“As importacións de queixos a baixo prezo e os sucedáneos de queixo péchanlle futuro ós produtores galegos”

Entrevistamos a Lito Andión, que leva vinte anos como xerente da cooperativa e queixería Hoxe, a primeira da comarca do Deza en transformar o seu leite. Cóntanos como nestes anos o colectivo, a propia fábrica e os seus queixos foron evolucionando para facerse un oco no mercado

test
Publicidade
“As importacións de queixos a baixo prezo e os sucedáneos de queixo péchanlle futuro ós produtores galegos”

Lito Andión, xerente da Cooperativa Hoxe, ante as instalacións da queixería.

Nas dúas décadas que leva á fronte da xestión da Cooperativa Hoxe, Lito Andión viviu o afianzamento da entidade como unha das queixerías destacadas do mercado galego. Nas súas instalacións, situadas en Lalín, traballan preto dunha trintena de operarios nunha produción de queixos cremosos e duros que foron adaptándose ás esixencias de consumidores e mercado.

Como son as ganderías que forman parte de Hoxe?
Na actualidade son 80 explotacións gandeiras familiares, de tamaño pequeno ou medio, en torno ós 600 – 700 litros cada dous días, e boa parte delas de pastoreo. Case todas son da comarca do Deza, menos un par delas de Arzúa, todas da zona de denominación de orixe Arzúa Ulloa, de feito tiñamos algúns gandeiros en Forcarei que tivemos que deixar porque saían desa demarcación. Interésanos buscar gandeiros tradicionais, onde as vacas pasten moito, máis que grandes explotacións. Son gandeiros que asesoramos nós, aínda que non sexan socios, en cuestións como controis de calidade ou revisións de circuítos de muxidura.

Que relación contractual mantedes coas explotacións?
Nós temos un contrato con tódolos gandeiros, sexan socios ou non, algo que nas cooperativas non adoita pasar. O prezo base máis calidades móvese entre 29 céntimos por litro e 31,50. Adoitamos facer contratos anuais con revisión trimestral de prezo, parécenos o máis xusto para eles e para nós. Xa nos ten pasado que algún gandeiro chega dicindo que lle temos que subir o leite, que se non marcha, ou que o denunciemos, e que vas facer ti? Denunciar ó gandeiro? Para nós o máis lóxico era firmar un contrato anual, igual que facemos cos nosos clientes.

Estivemos a piques de deixar a recollida de leite, pero se o recolles ti logras a calidade que precisas para un produto estable

Que esixen ó seu leite? Que calidades priman?
Nós temos case o 100% do leite clase A. Temos un valor que ás veces non sabemos poñer no mercado e do que me decatei o ano pasado cando no verán precisei mercar leite e vin que era realmente un problema: uns días era un leite moi bo e outros mais malo. Hai dous anos estivemos a piques de deixar a recollida de leite, polo que significa en canto a persoal e medios, e ter un primeiro comprador parecía unha opción moito máis sinxela, pero se ti recolles o leite, fas os controis, buscas e logras a calidade que necesites, tes un produto moito máis estable. Andamos nos 35.000 – 40.000 litros ó día.

E xa na fábrica, procesan todo o leite que recollen dos seus socios ou venden algún?
Procesámolo todo, salvo en momentos moi puntuais que poidamos vender ou ter que mercar algún, cando se producen picos de demanda, como os que levamos rexistrado nos últimos veráns, que nos obrigan a incrementar a produción, aínda que somos moi reacios a ter que mercalo, só que ás veces, o cliente non entende que non teñas máis produto.

Como é a rutina de traballo da queixería?
Recollemos o leite con dous camións, onde xa se fan controis. Unha vez que chega, realízanselle novos controis (graxa, proteína, acidez, estabilidade e inhibidores) e almacénase nos silos. Ó día seguinte pasteurízase e pasa ás cubas de callar, prénsase e o que non se salga en cuba -é dicir, os queixos duros- pasan pola salmoeira e logo xa ás cámaras de secado, envasado e almacenaxe. Producimos sobre uns 5.000 quilos ó día.

