Granxa Capador, unha explotación entre xabarís e eucaliptos

A de José Reimonde é a única explotación que queda na parroquia de Vilaouruz, na Pontenova. No ano 2009 fixo unha nave nova na que investiu 250.000 euros e hai tres anos recibiu a distinción de Mestre Criador que outorga Fefriga, pero a principal ameaza para esta granxa de 115 cabezas está na fauna e a flora que a rodea.

Granxa Capador, unha explotación entre xabarís e eucaliptos

José Reimonde, na súa explotación na Pontenova (Lugo).

“Xa só quedo eu”, comeza dicindo José Reimonde Río. A súa explotación, Granxa Capador, é a única que sobrevive na parroquia de Vilaouruz, no concello lucense da Pontenova. “Estes pobos pequenos acábanse porque desde que eu peche, quen vai coidar as fincas que eu coido?”, reflexiona. José ten 59 anos e é un gandeiro de vocación. Na súa casa sempre houbo vacas e foi das primeiras da zona en introducir vacas para a produción de leite. “Lembro que con 13 anos muxía unha vaca pinta á man a mediodía cando viña da escola, faciamos tres ordeños diarios”, di comparando cun modelo que nos últimos anos están a volver a adoptar moitas explotacións en intensivo.

A implantación da empresa Arjeriz na zona, cando o seu fundador, José Rodríguez, instalou unha planta en Reme, no veciño concello de Ribadeo, para recoller leite na Mariña, impulsou o cambio das vacas de carne por frisonas e Granxa Capador foi aumentando o número de cabezas até que no 2009 e con 33 vacas en ordeño, José decidiuse a dar un salto en busca de máis produción coa construción dunha nave nova na que investiu 250.000 euros. “O prezo do leite é cada vez máis reducido e para poder vivir disto hai que ter máis volume e na corte vella non tiña capacidade de medrar máis”, xustifica. Fixo todo novo e sen aproveitar nada da antiga porque “se ampliara a outra todos serían remendos e non sería cómoda para traballar”, di.

“Tiven que deixar de botar millo hai 14 anos porque as perdas eran enormes. Os xabaríns campan as súas anchas, crúzome con eles a diario”

As 115 cabezas que ten agora (70 en ordeño e 45 novillas de recría), aténdeas el só desde que a súa muller, Celia, se xubilou logo dun accidente. Leva tempo buscando contratar un empregado que lle axude e lle permita ter algún descanso pero quéixase de que non dá atopado. “Nesta zona non hai xente nova e menos rapaces aos que lles gusten as vacas, e, por riba, non podes pagar moito, porque o prezo do leite non permite pagar moito, así que é difícil atopar”, explica José. “En Francia ser gandeiro é unha profesión de prestixio, aquí ao contrario, é de desprestixio”, considera.

Di que ganderías como a súa en pequenas parroquias do rural atópanse neste momento con tres problemas fundamentais: “o prezo do leite, que é moi baixo e non permite moita marxe, a falta de man de obra dispoñible e cualificada da que poder botar man para traballar nas explotacións e a presenza do xabaril e os eucaliptos”.

No caso de Granxa Capador este é un factor que ten moita incidencia. “Tiven que deixar de botar millo hai xa 14 anos porque as perdas eran enormes. Ao ser a única gandería da parroquia, cómeche só a ti”, argumenta. Vilaouruz está entre dúas franxas de monte protexidas, así que os xabarís “campan ás súas anchas, crúzome con eles todos os días pola mañá e á noite cando vou muxir no traxecto duns 500 metros que teño entre a casa e a nave”, di. José conta con algo máis de 50 hectáreas de terreo que se viu obrigado a destinar a pradeira “e aínda así tiven que pechar todas as fincas con fio electrificado, porque senón destrózanche tamén os prados, porque chos levantan todos. Imaxínate ti o mantemento de todo ese peche”, reflexiona.

José ten todo a raigrás e sácalle dous cortes de silo e un de herba seca “para que caia a semente para o ano seguinte”, o que fai que non teña que renovar tan a miúdo as pradeiras. Leva tamén un control exhaustivo das malas herbas “para que non se apoderen da pradeira”, con tres controles no ano eliminándoas con sulfato aplicado de xeito selectivo cunha sulfatadora de man.

De pastoreo a intensivo
As vacas de produción están estabuladas e aliméntanse coa ración de mezcla húmida que lle serve diariamente a cooperativa Os Irmandiños. “Fixen a nave con esa intención, porque ao ter falta de man de obra e estar eu só nesta zona, se me rompe un rastrillo non poido ir onde o veciño a pedirllo”, xustifica. A maiores e para tratar de abaratar un pouco a alimentación, suplementa a ración húmida con silo propio de herba. “Cando comecei no 2009 non o facía porque a marxe era maior, pero ao caer o prezo do leite tiven que tratar de reducir os custos de produción”, explica.

“Teño as fincas lonxe da nave, así que ao aumentar cabezas non podía seguir a sacar as vacas aos pastos”

Antes de facer a nave nova José sacaba todos os días a pastoreo as 33 vacas que tiña, “pero tiña as fincas moi lonxe e mandaba moito tempo, así que con máis cabezas iso non o podía facer”, explica. “Se tivera todo ao lado da casa penso que sería máis rendible o pastoreo, pero no meu caso non se adaptaba e aínda que estivese en ecolóxico non me compensaría”, di.

