Gandería Varela, leite de calidade e aforro enerxético

Situada na parroquia de Santa Leocadia, en Castro de Rei, esta explotación, que pasa por ser unha das mellores da provincia de Lugo por produción e calidade do leite, apostou de xeito decidido nos últimos anos pola autosuficiencia enerxética mediante a instalación de placas solares e mesmo dun aeroxerador

Gandería Varela, leite de calidade e aforro enerxético

Gabriel Varela, na súa explotación.

O incremento do prezo da enerxía eléctrica nos últimos anos fixo aumentar de maneira moi importante un dos principais gastos fixos para as explotacións leiteiras, que están a apostar en moitos casos por medidas de aforro enérxético e pola introdución de fontes propias de enerxía como xeito de reducir a factura eléctrica.

É o caso da gandería Varela, situada no concello lucense de Castro de Rei, que pasa por ser unha das que máis investiu nos últimos anos en eficiencia e autosuficiencia enerxética. Os tellados da nave principal están cheos de placas solares, cunha potencia instalada de 50 quilowatios e conta tamén cun pequeno aeroxerador eólico que completa o particular mix enerxético da explotación. Ademais, todo o sistema de iluminación é led e Gabriel Varela Villamide, o seu propietario, móvese nun coche eléctrico que carga cos excedentes que produce a instalación. “Ao prezo que está a luz, hai que tratar de reducir o seu custo como sexa”, di.

A explotación conta con 50 quilowatios instalados en placas solares, así como cun aeroxenerador eólico

Esta aposta decidida polas enerxías renovables ten unha culpable, a súa muller Laura Aldariz, técnica na materia e propietaria dunha empresa deste sector, Tecgal. “Eu son o coelliño de indias”, afirma Gabriel, que explica que o vindeiro proxecto neste campo será o de instalar baterías para almacenar a enerxía producida polas placas solares durante o día para poder usala tamén pola noite. “Agora mesmo as baterías están fóra de prezo, pero como toda esta tecnoloxía, en 2 ou 3 anos serán asequibles”, asegura.

Gabriel afirma que “os investimentos en produción e aforro enerxético páganse sós”, aínda que recoñece que no momento de facer as instalacións hai que acometer un importante desembolso económico. Por exemplo, as primeiras placas solares que instalou, hai xa 12 anos, conectadas á rede e cunha potencia de 20 Kw, custáronlle 120.000 euros, aínda que trátase dunha instalación moi rendible porque as primas á produción de enerxías renovables nese momento eran moi altas. “Eu son dos que gaño cartos coas placas solares, porque collín as primas anteriores. Foi pena non terse decidido nese momento a poñer máis placas, arrisquei pouco”, laméntase agora.

Placas solares e aeroxenerador da explotación.

Placas solares e aeroxenerador da explotación.

Pero a desaparición das primas non o botaron para atrás e no 2017 completou o tellado da nave con máis placas (outros 30 Kw instalados), neste caso en réxime de autoconsumo. “En só unha década a baixada de prezos foi criminal e malia supoñer un terzo máis de potencia instalada que as primeiras, custáronme a metade”, relata.

Cambios na alimentación para aumentar calidades
Gandería Varela pasa tamén por ser case autosuficiente na alimentación. Dispón dunhas 70 hectáreas de superficie nas que produce herba e millo (este ano botou 55 hectáreas) para ensilado, que se almacena na propia explotación, onde se fai tamén a ración diaria cun carro mesturador propio. “Practicamente só mercamos o concentrado, o corrector e a soia, que traemos directamente desde o porto nun camión e almacenamos nuns silos grandes na propia granxa”, explica Gabriel.

Desde hai 5 anos entregan o leite a Entrepinares e fixeron cambios na alimentación para pasar de máis produción a máis calidades. “Hai que ir adaptándose ás demandas e necesidades do comprador”, defende o dono desta explotación, que considera sen embargo que “ao aumentar a calidade as vacas baixan ao leite, polo que aínda non compensa moito ir a calidade en vez de a cantidade, porque a maioría das empresas non valoran de momento o suficiente a calidade”. Neste caso, a media sitúase en 4,40% de graxa e 3,40% de proteína e a produción media está en 40 litros por vaca e día.

A explotación conta con 4 traballadores e destaca pola estabilidade do persoal, cun caso de 12 anos na granxa

Tamén fan con medios propios a maioría dos traballos agrícolas, agás o sementado e recolleita do millo. “Estamos ben equipados en canto a maquinaria e facemos o corte e o ensilado da herba, preparamos as terras do millo e botamos o purín nós mesmos”, explica. Isto tamén fai que as necesidades de man de obra aumenten e na actualidade traballan na explotación Gabriel xunto a catro empregados a tempo completo. “Tiña tres traballadores, pero na última ampliación metín un máis para poder facer os turnos de ordeño e as libranzas das fins de semana. No inverno sobra o tempo, pero nas épocas de laboreo e ensilado fan falla os catro e algún deles leva xa 8 e 12 anos traballando aquí”, explica. 

A comodidade das instalacións e a automatización fai que todos os traballos poidan ser realizados por unha soa persoa. “Buscamos a versatilidade, que todos saibamos facer de todo e normalmente traballamos individualmente. A granxa é cómoda e se hai que cambiar vacas de sitio pode manexalas unha persoa soa perfectamente. Tamén muxe unha persoa soa porque penso que na sala é importante que estea unha persoa soa, funciona mellor e a diferenza en tempo é moi pequena”, opina. A explotación dispón dunha sala de ordeño de 16 puntos (2×8 traseira) e fanse, desde hai xa unha década, 3 muxidos, ás 6 da mañá, ás 2 da tarde e ás 9 da noite. 

