Increméntanse as exportacións e soben lixeiramente os prezos dos produtos lácteos da UE

Increméntanse as exportacións e soben lixeiramente os prezos dos produtos lácteos da UE

O Observatorio Europeo do Mercado do Leite (European Milk Market Observatory) fixo públicos este mércores os últimos informes sobre a evolución dos mercados lácteos na Unión Europea.

A principal novidade é o bo comportamento das exportacións de produtos lácteos da Unión Europea nos primeiros catro meses do ano e a leve recuperación dos prezos das “commodities” nas últimas cotizacións de comezos de xullo. A destacar tamén que a produción de leite nos catro primeiros meses de 2016 medrou un 4,7% respecto ao mesmo período do pasado ano.

Así, no primeiro cuadrimestre as exportacións de produtos lácteos da UE medraron un 8,9% en relación ao mesmo período do ano anterior. Destaca especialmente o importante incremento das vendas extracomunitarias de manteiga (subiron un 33%), manteiga clarificada ou fundida (butter oil) cuxas exportacións medraron un 110% e queixo, cunha suba do 14%. Pola contra, o leite en pó enteiro subiu as súas vendas fóra da UE un 2,7% e o leite en pó desnatado baixou un 8,3%. Por países, as exportacións medraron especialmente a Arabia Saudita, Xapón, Corea do Sur e Suíza.

En canto ás cotizacións, os últimos datos reflicten unha leve recuperación dos prezos que, se ben é certo que parten duns niveis históricamente baixos, experimentaron unha suba nas últimas semanas de xuño e comezos de xullo, especialmente na manteiga, e menos nos queixos e no leite en pó. Así se reflicte na seguinte gráfica:

PREZOS_LACTEOS_UE_2016_1

En canto aos prezos ao produtor, os datos publicados polo Observatorio Europeo do Mercado do Leite reflicten unha caída no mes de xuño dun 1,5% no conxunto da Unión Europea, situándose a media nos 0,2576 euros por kilo.

En España os datos revelan que o prezo medio en xuño se situou nos 0,2835 euros por kilo, o mesmo que en maio. En Francia baixou ata os 0,2748 e en Alemaña mantívose estable nos 0,2396 euros por kilo.

Por último, sinalar que a 3 de xullo había na Unión Europea 298.386 toneladas de produtos lácteos comprados mediante intervención pública, un récord interanual. Francia, Alemaña, Bélxica, Irlanda e Polonia son os países que máis recorren a esta ferramenta de retirada de leite dos mercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información