“Hai total dispoñibilidade de Aira a unha fusión con Clun”

O presidente da cooperativa Aira, José Manuel López Tellado, asegura que o obxectivo “é a transformación e comercialización do leite e da carne dos socios”. E defende un proxecto cooperativo único para o sector lácteo galego: “Non estamos pensando nunha fusión con Clun para mañá, pero si para pasado mañá”

“Hai total dispoñibilidade de Aira a unha fusión con Clun”

José Manuel López Tellado, presidente de Aira.

O presidente da cooperativa Aira, José Manuel López Tellado, asegura que “por parte nosa hai unha total dispoñibilidade a unha fusión con Clun, porque aínda xuntando todo o leite que se produce en Galicia seríamos unha cooperativa pequena a nivel europeo”.

A cooperativa de primeiro grao Aira, que comezará a operar o vindeiro 1 de xaneiro, é o resultado da fusión de Agris con Icos, Coelplan e Aira. É unha das dúas grandes cooperativas, xunto a Clun (creada a partir da integración de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños), nas que se reorganizaron boa parte dos gandeiros de vacún de leite de Galicia coa finalidade de gañar competitividade.

Neste sentido, José Manuel López Tellado afirma que, no curto prazo o obxectivo da fusión é “que non se note”, é dicir, “que o único cambio que noten os 2.600 socios que sumamos entre as catro cooperativas sexa o cambio de nome pero que vexan que todo segue funcionando ben e que reciben os mesmos servizos que antes da fusión, aínda que haxa que reestruturar funcións para non duplicar persoal e gañar en eficiencia, pero non queremos perder nin estragar nada do que temos”.

“O obxectivo co que nace Aira é a transformación e industrialización do leite e doutros produtos como a carne, a horta e a castaña”

Sen embargo, di que “estase pensando xa en cousas a longo prazo, porque queremos conservar e potenciar os servizos aos socios, pero o principal obxectivo co que nace Aira é a transformación e industrialización do leite e doutros produtos como a carne, a horta e a castaña e en moitos casos chegas antes a eses obxectivos con alianzas con outra xente, de aquí ou de fóra de aquí, antes que comezar de cero e ter que facer grandes investimentos para arrincar”.

Asegura que “a priorización dos investimentos da nova cooperativa vai ir por aí” e lembra que Dairylac, na que Aira posúe o 70% do accionariado, ten xa investimentos planificados nunha torre de secado de leite ou no lanzamento ao mercado de queixos. “Hai que avanzar nesa liña para ter máis capacidade cada vez de dar saída ao leite dos socios, xa que con esta crise viuse moi clara esa necesidade e que o realmente importante é valorizar o produto”, afirma José Manuel, que considera que o obxectivo pasa por transformar as cooperativas galegas de prestadoras de servizos a transformadoras e comercializadoras da produción dos socios. “Central Lechera Asturiana recolle o 80% do leite que se produce en Asturias”, lembra.

O novo presidente de Aira di que “ese é un proceso que require tempo e moito investimento” e recoñece que “para iso necesítanse estruturas grandes” e malia a dimensión da nova cooperativa (1.000 explotacións, 300 millóns de litros anuais e 90 millóns de euros de volume de negocio en servizos) considérao insuficiente. Así que en relación a unha posible fusión con Clun, a outra cooperativa galega de primeiro grado do sector, é claro: “Esa porta hai que tela aberta. A integración cooperativa non pode quedar aquí porque a dimensión nisto é importante. Aínda xuntando todo o leite que se produce en Galicia, uns 2,5 millóns de toneladas, seriamos unha cooperativa pequena a nivel europeo, nada comparable a Sodiaal, que manexa 6 millóns ou Arla, con 13”, argumenta.

“Non estamos pensando nunha fusión con Clun para mañá, pero si para pasado mañá”

Por iso destaca a “total dispoñibilidade” de Aira a unha unión futura con Clun pero di que “terá que vir ao seu tempo”. “O primordial agora para Aira é poñer en marcha a nova cooperativa e reestruturar o seu funcionamento mantendo os servizos, os 15 centros de traballo e os 220 empregados. Non estamos pensando nunha fusión con Clun para mañá, pero si para pasado mañá”, resume.

“Se a xente ve que funciona e que hai un horizonte claro, os gandeiros implícanse”

Destaca que “todo este proxecto de fusión que vai dar lugar a Aira a partir do 1 de xaneiro tratouse de explicar o mellor posible aos socios e nas catro cooperativas que o integramos foi aprobado por abrumadora maioría, o que quere dicir que os socios ven ben o proxecto”, di, pero considera que “o éxito vai depender dese compromiso dos socios co proxecto”.

O proceso de fusión por absorción das catro cooperativas de segundo grado deu o seu paso definitivo o pasado 19 de outubro coa sinatura dos seus presidentes da escritura de traspaso de bens á nova cooperativa de primeiro grado. Quedan fóra Lemos, Coafor e Leira, que exerceron o seu dereito de separación e están en negociacións para o subministro de penso. Pero José Manuel rebate o tradicional recelo galego a traballar da man e di que “se a xente ve que funciona e que hai un horizonte claro, os gandeiros implícanse”. Por iso ten esperanzas fundadas para que o cooperativismo vaia a máis en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información