José Montes faise coa presidencia de Feiraco co 81% dos votos

O outro candidato, Xoán Ramos, anuncia que impugnará a votación. Critica que non se puxese o seu nome nas papeletas e considera que é un “fraude de lei” que Montes optase á reelección en representación dunha gandería

José Montes faise coa presidencia de Feiraco co 81% dos votos

Asemblea xeral de Feiraco, esta mañá en Ponte Maceira. / Imaxe: Feiraco.

A asemblea xeral de Feiraco escolleu co 81% dos votos a José Montes para continuar ó frente da cooperativa Feiraco, en tanto Xoán Ramos quedouse no 19% dos votos. O resto de cargos do consello reitor renovados nas eleccións corresponden tamén á lista do actual presidente (tesoureiro, vogal 1, vogal 3 e vogal 5).

Como tesoureiro foi escollido Jesús Antonio París, representante de Cives SAT; Antonio Caamaño Cambeiro, representando a Ganadería Carreira S.C., foi elixido vogal número 1; Juan José Vázquez Blanco, representando a Pesadoira SAT, vogal número 3; e José Manuel Couto Regos, en representación de SAT Casal Vilar, vogal número 5.

Impugnación da votación
José Montes recibiu un total de 539 dos 664 votos emitidos, en tanto Xoán Ramos quedouse en 125. Ramos xa anunciou que impugnará o resultado da votación, pois tal e como sinalara antes da asemblea, considera que Montes non reúne requisitos para presentarse ó cargo por non ser titular dunha explotación agraria.

Ramos cuestiona que o seu nome non figurase na papeleta e reafírmase en que Montes non cumpre requisitos

O actual presidente concurriu á reelección en representación de Cesares Holstein SC, segundo indica Feiraco en nota de prensa, se ben Ramos entende que se trata dun “fraude de lei”, polo que impugnará a votación. Na asemblea pediuselle a Montes que aportase documentación que acredite que é titular de Cesares Holstein SC e non o fixo, segundo Ramos.

Ramos tamén critica que non se incluise o seu nome na papeleta, o que obrigaba ós socios a escribilo a bolígrafo na papeleta da votación.

De feito, ata o último intre estivo cuestionada a participación de Xoán Ramos nas eleccións, pois a cooperativa envioulle un burofax o venres para informalo de que non recibira a documentación do xulgado que obrigaba a súa readmisión como socio, o que impedía a presentación da súa candidatura.

A asemblea aprobou as contas do 2015, cun resultado favorable de 305.000 euros

O afectado sinala que el mesmo se personou en Feiraco o pasado martes para entregar unha copia da medida cautelar dictada polo xulgado mercantil da Coruña, polo que non entende a actuación de Feiraco no proceso electoral. Ramos, que finalmente si puido presentarse, cuestiona tamén que non se lle permitira facer unha proposta de goberno ante a asemblea da cooperativa antes das eleccións.

Contas 2015
A asemblea de Feiraco aprobou as contas correspondentes ó exercicio 2015 cunha maioría do 90 por cento dos votos favorables. As contas presentaron un beneficio o pasado exercicio de 302.000 euros, segundo a nota de prensa de Feiraco. As distintas seccións da cooperativa presentaron resultados positivos, con excepción da coxeneración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información