“Hai un problema moi grave coas plantacións de eucaliptos en terras agrícolas por parte de absentistas e xubilados”

Entrevista a Juan Piñeiro Andión, investigador xubilado do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e un referente en España na mellora da produción de forraxe das pradeiras

“Hai un problema moi grave coas plantacións de eucaliptos en terras agrícolas por parte de absentistas e xubilados”

Juan Piñeiro Andión na finca do CIAM na Pobra de Brollón

Juan Piñeiro Andión é un referente en Galicia e en España na investigación para mellorar a produción de forraxe das pradeiras. Comezou a súa carreira profesional no ano 1969 na daquela Estación de Praticultura de A Coruña e, posteriormente e ata a súa xubilación no ano 2011, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), un centro do que advirte “vive unha situación dramática pola falta de persoal”.

Convencido do potencial de Galicia para as producións gandeiras, grazas á súa boa climatoloxía, pero sobre todo a un sector gandeiro cada vez más profesional, sitúa como unha das principais ameazas a perda crecente de superficie agraria útil -só o 25% do territorio galego- debido “ao abandono das terras por parte de absentistas e xubilados que en moitas ocasións plantan ilegalmente as súas terras con eucaliptos, mentres as nosas autoridades miran para outro lado”.

¿Porqué decidiches orientar a túa formación cara a actividade agraria e en concreo cara a investigación en forraxes?
Eu nacín nunha familia labrega que tiña unha moi pequena explotación na que había vacas para a produción de leite, que eu e meus irmáns levabamos a pacer de pequenos. Cando estaba finalizando o bacharelato empecei a pensar en facer a carreira de enxeñeiro agrónomo para formarme e traballar no futuro no mundo agrario, para o que tiven que desprazarme a Madrid porque era a única Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos que había naquel momento en España.

No último curso da carreira, un grupo de alumnos pedímoslle ao Director que nos permitira organizar unha asignatura-seminario sobre “pastos e forraxes” para o que lle propuxemos que a impartiran profesionais especializados, que nós buscamos. Entre eles estaba D. Manuel del Pozo Ibáñez, que era o Xefe do Negociado de Cultivos Forraxeiros e Pratenses do Ministerio de Agricultura.

Despois de rematar a carreira, o profesor del Pozo informounos sobre a posibilidade de traballar na campaña de fomento de pradeiras no ano 1969. Fomos seleccionados cinco alumnos aos que se nos asignaron distintas actividades. A min encargáronme do programa de fomento e experimentación deseñado para a provincia de Pontevedra.

Afortunadamente, o Director Xeral de Agricultura, D. Ramón Esteruelas Rolando, recomendou que me asignasen a Estación de Praticultura do Centro de Galicia do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INIA), desde onde me desprazaba dous-tres días por semana á Xefatura Agronómica de Pontevedra para a aplicación do programa. Co paso do tempo pasei a formar parte da plantilla do INIA, para adicarme case en exclusiva a avaliación e manexo de pastos ata a miña xubilación no ano 2011.

¿Como valoras globalmente a túa longa actividade profesional en investigación e aconsellamento agrario en Galicia?
Teño que recoñecer que fun un afortunado por ter traballado no que acabou sendo o meu tema preferido, que fun descubrindo co paso dos anos. Foron algo máis de corenta e dous anos que se me pasaron voando. Desfrutei do traballo experimental feito porque os resultados eran facilmente transferibles ao sector agrario coa inestimable colaboración do Servicio de Extensión Agraria, que estaba moi implantado en Galicia, con 69 Axencias Comarcais ben distribuídas.

As pradeiras e as forraxes foron sempre un tema prioritario nas actividades do SEA, o que facilitou extraordinariamente a comunicación entre o Centro de Investigación e os Axentes de Extensión, que participaban activamente en Seminarios e Días de Campo organizados en colaboración.

A valoración persoal da miña actividade é, como consecuencia, moi positiva porque se desenvolveu nun centro que tiña como obxectivo fundamental facer investigación aplicada para o sector agrario, para o que se traballaba fundamentalmente nas fincas propias que o centro ten en Galicia, o que se complementaba coa experimentación feita en explotacións privadas.

