Identificación de plantas adventicias no cultivo do millo

Juan Valladares, investigador do INGACAL-CIAM, explica como identificar as principais plantas adventicias no cultivo de millo, co obxectivo de identificalas en estado de plántula e así poder escoller o herbicida que mellor se adapte e tratar en postemerxencia temperá.

Identificación de plantas adventicias no cultivo do millo

Aplicando herbicida no millo en postemerxencia

O millo é un dos cultivos máis importantes do mundo e o primeiro cereal en canto a produción por diante do trigo. Na campaña 2014/15, segundo a FAO representou o 39% da produción mundial de cereais (trigo 28%, arroz 19%). En 30 anos, a produción mundial de millo duplicouse alcanzándose na campaña 2014/15 1.008 millóns de toneladas. Só unha ducia de países proporcionan case a totalidade da produción mundial, sendo EE.UU. e China os máis importantes (41% e 19% da produción mundial respectivamente).

A nivel da UE, os países cultivan cada ano aproximadamente uns 5 millóns de hectáreas de millo para ensilado, sendo Alemaña e Francia os principais produtores. España ocupa o décimo posto con preto de 100.000 has. das cales preto do 70 % en Galicia

Apuntamentos sobre a agronomía e fenoloxía do millo

Ningún outro cultivo de cereal utiliza a luz solar de maneira tan eficaz como o millo, sendo o seu rendemento por hectárea o maior entre os cereais. Iso é debido a que se trata dunha planta C4, cun proceso de fotosíntese moi eficiente en comparación cos cultivos C3 como o trigo ou a cebada.

As etapas de crecemento da planta de millo divídense en dúas grandes categorías:
Vexetativa (V)
Reprodutiva (R)

Ademais, as etapas agrúpanse en catro grandes períodos, asumindo que o cultivo alcanza unha etapa específica cando polo menos o 50% das plantas presentan as características correspondentes. En VE a plántula emerxe á superficie do solo, nas etapas “V1,V2?” é visible o pescozo da primeira folla, da segunda, etc.

Unha vez que a semente xermola e emerxe do chan (estado VE), o punto de crecemento segue estando por baixo da superficie ata que as plantas alcanzan o estado V5 (ao redor de 25-30 cm de altura). Neste período a planta desenvólvese lentamente; a partir deste momento, en V6 a punta de crecemento xa esta por encima da superficie do chan e iníciase a elongación rápida do talo que nos leva á floración VT.

O obxectivo dos agricultores de obter altos rendementos vese influenciado por gran número de factores e se se cumpren certas condicións no relativo ao clima e ao chan, moitos deles están baixo o seu control.

Nas etapas iniciais do desenvolvemento da planta, de VE a V5, o crecemento esta limitado polo tamaño tanto das follas como do sistema radicular. Debido a iso, é necesario que o millo non atope competencia pola auga, os nutrientes e a luz nese período, xa que en caso contrario o crecemento reducido limitará o rendemento final. Un dos factores que máis inflúe na devandita competencia nas primeiras etapas é a presenza de herbas adventicias que condicionan o desenvolvemento posterior do cultivo.

Importancia de identificar as adventicias en estado de plántula

Actualmente, coas restricións comunitarias na comercialización de materias activas para combater as adventicias nos cultivos de millo o agricultor debe ser consciente de que os herbicidas comerciais aplicados en presementeira ou preemerxencia para combater as adventicias que potencialmente existan nas súas parcelas non sempre son eficaces, ben porque o tratamento herbicida non foi totalmente efectivo por fallos na aplicación ou na elección do momento ou ben por que sexan especies que se escapan ao campo de acción do herbicida.

É por iso moi importante identificar as plantas adventicias no estado de plántula que aparecen no cultivo do millo nas primeiras etapas do seu desenvolvemento VE,V1,V2, máxime cando ademais os herbicidas actúan máis eficazmente cando antes se trate en post-emerxencia das herbas adventicias.

Para poder cumprir o obxectivo que nos marcamos de identificar as plántulas adventicias, é necesario previamente coñecer algúns aspectos das mesmas. Así, segundo os ciclos de desenvolvemento das plantas adventicias, denominamos plantas anuais a aquelas que florecen e frutifican nun período inferior a un ano.Existen as anuais de verán e as de inverno; as primeiras xermolan ao final da primavera e inicios do verán mentres que as de inverno abrollan ao final do outono e durante o inverno.

Existen tamén as plantas bienais, vivaces e perennes: as primeiras viven máis dun ano e menos de dous, nas segundas a parte aérea desaparece anualmente pero rexenérase indefinidamente grazas á presenza dun órgano subterráneo. Por ultimo chámanse perennes ás que viven máis de dous anos. Segundo as sementes das plantas posúan un ou dous cotiledóns, denomínanse monocotiledóneas ou dicotiledóneas: nas primeiras o cotiledón permanece por baixo da superficie do terreo e nas segundas os cotiledóns emerxen e fanse visibles.

Nas plantas dicotiledóneas, o talo que emerxe do chan denomínase hipocótilo, e este soporta aos dous cotiledóns. Da base destes sae a primeira folla verdadeira, despois a segunda e así sucesivamente ata o seu pleno desenvolvemento.(Figura 1)

MILLO_planta_ciam

Dado que o millo cultívase anualmente e no verán, centrarémonos neste artigo polo xa comentado na identificación en estado de plántula das 16 plantas adventicias anuais e perennes dicotiledóneas máis comúns por orde alfabética nos nosos campos de cultivo de millo na Galicia atlántica. Presento unha foto en estado de plántula de cada especie para identificar, fixándonos especialmente na forma, tamaño e presenza de pilosidade dos cotiledóns e primeiras follas verdadeiras, procurando cunha linguaxe sinxela ser didácticos para conseguir o obxectivo. Nalgúns casos será necesario o emprego dunha pequena lupa de 5 a 10 aumentos.

Unha vez identificadas seranos máis fácil decidir que herbicida empregaremos para combatela. Para iso ao final deste articulo preséntase unha táboa cos herbicidas e o seu espectro de acción, indicando ademais a súa eficacia discriminando entre boa, media e escasa ou nula, indicando tamén aqueles herbicidas dos que non se dispón de datos de acción para plantas adventicias concretas.

Plantas adventicias dicotiledóneas anuais e perennes en estado de plántula:

Herbicidas recomendadas para plantas adventicias dicotiledóneas: 

MILLO_HERBICIDAS_CIAM

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información