Que tipos de queixos elaboran?
Temos demasiada variedade, penso eu, para unha industria coma a nosa. Temos Arzúa Ulloa e Tetilla, os dous con Denominación de Orixe (DO), logo os cremosos, con dúas marcas distintas (A Queixeira e Cremosiño) e temos Lendas do Deza, que só o vendemos aquí na fábrica. Logo tamén facemos un semicurado con ovella e vaca, semigraxo, queixos de barra, en liscos e un madurado. Agora estamos traballando nun queixo de untar feito en cuba que queremos sacar ó mercado este verán. Tamén incorporamos produtos para novas demandas, como o queixo sen lactosa.

Hoxe conta cunha produción media de 5.000 quilos de queixo ó día.

Hoxe conta cunha produción media de 5.000 quilos de queixo ó día.

En que mercados teñen presenza agora mesmo?
Vendemos o 95% dos nosos queixos no mercado galego e outro 5% no nacional, queixo con DO e tetilla, e a exportación internacional non é significativa. En Galicia, vendemos en Vegalsa Eroski, Carrefour, Gadis e Froiz e logo atendemos a proveedores locais. Tivemos a oportunidade de vender fóra de Galicia, pero ó ser un queixo cremoso decidimos centrarnos máis en afianzar o mercado galego porque é complicado asegurar que chegue fóra nas condicións óptimas. Nós temos un servizo de reparto propio. Se nos chaman hoxe, mañá teñen o produto no seu almacén, co que se aseguran que o queixo non está de cámara en cámara, chégalles directo.

Que perspectivas de futuro se presentan para a Cooperativa Hoxe?
Temos que seguir buscando produtos novos, demandados. Non quere dicir que deixemos de facer os nosos selos máis recoñecibles, pero temos que atender as demandas do mercado. Estamos preparando tamén a ampliación das instalacións para adaptarnos ós novos ritmos de traballo que esixe o mercado, ser competitivos.

Son competitivos os queixos galegos ante os europeos ou hai demasiada competencia a baixos prezos?
Hai dous temas que sempre estou denunciando e que non entendo por que a Administración non toma medidas. Por un lado, no supermercado, no mesmo mural de queixos de barra onde estamos os queixos galegos podes atopar outros queixos de importación en torno a 2 euros máis baratos. Para nós, eses queixos son excedentes doutros países que nos envían aquí. Se botas contas, non saen. Que pasa con ese leite? Como se fabrican eses queixos? Iso é pecharlle o futuro a explotacións galegas.

Tamén outros produtos, as chamadas especialidades lácteas -sucedáneos de queixo-, que son de todo menos queixo, que se venden nos mesmos espazos que o queixo, pero á hora de ver os ingredientes, non son os ingredientes naturais dun queixo: leite, soro, fermentos lácticos e sal. As etiquetas destes produtos xa poñen directamente queixo, non se especifica nada de como foi feito, e teñen graxas vexetais (aceite de palma, que é moi común) e sólidos lácteos, almidóns e moitos conservantes.

Hai moitos consumidores que mercan este produto porque pensan que é igual de san e adoita ser máis barato e non son capaces de diferencialo. Tanto os queixos de importación a baixo prezo como os preparados lácteos -sucedáneos do queixo- acaban co futuro dos produtores galegos, estanlle pechando portas ós produtores galegos.

Para os concursos, os queixos deberían buscarse no mercado, para ter un queixo real, porque os queixeiros nos certames somos un pouco tramposos

Teñen recibido recoñecementos en concursos, pero agora semella que decidiron deixar atrás o tema dos certames, a que se debe?
Cando asumín a xerencia, nos primeiros anos, estabamos nuns momentos difíciles e quixemos apostar polos concursos e recibíramos bastantes recoñecementos. Logo pasounos un pouco a febre dos concursos e centrámonos máis en facer un produto homoxéneo de calidade. Son un pouco reacio ós concursos porque, como xa lle teño dito á Consellería, os queixeiros somos, polo xeral, un pouco tramposos nos concursos, pois o queixo do concurso adoita prepararse doutro xeito. Por iso eu sempre digo que para os concursos deberían de buscar o queixo directamente no mercado, así sería realmente o queixo que pode atopar o consumidor, un queixo máis real. Eu, que participei de xuíz na cata do concurso de queixos de Galicia, alí eran todos queixos de 10 e esa non é a realidade no mercado.

