Goodleit obtén licenza de obras para a súa planta láctea de Curtis

O Concello de Curtis sinala que as previsións apuntan a que a planta comezará a operar a finais de 2018. Destaca que inicialmente a industria terá capacidade para 70.000 toneladas de leite / ano, pero que se ampliará de xeito progresivo ata 450.000 no 2023

Goodleit obtén licenza de obras para a súa planta láctea de Curtis

Deseño coa imaxe que terá a planta cando estea construída.

Goodleit ten desde hoxe licencia de obras do Concello de Curtis para comezar a construír a industria láctea proxectada no polígono industrial de Teixeiro. Esta planta, segundo se anunciou o pasado ano, centrarase na elaboración e comercialización de ingredientes funcionais e nutricionais de alto valor engadido, adicados á industria clínica, dietética, deportiva e infantil, así como á industria agroalimentaria en xeral.

A execución das instalacións, que ocuparán 11 parcelas do polígono, comezará en breve, segundo o Concello, e a previsión é que poidan estar en funcionamento a finais do próximo ano.

A empresa recolle na súa memoria xustificativa a súa intención de investir 70 millóns de euros no proxecto, unha planta de alta tecnoloxía, co obxectivo de captar mercados internacionais moi esixentes en calidade e seguridade alimentarias.
Goodleit avanza tamén nese documento a previsión de crear en tres anos 130 postos de traballo directos. A previsión da planta sitúase en transformar 70 millóns de litros de leite no primeiro ano e acadar de maneira progresiva os 450 millóns (450.000 toneladas) no 2023, segundo sinala o Concello de Curtis en nota de prensa.

A intención de Goodleit de construír a súa planta en fases sucesivas coñeceuse este verán, o que xerou polémica. A industria prevé contar cun departamento propio de I+D e ten previsto colaborar tamén cos Centros Tecnolóxicos de Galicia e as Universidades galegas para proxectos de investigación concretos.

A planta está impulsada por Lácteos Industriais Agrupados (Liasa), unha industria con base na provincia de Guadalajara. Na primavera pasada transcendeu a entrada en Liasa dunha multinacional láctea norteamericana, Richs Products Corporation, con base en Búfalo, no estado de Nova York.

Richs Products ten presenza en 50 países e comercializa un total de 4.000 referencias, tanto de derivados lácteos como doutros produtos alimentarios. A súa facturación sitúase en 3.600 millóns de dólares anuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información