¿Que leccións cres que poderíamos tirar das antigas axencias de extensión agraria? ¿Falta contacto entre a administración e os agricultores e gandeiros, caeuse na burocratización?
Penso que todo queda dito na resposta á pregunta anterior. A principal lección é que o Servicio de Extensión Agraria foi unha peza fundamental na modernización do sector agrario galego.

Persoalmente penso que a aplicación da Política Agraria da Unión Europea, que é moi necesaria, levou a un exceso de burocraticación en detrimento do aconsellamento que antes se facía, o que probablemente tampouco satisfai aos técnicos implicados. A desaparición do SEA levou tamén á desaparición da formación específica de técnicos especializados en aconsellamento.

Afortunadamente, na actualidade están moi ben implantadas as Cooperativas Agrarias de Servicios, que asumen o aconsellamento dos seus socios para o que dispoñen de técnicos especializados. As críticas que se escoitan é que en moitos casos son máis ben axentes comerciais para fomentar os produtos que a Cooperativa xestiona. En todo caso, eu coñezo moi bos profesionais que, na miña opinión, están facendo un excelente traballo de aconsellamento porque acumulan unha dilatada experiencia na comarca onde actúan, interaccionando activamente cos agricultores que, en xeral, están mellor formados na actualidade, se comparamos cos tempos en que naceu o SEA.

 “A aplicación da PAC levou a un exceso de burocraticación para os funcionarios, en detrimento do aconsellamento que antes se facía”

O papel dos Axentes de Extensión Agraria (AEA) era, entre outros, que os novos coñecementos conseguidos nos Centros de Investigación e Universidades chegaran ao sector agrario o antes posible. Este papel lle correspondería hoxe en día aos técnicos das Oficinas Agrarias Comarcais, e se as tarefas administrativas de xestión xeradas pola aplicación da PAC lle deixaran unha marxe de tempo para facelo, non debería ser incompatible. O feito de que puidesen dedicar parte do seu tempo á transferencia de novos coñecementos permitiría recuperar en parte o papel que facían os antigos AEA. A súa participación, por exemplo, no programa de Actividades de Transferencia de Tecnoloxía sería importante para que os novos coñecementos cheguen ao sector, o que complementaría o labor que hoxe fan só os técnicos das cooperativas.

Das túas investigacións en forraxes, unha das máis coñecidas é a que realizaches sobre as mesturas de cereal e de leguminosa e a súa integración nas rotacións con millo. ¿Cales foron as principais conclusións desa investigación?
O interese por este tema, desde o punto de vista experimental, comeza nos anos oitenta cos traballos feitos por Jaume Lloveras e o seu equipo sobre rotacións de cultivos forraxeiros en catro localidades de Galicia, entre os que está a rotación do millo forraxeiro, como cultivo de verán, coa mestura de avea con veza, como cultivo de inverno, que complementa cara finais da década cun estudio específico sobre a mestura de centeo con veza.

A miña actividade sobre as mesturas de cereais con leguminosas, como cultivo de inverno, empeza a finais dos noventa para intensificarse, sobre todo, na primeira década deste século, coa inestimable axuda dun equipo moi eficiente que foi variando co paso dos anos. Un dos primeiros ensaios foi o de mesturas de avea, centeo ou triticale con veza, chícharos ou faballóns, do que eu destacaría que o triticale foi o mellor titor para que o cultivo se mantivera de pé.

 “A mestura de triticale e guisante é unha moi boa alternativa ao raigrás italiano, pero hai que facer un estudo sobre encamado e enfermidades”

As mesturas con avea e centeo tiveron que ser colleitadas antes da data prevista no protocolo porque empezaban a encamarse. Máis adiante, fixemos outro experimento no que estudamos 7 variedades de avea, 3 de centeo e 11 de triticale, cultivadas soas, sen mesturar, para coñecer a súa capacidade produtiva e ver se había diferencias con respecto ao encamado. O previsto era que se cortara cada variedade catro semanas despois do inicio de espigado, o que non se cumpriu no caso das aveas porque todas empezaron a encamar ós 15-20 días despois do inicio de espigado, e no do centeo galego ´Palas´, que se colleitou 23 días despois do inicio do espigado. Estes datos confirman que as aveas teñen unha menor capacidade como titor que os triticales.