Si é certo que estamos moi agradecidos ós premios que nos dan os clientes, como o ano pasado cando recibimos o premio de Carrefour de Pemes Agroalimentarias. Neste caso son os propios clientes os que nunha furna che outorgan os votos, valoran os nosos queixos.

“O paso á produción de queixos deuse no 1977, nun intre no que a cooperativa lle deixaran de recoller o leite”

Lito Andión, no interior da queixería.

Lito Andión, no interior da queixería.

Hoxe foi a primeira cooperativa do Deza en optar pola transformación do leite, por que deron ese paso?
A cooperativa fundouse no 1971 e non naceu como queixería, senón coa intención de ser unha cooperativa ó uso, de feito o nome é Cooperativa Criadores de Ganado Selecto y Comercialización de Productos Agrarios Hoxe, e agora aínda lle engadimos despois o de Sociedade Cooperativa Galega. Foi nunha das moitas crisis que atravesou o sector, non tiñan a quen venderlle o leite, Larsa deixara de recollerlles, e entón decidiron fundar a queixería alá polo ano 1977.

Como foron aqueles comezos?
Foron moi turbulentos. No seu momento, Hoxe foi unha cooperativa pioneira na comarca do Deza, chegaron a ser preto de 250 gandeiros, os mellores daquel momento. Logo diso pasaron por circunstancias económicas difíciles, sobre todo porque non escolleron un produto adecuado. Optaron por facer un queixo polaco, tipo ruso, salgado e duro, que non se vendeu no mercado e que fixo entrar a cooperativa en quebra. Logo diso, houbo unha refundación nos anos 80, cando uns 20 socios reflotaron a cooperativa. Na actualidade, a cooperativa ten unha parte que son gandeiros e outra socios de antigo, non todos os gandeiros son socios.

Por que se centraron na elaboración de queixo e deixaron atrás outros produtos como os iogures?
O culpable diso fun eu. No seu día a cooperativa facía queixos, leite pasteurizado, iogures e preparados lácteos, pero a queixería non estaba deseñada para facer eses produtos e ocasionábannos perdas constantes. O leite pasteurizado deixou de consumirse e o iogur era moi rico e funcionaba moi ben, pero vendíase a prezo de oferta cando era un produto que igual había que envasar doutra maneira ou darlle un valor engadido. Ademais, cando se elaboraban iogures tiña que pararse a produción de queixo.

“O whisky escocés vén en inglés, así que o normal é que nós etiquetemos en galego”

Son tamén un referente no emprego do galego, o que lles valeu tamén xa máis dun premio. Por que apostaron polo galego en tódalas súas comunicacións?
Si, levamos tempo apostando por iso, pero xusto agora estámonos atopando con algunhas trabas nas vendas fóra de Galicia pola nosa etiquetaxe en galego. Ata o momento, nunca tiveramos problema con isto. Teño moitos compañeiros da competencia que cren que é un erro etiquetar en galego, eu penso que simplemente é o normal porque lle das unha orixe ó produto. Sempre poño un exemplo: cando mercas un whisky escocés sabes que vai vir en inglés, non en español. Eu creo que é un xeito de darlle unha orixe e autenticidade ós nosos queixos e tamén por coherencia co propio nome, Hoxe. Ultimamente, a raíz dunha lei que saíu no 2015, estannos comezando a esixir que a información importante, información nutricional, estea en castelán, o que nos obriga a facer cambios na etiquetaxe.

image_print

2 ideas sobre ““As importacións de queixos a baixo prezo e os sucedáneos de queixo péchanlle futuro ós produtores galegos”

  1. Xabier Valle Regueiro

    A min encántanme os estes queixos e vendo o que comenta o señor Andión, espero seguir podendo mercar estes produtos. Non obstante, a pesar de que a lexislación non estea a favor da etiquetaxe exclusivamente en galego, espero que non abandonen o noso idioma, porque o seu labor gardando a tradición no queixo e na lingua é ben importante. Ademais, dá unha razón máis para querer mercar estes queixos, pois non son tantos os que deciden etiquetar na nosa lingua e algúns de nós miramos ben este tema antes de decidirnos a levar o produto para a casa.

    Un saúdo,
    Xabier.

    Contestar
  2. Xabier Valle Regueiro

    **Encántanme estes queixos!

    Moito éxito para a Cooperativa.

    Xabier.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información