“Gustaríame incorporarme á gandería pero ten que mellorar a situación”

Entrevista a Cristina Carro, unha moza de Mesía (A Coruña) que ven lograr este fin de semana o terceiro posto como mellor manexadora de Europa e o primeiro na súa categoría. O pasado ano logrou o primeiro posto de España coa becerra Casanova Sonny Mcc.

“Gustaríame incorporarme á gandería pero ten que mellorar a situación”

Cris Carro, unha das mellores manexadoras da Europa, na gandería familiar en Mesía (A Coruña)

Este fin de semana celebrouse en Battice (Bélxica) unha nova edición da European Young Breeders School, un encontro internacional de formación de mozos e mozas gandeiras afeccionados á raza Frisona. Cris Carro, unha moza gandeira de Mesía (A Coruña), logrou o terceiro posto na clasificación europea e ademais foi a mellor manexadora da súa categoría.

Como valoras a túa participación nesta nova edición da Escola Europea de Menexadores?
Resultou moi positiva, tanto polo moito que aprendín como polo concurso en sí, no que na miña categoría logrei mellorar respecto á segunda posición que lograra o pasado ano.

Asistín á European Young Breeders School, canda outros compañeiros do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, como Avelino Iglesias, María Manteiga, Ismael García, e Guiem Orfila. E aínda que a familia ten que facer un esforzo económico, e despois alí o traballo é intenso, tanto a aprendizaxe a nivel profesional como a convivencia con mozos e mozas manexadores doutros países é moi enriquecedora.

¿Que aspectos claves consideras que hai que ter en conta como manexadora á hora de participar nestes concursos?
Ante todo considero que che ten que gustar o que fas e ter moitas ganas por aprender e mellorar. É moi importante tamén nestes certames internacionais contar con experiencia, de xeito que xa sexas profesional no teu pais, e apoiarte nos teus compañeiros de grupo porque ti soa non vas aguantar toda a semana.

Paréceme tamén necesario participar e mostrar interese nas clases, para que os profesores vexan que tes ganas e interese por aprender, porque é algo que van valorar.

¿Desde cando participas nos concursos de manexo de gando?
É xa unha tradición familiar de Gandería Carro SC. A primeira que participou neste tipo de certames foi a miña irmá maior, Vanesa, despois Alejandra, e dende pequena ía apoialas aos concursos. A primeira vez que participei nun concurso foi no ano 2006 e debo recoñecer que un piar fundamental para iniciarme nos concursos foi a miña irmá Vanesa.

¿Que te enganchou a este tipo de concursos?
Gústame moito manexar, sobre todo sacar a pista. Sempre se me deu bastante ben, e de feito en case todos os concursos quedei entre os tres primeiros.

O ano pasado gañamos o concurso nacional de becerras de Conafe con Casanova Sonny MCC. Tamén gañei o campionato de Gandagro en 2014 con Casanova Delia Fever, que tamén foi subcampiona en Fefriga 2015. E este ano tamén resultamos campionas no Concurso de Muimenta con Casanova Vanesa Aikman. Estes éxitos tamén motivan moito.

¿A relación co animal é determinante nos concursos de manexo?
Sen dúbida, e é un traballo que comeza dende que nace a becerra e que esixe dedicación, destreza e cariño polo que estás facendo. Normalmente levamos varios animais aos concursos de manexo, e no caso de Galicia levamos entre 5 e 6. Sen embargo, no concurso nacional do ano pasado só puidemos levar a Casanova Sonny Mcc e aínda así resultou gañadora como a mellor becerra de España. Por iso, a ela témoslle un cariño diferente.

¿Ves o teu futuro profesional na gandería?
Si que me gustaría pero se non mellora a situación non creo que poda. É necesario realizar investimentos para mellorar as instalacións e o benestar animal e reducir os custos de produción, e iso só se pode facer con prezos que cubran os custos de produción. O ideal é que as tres irmás puidésemos levar a granxa, porque nos gusta e nos entendemos moi ben, pero son consciente de que é moi complicado.

Polo de agora, vou empezar a estudar Enxeñería Agrícola Alimentaria en Lugo para formarme ben e ser unha boa profesional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información