Con base nos resultados dos ensaios anteriores deseñamos uns ensaios-demostración de mesturas de triticale-chícharos, triticale-veza e triticale- faballóns que se compararon entre elas e co raigrás italiano, en explotacións gandeiras das comarcas: Mariña Oriental de Lugo, Terra Chá, Xallas, Terra de Melide, Deza e Terra de Lemos nos anos 2007/08 e 2008/09, buscadas coa axuda de distintas cooperativas agrarias que amosaron interese polo tema.

A principais conclusións desta serie de ensaios-demostración foron: 1) O contido en proteína das mesturas de triticale con veza ou con chícharos son claramente superiores á do raigrás italiano e son, polo tanto, unha boa opción para substituir ao raigrás italiano na rotación con millo forraxeiro para conseguir unha forraxe máis rica en proteína; 2) A mestura triticale-guisante tendeu a dar producións maiores que a de triticale-veza, polo que se recomendou especialmente; e 3) A mestura triticale-faballóns non dou bos resultados polo que non se recomendou.

Para ter unha idea de como está este asunto na actualidade nas explotacións, fixen unha enquisa rápida por teléfono a técnicos das cooperativas CLUN, ICOS e FRADES, que completei con algúns expertos das Oficinas Agrarias Comarcais e de Centros de Formación Agraria. A principais conclusións son: 1) As mesturas de triticale ou avea con chícharos ou veza non chegaron a entrar claramente nas explotacións para substituír ao raigrás italiano, que segue sendo a opción principal, e 2) O tricale e os chícharos úsanse moito menos que as aveas e a veza.

Como excepción sinalamos a comarca rural de Chantada, onde hai bastantes explotacións que sementan sobre todo a mestura avea-veza, a pesar de que ten un comportamento aneiro, con diferenzas notables entre anos sobre a dominancia da veza ou da avea na mestura. Noutras comarcas, algo máis chuviosas na primavera que en Chantada, sinalaron especialmente o problema do encamado e da alta sensibilidade a enfermidades de folla (roias, etc.) das variedades de avea usadas, que deron lugar a imaxes moi pouco atractivas tanto para os agricultores como para os seus técnicos, o que levou a que apenas se semente agora esta mestura.

Despois desta rápida enquisa suxiro que se elabore un proxecto de investigación no se estude: 1) A distribución xeográfica das mesturas de triticale e avea con chícharos ou veza, para saber cal é a situación real de uso destes cultivos nas explotacións; 2) A sensibilidade a enfermidades e ao encamado das distintas variedades de triticale ou avea dispoñibles no mercado; e que se complementen con 3) Un amplo programa de divulgación destas mesturas, coa participación dos técnicos das cooperativas e das Oficinas Agrarias Comarcais, que permita chegar a unha conclusión máis firme sobre o seu posible interese como cultivo forraxeiro de inverno máis rico en proteína, en comparación co raigrás italiano.

Nos últimos anos extendeuse o cultivo do millo forraxeiro en detrimento da herba, que evolucionou cada vez máis cara pradeiras monofitas de raigrás italiano. Coa túa longa experiencia, ¿que conclusións sacaches sobre os tipos de pradeiras que poden ser máis interesantes para a alimentación do gando vacún?
Historicamente, o millo foi un cultivo orientado sobre todo a alimentación do gando, e só unha pequena parte se destinaba á panadería polas familias campesiñas. Como cultivo de verán, sementábase sobre todo no mes de maio, ao que seguía o proceso de cultivo, entre o que estaba o rareo para deixar as plantas á distancia que se estimaba oportuna. Este millo que se arrincaba usábase para a alimentación do gando. No mes de agosto, despois de que a espiga estaba feita, colleitábanse manualmente os pendóns, a parte que está por encima da espiga, que tamén se utilizaba para alimentación do gando porque escaseaba a herba nos prados nesa época. No outono colleitábase o resto da planta, esfollábase para separar a espiga da palla. A palla deixábase en palleiras para que acabara de secar e a espiga levábase para o hórreo. Ao largo do ano íanse debullando as espigas para separar o grao do carozo. O grao iba ao muíño para facer fariña, que se usaba como penso para os animais e para facer o pan de millo. A palla usábase tamén como alimento para o gando, case todo se aproveitaba. O único que non se aproveitaba para a alimentación, do gando ou da xente, eran os carozos que se usaban como combustible, ben nas lareiras ben nas cociñas chamadas “económicas”.

