Granja San José: ¿Como funciona a gandería con máis vacas de España?

Granja San José é a maior gandaría de vacún de leite de España, cuns 5.500 animais, dos que 3.000 son vacas en muxido, pero a súa previsión é chegar ás 4.500 no ano 2020. Coñecemos esta gandaría familiar nunha visita organizada pola EFA Fonteboa.

Granja San José: ¿Como funciona a gandería con máis vacas de España?

Sala de ordeño de Granja San José, con 80 puntos

Jaume Pont é xerente e copropietario, xunto ao seu irmán José María, de Granja San José, a maior granxa de vacún de leite de España, con 5.500 animais, dos que 3000 son vacas con muxido, pero coa previsión de chegar a 4.500 dentro de dous anos.

Pero lonxe do que poida parecer, non considera que o tamaño determine a rendibilidade dunha gandaría. “Na nosa zona -a comarca do baixo Cinca, na provincia de Huesca- medrar en tamaño axudounos a abaratar custos, pero noutras rexións non ten que por que ser así”, asegura.

E é que para este gandeiro vocacional “o máis importante deste negocio é que che guste e que teñas a mente aberta para aprender dos demais”. Considera que a rendibilidade dunha granxa de vacún de leite vén determinada máis que polo tamaño, porque teñas base territorial para producir forraxes en cantidade e en calidade, por unha boa produtividade por vaca e que contes cunha boa estrutura organizativa”.

Polo demais, este profesional curtido en moitas batallas para tentar organizar aos produtores, quéixase do mesmo que calquera gandeiro con 50 vacas en muxido: o prezo do leite. E tamén apunta á orixe deste problema: “Os gandeiros somos cada vez máis eficientes e producimos máis e mellor, pero a marxe segue quedando na industria, co que non gañas máis”. “E a culpa -subliña- é nosa, porque o sector produtor non está unido e porque non demos o paso de participar no proceso de industrializar o noso leite”.

De 6 vacas en muxido 1961 a 4.500 para o ano 2020

A orixe de Granja San José remóntase ao ano 1951, cando o avó de Jaume trasladouse desde o interior de Lleida a esta zona de Huesca onde comprara leiras en regadío.

Pero non foi ata 1961 cando empezaron con media ducia de vacas, para chegar ao centenar de reses vinte anos máis tarde, uns exemplares que foron importados de Canadá. A finais dos anos 80 os pais e os tíos de Jaume, a segunda xeración, xa roldaban as 500 vacas en muxido e desde entón trazaron o plan de ser competitivos por volume de produción.

“Temos unha sala de muxido que nos permite munguir 4.500 vacas ao día”

Hoxe contan con 3000 vacas adultas, das que 2.500 son vacas en muxido e 400 secas, e 2.500 xovencas. En total, 5.500 animais, o que a converte na granxa de vacún de leite máis grande de España. Producen nada menos que 32 millóns de litros de leite ao ano, cunha media diaria de 41 litros por vaca -14.200 litros por lactación-, en tres muxidos (ás 3:30, ás 11:30 e ás 19:30 horas) e cunhas calidades do 3,65 de graxa e do 3,3 de proteína. A lonxevidade media está nos 3,5 partos, unha cifra elevada para ser unha gandaría altamente intensificada. As vacas en tratamento, e os costros das recén paridas, móxense nunha pequena sala a parte para mellorar a calidade do leite e simplificar o proceso.

Pero a previsión de Granja San José é seguir medrando para chegar ás 4.500 vacas en muxido no ano 2020, para o que xa teñen en marcha as obras dos novos establos. “Fixemos un investimento de 3 millóns de euros nunha sala de muxido rotativa de 80 puntos que inauguramos hai un ano. Pero estamos por baixo da capacidade de muxido da sala, polo que imos seguir incrementando o rabaño”, explica Jaume Pont.

Base territorial

Pero a base da rendibilidade de Granja San José atópase nas 900 hectáreas de regadío coas que contan: 400 en propiedade e 500 alugadas, que teñen previsto aumentar nos próximos anos para acompañar o incremento do rabaño.

“Somos autosuficientes en produción de forraxe para alimentar ao noso gando. Sementamos raigrás, do que facemos tres cortes: un de limpeza en novembro, outro a final de marzo e outro a final de abril. Logramos unhas 45 toneladas de materia húmida por hectárea, o que serían 15 toneladas de materia seca, cun 18% de proteína bruta. Tamén sementamos triticale para ensilar e alfalfa, da que obtemos uns 8 cortes, cun rendemento de máis de 22 toneladas de materia seca por hectárea. En canto ao millo, que sementamos despois do raigráss e do triticale, logramos uns rendementos de 65 toneladas por hectárea, cun 35% de amidón”, explica o xerente de Granxa San José.

A clave destes rendementos espectaculares está no sistema de regadío que utiliza a auga dos encoros dos ríos Cinca e Essera, irrigando unha superficie de 105.000 hectáreas nas provincias de Lleida e Huesca. Iso si, o regadío, de pago, tamén dispara ata os 1.200 euros por hectárea o aluguer das leiras.

 “Somos autosuficientes en produción de forraxe”

En canto á ración, componse para as vacas en muxido de 30 quilos de silo de millo, 10 quilos de silo de raigráss, 4 quilogramos de pastone -que tamén elaboran na granxa- e 9 quilos de concentrado (2 quilos de fariña de millo, 4 quilos de fariña de soia, 2 quilos de melazas e 1 quilogramo de mix proteico e sales minerais).

