“Hai que capacitar ao gandeiro para que volva ter el o control da explotación e non os comerciais”

Entrevista a Philippe Jeanneaux, profesor de economía rural de VetAgro Sup, un dos principais centros de formación agronómica e veterinaria de Francia. Considera “claramente excesivo” o uso de concentrado na ración en Galicia.

“Hai que capacitar ao gandeiro para que volva ter el o control da explotación e non os comerciais”

Philippe Jeanneaux, profesor de economía rural de VetAgro Sup, na Escola Politécnica de Lugo

As opinións do profesor Philippe Jeanneaux poden parecer heterodoxas ou demasiado alternativas en Galicia ou en España. “O obxectivo do asesor técnico é que o gandeiro sexa quen controla a explotación, non os comerciais desde fóra”, «Neste modelo intensivo son os comerciais, os veterinarios, os nutricionistas e a industria os que levan as rendas do sector» ou “Debemos volver á herba e apostar por vacas menos produtivas pero máis eficientes” amolarán a máis dun.

Pero non así en Francia, onde o asesoramento e a formación dos gandeiros seguen practicamente en mans públicas. Este profesor de economía rural da escola francesa VetAgro Sup, un dos principais centros de formación de agrónomos e veterinarios do país galo, é tamén co-creador do método PerfEA para a xestión estratéxica de explotacións agrícolas.

Estes días impartiu na Escola Politécnica de Lugo un curso de sobre “Xestión estratéxica de explotacións agrícolas para unha mellora global continua”, organizado polo Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (Usc), xunto coa escola francesa VetAgro Sup.

¿Que traballo desenvolven na escola VetAgro Sup?
VetAgro Sup é un centro de ensino superior do Ministerio de Agricultura Francés e está dividido en dous campus: un campus veterinario en Lyon onde formamos a uns 600 veterinarios, a razón duns 140 licenciados ao ano. Neste campus tamén se forman cada ano ao redor dunha vintena de funcionarios do corpo de inspectores veterinarios.

E por outra banda, VetAgro conta tamén cun campus agronómico en Clermont-Ferrand onde se forman uns 350 enxeñeiros agrónomos e uns 50 alumnos do master. O alumnado segue tres especialidades que corresponden aos tres eixos das unidades de investigación: producións animais e vexetais, agroalimentaria e desenvolvemento rural.

¿En que consiste o método PerfEA para a xestión estratéxica das explotacións agrogandeiras?
PerfEA un enfoque que permite apoiar aos agricultores para poñer en práctica a xestión estratéxica das súas ganderías para mellorar o seu rendemento xeral. A idea é capacitar aos axentes de extensión agraria para que poidan facer un seguimento e un acompañamento dos gandeiros. O axente de extensión está aí para axudar aos agricultores para levar a cabo unha profunda reflexión sobre o seu plan de negocios, a elección das áreas estratéxicas e construír a folla de ruta para que o agricultor ou gandeiro poida poñer en marcha e pilotar o proxecto.

 “O noso obxectivo é que o gandeiro sexa quen controla a explotación, non os comerciais desde fóra”

O asesor agrogandeiro ten como obxectivo poñer ao gandeiro no centro da toma de decisións. Desta forma, a explotación gandeira xa non está controlada desde fóra, polos comerciais de penso, de maquinaria ou polos veterinarios. Trátase de capacitar aos gandeiros para que volvan tomar o control da súa granxa. A clave é o control das decisións.

En Galicia, menos do 5% das ganderías de vacún de leite están nun programa de xestión de custos Como valora estes datos e cal é a situación en Francia?
En Francia, na actualidade hai preto de 450.000 explotacións agrícolas e gandeiras, das que 300.000 son profesionais e ocupan máis do 90% da superficie agrícola, representando máis do 90% da cifra de negocios do sector.

A gran maioría destes 300.000 fan contabilidade e calcúlase que unha gran parte están nun programa de xestión técnica ou económica, xa sexa individual como colectivamente, estando neste último sistema unhas 220 000.

Noutras palabras, podemos considerar que aproximadamente a metade das explotacións fan xestión dos seus datos económicos e técnicos en diferentes formas: o cálculo dos custos de produción, cálculo da marxe ou o establecemento de ferramentas de apoio á toma de decisións.

Sería un erro restrinxir as granxas nun só modelo de desenvolvemento no que o único criterio de excelencia sería a maximización da produción ou ganancia. E é que sabemos que os agricultores teñen outros fins, outros criterios de decisión. Por tanto, probablemente é necesario atopar o equilibrio adecuado entre os indicadores dos expertos e os indicadores dos agricultores para orientar e controlar a explotación e mellorar o seu rendemento xeral.