As cousas empezaron a cambiar a partir dos anos sesenta coa divulgación das técnicas de ensilado, que permitiron gardar toda a planta de millo no silo, pasando a ser só para a alimentación animal. É tamén nesta década cando empeza intensificarse a divulgación das pradeiras con base nos plans de Desenvolvemento Económico e Social. Nas décadas seguintes o aumento da superficie a pradeiras foi paralela ao aumento espectacular da produción de leite, salvo nos últimos anos nos que diminuíu a superficie a pradeiras.

O millo cobrou unha especial importancia nas granxas porque é un alimento dun alto valor enerxético e alta ensilabilidade. Eu penso que non compite excesivamente coas pradeiras, se ben nos últimos anos hai unha tendencia á baixa da superficie a pradeiras e un aumento da superficie a millo forraxeiro. En todo caso, o aumento do millo non compensa a baixa das pradeiras, que é consecuencia sobre todo do abandono de terras, por un lado, e da plantación ilegal de eucaliptos en terras de pastos, por outro.

Na década dos noventa publicamos a Folla Divulgadora “Mezclas pratenses para la zona húmeda”, con base na miña experiencia persoal e na do meu compañeiro de equipo Manuel Pérez Fernández, consecuencia dunha serie de experimentos feitos nas décadas dos setenta e oitenta. Na publicación empezamos pola recomendación do raigrás italiano anual, como cultivo de inverno da rotación con millo forraxeiro no verán, e seguimos con mesturas de corta duración, integradas por raigrás italiano bianual e trevo violeta, para rematar con mesturas variadas de larga duración nas que entran o raigrás italiano bianual, o raigrás híbrido, o raigrás inglés, o dactilo, o trevo violeta e o trevo branco.

Temos que destacar que o dactilo perdeu peso no panorama pratense galego, no que máis do 90% da semente utilizada son os tres raigrases: italiano, híbrido e inglés. Na miña opinión estas mesturas son válidas na actualidade con variantes que as casas comerciais introducen na cantidade relativa das especies, incorporando en ocasións especies como o festulolium (híbridos de festuca e raigrás).

“A situación de falta de persoal no CIAM é dramática: Estamos hipotecando o futuro da investigación agraria”

Nos últimos anos moitos profesionais do CIAM e doutros centros de investigación públicos tédesvos xubilado sen que en moitos casos teña habido unha cobertura desas prazas de investigadores para darlles continuidade ás investigacións. ¿Podemos estar hipotecando o futuro da investigación agraria pública en Galicia?
A situación do CIAM é dramática. Eu xubileime en 2011 e a miña praza está sen cubrir, e o mesmo pasou cos que xubilaron despois, e dalgún xubilado antes. Non hai dúbida, estamos hipotecando o futuro da investigación agraria, o que é grave, tendo en conta que hai investigadores ben formados, vía becas de investigación, teses de doutoramento, contratos parciais complementarios, etc.

A fortuna, no que se refire ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, é que quedan investigadores moi competentes e moi ilusionados co seu traballo, que lideran equipos en formación e que están sacando adiante unha investigación punteira moi aplicable ao sector agrario, porque respetan escrupulosamente a filosofía fundacional de traballar preto e en interacción co sector, para que os seus achados cheguen o antes posible ás explotacións e ás empresas.

 “Recuperar pasteiros nos montes veciñais é unha excelente ferramenta para loitar contra os lumes e xerar riqueza”

Confiemos en que as nosas autoridades acaben resolvendo o antes posible esta dramática situación. O CIAM é o resultado dun esforzo colectivo dun equipo moi ilusionado que xa non está laboralmente activo, pero que confía en que continúe cumprindo cos seus obxectivos fundacionais da súa creación nos anos setenta. Hai unha excelente infraestrutura que debe seguir sendo utilizada.

