As ganderías de Xundeva progresan no control de enfermidades

A Agrupación de Defensa Sanitaria, que engloba a un milleiro de explotacións do Deza-Tabeirós, presenta o balance do último exercicio durante os seus XIII Encontros Gandeiros

As ganderías de Xundeva progresan no control de enfermidades

Xundeva celebrou os seus XIII Encontros Gandeiros no auditorio de Lalín.

A Agrupación de Defensa Sanitaria (ADS) Xundeva, que engloba a case un milleiro de explotacións gandeiras das comarcas do Deza e Tabeirós, aproveitou os seus XIII Encontros Gandeiros para presentar o balance do último ano. Os datos revelan que o control de enfermidades na ADS mellora ou mantén números similares ó último exercicio. A coordinadora dos servizos veterinarios da agrupación, Gloria Martínez, apuntou tamén un dos retos pendentes, a mellora dos procesos de desinfección, desinsectación e desratización nas granxas.

O Encontro Gandeiro de Xundeva, que se desenvolveu onte en Lalín co patrocinio de Hipra, contou coa asistencia de arredor dun cento de produtores e técnicos. A cita incluíu unha serie de ponencias técnicas orientadas á prevención e control de axentes infecciosos. A xornada serviu para poñer de manifesto unha conclusión da que os produtores non son sempre conscientes, a prevención é rendible. Aforra perdas en leite que se deixa de producir ou que perde calidade, e evita gastos maiores en animais de descarte ou nos que hai que investir en cuestións veterinarias.

Os mellores datos corresponden ó control do IBR. Só 14 granxas de 972 presentaron positivos

O balance do último ano da ADS Xundeva amosa que a situación sanitaria das granxas é positiva. Os mellores datos corresponderon ó control do IBR, que mellorou no último exercicio. Só 14 granxas dun total de 972 presentaron positivos, en tanto 496 rexistraron o mellor estatus sanitario posible, 90 máis que a anterior campaña.

En Bvd, houbo só 36 granxas que presentaron infeccións, en tanto 754 tiñan o mellor nivel posible. O control do Bvd atópase nun bo nivel, pero o feito de que sexa unha enfermidade altamente contaxiosa fai que a súa evolución sexa variable. Se un ano se producen focos en granxas que non están na ADS, é probable o impacto sobre explotacións do entorno, por moito que teñan maiores medidas de bioseguridade.

A paratuberculose é a enfermidade na que a ADS recoñece máis dificultades de avance, dada a imposibilidade de detectar o problema en animais novos. Xundeva rexistrou 95 casos con positivos, en tanto 482 granxas presentaron o mellor estatus sanitario posible.

“Os gandeiros están cada vez máis concienciados en facer as cousas ben” (Gloria Martínez, Xundeva)

Outro dos campos nos que traballa a ADS é a desparasitación, con case 30.000 animais desparasitados na última campaña. “O balance da situación das granxas é positivo e hai que subliñar que os gandeiros están cada vez máis concienciados en facer as cousas ben. Se por exemplo, unha explotación vai incorporar animais doutra gandería, o normal agora é que nos avise para que lles fagamos as probas ós animais na súa granxa de orixe, a fin de garantir que as vacas que entran na explotación están en bo estado sanitario”, explica a coordinadora dos servizos veterinarios de Xundeva, Gloria Martínez.

Limpeza e desinfección
A parte de bioseguridade que queda por mellorar nas explotacións é a referente ás tarefas de desinfección, desinsectación e desratización. “É a parte que se fai en xeral menos ben”, recoñece Gloria, que expuxo nos Encontros de Xundeva as principais cuestións de hixiene a traballar nas ganderías. Pódense resumir en catro puntos:

Limpeza das instalacións. Se non hai unha axeitada limpeza da granxa, a desinfección da explotación faise imposible. É preciso tanto o coidado das zonas exteriores da gandería como a limpeza do interior, incluíndo teitos, paredes, leitería e zonas de uso dos animais (camas, corredores, comedeiros, bebedeiros, etc.).

Unha boa limpeza inclúe a retirada de materia orgánica en seco, un prelavado, un lavado con deterxente e o aclarado final. O proceso permite rematar con gran parte dos axentes infecciosos que poden estar presentes nunha explotación: “De 50 millóns de bacterías por centímetro cadrado que pode haber antes da limpeza, pódese pasar de media a 100.000 ó rematala, antes de facer a desinfección”, sinala a coordinadora veterinaria de Xundeva.

Desinfección. O rociado cunha solución desinfectante é o punto final das operacións de limpeza e un complemento necesario da desparasitación do gando. Se se desparasita o gando e a hixiene da gandería non é a axeitada, o traballo é en balde.

Control de moscas, que son un axente de estrés para as vacas, a parte de transmitir enfermidades. Unha boa limpeza, unida á ventilación das instalacións, contribúen a evitar a súa presenza. Faise preciso tamén o uso de larvicidas e adulticidas cando corresponda.

Desratización. O ambiente cálido e a dispoñibilidade de comida que hai nos establos son un hábitat propicio para ratas e ratóns, o que fai preciso un bo plan de desratización. E como se lembrou nas xornadas, non se aceptan gatos como axentes de desratización.

Xundeva en cifras

– Xundeva conta con 972 granxas de sete concellos das comarcas de Deza e Tabeirós (Lalín, Vila de Cruces, Rodeiro, Dozón, Agolada, A Estrada e Forcarei). Son 44 menos que o anterior exercicio. A gran maioría das que deixaron a ADS pecharon por xubilación.

– A media de animais sobe en relación á anterior campaña (45,5 no 2017 por 45 do 2016) e a media de reprodutoras tamén ascende (29,7 por 29,2).

– As ganderías asociadas á ADS contan con 25.300 animais de leite, 2.800 de carne e 13.000 de recría. Un dato negativo do balance é que hai 3.000 animais de recría menos que na pasada campaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información