“Grazas ao pastoreo a nosa gandería é máis rendible”

Entrevistamos a José Ramón Ramos Rey, que xunto á súa muller, Azucena Diéguez, posúen unha gandería de 65 vacas en muxido na aldea do Fieitoso, no concello pontevedrés da Estrada. Explícanos como traballa.

“Grazas ao pastoreo a nosa gandería é máis rendible”

José Ramón coas súas vacas.

Gandería Ramos é unha explotación de vacún de leite familiar situada na aldea do Fieitoso, no concello pontevedrés da Estrada. José Ramón Ramos Rey leva a gandería xunto coa súa muller, Azucena Diéguez Fraiz, e coa axuda tamén dos seus dous fillos, que xa mostran interese en continuar cunha tradición gandeira familiar de 3 xeracións. Son socios da cooperativa Cobideza e a xestión administrativa lévallela o Sindicato Labrego Galego.

A parte de virlle de familia, a José Ramón nótaselle que lle entusiasma o seu traballo: conta con paixón os progresos e os ensaios que foi realizando co gando ata chegar ao punto de equilibro de rendibilidade. No seu caso a clave é a base territorial e a cercanía das fincas ao establo, que lle permiten facer pastoreo semiextensivo.

¿A túa incorporación á gandería foi vocacional?
Desde logo, tes que poñer paixón no teu traballo para que as cousas vaian para adiante. Incorporeime no 1999 con 28 anos e logo tamén Azucena. Aínda que estiven estudando en Santiago, o que me tiraba desde pequeno eran os animais e quixen dedicarme ao que me gustaba.

Empecei coa gandería dos meus pais, que tiñan 35 vacas das que 21 estaban en muxido. Nestes anos a miña estratexia foi ir aumentando a base territorial e renovando pradeiras. Hoxe traballamos algo máis de 60 hectáreas, a metade en propiedade e a outra en alugueiro, das que 40 hectáreas están cerca do establo. Temos un rabaño de 115 animais, dos que 65 son vacas en muxido, 20 secas e bastantes xovencas, 35, non tanto para reposición senón porque tivemos demasiada recría estes anos e estamos aproveitando para renovar e mellorar o rabaño.

Non nos interesa muxir máis vacas porque deixaría de ser rendible, xa que teríamos que mercar máis alimento e castigarían máis as pradeiras.

No teu caso fuches a contracorrente, xa que cada vez cultivas menos millo para ensilar. ¿Por que motivo?
Cheguei a botar 20 hectáreas e fun reducindo ata 12 e agora a 8 hectáreas que plantei o ano pasado, e no que espero quedarme ou incluso baixar.

A razón é que chegue á conclusión de que unha pradeira ben manexada deixa máis beneficio que o millo. Agora só o planto para renovar pradeiras cada 5 anos, e ademais cos nutrientes da pradeira o abonado químico que hai que aplicar é moi baixo, e tamén hai menos necesidade de aplicar herbicidas.

 “Non nos interesa muxir máis vacas porque deixaría de ser rendible”

E se cadra un ano en que estamos escasos de millo, merco polpa de remolacha, que ma poñen aquí a 50 euros a tonelada, e sáeme mellor de prezo que botar millo.

Ademais, as nosas parcelas están en zona de pendente e vexo que a base de botar millo todos os anos as fincas erosiónanse bastante, máis aínda se se deixan as canas ao aire e non se bota herba no outono despois de recoller o millo.

Aseguras que a fibra é a clave para que as vacas aproveiten ben o pasto e rendan en leite. ¿Como é a ración que lles dás?
Fago tamén carro mesturador que lle dou pola mañá na corte antes de saír ao pasto. No caso das vacas secas e das xovencas lévolles a ración directamente ao prado, unha mestura moi fibrosa con herba seca e silo de herba.

A clave deste réxime mixto, na miña opinión, é que as vacas teñen que ir con ganas de pacer e que non se deiten no pasto. Para iso hai que equilibrar a mestura coa cantidade de pasto que haxa, fixándose en tres elementos importantes: o estado de carnes das vacas, a dispoñibilidade de pasto e como cagan, que a bosta non sexa nin moi dura nin moi branda, senón tipo tortilla, o que indica que a porcentaxe de fibra que inxiren, sobre todo herba seca, é a necesaria.

Así, cando hai pasto suficiente fóra fago unha ración con 15 kilos de silo de millo e 6 kilos de penso por vaca e día. E nas épocas de seca procuro telas estabuladas e o consumo sobe a 40 kilos de silo de millo e a 11 de penso. A media anual é un consumo de 8 kilos de concentrado para unha produción de 33 litros de leite. O que si teño coidado é que cando van ao pasto subo a fibra na ración e métolle máis herba seca, uns 4 kilos por vaca e día, e menos silo de herba. A clave está en racionar o concentrado e o silo de millo segundo o pasto do que dispoñan.

