Gastar pouco, producir moito, a fórmula do leite das Azores

Coñecemos como traballan dúas ganderías de pastoreo das illas portuguesas, unha enfocada a altos volumes de produción e outra a calidades

Gastar pouco, producir moito, a fórmula do leite das Azores

Fernando Soares, gandeiro de illa Terceira, nas Azores, co seu rabaño.

Fernando Soares, un gandeiro da illa Terceira (Portugal), pode presumir dunha das ganderías de leite con menores custos e maiores beneficios por vaca das Azores. Ten unha explotación de 32 cabezas que só se alimentan de pasto e de 5 quilos diarios de concentrado, unha dieta coa que logra producións superiores ós 9.000 litros por vaca, polos arredor de 7.000 de media que hai na illa.

A explicación das cifras da gandería de Fernando Soares sitúase na calidade das súas terras, 27 hectáreas de superficie ubicadas nunha zona da illa na que se manteñen os pastos incluso durante o verán, cando o resto de granxas atravesa por dificultades.

Os alugueres de terras nas Azores sitúanse nunha media de 700-800 euros por hectárea

O seu caso exemplifica o modelo da gandería tradicional das Azores, orientado a gastar pouco e producir moito. “Este é o xeito tradicional de producir, coas vacas nos pastos día e noite os 365 días do ano, se ben a maioría das ganderías teñen que suministrar silo de herba cando escasea o pasto, e tamén hai parte das granxas que suministran silo de millo, incluso todo o ano” -explican os técnicos da cooperativa Unicol, á que está asociado Fernando Soares, como a práctica totalidade dos máis de 550 gandeiros de illa Terceira.- “Infelizmente hai unha tendencia a un maior uso de silo de herba e de silo de millo, pero os pastos continúan sendo a base da gandería nas Azores”, conclúen en Unicol.

Vacas do rabaño de Fernando Soares nos pastos.

Vacas do rabaño de Fernando Soares nos pastos.

Arrendamentos
O alto uso de pastos e silos propios reduce os gastos na compra de concentrados e forraxes, pero as contas alimentarias empeoran por un factor crítico nas Azores, a terra. A maioría das ganderías teñen parte das terras en propiedade e outra parte alugada, a uns custos medios que rondan os 700 – 800 euros por hectárea.

“Os arrendamentos son un dos elementos que máis encarecen os custos de produción. Por exemplo, temos na cooperativa unha gandería que ten un custo de alimentación total de 16 céntimos por litro de leite e deses 16 céntimos uns 9 céntimos corresponden a alugueres de terras”, explica Mario Silveira, veterinario de Unicol.

Instalación de muxido móbil que se despraza coas vacas.

Instalación de muxido móbil que se despraza coas vacas.

Manexo das terras
O sistema de alimentación en pastoreo que empregan as granxas das Azores baséase normalmente nunha rotación fixa por parcelas, nas que as vacas adoitan permanecer entre un e dous días, en función do tamaño do rabaño e das parcelas. No caso da granxa de Fernando Soares, a gandería cambia de parcela a diario e emprega unha rotación de 35-40 días. Cando ten excedentes de herba, na primavera, elabora ademais silo para as xovencas.

A rotación das vacas polas parcelas acompáñase dunha instalación móbil de muxido. O equipo de muxido móbil ten a vantaxe de que reduce os desprazamentos das vacas, pero obriga tamén ós gandeiros a traballar á intemperie e en posicións menos ergonómicas.

O leite producido na explotación presenta unhas calidades medias de 3 puntos de graxa e 3,20 de proteína, uns números baixos en graxa que a gandería tratou de equilibrar coa introdución de catro cabezas de jersei no seu rabaño, maioritariamente frisón. Tamén conta cun touro de raza Angus para facer parte das cubricións orientadas á venda de becerros de recría para carne.

Pasto que leva 50 anos sen anovarse, na gandería dos irmáns Evangelho.

Pasto que leva 50 anos sen anovarse, na gandería dos irmáns Evangelho.

Gandería ecolóxica, unha evolución natural

As características da gandería de Fernando Soares, baseada no pastoreo con baixas cargas, levou a que o produtor se interesase por unha evolución cara a gandería ecolóxica, un modelo que están implantando polo de agora nove granxas da cooperativa Unicol, en illa Terceira, e tamén explotacións da cooperativa Unileite, na illa de San Miguel. “É un modelo de produción que non vai ser dominante, pero que gañará espazo entre os consumidores”, pronostican en Unicol.

As ganderías que se suman ó modelo teñen que afrontar maiores custos de produción, pero tamén se benefician dunha suba de ingresos, pois xa na actualidade están cobrando arredor de 10 céntimos máis por litro de leite, uns 36 céntimos no caso dos gandeiros de Unicol, polos arredor de 26,5 que se perciben de media na illa.

