Gandería A Zanca: Un exemplo de produción de leite a baixo custo

Rafael Costa Rodríguez é un gandeiro da parroquia de Doade, en Lalín, que decidiu ir a contracorrente das presións comerciais e apostar por un modelo de producir leite a baixo custo e co mínimo endebedamento

Gandería A Zanca: Un exemplo de produción de leite a baixo custo

Rafael Costa Rodríguez coas súas vacas

Rafael Costa Rodríguez é un gandeiro que vive sen estrés, véselle relaxado e con humor. Na súa parroquia de Doade, en Lalín, son 4 as ganderías que quedan pero a del, Gandería A Zanca, foi a única que decidiu non apostar por un modelo intensivo, con altos investimentos en instalacións e maquinaria. E quizás esa sexa unha das claves de que Rafael viva con menos preocupacións.

“Busco calidade de vida para as miñas vacas pero tamén para min”, subliña este gandeiro que empezou neste sector hai 20 anos, tomando o relevo nunha gandería dun tío seu que contaba daquela con 9 vacas e 70.000 quilos de cota. El viña do sector do transporte por estrada pero quería cambiar por outro oficio que lle permitirá estar máis preto da familia e vivir con menos estrés laboral.

Hoxe a súa gandería, na que tamén está asociada a súa muller, conta con 40 vacas, das que 21 están en muxido, e que manexa en réxime de pastoreo en 68 hectáreas, a metade cedidas ou alugadas. Produce ao ano uns 190.000 litros de leite.

 “Busco calidade de vida para as miñas vacas pero tamén para min”

¿E é posible hoxe que dúas persoas vivan con calidade de vida munguindo 21 vacas? “No noso caso si, e a clave creo que é ter base territorial, coidar as pradeiras para que as vacas teñan pasto de calidade e apostar por razas cruzadas, moito máis resistentes”, explica.

Así, en canto á alimentación, Rafael só sementa millo en 6 hectáreas, as que lle aseguran un maior rendemento e que sofren menos os ataques dos xabaríns. Nas pradeiras sementa unha mestura monofita de festuca, unha especie da que destaca que “se adapta moi ben a esta zona e, sobre todo a partir do segundo ano, rende moito e nótase na produción de leite das vacas”. Iso si, non escatima gastos na semente e fertiliza tanto con xurro como con abono mineral.

As vacas producen unha media de 8.000 litros por lactación con 5 kilos de penso

O rabaño está día e noite nos prados, agás nos meses de inverno, en que permanece estabulado durante a noite. Despois de muxir e antes de saír ao pasto dálles o penso: 5 kilos ao día para as vacas en lactación, punteando para as de alta produción.

A media de lactación en Gandería a Zanca está en algo máis de 8.000 litros que lle vende á cooperativa Hoxe para a elaboración de queixos. O reconto de células somáticas en tanque sitúase en menos 100.000 e as calidades sitúanse nunha media de 3,7 de graxa e 3,3 de proteína.

“A clave para iso foron os cruces, dende que os fago non tiven case mamites no rabaño, e as vacas duran máis porque son máis rústicas”, explica Rafael. Os cruces fainos el mesmo, sen seguir ningún programa, cruzando a Holstein con Parda Suíza, Normanda e Roja Sueca.

“A raza Frisoa é certo que dá moito leite pero en patas é delicada e tamén sole ter problemas de mamite. Pero se a cruzas coas outras razas, que son máis duras de patas logras vacas que pacen moito mellor e prácticamente non provocan gastos veterinarios”, argumenta.

“Cos cruces logro vacas máis resistentes e con menos mamites”

Cunha media que rolda os 6 partos por animal, e empregando seme sexado nas que considera mellores xovencas, Rafael logra tamén un importante ingreso extra pola venda de becerros cruzados. En canto á raza, explica que “insemino sobre todo con Azul Belga, porque a vaca sole parir uns 15 días antes que se a insemino con Limousin, e son moitos litros de leite que perdes e que valen máis que o que podas sacar a maiores polo becerro”.

A terceira pata que explica a rendibilidade desta gandería é o seu ínfimo investimento en maquinaria e instalacións. “A vaca o único que precisa é illala do calor, polo estrés no verán, e que lle torne o aire. Pero vexo xente que fai establos cun investimento enorme en cemento sen necesidade e que acaba traballando para pagar as instalacións. E eu non quero iso, non lle vexo lóxica”, argumenta Rafael.

“Non quero traballar para pagar instalacións e maquinaria”

Así, mantén unhas instalacións moi sinxelas e o sistema de muxido é de 5 puntos, comprado xa hai 15 anos de segunda man. “Prefiro cambiar os puntos que andar movendo as vacas, pode ser algo máis incómodo para a vaca pero dáme moito menos traballo que a sala de muxido e non teño que facer investimento”, explica.

A súa filosofía de pouco investimento e máxima produción tamén a leva á maquinaria: a súa última compra foi unha cisterna para o xurro que mercou hai 15 anos. Completan o parque de maquinaria desta gandería un tractor de 20 anos de antigüidade, unha pala e un carro arrastrado. “Todos os traballos agrícolas contrátoos á cooperativa Campodeza, da que son socio, porque me compensa economicamente. Non compensa, aínda que sexa con axudas, mercar maquinaria que vas empregar moi pouco e que vas tardar moito en amortizar”, engade.

E así é como Rafael Costa e a súa muller conseguen vivir sen estrés con 21 vacas en muxido: “Nós temos calidade de vida, as nosa vacas tamén e practicamente non hai gastos”, resume.

Aposta polos produtos de Proquideza: “Son feitos en Galicia e a súa relación calidade e prezo é moi boa” 

GANDERIA_A_ZANCA_LALIN_1(Nova de empresa) Gandería A Zanca SC aposta tamén polo produto local, feito en Galicia. Así, son os clientes número 2 de Proquideza, unha industria con fábrica en Lalín e que é un referente en España pola calidade dos seus produtos de hixiene gandeira.

“Empezamos a traballar con eles no ano 2000 e seguimos sendo clientes, malia que nos viñeron con ofertas comerciais doutras fábricas. Seguimos con eles porque os seus produtos funcionan moi ben, levan ingredientes naturais que protexen e coidan a pel dos tetos e a relación calidade e prezo está moi ben”, explica Rafael. “A mellor proba é ver os animais, que case non teñen problemas de ubres, e as analíticas de calidade sanitaria do leite”, engade.

Así, a día de hoxe Gandería A Zanca utiliza o xabrón de lavado Bactoclor, un deterxente alcalino clorado en base a hidróxido sódico con 5% de cloro activo. Tamén empregan o sellador Yodostar, un baño de tetos con dúas fontes de iodo que lle confiren una gran capacidade de hixienización, unha de forma inmediata e outra de forma persistente, e que ademais incorpora gran cantidade de emolientes e suavizantes con AloeVera. E por último, usan HYGI-FOAM, unha espuma activa hixienizante para a limpeza do teto antes do muxido.

Una idea sobre “Gandería A Zanca: Un exemplo de produción de leite a baixo custo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información