Influencia da seca no rendemento e no valor nutricional do millo forraxeiro

Artigo de Gonzalo Flores Calvete, xefe do departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), sobre o efecto da seca e da altura de corte sobre a produción e valor nutricional da planta de millo para ensilar

Influencia da seca no rendemento e no valor nutricional do millo forraxeiro

Ensilado do millo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

As fases de desenvolvemento da planta de millo

O ciclo de desenvolvemento entre o estado de plántula e o momento de colleita para ensilar pode ser dividido convencionalmente en tres fases:

1ª.- Fase vexetativa (desde emerxencia ao estado de 10-12 follas). Durante a cal se produce o desenvolvemento foliar a medida que a planta gaña altura e porte, ao tempo que se diferencian os órganos reprodutivos e se determina o número potencial de sementes (óvulos que poderán ser fecundados) e o tamaño das espigas. O intervalo entre o estado de 10-12 follas e as proximidades da floración é de intensa actividade fisiolóxica, de medre da planta e de acumulación de carbohidratos na cana como resultado da actividade fotosintética nas follas.

Ao final desta fase a planta atinxiu de 85% a 95% da sua área foliar, e formáronse as raíces adventicias aéreas. No caso de acontecer estrés hídrico nesta fase, o principal efecto será reducir a altura da planta, os talos serán máis finos e as follas serán de menor tamaño, tendo a planta unha menor capacidade de acumular reservas, o que afectará negativamente á produción total.

2ª.- Fase de reprodución (desde o estado anterior até 2-3 semanas despois da floración feminina), onde se produce o crecemento e emerxencia das inflorescencias, a liberación do pole e a fecundación da planta. Primeiro emerxe a flor masculina ou penacho, cuxas anteras maduras liberarán o pole e a pouco tempo o farán as sedas (estigmas) da flor feminina que recibirán o pole que fertilizará os óvulos da espiga. A partir deste momento comezará a multiplicación das células do endospermo de cada grao durante 2-3 semanas, ao cabo das cales as sedas aparecen completamente secas.

Esta etapa é moi sensíbel a situacións de estrés da planta (polo xeral, por falta de humidade) que pode causar unha baixa taxa de fecundación e/ou alta incidencia de aborto de óvulos fecundados, sendo a redución do número total de graos de cada espiga o principal efecto do estrés hídrico neste momento do ciclo. A fracción vexetativa da planta acada o seu máximo ao final desta fase.

3ª.- Fase de enchido do grao, durante a cal se produce a rápida transferencia de carbohidratos desde a parte vexetativa da planta ás sementes e a transformación gradual da textura do amidón acumulado nos graos, desde un estado pastoso a fariñento ou vítreo conforme a planta madura.

Un estrés hídrico severo nesta fase dificultará o enchido dos graos, producindo espigas pouco densas e reducirá o seu peso no total da materia seca da planta.

Duración das fases

A duración das sucesivas fases adoita ser expresado en unidades térmicas de crecemento ou graos-día (GDU, polas súas siglas en inglés). A expresión do valor GDU entre dous momentos do ciclo se calcula como GDU6=∑(Tm-6), que representa a suma dos valores diarios que resultan de sustraer 6 ºC á temperatura media, en ºC, para cada día, durante o intervalo citado.

Na seguinte táboa móstranse os valores de GDU para híbridos precoces, medios e semitardíos sementados na primeira quincena de marzo e colleitados para ensilar co 32% MS.

Sumatorio de temperaturas medias diarias en base 6 ºC (GDU6) desde a sementeira necesarias para acadar un contido en MS do 32% na planta enteira para ensilar: 

Tipo de híbrido

GDU6 Sementeira-Floración feminina

GDU6 Floración feminina a 32% MS

GDU6 Sementeira a a 32% MS

Precoz

820-870

560-600

1380-1470

Medio

880-950

580-630

1460-1580

Semitardío

970-1020

620-660

1590-1680

A duración en días do ciclo dun híbrido de precocidade media, sementado a mediados de maio na zona costeira de Galicia (finca de Mabegondo) será de aproximadamente 80-85 días para o intervalo sementeira-floración feminina e de 50 días para o intervalo floración feminina-colleita a 32% MS. En condicións da Galiza interior (Pobra de Brollón) a duración do ciclo en días acúrtase, en razón das temperaturas máis elevadas, sendo de 73 días para o primeiro intervalo e de 44 días para o segundo.

Momento de colleita

O atraso na colleita pode incrementar o rendemento en Materia Seca (MS) dixestíbel/ha sempre e cando non se demore máis alá das 8-10 semanas tras a floración feminina da planta. Neste momento a planta terá un contido de MS adecuado para unha boa fermentación.

“O momento óptimo da colleita é co 32% de materia seca”

O nivel óptimo de MS da planta enteira de millo para ensilar sitúase ao redor do 32% para silos horizontais (bunker ou trincheira) e de 35% para silos-bolsa. A colleita de plantas en estados máis avanzados necesita un maior coidado no procesado dos graos na colleitadora ao estar máis secos e, sobre todo, presenta o risco dun nivel de MS excesivo para lograr unha boa compactación en silos horizontais, co conseguinte perigo de entrada de aire na masa de forraxe que favorece o crecemento de lévedos e fungos provocando perdas substanciais de MS no almacenamento e mala calidade hixiénica, con presenza probábel de micotoxinas.

Ensilado de millo afectado pola seca

Cando o cultivo está severamente afectado pola falta de humidade e se prevé que non pode continuar o crecemento aínda en caso de recibir chuvia, debe ser ensilado. O millo nestas condicións usualmente ten unha baixa proporción de espiga e as follas mostran cores amarelas e marróns e teñen aspecto murcho.

Se o millo ten aínda follas verdes pode ser capaz de continuar o crecemento e encher os graos das espigas, de restablecerse as condicións de humidade. O contido en enerxía neta do millo afectado pola seca normalmente é co 85% ao 100% do normal, e ás veces contén algo máis de proteína que o millo que non sufriu estrés hídrico.

Se este estrés é moderado, o valor enerxético da planta enteira pode ser máis alto que a media, a causa dunha maior dixestibilidade da parte vexetativa debido á acumulación de azucres como resposta á falta de humidade.

Na táboa adxunta móstrase, a modo de exemplo, o efecto da dispoñibilidade de auga moderada comparada coa ausencia de rega no cultivo do millo en terreos areosos do interior de Galiza no ano 2016, con período de primavera-verán de baixa dispoñibilidade de auga.

Táboa efecto seca no millo CIAM

Posibles problemas por altos contidos de nitratos na cana

Debe ser salientado que o millo afectado pola seca pode ter altos contidos en nitrato na cana, sobre todo no terzo inferior. Estes altos níveis de nitrato son máis frecuentes cando se aplicaron doses altas de nitróxeno ou cando un cultivo que sufriu falta de humidade importante é colleitado dous ou tres días despois dunha chuvia forte que mollou ben o terreo.

O proceso de fermentación no silo, sen embargo, reducirá os contidos en nitrato na forraxe nun 50%, polo que non é frecuente a aparición de problemas sanitarios no gando por esta causa.

Por outra banda, só no caso de silos confinados en ambientes pechados, con altos niveis de nitrato na forraxe, poderían acumular gas nitroso (NO2) en concentracións suficientes como para causar problemas respiratorios aos operarios, a pesar do cal é un factor de risco que hai que considerar. En todo caso, nestas condicións estaría indicado realizar a colleita cunha altura de corte superior á normal.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información