Irlanda: Algunhas claves de por qué é unha potencia internacional no sector lácteo

Ao longo da semana pasada Campo Galego visitou o alumnado do Centro de Promoción Rural EFA-FONTEBOA que realiza prácticas en ganderías de vacún de leite de Irlanda dentro do programa Erasmus Young Farmers. Velaquí as primeiras impresións desta viaxe...

Irlanda: Algunhas claves de por qué é unha potencia internacional no sector lácteo

Pastoreo en Irlanda

A República de Irlanda é unha potencia láctea a nivel internacional e nos últimos anos foi o país da Unión Europea que máis incrementou a súa produción e as súas exportacións.

Así, pasou de producir no 2010 un total de 4,8 millóns de toneladas a 7,5 no 2018, acadando xa o obxectivo que se tiñan marcado para 2020 no plano estratéxico para o sector elaborado polo goberno irlandés. É dicir, nunha superficie de 70.000 kilómetros cadrados este país produce máis leite que España en 500.000 km cadrados. Para este ano a previsión é que a produción siga medrando sobre un 6%. E arredor do 90% deste leite destinarase á exportación, fundamentalmente en forma de manteiga e de queixo.

Para coñecer a realidade do sector lácteo irlandés, ao longo da semana pasada Campo Galego visitou o alumnado do Centro de Promoción Rural EFA-FONTEBOA que realiza prácticas en ganderías de vacún de leite de Irlanda dentro do programa Erasmus Young Farmers.

Ao longo das próximas semanas publicaremos entrevistas e reportaxes tanto de ganderías de vacún de leite, como de DairyGold, unha das principais cooperativas leiteiras, así como a responsables do TEAGASC, o centro público que se encarga do asesoramento aos gandeiros en Irlanda.

Avanzamos algunhas reflexións das visitas a estas ganderías, localizadas principalmente no condado de Cork, no sur da Illa, onde se concentra a maior parte da produción láctea do país.

-Asesoramento público e independente: O asesoramento que reciben os gandeiros é independente e de carácter público, a través de técnicos do TEAGASC. Entre as ganderías visitadas ningunha delas tiña asesoramento de empresas privadas, agás un que tiña contratado a maiores do do TEAGAS o asesoramento dun consultor independente.

-Un modelo produtivo que aproveita as vantaxes do territorio: O clima de Irlanda, con temperaturas suaves e precipitacións repartidas ao longo de case todo o ano, permítelles ter pasto dende febreiro ata novembro. Os gandeiros visitados aproveitan ao máximo este recurso facendo pastoreo intensivo dende marzo ata novembro, mentres que de decembro a marzo as vacas solen permanecer estabuladas e son alimentadas con silo de herba e penso, e nalgún caso tamén con remolacha picada.

Para facer coincidir o pico de lactación coa máxima dispoñibilidade de pasto os gandeiros fan concentración de partos. Así durante 8 semanas, de mediados de febreiro a mediados de abril paren o 90% das vacas. O rendemento das pradeiras é elevado, grazas tamén á fertilización química.

-Custos de produción e prezo do leite: Os custos de produción dos gandeiros entrevistados sitúase entre os 21 e os 25 céntimos por litro de leite. O prezo base de venda é de 31 céntimos e sumando as calidades (en torno a un 4,2% de graxa e un 3,6% de proteína) chega aos 36 céntimos por litro de leite neste momento, co que a marxe para os gandeiros rolda os 10 céntimos, moi superior á media en España.

A parte de polo sistema de alimentación baseado no pasto, e no baixo uso de penso (nas ganderías visitadas uns 180 gramos por litro de leite), a maior marxe explícase tamén polo menor investimento en instalacións (todas de aceiro, uralita e madeira, camas de colchoneta para o período estabulado, salas de muxido moi funcionais), pola baixa taxa de reposición (Entre un 15 e un 20%), polos maiores ingresos por venda de becerros de carne e polo menor gasto en maquinaria (é común contratar os traballos agrícolas e a retirada do xurro a empresas de servizos agrarios).

-Razas rústicas: Nas ganderías visitadas as razas máis empregadas son a British Friesian, unha raza Frisona máis pequena e rústica e adaptada ao pastoreo; a Roxa Sueca ou Roxa Noruega e o Kiwi Cross, un cruce entre Holstein e Jersey. A media de partos nas ganderías visitadas oscila entre os 6 e os 7 partos, cunhas producións medias de entre 6.000 e 7.000 litros por lactación.

Gandeiros con mentalidade empresarial e importante relevo xeneracional: Nas ganderías visitadas chama a atención en todas elas o orgullo dos gandeiros, a pesar de que en moitos dos casos non teñen persoal asalariado, o que complica dispor de días libres. Séntense valorados pola sociedade, con boas perspectivas de futuro para o seu negocio, e con orgullo de continuar unha tradición gandeira que se remonta varias xeracións atrás.

Deste xeito, en todas as explotacións visitadas existe relevo xeracional dos fillos, o que se ve favorecido pola alta natalidade do país en comparación con España, sendo frecuentes os matrimonios con 3 e 4 fillos.

-Base territorial: Outro aspecto a destacar das granxas irlandesas é que a base territorial sitúase arredor da explotación, en inglés “milk platform”, o que reduce os custos de produción e favorece o sistema de pastoreo.

De media nas granxas visitadas, para unhas 100 vacas en muxido contaban cunhas 50 hectáreas. O custo da terra agricola no Condado de Cork é caro, un mínimo de 25.000 euros por hectárea, e algo máis de 300 euros ano de aluguer, o que limita o crecemento das granxas.

-As ameazas do Brexit: Unha parte importante das ganderías visitadas tamén cebaban os becerros na propia explotación, con silo de herba e penso, fundamentalmente. A raza cárnica máis empregada é a Aberdeen Angus, pola súa docilidade, facilidade de parto e boa saída comercial.

Sen embargo, o principal mercado de destino, o Reino Unido, baixou considerablemente os prezos no último ano debido ao Brexit e ás maiores importacións de carne de Brasil ou Arxentina. Neste sentido, os baixos prezos da carne, uns 3,5 euros de media neste momento, son un motivo de preocupación recorrente entre os gandeiros.

Custos de produción dos gandeiros de vacún de leite en Irlanda:

COSTES PRODUCION IRLANDA

Fonte: TEAGASC

Evolución da produción de leite en Irlanda e previsións para o futuro:

irish_milk_production

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información