo xuntos ao remate das xuntanzas.

-As CUMAS en Francia están federadas e teñen asesores técnicos en común.

-Establecer estratexias para resolver posibles conflitos.

Francia: un país pioneiro na creación das CUMA´s

As Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA´s) foron creadas en Francia en 1946 ao finalizar a segunda guerra mundial. Cunha economía en forte crise, o entón presidente francés, Charles de Gaulle, quixo modernizar e mecanizar o campo francés, no que traballaba aínda a maior parte da poboación activa. Pero quería que as pequenas granxas familiares puidesen mecanizarse e modernizarse sen ter que endebedarse á hora de adquirir maquinaria agrícola, que ademais necesitaban poucos días ao ano. Foi así como naceron as CUMAS.

Nos seguintes anos este modelo foise estendendo a Bélxica, Italia ou Portugal. E no ano 2000 creáronse as primeiras CUMA´s en España. Hoxe no noso país existen unhas 200, concentradas principalmente en Galicia, cunhas 50, e as comunidades da Cornixa Cantábrica, sobre todo en gandarías de vacún de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información