Tamén traballaches en proxectos de recuperación de pradeiras, como as de Penamá, en Allariz, e Amoroce, en Celanova. ¿Como valoras esta experiencia e que leccións podemos tirar dela?
Foi unha das miñas últimas actividades como investigador. Unha grande oportunidade que me ofreceu Manolo Castro Losada, o xerente da Granxa da Asociación de Gandeiros Penamá desde a súa fundación en 2001. A granxa está no monte dos veciños das parroquias de San Miguel de Torneiros e San Martiño de Pazó, que transformaron parte das súas terras a mato en pastos por laboreo completo, nas que sementaron unha pradeira de raigrás inglés, dactilo e trevo branco.

Nos primeiros anos a produción era moi baixa porque o trevo branco non persistiu e polo tanto non contribuíu á produción, o que era necesario porque a granxa é ecolóxica e non se poden usar abonos nitroxenados de síntese para estimular o crecemento das gramíneas. Esta foi a razón de que Manolo Castro me chamara para ver o modo de resolver o problema, coñecíame porque participou nun seminario organizado polo concello de Allariz no ano 2000, no que eu falei sobre pradeiras.

O obxectivo principal era conseguir incorporar ás pradeiras xa sementadas un ou máis trevos que persistan de modo que contribúan á produción e fixen nitróxeno para que medren tamén as gramíneas.

Pradeiras en Penamá (Allariz) na actualidade

Pradeiras en Penamá (Allariz) na actualidade

Para empezar, aproveitamos unha franxa duns 20 m de ancho por 300 de longo, ocupada previamente por un camiño de acceso á finca que se cambiou de ubicación na nova parcelación do monte, para enchelo de terra vexetal e facer unha boa cama de sementeira por laboreo completo, encalado e abonado. En setembro 2005 sementouse esta franxa cunha mestura de raigrás italiano anual, raigrás inglés, falaris, dactilo, trevo subterráneo, t. migueliano, t. vesiculoso, t. persa, t. encarnado, t. branco, t. fresa, serradela e aserruche, co obxectivo de ver a capacidade e de adaptación das distintas leguminosas. Esta franxa coñécese na actualidade como “O camiño do trevo”, pola súa orixe e forma, e porque tivo unha boa produción de trevo en 2006, destacando pola súa vistosidade na época da floración ó converterse nun manto de flores con forma de camiño, dentro da paisaxe xeral da finca.

 “En Allariz houbo unha mellora expectacular das pradeiras ao incorporar unha mestura de trevos mediante sementeira directa”

Non se permitiu o acceso do gando a esta franxa ata xullo de 2006 para favorecer a autoresementeira dos trevos, coa semente ben formada. Vistos estes resultados, decidiuse mellorar as pradeiras sementadas en anos anteriores, moi escasas en trevo, en setembro de 2006, por sementeira directa (sen laboreo), cunha mestura semellante a empregada no camiño do trevo. A mellora, tanto na produción por hectárea como na composición botánica das pradeiras, con abundancia de trevos, foi espectacular. Como consecuencia, a Granxa Penamá pasou de ser deficitaria en forraxes, o que conlevaba a compra de cantidades importantes fenos caros de alfalfa ecolóxica ou biodinámica, a ter un exceso de produción en 2007 para atender ao rabaño de vacas limiás que había naquel intre.

En setembro de 2008, a petición do gandeiro Roberto Álvarez González, xerente da Facenda “O Agro” de Amoroce (Celanova), de 115 ha arrendadas ao monte de veciños, iniciamos un programa de mellora nesta facenda por sementeira directa da mestura usada en Penamá, con algunhas variantes. O resultado foi tamén moi positivo e trasladado aos medios de comunicación polo Programa O Agro da Televisión de Galicia e, sobre todo, polo xornal “El País”, que en agosto de 2010 publicou a reportaxe “Galeguesas contra el fuego. Un ganadero erradica los incendios y crea la versión gallega de la hamburguesa”, no que describe a orixe e obxectivos da facenda. Despois viñeron outros medios de comunicación: prensa escrita, radios, programa “Larpeiros” de TVG, etc, que popularizaron a “Galeguesa”, que pasou ser o gran referente da Facenda O Agro.

