“Hai que actuar de forma máis rápida cando baixa a fertilidade, descartando as vacas problemáticas”

Entrevista a Marcos Vigo, veterinario que ven de presentar na Facultade de Veterinaria de Lugo unha tese sobre ‘Endometrites subclínicas en gando vacún leiteiro’. Advirte de que esta enfermidade, que afecta ao 15% das vacas, está moi relacionada co manexo das vacas durante o secado

“Hai que actuar de forma máis rápida cando baixa a fertilidade, descartando as vacas problemáticas”

O veterinario Marcos Vigo

A endometrite subclínica é unha enfermidade recorrente na cabana de vacún de leite, afectando a arredor do 15% dos animais das ganderías lucenses. Isto provoca unha importante baixada da fertilidade e maiores gastos veterinarios, reducindo a rendibilidade das explotacións.

Neste sentido, o veterinario lucense Marcos Vigo ven de presentar na Facultade de Veterinaria de Lugo unha tese sobre ‘Endometrites subclínicas en gando vacún leiteiro’, que recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude. Nesta entrevista, Marcos Vigo analiza as causas desta patoloxía e ofrece uns consellos de manexo ao gandeiro para reducir a súa incidencia.

¿Por que decidiches centrar a túa tese de doutorado no estudo das endometrites subclínicas en gando vacún leiteiro?
Considero que o rendemento reprodutivo dunha explotación leiteira está directamente relacionado ca súa rendibilidade. A endometrite subclínica é unha patoloxía que non se diagnostica habitualmente a pé de granxa pero que si ten efectos negativos sobre a eficiencia reprodutiva. Ademais, debido á caída progresiva da fertilidade que se ven rexistrando nas últimas décadas en vacún de leite, creo que deben ser obxecto de estudo todas aquelas situacións que contribúan a este efecto.

¿Cales son as causas desta enfermidade?
Esta enfermidade é consecuencia dunha alteración dos mecanismos que regulan a inflamación do útero. Isto ocorre cando a inflamación se prolonga unha vez que o problema xa está resolto ou ben cando aparece inflamación no útero sen que exista un axente agresor. Polo tanto, unha das causas sería o estrés oxidativo que é moi frecuente durante o posparto debido á maior presenza de enfermidades como a retención placentaria, metrite, mamite..

Ademais, o nivel de graxa e perfil de ácidos graxos presentes nas dietas que reciben os animais poderían desencadear unha resposta inflamatoria inadecuada. Está demostrado que o ácido linoleico ou o palmítico en niveis elevados poderían ter efectos negativos neste sentido.

¿Cal é o grao de incidencia que detectaches desta patoloxía? ¿Pódese dicir que vai en aumento?
A endometrite subclínica afecta a un 15% dos animais. Non é unha patoloxía que se poida dicir que vaia en aumento debido a que está moi relacionada co manexo dos animais na fase de transición, un período no que cada vez se está traballando máis por todos os beneficios que aporta.

¿En que medida pode repercutir a endometrite subclínica na eficiencia reprodutiva dunha gandería? ¿Telo cuantificado na túa tese?
A presenza de endometrite subclínica fai que se alongue o intervalo entre o parto e a concepción, pois neste estudo as vacas que estaban sás tiveron un risco de quedar preñadas 2,35 veces maior que as que foran diagnosticadas con endometrite subclínica. Por exemplo, cando levaban 200 días de posparto o 85% das vacas sás xa estaban preñadas mentres que menos dun 60% das que tiñan endometrite subclínica o estaban.

“A endometrite fai que a vaca teña máis do dobre de risco de non quedar preñada”

¿En que aspectos se pode mellorar dende o punto de vista do manexo e da nutrición e que recomendacións lle darías ao gandeiro para reducir a indidencia desta enfermidade?
O que se trata é de evitar os procesos inflamatorios do útero, polo que é necesario realizar unha correcta xestión dos cruzamentos, así como tratar de evitar a manipulación do feto durante o parto, e no caso de que sexa necesario facelo dunha forma hixiénica e coidadosa para minimizar a contaminación do útero e danos no canal do parto.

Por outro lado, co fin de conseguir un estado inmunitario adecuado no posparto, é moi importante suministrar dietas equilibradas durante toda a fase de transición podendo suplementarse con antioxidantes como a vitamina A, C, E ou o Beta-caroteno que van ter un efecto positivo sobre a prevención da metrite e tamén da mamite.

Deben de terse sempre moi controlados o nivel e tipo de ácidos graxos que están presentes nestas dietas xa que poden dar lugar a desequilibrios que nos van levar á aparición desta enfermidade.

Propós como método máis eficaz de diagnóstico a citoloxía uterina. ¿Que vantaxes aporta?
A citoloxía é un método bastante sinxelo e rápido. A recollida da mostra faise dunha forma similar a unha inseminación artificial. De feito, usouse un cateter de inseminación artificial que no seu interior leva un cepillo enroscado co que se recolle a mostra (cytobrush). Logo esta mostra avalíase a microscopio para a contaxe de neutrófilos.

E para o gandeiro, ¿Que síntomas lle poden axudar a detectar a endometrite subclínica?
Esta enfermidade non presenta ningún síntoma clínico, polo que non se vai detectar se non se recorre a técnicas de diagnóstico como a citoloxía ou a biopsia.

Coa túa experiencia, ¿Cales son os erros máis comúns que detectas nas ganderías de vacún de leite dende o punto de vista reprodutivo, e polo tanto, nos que hai máis marxe de mellora?
Creo que é moi importante a recollida de datos, pois o período de tempo transcorrido entre o secado e o parto é algo que en moitas ocasións parece estar illado e pérdese o contacto co animal.

Polo tanto, é necesario facer visitas periódicas aos animais que se atopan nesta fase para detectar os que tiveron unha perda excesiva de condición corporal, coxeira, mamite ou calquera outro tipo de alteración co fin de poder actuar aquí e favorecer que cheguen nas mellores condicións ao momento do parto. Isto fará que os animais padezan menos enfermidades tanto de tipo infeccioso como metabólico, e polo tanto serán máis eficientes na produción e reprodución.

 “É necesario actuar dunha forma máis rápida ante unha baixada na fertilidade”

Por outro lado, debese ter en conta que dispoñemos dun período de tempo corto para conseguir unha xestación rendible nunha vaca. É necesario actuar dunha forma máis rápida ante unha baixada na fertilidade dun rabaño, xa que perder fertilidade durante varios meses é un problema que sempre traerá consecuencias a longo prazo. Pois as vacas vacas que tardaron en quedar xestantes con máis frecuencia van sufrir enfermidades ou serán eliminadas no seguinte parto cando o seu valor comercial é moi inferior.

Neste sentido, o gandeiro debe valorar en todo momento cando deixa de interesar conseguir unha xestación nunha vaca. Eliminar animais de forma voluntaria aporta maiores beneficios, reduce o risco de enfermidades, o uso de antibióticos e o tempo dedicado á atención de animais enfermos. E algo tamén importante é que hai menos frustración e pesimismo no traballo, o que mellora a calidade de vida do gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información