“Hai un compromiso das industrias para que non quede un litro de leite sen recoller”

A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza coas principais empresas lácteas da comunidade para abordar as incidencias dos últimos días

“Hai un compromiso das industrias para que non quede un litro de leite sen recoller”

Reunión da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, coas principais industrias da comunidade.

Os problemas que se rexistraron na recollida do leite nos últimos días levaron á Consellería de Medio Rural a convocar unha reunión de urxencia coas principais industrias lácteas da comunidade. Logo do encontro, que se prolongou durante máis de dúas horas, a conselleira, Rosa Quintana, asegurou que hai un “forte compromiso” das industrias para que non quede “nin un litro de leite” sen recoller no campo.

O detonante da reunión estivo na decisión de Leche Río de deixar de recoller de improviso a un grupo de explotacións, unha situación que obrigou ós gandeiros afectados a tirar leite de varias muxiduras e a buscar de urxencia a quen entregarlle o leite, aínda que sen garantías de prezo nin de recollida a medio prazo. Tras a reunión coas industrias, a conselleira pediu “tranquilidade” e asegurou que as principais empresas do sector están comprometidas en que non quede leite sen recoller.

A reunión contou coa participación de representantes de Capsa, Leche Celta, Lactalis, Nestlé, Feiraco, da Asociación de Industrias Lácteas de Galicia e de Leche Río. Por parte das industrias, o coordinador da Asociación de Industrias Lácteas de Galicia, Pedro Ramos, confirmou o compromiso indicado pola conselleira: “Non hai actualmente leite sen recoller nin se prevé que o poida haber no curto prazo, nos próximos días”, sinalou Ramos.

Medio Rural xestionará unha reunión das industrias co Ministerio para abordar os problemas de mercado

Coas industrias lácteas, que controlan arredor do 60% da recollida en Galicia, existe por tanto en principio unha garantía de recollida. Outra cousa son os problemas que poidan xurdir con primeiros compradores intermediarios, que na actualidade manexan en torno ó 40% das entregas de leite na comunidade. Os problemas xurdidos con eses primeiros compradores están tamén abordándose por parte da Consellería nun grupo de traballo que mantén coas organizacións agrarias, aínda que non poden descartarse dificultades por esa liña.

Reunión co Ministerio
Na xuntanza de hoxe á mañá, á que tamén asistiu a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, as industrias demandaron unha reunión a nivel estatal co Ministerio de Agricultura para abordar a situación do mercado, xa que entenden que se trata dun problema que convén tratar en relación ó conxunto do Estado.

A conselleira, Rosa Quintana compromoteu a xestion dese encontro, segundo asegurou ó remate da reunión, aínda que non desvelou as cuestións concretas que as industrias queren abordar co Ministerio. “Estamos nun escenario novo, sen cotas, con máis produción de leite en todo o mundo e cun consumo que non está a ser o agardado. Adaptarse ós cambios é duro pero temos a vontade de todas as partes de que en Galicia o sector lácteo siga a ser estratéxico e continúe a producir un leite de calidade. Temos que facer unha análise do escenario e reorientar o noso sistema en xeral, desde a produción ata a distribución”, valorou a titular de Medio Rural.

Lence insiste en que a cancelación da recollida a un grupo de produtores foi un tema puntual debido a cuestións de calidade

Os altos volumes de produción actual, cos conseguintes excedentes e dificultades de comercialización para a industria láctea, é un dos puntos que se abordará previsiblemente na reunión en Madrid, na que se agarda a participación das industrias, do Ministerio e da propia Consellería. Quintana sinalou a necesidade de acordos para garantir que tanto gandeiros como industrias lácteas manteñan un nivel de rendibilidade axeitado.

O caso Río
Antes do encontro con Medio Rural, que se celebrou esta mañá en Lugo, o máximo responsable de Leche Río, Jesús Lence, fixo declaracións ante ós medios nas que reduciu o problema de recollida na súa empresa a “14 produtores dun total de 1.100”, ós que insiste en acusar de non cumprir cuns mínimos de calidade. Preguntado sobre se había problemas de excedentes no mercado, Lence sostivo que Río non tiña ningún problema de que sobre ou falte leite. “De feito, quitamos da recollida uns produtores que non cumprían coa calidade e metemos outros”, asegurou.

En canto ás posibles apreturas de prezos que as cadeas de distribución poidan estar introducindo na cadea de valor do leite, Lence tamén negou tal problema. “A distribución non apreta. O que temos é que apretar todos co tema da calidade. Ou producimos calidade ou estamos cavando todos a nosa sepultura”, declarou o máximo responsable de Leche Río, a quen as organizacións agrarias acusaban a pasada fin de semana de acordarse da calidade só cando sobra leite no mercado.

Mobilizacións das organizacións agrarias
As organizacións agrarias teñen prevista unha rolda de prensa para mañá na que anunciarán un calendario de mobilizacións conxuntas. Tras a reunión de hoxe coas industrias, e antes de que se coñecese a convocatoria de mobilizacións, a conselleira sinalou a súa disposición a manter un encontro coas organizacións agrarias para abordar a situación do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información