Recoñece que co cambio de modelo de pastoreo a intensivo nos animais que ten en produción “as vacas duran menos”. A media de Granxa Capador é de tres partos. “A min o que me salva é que teño a recría fóra e críoa eu mesmo e sáeme barata”, di, así que, malia o aumento na taxa de reemprazo, considera que saiu gañando co cambio.

“Antes as vacas durábanme o dobre, pero tiña 9.000 litros de media por vaca e ano e agora paso dos 12.000, así que sácolle os mesmos litros a unha vaca agora en tres anos que antes en cinco”, argumenta. E ve outra vantaxe engadida: “sácaslles tamén máis para carne, porque unha vaca de desvelle que non che empreña e que tes que mandar con tres anos sácaslle 1.000 euros, cando unha vaca de máis anos non colle eses quilos e déixache a metade”.

“De momento vaime mellor sacando máis litros en menos anos, porque unha vaca nova sempre dá menos problemas de células somáticas e empreña mellor”, di, aínda que admite que “cada vez empreñan peor porque se lles esixe máis”. “É básico coñecer as vacas para detectar os celos e para ver as enfermidades. Se ves unha vaca coas orellas gachas é que algo lle pasa e se a metes á sala de ordeño xa tes un problema”, afirma.

Mestre Criador

En canto á recría, as xatas si que están todas fóra nos pastos durante todo o ano e veñen para a nave de produción no momento de parir. Nas épocas nas que non hai que comer nos prados levalles silo e herba seca en comedeiros portátiles. Tamén ten bebedeiros nas parcelas con auga de fontes próximas, pero este ano secaron coa seca e tivo que levarlles auga en 4 cisternas de 2.500 litros cada unha. “As novillas é o que máis barato crio”, di José. Ao principio tamén tiña fóra as vacas secas, “pero tiña problemas de mamite entre os meses de xuño e setembro provocados polas moscas, así que agora téñoas na cuadra e bótoas só de noite”, explica.

Xovencas nun dos prados.

Xovencas nun dos prados.

Granxa Capador ostenta desde hai tres anos o título de Mestre Criador que outorga a Federación Frisona Galega. Para José, é un recoñecimento que dá conta da evolución positiva do traballo coa recría na explotación nos últimos anos. Un coidado que traslada tamén ás vacas en produción, posto que considera “imprescindible” un bo manexo de todos os animais para incrementar o seu benestar e rendibilidade.

Nos cubículos José emprega mantas de goma sobre as que bota unha mestura de palla e cal que renova dúas veces ao día para que o lugar de descanso das vacas estea sempre seco e desinfectado. É un traballo que fai ao mesmo tempo que muxe nas dúas horas que lle leva o muxido. A sala de ordeño, con forma de espiña de peixe de 10 puntos, conta con retiradores automáticos, así que José aproveita cando as vacas se están muxindo e deixan os cubículos baleiros para ir repoñendo as camas.

Esta explotación obtivo o ano pasado unha media de 12.027 quilos de leite por animal, cunha media de graxa do 4,61 e de proteína do 3,27. Entrega o leite a Reny Picot, empresa coa que ten contrato, pero José considera que “os contratos non acabaron coa indefensión dos gandeiros, porque os contratos serven unicamente para amarrarnos a nós e que as leiterías teñan garantido o subministro de leite a un prezo baixo”, di.

“Máis que unha lei de montes, tiña que haber unha lei de terras”

José Reimonde na sala de muxido da súa granxa.

José Reimonde na sala de muxido da súa granxa.

Granxa Capador sofre tamén a presión dos eucaliptos. “Ao lado de onde eu fixen a nave nova, hai 30 anos os veciños que deixaron as vacas plantaron as fincas con eucaliptos e eu non os culpo, porque agora xa sacaron dúas cortas e é moito máis do que lles podía ter dado eu en renda”, recoñece José, que reclama da Administración “que fomente as permutas, porque ao mesmo tempo que eles plantaban as súas terras eu tiven que facer prado no medio do monte para gañar unhas 15 hectáreas coas que poder alimentar o meu gando, así que o lóxico tería sido que houbese un programa ao que acollerse para que eu lles cambiase o meu monte polo seu prado sen ter que facer ese dobre cambio de uso”, di.

“Pero agora xa é tarde, porque o desastre está feito e non hai quen amañe isto”, afirma en relación aos incendios forestais e á falta de ordenación do territorio. Por iso, José considera que “máis que unha Lei de Montes o que tiña que haber era unha Lei de terras que as protexa”.

Impostos

José tamén é crítico cos actuais programas de impostos cero no rural. “Aquí vendéronse dúas casas, unha mercouna un inglés e a outra un de Mallorca como residencia de veraneo. Esa xente non vén aguantar o rural, simplemente mercaron as casas pero non as terras e cando eu deixe as vacas ninguén vai coidar das terras do pobo. Eu penso que as axudas que se dan tiñan que estar vinculadas a montar algún tipo de actividade no rural e non simplemente por amañar as casas, porque esas axudas aprovéitaas xente que non ven pisar o campo, que ven simplemente pisar a estrada e as subvencións teñen que ser para quen pise o campo”, argumenta.

Para este gandeiro é ademais “unha contradición” que mentres os seus veciños ingleses e mallorquís pagan “cero impostos”, a el vaille chegar este ano “o catastrazo” resultante da revisión do valor da vivenda e as naves da súa explotación. “Non me chegou aínda o recibo, pero espero máis de 1.000 euros por todo, a casa, a corte vella, o alpendre para a maquinaria e a herba seca e a nave nova. Outro pau moi gordo”, di.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información