 “Procuramos que do que cobramos polo leite non máis do 30% vaia para pagar o penso”

O punto de equilibrio para manter os beneficios na nosa gandería é que do que cobramos polo leite un máximo do 30% vaia para pagar o penso. Como dixen, o máis difícil é buscar o punto óptimo: cheguei a aumentar a 6.000 euros a factura de penso ao mes e non notaba diferenza en rendemento pero se baixo de 5.000 euros si que perdería cartos. Agora estou nunha media ao ano de 8 kilos, que veñen sendo uns 5.000 euros de factura ao mes, e ese é o punto que me permite gañar diñeiro.

Manexar 115 animais e ilos rotando polas fincas non debe ser fácil. ¿Como te organizas?
Non é difícil, ao contrario, ao ter os animais fóra do establo tes menos traballos na corte. Aquí facemos dous lotes: un das vacas secas e das xovencas, que están nas pradeiras máis afastadas da casa durante todo o ano, día e noite, e que imos cambiando de fincas cada 4 ou 5 días, mirando sempre que haxa pasto e que non sobrepazan nin que trepen, pois senón a pradeira renovaría mal.

E o outro lote, o das vacas en lactación, que na primavera e no verán chegan a estar fóra día e noite e só veñen ao establo para o muxido e para comer a mestura. Nos meses de inverno, só saen a pacer de día, e se non hai pasto quedan estabuladas. E en meses de inverno coma este coas vacas en lactación fago dous lotes: un de 40 que sae a pacer durante o día e outro de 20 que queda no establo, e vanse turnando.

Gustaríame facer un terceiro lote con vacas en preparto, pero para iso quero ampliar a base territorial con máis parcelas cerca da casa. As vacas chegan a parir fóra e vailles moi ben.

“Deixamos descansar as pradeiras un mínimo de 15 días”

A clave deste sistema é ter fincas cerca da casa. Nós temos 40 hectáreas con fincas que ningunha delas ten menos de 1 hectárea e préstase moito para pastoreo. Así, temos un circuíto de pastoreo con parcelas arredor do establo, que nos permite que as pradeiras descansen un mínimo de 15 días ata que volven ser pacidas.

¿E non tedes problemas co lobo?
Non, porque as vacas son adultas e as becerras cando van para o pasto xa teñen 14 meses. Ademais, temos un mastín que está con elas, e ata agora, aínda que o lobo vese por aquí, non temos tido ataques.

¿Que variedades de gramíneas e de leguminosas utilizas para as pradeiras?
O que máis utilizo é raigrás inglés de espigado tardío e dous trevos tetraploides: o violeta e o branco. En canto ás doses, emprego uns 3 kilos para as leguminosas e uns 45 kg por hectárea do raigrás. Emprego case o dobre da dose recomendada porque para pradeiras permanentes é necesario para embastecer o pasto.

“Emprego o dobre da dose de sementeira para embastecer a pradeira”

As leguminosas teñen máis presenza nas pradeiras de lonxe, e menor nas de preto do establo, que é onde boto o xurro. As calidades da herba ensilada están bastante ben, con arredor do 18% de proteína bruta.

¿Como é o abonado que fas dos prados?
Antes de nada fago unha analítica de solo das parcelas e procuro encalar todos os anos para que o PH se manteña entre 5 e 5,5. Abono cun complexo NPK 22-7-11 para as parcelas de lonxe, con 400 kg por ha, xa que son as que teñen menos abono, e para as de cerca abonda co xurro e cun fertilizante de liberación lenta 33-0-0, cunha dose de 250 kg por ha.

E con este tipo de alimentación, ¿Que producións e calidades logrades?
Estamos nunha media de 33 litros diarios, cun 4% de graxa e 3,3 de proteína, unhas calidades que mantemos case todo ano. Vendemos o leite a Reny Picot a través da cooperativa Cobideza. En reconto de células somáticas en tanque estamos nunha media de 150.000.

Os mastíns acompañan as vacas cando están no pasto.

“As claves da recría: o caldeiro limpo, a cama seca e o leite quente”

A recría é, despois da alimentación, o segundo capítulo de gasto nunha gandería de vacún de leite. O custo medio da recría sole superar os 1.500 euros pero no voso caso dis que baixades a 800 euros por animal. ¿Como o conseguides?
Unha vez que paren as vacas, no monte ou no establo, as becerras permanecen na corte ata os 14 meses. Empezamos cun bo encostrado, con 4 tomas durante os dous primeiros días, e logo pasamos a darlle leite de vaca. Empezamos con 6 litros ao día en dúas tomas e logo imos aumentando.