“En Francia a metade das explotacións gandeiras están nun programa de xestión”

Por que cre que os gandeiros non participan nos programas de xestión?
Os agricultores teñen as súas razóns para facer o que fan. A toma de decisións é un proceso complexo que non se basea na visión que teñen os técnicos agrícolas. Os agricultores toman decisións en base aos seus valores, normas sociais, o papel que queren xogar na sociedade, o seu proxecto de vida e técnico, o seu patrimonio e o seu proxecto familiar, o seu proxecto empresarial…tec. Neste sentido, os indicadores e o modelo de desenvolvemento dos técnicos e da Administración non sempre están acompasados cos proxectos dos agricultores.

Se os agricultores non participan no programa de xestión, isto non significa que non fagan xestión da explotación, fana pero cos seus propios indicadores, que teñen sentido para eles. Comprender isto é esencial. O esforzo de adaptación debe partir sobre todo dos técnicos de extensión ou de asesoramento agrario. Isto é o que tratamos de facer co enfoque PerfEA.

Falta un asesoramento independente a nivel comercial e de carácter público?
É posible. A pregunta é ¿quen controla o proxecto agrícola rexional: a administración autonómica, as organizacións de asesoramento e desenvolvemento rural, os comerciais de maquinaria e insumos agrícolas ou a industria láctea?

En Galicia entre o ano 1989 e o 2016 a produción de leite duplicouse, quedaron 10.000 dos 100.000 produtores lácteos, á vez que a produción por explotación aumentou vinte veces e todo cunha base territorial de 125 .000 hectáreas menos. Noutras palabras, en Galicia pasouse de 3.500 litros de leite por hectárea a 11500 litros por hectárea. Para establecer unha comparación, en Bretaña a produción debe andar nos 7.000 litros por hectárea. A miña hipótese é que Galicia converteuse nunha especie de terra do leite, o que permitiu un desenvolvemento sen precedentes para os gandeiros.

Este crecemento explícase probablemente pola industria láctea que viu isto como unha maneira de concentrar a produción para reducir os custos de transporte e facer economías de escala. Isto lévame a pensar que o sector lácteo en Galicia está probablemente controlado pola industria.

Pero para producir todo este leite con pouca base territorial e sen recursos forraxeiros propios, obriga aos gandeiros a comprar a comida fóra. Ao mesmo tempo, vacas de altas producións como polas que se apostou son máis fráxiles e teñen menos lonxevidade, e neste modelo son os comerciais, os nutricionistas e os veterinarios os que levan as rendas. E un asesoramento técnico independente e non comercial non pode resistir con este modelo.

«Neste modelo intensivo son os veterinarios, os nutricionistas e a industria os que levan as rendas do sector»

Para os comerciais de pensos e de veterinaria, o crecemento da produción de leite debeu de ser sinónimo de negocio e crecemento dos seus beneficios. Non é realista pensar que se pode reverter este modelo moi implantado e que sen dúbida funcionou tan ben.

Pero, sen embargo, este modelo móstrase incapaz de absorber os impactos sobre o clima, sobre saúde e o mercado, e probablemente como fonte de contaminación da auga. O sistema actual non é autónomo e, probablemente, é moi sensible ao menor cambio. As crises cíclicas que se van seguir producindo serán os únicos factores que van cuestionar o modelo actual.

As forzas do mercado son demasiado fortes para deixar paso a un asesoramento dos gandeiros independente e non comercial de carácter público. Neste sentido, necesitamos gandeiros dispostos a cambiar de modelo. Con PerfEA tratamos de que os gandeiros sexan conscientes dos límites que teñen os sistemas intensivos, pero están tan atrapados neste modelo que non cambiarán se o sistema non cambia……

¿Cales cre que son as áreas nas que existe máis marxe de mellora nas ganderías de vacún de leite en Francia e en Galicia?
Rexións como Galicia teñen un gran potencial porque teñen gandeiros, asesoramento gandeiro, empresas privadas, cooperativas …A marxe de mellora é revisar o modelo para producir leite máis en base aos recursos locais.

Temos que volver aprender a facer crecer a herba e aceptar ter vacas menos produtivas pero máis eficientes. É dicir, ter vacas leiteiras de alta calidade territorial (VLHQT) en lugar de vacas de alta produción (VLHP). Estas rexións serán capaces de producir leite de forma autónoma.

“Debemos volver á herba e apostar por vacas menos produtivas pero máis eficientes”

En Francia traballan cada vez máis en simulacións con custos de alimentación. ¿En que consiste e que importancia ten?

