“As granxas temos un traballo ben feito, fallaron outros”

Lupe Prado, reelixida recentemente responsable do sector lácteo no Sindicato Labrego, analiza nesta entrevista a situación e perspectivas de futuro das explotacións galegas. “Se queremos vivir do noso traballo, temos que comprometernos en loitar”, valora

“As granxas temos un traballo ben feito, fallaron outros”

Lupe Prado, no Congreso de Leite do Sindicato Labrego, celebrado en Ordes no mes de decembro.

A gandeira vilalbesa Lupe Prado vén de ser reelixida no Congreso de Leite do Sindicato Labrego como responsable do sector na organización. Falamos con ela sobre a situación da produción en Galicia e as perspectivas de futuro. Aténdenos nunha pausa de traballo na súa explotación, unha sociedade que crearon dúas familias hai 11 anos, cando as sociedades agrarias (Sat) aínda eran unha fórmula pouco habitual.

A gandería manexa na actualidade un rabaño de 215 animais, 120 en muxido, e cultiva 122 hectáreas a herba, millo e desde o pasado ano tamén a sorgo. “O sorgo poñémolo como alternativa ó millo. Na nosa zona dáse ben o millo, pero temos o problema do xabarín”, conta.

Comecemos falando da cuestión que vos preocupa sempre ás explotacións, o prezo do leite. Que perspectivas lle vedes para este ano?
– É a pregunta do millón de todas as campañas. Temos uns supostos contratos coas industrias, pero un contrato ten que ser acordado entre dúas partes e a realidade é que máis do 90% dos contratos son imposicións que se asinan forzadamente. Se te negas a asinar, tes enriba unha ameaza de non recollida do leite.

“A especulación goberna o sector. Non sabemos que vai pasar co prezo do leite; na nosa explotación asinamos un contrato de 3 meses que mantén o prezo”

O problema de fondo é que nunca vimos unha Administración que vixilara esta situación. No seu día tiñamos unha Mesa do Leite en Galicia na que industrias, organizacións agrarias e Administración podiamos falar, pero iso desapareceu. Por enriba, a Consellería presume estes días do que subiu o leite no último ano, cando seguimos á cola de España no prezo do leite.

Non sabemos o que vai pasar porque a especulación é a que goberna neste sector. Na nosa explotación, vimos de asinar con Reny un contrato de 3 meses que mantén o prezo, pero dado que o anterior contrato que tiñamos era de 6 meses, hai que pensar que nos reducen o tempo de contrato porque pensan que o leite vai baixar. Se pensaran que vai subir, farían un contrato máis longo.

A cuestión é que a produción está aumentando en toda Europa nos últimos meses, o que fai prever caídas do prezo do leite. Desapareceron as cotas, pero non segue a ser necesario un control da produción?
– Non podemos ter máis produción que consumo porque iso lévanos a crises. Nós apostamos polo control da produción e a regulación de mercados. A política láctea da UE ten que ter en conta ás persoas que hai detrás de cada explotación, que deben poder vivir do seu traballo. Estamos vendo que tras o fin das cotas continúa o peche de explotacións e a desaparición de postos de traballo. Agora que vimos dunha praga de lumes, non está de máis lembrar que os lumes déronse sobre todo onde menos explotacións e actividade rural hai. Somos as granxas, as de leite e as doutros sectores, as que coidamos o medio e fomentamos que haxa vida no rural.

Chama a atención a situación de abandono da terra que se rexistra en moitas comarcas, en tanto a maioría das explotacións lácteas seguen apretadas pola falta de base territorial.
– É unha situación incrible que en pleno século XXI, nunha Galicia desenvolta, sigamos sen resolver a ordenación do territorio. Precisamos políticas que garantan que cada explotación dispoña dunha base territorial equitativa para desenvolver a súa actividade, pero non hai un modelo nin propostas. Correxir o problema da falta de superficie agraria é cuestión de ganas e compromiso. Dísenos que temos que aumentar base territorial para ser competitivos, pero permítese a forestación ilegal de terras agrarias e proxectos mineiros que acaban con explotacións.

“Parcelas agrícolas que nós cultivamos algún día a herba e a millo están agora a eucaliptos. Foron denunciadas pero os eucaliptos seguen aí”

Coa forestación de terras agrarias, na nosa explotación temos casos moi preto. Estamos nunha parroquia que rematou a concentración hai uns 15 anos e parcelas agrícolas que nós cultivamos algún día a herba e a millo están agora con eucaliptos. Esas parcelas están denunciadas, pero os eucaliptos seguen alí, pódense ver. E esta situación dáse igual en moitos outros sitios.

No voso Congreso do Leite, outra cuestión na que apuntastes a necesidade de medidas é a do relevo xeneracional. Que perspectivas vedes no sector?
– Hai explotacións con xente maior que non teñen quen veña detrás. Esa é unha preocupación moi clara e faltan políticas axeitadas para que a xente moza teña ganas de seguir coas explotacións familiares. Teñen que verse políticas favorables ó desenvolvemento do sector.

Volvendo ó tema do prezo do leite, cres que os proxectos cooperativos de Clun e Dairylac e outros de industrias, como o de Goodleit, poden contribuír a darlle máis estabilidade ó sector?
– A realidade é que temos cooperativas que comercializan elas o leite e que lle pagan ás granxas prezos máis baixos. Cando as cooperativas naceron, fixérono cun compromiso e traballo dos gandeiros, pero hoxe en día as cooperativas acabaron sendo unha industria máis, non están dando solucións reais ós problemas do sector.

“O Acordo lácteo foi un documento no que o Goberno lle pide boa vontade ás outras partes, pero nada cambiou”

Deixas poucas vías de esperanza para o sector. Ves algún motivo para o optimismo?
– Hai que dicir que as granxas temos un traballo ben feito, fallaron outros. Se queremos vivir dignamente do noso traballo, temos que poñernos as pilas e comprometernos a loitar polo que é noso.

Ese ambiente de mobilización desapareceu tras a frustración que supuxo para o sector o acordo lácteo do 2015…
– O acordo lácteo, que non asinamos, foi simplemente un documento no que o Goberno lle pide boa vontade ás outras partes. Entretanto, seguimos con contratos que son imposicións e co uso do leite como produto reclamo nas cadeas de distribución. Necesitamos un prezo de referencia do leite, non un prezo fixo, pero si un prezo que teña en conta os custos de produción. Pagar por debaixo dos custos de produción é ilegal pero faise.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información