Aos dous meses destetámolas e pasan a alimentarse con penso e tamén coa mestura das vacas. Dividimos as xatas en tres lotes separados: o das pequenas, de 2 a 4 meses, e outro ata os 14 meses. Intentamos que coman o máximo posible para que medren ben e saian antes a celo. Inseminámolas cunha media de 14 meses e unha vez que están preñadas pasan a pastoreo día e noite. Cada mes traémolas ao establo xunto coas secas para facerlles unha revisión, deixar no establo as que están a piques de parir e incorporar as novas vacas secas e xovencas.

As claves da recría para min son tres: o caldeiro limpo, a cama seca e o leite quente. Asi, dámosllo xusto ao saír da vaca, e se nos despistamos botámoslle auga quente a 60 graos para que suba temperatura.

Realizas ti a podoloxía e tamén a inseminación. ¿Cal é lonxevidade das túas vacas e que tipo de animal buscas?
A podoloxía fágoa eu, pero só un recorte de cascos a 4 ou 5 vacas ao mes, porque ao estar no pasto a saúde das patas e cascos mellora moito, e de feito non é preciso aquí ter pediluvio.

En canto á inseminación, tamén a fago eu, comprando o seme e facendo acoplamentos para buscar unha vaca de menor tamaño, máis rústica e adaptada ao pastoreo. O meu pai tiña algunhas vacas de raza Normanda e quizás un dos erros que cometín foi centrarme exclusivamente na Holstein.

Ao estaren no pasto a fertilidade é moi boa: non hai vacas con atraso e preñan moi ben, e iso permite ter máis litros porque non hai vacas pasadas.

As vacas duran entre 5 e 6 partos pero teño vacas que duran ata 12 anos, chegando a unha media de 8 ou 9 anos perfectamente. A proba é que o ano pasado de 112 vacas tivemos 1 baixa.

“A media é de entre 5 e 6 partos por vaca”

Estivemos inseminando as xovencas con seme sexado, e o resultado foi positivo pero atopámonos con que agora temos recría de sobra, polo que aproveitamos para renovar e mellorar o rabaño. Agora utilizo seme convencional de Holstein tanto en xovencas como nas adultas, pero a partir do 3 parto insemínoas con razas de carne: azul belga e á que non queda preñada poñemos Limousin. Estes becerros de cruce precisan algo máis de leite pero o rendemento tamén é maior e deixan un ingreso interesante na explotación: veño vendéndoos con 40 días uns dous ou tres cada mes a unha media de 400 euros.

¿Como vos repartides as tarefas ti e Azucena?
Eu muxo á mañá e e miña muller á noite, e mentres un muxe o outro arranxa camas e arrima comida, fai a mestura e atende aos becerros. Durante o resto do día fanse as labores normais de cambiar as vacas, abonar, manter os cercados, limpar os bebedeiros…etc. Nas camas temos en todas colchoneta de goma, creo que dan menos traballo, e por riba botámoslle unha mestura de carbonato cálcico e serrín, que axuda a encalar as pradeiras.

Temos tamén calidade de vida e un día á semana libramos e de vez en cando collemos 3 días seguidos. Para iso, contratamos un servizo de substitución, neste caso un traballador autónomo, que se encarga de facer os servizos mínimos.

¿E que plans de futuro tedes para a vosa gandería?
No futuro non descarto pasar a ecolóxico, pero para manter a actual cabana gandeira precisaría algo máis de hectáreas. Por iso, aumentar base territorial cerca é algo no que levamos traballando dende que nos incorporamos.

“Libramos un día á semana e de vez en cando collemos tres días seguidos”

Polo demais, tamén teño en mente diversificar, neste caso a través dunha granxa de porcino, que ademais me permitiría prescindir do fertilizante químico para as pradeiras, xa que que o xurro de porco ten un maior contido en fósforo e en potasio.

Aos nosos dous fillos tamén lles gusta a gandería e iso dáche máis ilusión se cabe para seguir mellorando.

Coa túa experiencia, ¿Que leccións tiraches para que funcione ben unha gandería de vacún de leite?
Primeiro, que isto ten que gustarche e hai que ter ilusión, pero tamén tes que ver resultados. Non hai que obsesionarse con investimentos moi grandes. No noso caso, os principais investimentos foron en compra de terras. A ampliación da granxa pagámola en man e o único crédito que teño é de 300 euros ao mes do tractor novo. Tamén aconsellaría non aumentar moito para poder ter tamén tempo libre.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información