Transición
O cambio á gandería ecolóxica obrigaralle a Fernando Soares a mudar algunhas prácticas de manexo, como a xestión dos pastos, que ata este momento adoitaba anovar aproximadamente cada tres anos cunha mestura comercial de sementes. Desde agora, non poderá laborear as terras durante cinco anos pola normativa portuguesa de agricultura ecolóxica.

Luiz e Amaro Evangelho, os primeiros pola esquerda.

Luiz e Amaro Evangelho, os primeiros pola esquerda.

Ese non será problema para outra das explotacións da illa Terceira en fase de transición á gandería ecolóxica, a dos irmáns Amaro e Luiz Evangelho, que conta en parte das súas terras con pastos naturais que levan ata 50 anos sen renovarse. A explotación amósase comprometida cun manexo natural dos pastos, orientado a lograr a súa adaptación ás características do clima e do solo, caracterizado pola súa acidez.

Para lograr unha boa conservación das plantas, a granxa evita ademais facer na primavera un segundo corte tardío de herba nas parcelas destinadas a pastoreo, pois entenden que ese corte “dificultaría a recuperación da herba”.

A gandería dos irmáns Evangelho deseñou un plan anual de pastoreo con rotacións fixas de parcelas cada 45 días. A gandería ten na actualidade 30 vacas en muxido que se alimentan pacendo e tamén de silo de herba cando o pasto escasea. O suplemento de concentrado oscila en función do periodo de lactación dos animais, movéndose entre os 6-7 quilos por vaca e día na fase inicial ata os 2-3 quilos na última fase.

O desprazamento das vacas ós pastos pola estrada é unha estampa habitual nas Azores.

O desprazamento das vacas ós pastos pola estrada é unha estampa habitual nas Azores.

Concentración de partos
A granxa fai unha concentración dos partos no comezo da primavera, en tanto nos meses de xaneiro e febreiro deixa a tódalas vacas secas, que permanecen ese periodo nunhas fincas excluídas do plan anual de pastoreo, o que permite durante eses dous meses a recuperación das terras.

A granxa dos irmáns Evangelho optou por un muxido único ó día e por concentrar os partos

Outro elemento singular que reduce a carga de traballo na gandería é o muxido único, que se fai a primeira hora da mañá. A explotación é consciente de que con ese sistema perde ata un 30% da produción en vacas holstein e un 20% en jersey, pero valora tamén a vantaxe de ter o resto do día sen compromisos ineludibles. A selección de touros de inseminación na gandería faise tendo en conta o índice OAD, un parámetro habitual en Nova Zelanda que indica a perda de produción que terán as vacas cun muxido único.

A granxa presenta unha produción estacional de leite que varía moito en función da calidade dos pastos, desde os 20-25 litros por animal da primavera ós 12-13 litros do verán.

Vaca cruzada da granxa Evangelho.

Vaca cruzada da granxa Evangelho.

Cruces
Os irmáns Evangelho traballan cun sistema de cruces baseado en inseminacións da raza jersey, da holstein e nun touro cruce de holstein e jersey. Con ese manexo, móvense nunhas calidades medias de 3,7 de proteína e 4,2 de graxa, logrando ademais unha maior lonxevidade dos animais no rabaño, cunha taxa de reposición que non supera o 10-15% anual. De cara ó futuro, proxectan quedar sen animais frisóns no rabaño.

Na illa Terceira, a maioría das ganderías traballa con vacas frisonas, se ben tamén hai unha parte das granxas que introduciu o sistema de cruces Procross e outras, como a dos irmáns Evangelho, que deseñaron o seu propio sistema de cruces.

Conversa da expedición galega con gandeiros e técnicos de Unicol.

Conversa da expedición galega con gandeiros e técnicos de Unicol.

Viaxe de gandeiros galegos
Tanto a gandería de Fernando Soares como a dos irmáns Evangelho foron visitadas esta semana por unha vintena de gandeiros galegos, a maioría produtores en ecolóxico ou pastoreo, no marco dunha viaxe formativa organizada por Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza.

Os gandeiros galegos tiveron ocasión de intercambiar experiencias cos gandeiros e técnicos de Unicol, que estaban interesados en coñecer como se facía en Galicia o manexo en ecolóxico en cuestións coma o secado das vacas ou a prevención de hipocalcemias.

Campo Galego acompañou á visita e está a publicar unha serie de reportaxes sobre as ganderías e cooperativas das Azores, un territorio que produce un terzo do leite de Portugal.

Máis información
Azores, paraíso das vacas en pastoreo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información