Para as secas a ración componse de 25 quilogramos de silo de triticale, 3 quilogramos de palla e 1 quilogramos de penso. As vacas agrúpanse por lotes segundo a idade para evitar a competencia entre elas e a tensión.

En total, en Granja San José traballan 60 persoas, cunhas tarefas moi delimitadas e cun sistema de retribución mixto: cunha parte de salario fixa e outra por obxectivos, e a posibilidade de promoción interna segundo a experiencia e capacidades de cada traballador. Para os traballadores de muxido -máis de 25- a xornada é continua.

Maquinaria: Van comprar un tractor de máis de 600 cabalos para aumentar a profundidade de arado

Polo que respecta á maquinaria, en Granja San José cada investimento é analizado para ver se é necesario e rendible, e se suporía un menor custo que contratar a unha empresa de servizos. “Facemos o arado das leiras, o corte da herba ou o esparexido do esterco, pero temos externalizada a sementeira e o picado do millo, porque botamos contas e non nos compensaría ter unha picadora propia polas horas que traballaría. Ademais, as empresas de servizo renovan cada catro ou cinco anos as máquinas, por outras máis eficientes, algo que non fariamos se fose propia porque non a amortizariamos”, explica Jaume Pont. Aínda así, lamenta que “os nosos tractores están parados uns 8 meses ao ano”.

Non obstante, entre as recentes adquisicións de Granxa San José atópanse un tractor Jhon Deere de máis de 600 cabalos de potencia e con tracción de eirugas. “Comprámolo porque nos garante un arado moito máis profundo e solucionar así un problema crecente que temos en xeral na agricultura moderna como é a compactación do solo”, razoa o xerente.

SAN_JOSE_TAMARITE_muxido_1
SAN_JOSE_TAMARITE_muxido_1
Sala de muxido de 80 puntos

Un novo sistema de xestión dos xurros

En canto ao tratamento dos xurros, un dos retos para as granxas de maior tamaño e con sistemas máis intensivos, en Granja San José puxeron en marcha un sistema para aproveitar ao máximo o valor fertilizante das dexecións dos seus máis de 5.000 animais e minimizar o seu impacto ambiental.

Para iso, nunha primeira fase sepárase por un sistema de sedimentación a area procedente do lavado dos corredores do xurro. Esta area, unha vez seca, vólvese utilizar nos cubículos.

Separan o xurro en parte sólida e líquida

A continuación, os xurros, pasan a un separador de sólidos. A parte sólida deposítase para esparexela como fertilizante ou compostala, mentres que a parte líquida, xunto coa auga de choiva que se recolle dos tellados, envíase primeiro a unha fosa de decantación e, posteriormente, a unha inmensa balsa de regadío que se utiliza para a rega do millo no verán, tanto de 900 hectáreas propias como doutras 1.500 dos veciños.

Con esta enorme cantidade de xurros, ¿Preocúpalle a Granja San José a nova normativa do Ministerio sobre a materia?: “En Aragón esta auga reciclada, que tamén utilizamos para lavar os corredores, non se considera xurro, polo que non estamos preocupados pola directiva”, responde Jaume.

Aínda asi, nesta gandaría xa traballaron nun plan alternativo por se se visen prexudicados por cambios lexislativos: “Compostaríamos o esterco e coas augas residuais do xurro produciriamos biogás mediante un biodixestor. Xa realizamos o estudo e sempre atoparemos unha solución”, avanza.

Outro aspecto que chama a atención de Granja San José é que non lle preocupa o ICO das vacas, ata o punto de que descoñece a media do seu rabaño. “Para os acoplamentos miramos soamente os caracteres funcionais: que teñan boa inserción de ubres, boas patas e capacidade de produción”, resume Jaume Pont.

Para as inseminacións con razas de carne, utilizan Azul Belga e cada vez máis Angus, pola súa maior facilidade de parto e prezo similar a outras razas cárnicas. As xovencas preñadas permanecen nun curral cun touro que cobre aquelas en as que a primeira inseminación artificial fallou.

¿Como vende o leite Granja San José?

Vender 110.000 litros ao día, que é o que produce Granja San José, é todo un reto. No seu caso, apostaron por diversificar os compradores e participar na medida do posible no proceso de envasado do leite. “Estamos asociados con outras 6 gandarías de Xirona e somos propietarios do 60% da empresa ATO, que envasa leite para o mercado catalán baixo a marca Natura Llet. Esta marca da nosa propiedade absorbe unha parte da produción, pero a maioría vendémoslla a varias empresas (Pascual, Capsa, Lactoduero ..etc.) e a que non podemos colocar a través de contrato vendémola en cisternas spot, sen prezo acordado”, explica Jaume.

“Debemos participar no proceso industrial para quedarnos algo da marxe”

Con todo, móstrase convencido de que o futuro está en que a industria láctea española aposte por elaborar produtos exportables, como leite en po, queixo ou manteiga, que permitan regular os excedentes de produción. “E sobre todo, porque os gandeiros participemos no proceso industrial, apostando por elaborar produtos de alto valor engadido, cunha vida longa e que se poidan exportar”, subliña.

En canto ao futuro, Jaume Pont recoñece que non lle preocupa o relevo xeracional: “Eu gocei moito con este traballo e gañei ben a vida, e o único que vai garantir o relevo é que o negocio sexa rendible”, confesa.

Entrevistas a Jaume Pont, xerente de Granja San José: “Para ser gandeiro tes que ter a mente aberta”

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información