“As inflamacións subclínicas reducen un 15% a eficiencia das vacas leiteiras”

As patoloxías postparto provocan unha importante merma na rendibilidade das explotacións. Juan Cainzos cuantificou nas Xornadas Técnicas de Africor Lugo a súa incidencia e falou de como reducir o seu impacto

“As inflamacións subclínicas reducen un 15% a eficiencia das vacas leiteiras”

Juan Caínzos na xornada técnica organizada por Africor Lugo.

Doutor en Medicina Veterinaria e experto en saúde animal, Juan Cainzos falou nas xornadas técnicas organizadas por Africor Lugo o pasado mércores na Facultade de Veterinaria de eficiencia nas vacas de leite. Este responsable da multinacional Elanco definiu a eficiencia leiteira ou eficiencia alimentaria dunha vaca como a resultante de dividir os litros de leite producidos entre os quilos de materia seca consumida. “A través dunha fermentación rumial máis eficiente logramos máis enerxía coa mesma comida”, indicou.

Unha das consecuencias derivadas do proceso de fermentación ruminal é a emisión de metano, proceso no que se perde eficiencia na produción de leite. Así, “canto máis metano produce a vaca menos enerxía adica á produción de leite”, explicou. Segundo un traballo realizado en colaboración entre Elanco e Africor Lugo, “a medida que diminuía a emisión media de metano nas ganderías, a produción media de leite viuse aumentada”, detallou.

Para realizar unha correcta estimación da eficiencia alimentaria nas explotacións insistiu na necesidade de ter datos precisos de consumo de materia seca. “Isto significa -dixo- pesar non só a comida servida senón tamén os refugallos sacados do pesebre” e insistiu en que “tamén é importante monitorizar o contido de materia seca das forraxes empregadas na ración, chequeando semanalmente as forraxes fermentadas”.

Cainzos centrou a parte principal da súa intervención na relación existente entre a saúde das vacas e a eficiencia produtiva. “As vacas necesitan azúcar, é dicir, enerxía, para loitar contra as enfermidades”, evidenciou, e cuantificou que “unha vaca cun proceso infeccioso ou inflamatorio ten un 15% menos de eficiencia alimentaria”.

Segundo detallou, a enfermidade provoca numerosos cambios endocrinos e metabólicos no animal, o que fai que a eficiencia enerxética nas vacas leiteiras diminúa un 15% en animais con situacións de inflamación subclínica.

A resposta inmunitaria require un gasto enerxético importante

“A infección e a inflamación impiden unha eficiente produtividade animal porque a activación do sistema inmune require dunha grande cantidade de enerxía e nutrintes que estamos detraendo da produción de leite”, afirmou. En concreto, activar o sistema inmune require máis dun quilo de glucosa nas primeiras 12 horas.

A activación do sistema inmune supón o consumo dun quilo de glucosa, que a vaca detrae da produción de leite

Na resposta natural contra unha infección, ademais de liberar citokinas, increméntase a termoxénese, o que supón un consumo engadido de enerxía. “Precísase entre un 7 e un 15% de incremento na produción de calor para incrementar a temperatura corporal un grado”, explicou. “Era enerxía que tiñamos para producir leite”, remarcou Juan Cainzos ante un auditorio no que abundaban tanto os gandeiros coma os técnicos e veterinarios.

eficiencia na producion de leite

Gráfico que mostra como distribue a vaca a enerxía que recibe en forma de alimento

“As patoloxías postparto teñen consecuencias a longo prazo”

Cainzos botou man dun estudo realizado en colaboración con Africor Lugo para analizar como afectan as distintas enfermidades postparto á produción media de leite nos primeiros 68 días de lactación. Este proxecto sobre índices de saúde no periparto recolle as patoloxías que se produciron nos últimos dous anos en 55 ganderías da provincia de Lugo.

Segundo un estudo realizado nos últimos dous anos en 55 explotacións da provincia de Lugo, o 37% dos animais en produción tiveron algunha patoloxía postparto

Segundo as súas conclusións, nos últimos 2 anos un 37% dos animais analizados nestas 55 granxas tiveron algunha patoloxía postparto. En conxunto, o 15% víronse afectados por retención de placenta e un 5% por desprazamento de calleiro. Os índices de cetose en leite sitúanse no 20%, mentres que os de metrite rondan o 15%. En canto á mastite, un 5% sufriron mamite clínica, unha porcentaxe que se eleva até o 20% no caso de mamite subclínica.

Engadiu ademais que “estas patoloxías teñen consecuencias a longo prazo, xa que teñen un impacto importante na eficiencia do animal, tanto na eficiencia produtiva como na reprodutiva”, polo que os efectos negativos das enfermidades postparto arrástraranse durante toda a lactación e mesmo nas seguintes ao vérense, por exemplo, retrasadas. Asimesmo, asegurou que “ademais dun impacto a nivel individual estas patoloxías teñen tamén un impacto a nivel de rabaño”.

7 litros menos ao día por desprazamento de calleiro, 2 por mamite e 2,6 por retención de placenta

Traducido a consecuencias na produción, a retención de placenta supuxo de media nestas 55 explotacións analizadas unha merma diaria de 2,13 litros de leite en xovencas e de 2,66 en vacas adultas; a metrite 1,11 litros menos en xovencas e 2,04 en adultas; o desprazamento de calleiro 4,64 litros menos diarios en xovencas e 7 litros en animais multíparos; a mamite clínica 1,92 e 2,09 litros respectivamente e a mamite subclínica 0,30 litros diarios en xovencas e 2 litros diarios menos en vacas adultas.

“Con estes datos vemos que a incidencia das enfermidades postparto na produción de leite nos dous primeiros meses de lactación é moi alta, xa que provocan diminucións na produción que van desde os 145 litros dunha retención de placenta nunha xovenca de primeiro parto aos 475 litros menos de produción provocados por un desprazamento de abomaso nunha vaca adulta”, calculou.

Gráfico de inmunodepresión e balance de enerxía

Gráfico de inmunodepresión e balance de enerxía da vaca do secado ao pico de lactación

O periodo crítico en termos de inmunodepresión arrinca no preparto, uns 20 días antes de parir e prolóngase até que finaliza o posparto 25 días despois de comezar a lactación. O momento do parto supón ademais unha caída brusca de enerxía, por iso Cainzos recomendou “axudar ás vacas nesa fase de transición”.

“Se coidamos mellor as vacas no periodo de transición han devolvérnolo en produción de leite”

“Se coidamos mellor as vacas no periodo de transición han devolvérnolo en produción de leite”, asegurou. Neste sentido, explicou que “de media hai 4 litros de diferenza entre unha vaca negativa e unha positiva en cetose”. Entre os factores de risco para que un animal teña cetose estarían o seu volume de produción de leite, xa que as vacas que máis leite dan son máis propensas a ter cetose, e os partos acumulados, xa que as vacas de segundo e terceiro parto son tamén máis propensas a ter cetose que unha primeiriza. Por iso, Cainzos recomendou “axudar ás vacas coa enerxía nesa fase crítica das cinco primeiras semanas de lactación para evitar os problemas de cetose”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información