Granxa Grixeiras SC, unha nova xeración que quere seguir facendo as cousas ben

Zeltia e Pepe colleron o relevo na gandería Rubén García coa intención de dobrar o número de cabezas en produción pero sen perder a calidade no manexo, o benestar animal e o coidado do medio ambiente que caracterizan a esta explotación do Arneiro, no concello de Cospeito

Zeltia e Pepe diante da nave de produción que queren ampliar

Zeltia e Pepe diante da nave de produción que queren ampliar

Hai un ano que Zeltia González e Pepe García están á fronte da explotación que durante décadas rexentaron Rubén e Mari, agora xubilados. A explotación xa era dos avós de Pepe, que viñeran de Bazar, do veciño concello de Castro de Rei, para o Arneiro en 1967, cando se fixo a colonización, en pleno franquismo, hai xa máis de medio século. Tiña daquela o seu pai, Rubén, 13 anos e cando casou coa súa nai, Mari, que é de Santa Leocadia, continuaron coa granxa, o mesmo que fan agora Pepe e Zeltia. Un relevo natural para unha explotación familiar con futuro que quere seguir medrando “con xeito”.

“Gústame facer os cambios pouco a pouco para ir vendo os resultados”, di Zeltia, que é enxeñeira agrícola

“Temos neste momento 240 cabezas totais, 130 en ordeño, pero imos ampliar para outras 60 vacas máis en produción”, explica Pepe. Para iso contan dobrar a última ampliación feita no ano 2014 para meter outras 50 camas máis. A un veciño que se xubilou, Gandería Ángel, alugáronlle a explotación e a palleira para meter a recría.

As vacas secas están en palla e saen a fóra no verán

As vacas secas están en palla e nos meses do verán saen fóra

“Queremos seguir medrando pero procurando non equivocarnos moito. Eu son menos lanzada ca Pepe, gústame facer as cousas pouco a pouco para ir vendo os resultados”, recoñece Zeltia, que é enxeñeira técnica agrícola. Pepe fixo o ciclo medio en explotacións agrarias e elaboración de produtos lácteos en Castro. Recoñecen que a formación valeulles á hora de poñerse á fronte da explotación, sobre todo, din, para estar abertos a novidades e a introducir cambios cos que ir mellorando.

Levan máis de 30 anos entregando o leite a Danone

Levan 30 anos entregando o leite a Danone, que recoñeceu o seu traballo con dous premios

Contan ademais co asesoramento do Centro Veterinario de Meira, que lles leva o control reprodutivo e de calidade do leite. Están neste momento en 37 litros de produción media por vaca con un 4,10% de graxa e un 3,30% de proteína. O nivel que herdaron non foi nada malo, recoñecen. De feito, levan en Danone máis de 30 anos e levaron xa dous premios a nivel estatal: o premio Medio Ambiente no ano 2011 pola limpeza e a redución do consumo de auga e residuos, e o premio Joven Ganadero que no 2018 Pepe e Zeltia foron recoller a Valencia.

Primeiro parto antes dos dous anos

Alugaron unha nave a un veciño que se xubilou para meter a recría

Alugaron unha nave a un veciño que se xubilou para meter a recría

O control na explotación lévao Zeltia, que é tamén quen insemina. “Só poño algo de seme sexado en novillas en celo visto para poder medrar porque o índice de preñez báixame”, di. Queren poñer identificación. “Penso que o imos notar, porque cos colares detéctanse mellor os celos. Na nave de recría, aínda que a temos ao lado, non se está tanto como na de produción”, recoñece.

Os descartes fainos tras 5 inseminacións. “Despois poño carne porque non me interesa que as fillas herden iso”, razoa. Insemina as becerras aos 13 meses e “logro que case todas estean paridas antes dos dous anos, aínda que sempre hai algunha polo medio que dá a lata”, asegura.

Entre os cambios que están a facer pensan introducir unha amamantadora para liberar traballo e tratar de acelerar o crecimento das becerras de recría. Neste momento fan destete progresivo a partir dos 45 días de vida, que é cando pasan dos boxes individuais a estar en grupo, até os 65 días que é cando deixan de tomar leite definitivamente. “Neses 20 días imos baixándolles progresivamente”, explica Zeltia.

Nas primeirizas respectan un periodo de 56 días de secado e no resto fano selectivo

Tamén son estrictos co tempo de secado. “Nas primeirizas cumprimos o periodo de secado de 56 días. No resto facemos secado selectivo acurtándoo nas vacas de alta produción pero como mínimo todas as vacas están secas un mes”, explica. Durante o verán as vacas saen a fóra durante o periodo de secado.

Van incorporar unha amamantadora para acelerar o crecimento das becerras

Van incorporar unha amamantadora para acelerar o crecimento das becerras

Ademais de aumentar a produción, a ampliación nas instalacións persegue unha mellora medioambiental e do benestar animal. “Danone premia agora máis por iso que por cantidade, dache unha prima en función dos puntos que teñas en benestar animal e paga menos por calidades do leite”, conta Pepe. As vacas en muxidura están en camas de area e as xovencas e as vacas secas en palla para facer esterco para as terras do millo e coa axuda pola incorporación taparon as fosas de purín e fixeron un estercolero.