Iniciativas como as de Penamá e Amoroce son posibles en moitos montes de veciños de Galicia. Sería un bo xeito de recuperar a paisaxe agraria, que se está perdendo polo abandono da actividade agraria en moitas comarcas, e unha excelente ferramenta para loitar contra os lumes, historicamente tan frecuentes e devastadores no noso país.

¿Que marxe de mellora ves nos cultivos forraxeiros en Galicia?
Seguro que queda marxe de mellora que eu non sería capaz de poñer agora en poucas liñas. Penso, sobre todo, en que está en que o que xa se coñece, como resultado da investigación, chegue ás explotacións, buscando unha interacción activa dos centros de investigación co sector, para identificar con máis precisión os problemas na procura de propostas experimentais mellor orientadas para resolvelos.

E en xeral, ¿Que fortalezas e que debilidades ou asignaturas pendentes crees que temos pendentes en Galicia para sacarlle todo o potencial de riqueza ao noso agro?
A gran fortaleza do sector de pastos, forraxes e produción animal en Galicia son os agricultores-gandeiros que coñecen ben o seu oficio, moitos deles con boa formación agraria, incluso a nivel universitario ou de formación profesional.

: “O problema máis importante é o abandono das terras de interese agrícola polos absentistas e xubilados”

A gran debilidade é a escasa base territorial das granxas en xeral, especialmente das de produción de leite, que teñen que recorrer a alimentos comprados en forma de fenos ou pensos. O problema máis importante é o abandono das terras de interese agrícola polos absentistas e xubilados, que en moitas ocasións plantan ilegalmente as súas terras con eucaliptos, mentres as nosas autoridades miran para outro lado.

¿Que máis botas de menos da túa actividade profesional?
En xeral, estou satisfeito do meu compromiso laboral coa investigación e divulgación agraria. Sigo colaborando cos investigadores do CIAM desde a Fundación José Luis Taboada (Cartelos, Carballedo, Lugo), promovendo a transferencia de novos coñecementos ao sector agrario, especialmente aos socios da Cooperativa AIRA, moi implantada na comarca e que nos presta unha gran axuda neste labor.

¿Algunha anécdota que recordes con especial cariño?
Como comentei anteriormente, a Dirección Xeral de Agricultura destinoume a Estación de Praticultura de A Coruña, á que me incorporei o luns 3 de marzo de 1969, co obxectivo específico de ocuparme da Campaña de Fomento Forraxeiro Pratense na Provincia de Pontevedra. O martes, día 4, o Director da Estación, D. Valeriano Yepes Hernández, de Madrid, acompañoume a Pontevedra para presentarme a D. Antonio Rueda Muñiz, Xefe da Xefatura Agronómica. O mércores, día 5, foi o meu primeiro día de traballo e cheguei á oficina uns minutos antes das oito, que era a hora de empezar. Cando estaba a punto de entrar no meu despacho cruceime no pasillo coa señora da limpeza, que me preguntou que facía alí a esa hora. Cando lle respondín que ía traballar díxome, bastante preocupada, que fixera o favor de irme, que ela non me coñecía, e que volvera cando chegaran os outros funcionarios. Deime conta que ela sentíase insegura e decidín saír inmediatamente para esperar na rúa a que chegara o funcionario máis madrugador, que tardou algo máis duns minutos. Foi unha anécdota famosa entre todos os membros da Xefatura, que foi comentada en máis dunha ocasión, dentro e fora da oficina. Por suposto, a señora desculpouse, ó que lle respondín non tiña importancia ningunha, que foi unha anécdota simpática para lembrar e rirnos un pouco de cando en vez. Acabamos sendo bos amigos.

Por último, quero agradecer en xeral a axuda recibida de moitos traballadores do CIAM e de moitos técnicos de distintas cooperativas e da Administración (SEA, OACs, Centros de Formación e Delegacións da Consellería). Quero mencionar especialmente a axuda de Nieves Díaz, da súa irmán Dolores e de Jaime Fernández Paz en diversos proxectos, entre os que destacan os de Penamá e Amoroce, sen esquecer ao Equipo de Gonzalo Flores Calvete que está moi comprometido en sacar adiante Actividades de Transferencia de Tecnoloxía na finca da Fundación José Luis Taboada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información