O Institut de l´Élevage de Francia desenvolveu moi ben unha aplicación para simular os custos de produción. É un enfoque interesante, pero tende a limitar aos agricultores nun marco moi normativo. Ademais, é discutible como se calculan os custos de produción. Inclúen, por exemplo, o custo de factores propios (traballo, capital, terra), para os que o valor de referencia pode variar bastante. ¿Cal é o custo da maquinaria e durante canto tempo a vai amortizar? ¿Cal é o custo da terra se son propietario e herdeina da familia?

A análise dos custos de alimentación é interesante, e é necesaria pero non suficiente. Debemos facer que os agricultores traballen cos seus propios indicadores: produción de leite, lonxevidade das vacas, leite que producen de forma autónoma sen comprar pensos e forraxes…etc.

¿É o pastoreo combinado coa produción de forraxes propias (millo, herba) o sistema de alimentación que máis diñeiro deixa ao gandeiro e permítelle resistir mellor as baixadas de prezos do leite?
Si e a resposta está na pregunta. A gandería menos dependente de insumos necesariamente sofre menos as fluctuacións de prezos do mercado. ¿É sustentable producir leite en Galicia con soia de Brasil, a alfalfa de Castela, fosfato de Marrocos, o millo transxénico ou cebada para elaborar o concentrado tamén de fóra de Galicia?. Non estou seguro de que a especialización e a teoría das vantaxes comparativas sexan sustentables a longo prazo. En Francia temos as mesmas preocupacións.

Na súa opinión, ¿Está a abusarse do uso de pensos/concentrado no vacún de leite? ¿Que niveis de gramos por litro aconsellaría para as ganderías de vacún de leite?
O consumo de concentrado por litro de leite paréceme excesivamente alto. Vin granxas cun consumo de 3.500 quilos ao ano de penso por vaca e que producen ao redor dos 10.000 litros; é dicir, 330 gramos por litro de leite. É moito. Vexo que as ganderías de vacún de leite en Francia son moi eficientes e resilientes producindo con 120 gramos por litro e vacas que producen 7000 litros ao ano cun consumo de 840 kg de concentrado e que valoran ao máximo na ración a herba e o millo.

“En Galicia consomen 330 gramos por litro de leite. É moito, en Francia chégase a 120 gramos”

Da súa experiencia, ¿Cal sería o tipo de explotación de vacún de leite máis resistente ás oscilacións de prezos do leite e das materias primas do novo escenario internacional?
É difícil de responder, pero desde o meu punto de vista, as granxas máis resistentes ou resilientes son as que son máis eficientes e máis autónomas en alimentación. Para iso, hai que potenciar a agronomía e volver aprender a facer medar a herba e outros cultivos forraxeiros. Hai que asociar os cultivos, facer agroecoloxía, valorizar os xurros mediante a metanización, volver aprender a fertilizar a terra e sobre todo considerar o solo como un sistema vivo cun alto potencial para a produción de biomasa.

A terra non é un soporte inerte sobre o que se verten os fertilizantes. E para iso hai que mellorar moito a formación técnica. Temos que capacitar máis aos agricultores en agronomía e en zooténica e fortalecer o seu pensamento crítico para que entendan que non son empregados da industria láctea ou da maquinaria agrícola.

¿Algo máis que queira engadir?
O mundo está a acelerarse, globalízase, é cada vez máis urbano e esixe producir cada vez máis e máis barato. A primeira etapa da máquina foi a revolución industrial que multiplicou por dez a forza humana. Agora entramos na segunda era da máquina coa revolución dixital. Drons, robots, aplicacións online, algoritmos, intelixencia artificial..etc están a construír un monstro tecnolóxico.

Tres consecuencias son posibles: Un risco de perda de autonomía de decisión do gandeiro, pois as máquinas, ademais de saber calcular, aprenden e son capaces de tomar mellores decisións que o home. A segunda consecuencia é unha revolución no asesoramento agrícola. ¿Que ocorre coa persoa de control leiteiro nun mundo de robots de muxido e de alimentación, con vacas monitoradas online?

A terceira consecuencia posible é o fin da granxa familiar. Debido a que as tecnoloxías dixitais son caras, varias granxas poden colaborar e cooperar para compartilas. A empresa agrícola máis capitalista, máis empresarial, debería tamén desenvolverse. Por último, pódese prever que o mundo da maquinaria agrícola integrará cada vez máis as ganderías de forma vertical pois desa forma os enxeñeiros tratarán os datos de forma masiva, e poderán tomar decisións a gran escala.

Neste escenario, o reto para o gandeiro desde agora mesmo é adoptar un enfoque de xestión estratéxica da súa granxa para manter o control da dirección da súa explotación en situacións complexas, e mellorar o seu rendemento xeral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información