Kazakhstán ven aprender a Galicia a como desenvolver o seu sector lácteo

Unha delegación empresarial kazakha visita a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC e a spin off TasteLab. A viaxe da comitiva asiática encádrase no marco dun proxecto financiado polo Banco Mundial e orientado a implantar a política de clúster lácteo na república de Kazakhstán

Kazakhstán ven aprender a Galicia a como desenvolver o seu sector lácteo

Visita da delegación kazaja

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC e a spin off TasteLab, nada tamén na sede universitaria luguesa, recibiron este martes a visita dunha delegación empresarial ligada ao sector leiteiro de Kazakhstán no marco dun proxecto internacional orientado a implantar a política de clúster na república asiática e que conta con financiamento do Banco Mundial.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Abella Valcárcel, recibiunos esta mañá no marco dunha sesión de benvida na que tamén participou o director de Competitividade Empresarial da consultora internacional especializada en políticas de innovación Infyde, Carlos Díez, así como os técnicos da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC, Vanesa Olveira e Manuel Gómez.

A misión empresarial asiática, integrada pola experta executiva do Instituto de Desenvolvemento da Industria de Kazakhstán, Gulnara Saukenova, e por tres representantes do Clúster do Leite da Provincia de Akmola: a directora da empresa Capital Natur Product, Mariya Novikova; o director financeiro da empresa Gormolzavod, Aslan Kurmangaliyev, e o director da firma Esil Butter Factory, Valrey Khainakov.

A delegación solicitou visitar estas instalacións e servizos da USC relacionadas co sector leiteiro, a fin de poder intercambiar e compartir información e tamén para coñecer algún dos proxectos de I+D+i nos que participa a USC. A presentación da actividade que se está a realizar no Clúster do Leite Akmola Oblast de Kazakhstán e a exploración de posibles vías de colaboración coa institución universitaria tamén figuran entre os obxectivos desta visita.

Unha misión para aprender das experiencias dos clúster europeos do sector lácteo

A presenza desta representación do Clúster do Leite kazaxo no campus lugués encádrase no marco dunha expedición internacional apoiada polo Ministerio de Economía Nacional da República de Kazakhstán para favorecer o coñecemento da forma de traballar e das experiencias de empresas e clúster europeos do sector lácteo. O coñecemento dos procesos de internacionalización das empresas europeas, así como doutros aspectos relacionados con insumos de produción e eficiencia, ademais da avaliar a posibilidade de establecer futuras liñas de cooperación son outros dos cometidos.

A delegación asiática aproveitará a súa estadía dunha semana en Galicia para visitar ademais diversas empresas do sector leiteiro e para manter encontros con responsables políticos e representantes de numerosas entidades.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información