As granxas galegas poden reclamarlle ata 315 millóns de euros ás industrias lácteas multadas por Competencia

Unións Agrarias iniciará unha campaña informativa entre as ganderías. Poden solicitar unha indemnización tódalos produtores que se mantiñan activos no ano 2000, que eran máis de 31.000

As granxas galegas poden reclamarlle ata 315 millóns de euros ás industrias lácteas multadas por Competencia

Óscar Pose, de Unións Agrarias, en rolda de prensa.

A multa de 80 millóns de euros que a Comisión Nacional de la Competencia lle confirmou este verán a un grupo de industrias lácteas por prácticas ilegais é só o primeiro chanzo dun proceso que se pode dilatar durante anos. Sobre a base da multa de Competencia, que sanciona conductas como pactos entre as industrias para baixar os prezos do leite no campo, as granxas poden, individualmente, reclamarlle indemnizacións ás industrias multadas ás que suministraran leite no periodo 2000 – 2013. Unións Agrarias calcula que en Galicia as granxas poderían demandarlle ás lácteas o pago de 315 millóns de euros.

A organización agraria, que nas últimas semanas está a atender numerosas consultas dos seus afiliados, iniciará unha campaña informativa para explicarlle ás granxas as posibilidades de reclamación que existen. Unións fora no seu día a impulsora da investigación de Competencia que rematou cun grupo de industrias lácteas con sancións millonarias, caso de Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), Lactalis – Puleva, Pascual, Nestlé ou Danone.

“Está demostrado por Competencia que as industrias tiñan acordos para baixar o leite no campo no periodo 2000 – 2013” (Óscar Pose)

Todas estas industrias poden enfrontarse nos próximos anos a reclamacións millonarias por parte dos gandeiros. “Está demostrado por Competencia que estas industrias nos pagaron de menos no periodo 2000 – 2013 porque tiñan acordos para baixar os prezos no campo, así que tódalas granxas que estaban vendendo leite no 2000 – 2001, que eran unhas 31.000 en Galicia, teñen dereito a reclamarlle ás industrias unha indemnización” -explica Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias-. “A parte de a estas industrias, hai outras ás que Competencia non sancionou por estar prescrito o seu caso, pero ás que tamén se lles poderían reclamar cantidades por parte das granxas”.

O importe que poden demandar as ganderías galegas ronda os 315 millóns de euros, segundo Unións, que calcula o dato a partir do total de leite que se lle vendeu a estas industrias no periodo 2000 – 2013, aplicando correccións de prezos do leite en base a factores como a situación de cotizacións nos países de referencia en Europa ou os índices da Interprofesional Láctea. “Estamos falando de preto de 3 céntimos por litro que terían que ter ido para as granxas e que se quedaron as industrias”, sostén Óscar Pose, que hoxe compareceu en rolda de prensa.

As reclamacións poden formularse tanto por parte das granxas que quedan activas en Galicia, algo máis de 7.000, como polas máis de 23.000 que botaron o peche desde o ano 2000. “As ganderías que desapareceron tamén teñen dereito á reclamación. Informaremos tanto ás explotacións activas como as outras a través dos nosos servizos xurídicos. Despois cadaquen que decida o que quere facer e se quere presentar unha reclamación a través nosa ou a través de quen el decida”, sinala Óscar Pose.

Desde Unións advirten de que hai unha serie de bufetes de avogados madrileños que nas últimas semanas están tratando de captar granxas interesadas en presentar reclamacións. “Vemos que non se está dicindo toda a verdade sobre como é o proceso, que será longo, ou sobre as cantidades que se poden reclamar. De aí que vaiamos iniciar nós unha campaña de comunicación ó sector. Por outro lado, non sabemos onde estaban todos estes despachos de avogados cando as industrias nos estaban metendo a man no peto. Fomos desde Unións os que denunciamos o cártel lácteo ante Competencia”, lembra Óscar Pose.

Situación do proceso xudicial con Lactalis

Unións Agrarias mantén unha segunda fronte de reclamación xudicial, neste caso só con Lactalis – Puleva, polo incumprimento dos acordos subscritos en decembro do 2015 entre as cadeas de distribución e os gandeiros. Daquela, as principais cadeas de supermercados comprometéranse a aumentar en 2 céntimos os pagos ás súas industrias proveedoras de leite de marca branca, coa condición de que lle trasladaran ese pago ás granxas.

Desde Unións interpretan que Lactalis quedouse con todos eses cartos, “arredor xa de 5 millóns de euros”, polo que procederon a denunciar no xulgado á industria láctea francesa. O proceso, que se está seguindo no xulgado de Vilalba, está pendente de resolución.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información