Maquinaria propia

Contan cun importante parque de maquinaria e fan todos os traballos agás o ensilado

Contan con maquinaria propia e fan todos os traballos agás o ensilado

En Granxa Grixeiras tratan de ser autosuficientes na maioría dos procesos e traballos, facendo na propia explotación tanto a recría como a alimentación. Dispoñen de carro mesturador propio co que fan tres racións diarias distintas (para produción, recría e preparto) e contan cun importante parque de maquinaria para os traballos agrícolas.

“Menos o ensilado, o resto fágoo eu todo”, explica Pepe, que recoñece que “ao ter moita maquinaria lévache moito tempo amortizar certas máquinas pero ten a vantaxe de que fas os traballos cando queres e á túa maneira”.

“O futuro vai cara a agricultura de precisión e os particulares seguramente non teñamos capacidade para chegar a esa maquinaria”

“Por exemplo -di- á hora de sementar o millo fágoo cando quero, teño a máquina desde hai moitos anos e agora xa a teño pagada” e quéixase de que “as empresas de servizos comezan a ter problemas para atopar persoal cualificado e ás veces mándanche xente pouco profesional que contratan para as campañas”.

Das 138 hectáreas que manexan destinan 30 a botar millo para ensilado

Das 138 hectáreas que manexan destinan 30 a botar millo para ensilado

Afirma que “a maquinaria cada vez é máis tecnolóxica e non vale calquera para andar con ela e o futuro vai por aí, polo GPS e os avances na agricultura para sementados de precisión e os particulares seguramente non teñamos capacidade para chegar a esas máquinas pero á hora de lograr forraxes de calidade conséguelo ti mesmo seguramente igual ou mellor que unha empresa de servizos”, opina.

Manexan 138 hectáreas de terreo nun radio de entre 3 e 4 quilómetros e 30 desas hectáreas adícanas á produción de millo. “Non teriamos problemas de terreo nesta zona para poder aumentar”, indica. O Arneiro é ademais unha zona cha con fincas doadas de traballar.

Outro dilema: robots ou sala de muxido nova?

Ao aumentar o número de vacas en produción a sala de muxido de 12 puntos quedoulles pequena

Ao aumentar o número de vacas en produción a sala de muxido de 12 puntos quedoulles pequena

Como moitos outros gandeiros que deciden ampliar, neste momento Granxa Grixeiras atópase ante un dilema motivado polos avances nos sistemas de robotización do muxido e a súa popularización nas explotacións. “Estamos indecisos, temos que valorar ben o que facemos, se una sala nova ou meter robots. Estamos valorando porque o investimento é forte e a decisión non é doada. O gasto na sala de muxido nova e a zona de agarda máis a nave equivalería ao custo de poñer dous robots, pero necesitariamos un robot máis. Agora temos unha sala de 12 puntos e unha zona de espera moi pequena. Temos que muxir entre dúas persoas e lévanos tres horas”, explica Pepe. Con eses tempos non se plantexan pasar de dúas a tres muxiduras, que fan ás 6 da mañán e ás 6 da tarde.

Ademais deles dous, teñen tres empregados

Ademais deles dous, teñen tres empregados para atender as 240 cabezas actuais

Zeltia aclara que se finalmente se decantan polos robots non é para aforrar empregados. “Aínda que metamos robots non queremos baixar aos traballadores, facemos falta todos porque eu non dou atendido a muxir e a todo o papeleo e Pepe non ten moitas veces axuda para o traballo de campo”, explica.

Ademais deles dous, na explotación traballan tres persoas contratadas. “Aquí os traballadores son un máis da familia, almorzamos todos xuntos na casa pola mañán. O que menos tempo leva leva dous anos e o que máis lonxe ten a casa tena a quilómetro e medio. Estamos contentos con eles, son persoas responsables”, di Pepe. Un deles, José, tiña vacas na casa, outro, Adrián, é un rapaz novo e Soumia é de orixe marriquí pero vive en Muimenta. “Se tiveramos a certeza de que seguen tempo con nós igual seguramente non nos meteramos aos robots, pero o persoal é un problema pola inestabilidade”, aclara.

“A obriga de ter que fichar é un problema nas explotacións non por ter que pagar máis senón pola dificultade de axustar os horarios”, recoñece Pepe

A maiores, a actual obriga de control horario engade complicacións á xestión do persoal. “Fichar é un problema nas explotacións pola rixidez que iso supón e a dificultade que hai moitas veces de axustar ben os horarios”, considera Pepe. “Non é un problema de ter que pagarlles máis, aquí se botan máis horas un día págaselles xa ese mesmo día”, engade.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información