Por cada baixada de prezos, unha ampliación
Esta explotación, que até o momento funcionou como unha SAT familiar e a partir de agora pasará a ser unha SL, muxe neste momento 155 vacas dun total de 290 cabezas. A granxa, que era de seus pais, pasou por distintas ampliacións, pero Gabriel aínda lembra “cando na casa había só 8 vacas”. No ano 1981 seu pai fixo a primeira estabulación libre para 25 cabezas e logo para outras 25.

Nesa primeira cuadra está agora a recría. As xatas pasan os dous primeiros días de vida coa nai en parideiras individuais e despois pasan a estas instalacións onde son alimentadas con leite en pó grazas a 4 amamantadoras. Gabriel destaca o feito de ter as crias coa nai durante estes dous días, “algo que case ninguén fai hoxe pero que nós mantemos porque a tranquilidade tanto da nai coma do xato é distinta e penso que dá menos traballo e menos problemas, porque non hai que darlles o calostro e no 90% dos casos maman sós”, di. Transcorridos eses dous días, as nais pasan aos distintos lotes de produción (teñen tres por cuestións de operatividade, pero a alimentación é a mesma para todos os animais).

As xatas pasan os primeiros días coa nai.

As xatas pasan os primeiros días coa nai.

Pero o verdadeiro salto en canto a modernización e tamaño desta explotación produciuse coa construción, no ano 2000, dunha nave nova con 108 cubículos para as vacas en produción, que sufriu xa dúas ampliacións: unha no ano 2012 para 30 animais e outra no 2016 para 70 vacas máis, que non foi aínda completada, dado que na actualidade esta gandería ten aínda cabida para 30 vacas máis nas súas instalacións. “Imos medrando pouco a pouco, porque tamén hai que ir medrando en terras e dependes de que a empresa á que lle entregas asuma ese aumento de produción”, explica Gabriel.

De feito, recoñece que a última das ampliacións das instalacións foi unha decisión arriscada tomada nun momento de pouca demanda de leite e prezos baixos. O mesmo aconteceu coa primeira das ampliacións, a levada a cabo no ano 2012, un momento no que a crise de prezos coincidiu ademais cun momento de altos custos de produción polo aumento do prezo do gasóleo e as forraxes. “A xente dicíame que estaba tolo ampliar”, recoñece. 

“Se cando baixa o leite, eres capaz de investir para medrar, está claro que che irá ben cando repunte o prezo”

Pero Gabriel é unha persoa decidida e seguiu adiante. “Se cando che pagan pouco o leite eres capaz de soster o investimento necesario para medrar, está claro que cando repunte vaiche ir ben”, argumenta. “Isto é algo cíclico, desde pequeno lembro crises e repuntes, aínda que é certo que agora os repuntes son máis comedidos. O prezo do leite vai e vén e volverá a baixar, que a xente non se equivoque”, prognostica.

Gabriel une a esta experiencia (“levo toda a vida no medio das vacas”, di) a súa formación. “Fixen un FP de segundo grao de técnico en explotacións e case acabo peritos, deixeino por pouco, pero esa formación váleme moito”, explica. Por exemplo, para tomar decisións en canto ao manexo dos animais ou mesmo en materia de mellora xenética. “Sempre puxen touros altos en porcentaxe, sempre seleccionei a calidade, e agora desde que entrego a Entrepinares poño máis énfase niso, pero nunca usamos seme sexado e non empregamos tampouco embrións. Non digo que non sexa unha boa ferramenta, pero é unha ferramenta cara. Nós melloramos todo a base de seme bo, o que iamos gastar en embrións gastámolo en mercar seme bo”, aclara.

En canto ao seme sexado, “non temos necesidade de recurrir a el porque temos unha taxa de reemprazo moi baixa, inferior ao 20% e sóbrannos xatas, de feito vendemos en torno a un 30% das que nos nacen con 15 días de vida a outras explotacións e estamos poñendo tamén carne a unha parte das vacas que inseminamos e, aínda así, aumentamos 25 vacas en muxido nos últimos 6 meses sen mercar nada”, explica. As xatas críanse a partir dos 4 meses a base de silo de herba e 1 quilo de soia diaria. “Este ano estou a criar moi barato, pero outros anos hai que mercar algo máis e sae un pouco máis caro”, recoñece Gabriel.

Cama fría de compost, unha novidade en Galicia

Cama fría de compost para as vacas secas.

Cama fría de compost para as vacas secas.

Outra das novidades que esta explotación introduciu este ano ten que ver coa cama empregada para as vacas secas. Se para a recría e as parideiras se usa cama quente de palla e os cubículos dos animais en produción teñen area, desde febreiro están a empregar en preparto cama fría de compost. 

Trátase dunha base de serrín que se fresa todos os días xunto aos excrementos das propias vacas. A mestura resultante é seca e mantén as vacas limpas coa vantaxe de non ter que engadir ningún tipo de material (só se pon unha cuberta inicial duns 10 centímetros de espesor de serrín) nin ter que renovar este, como no caso da palla. Ademais, prodúcese menos purín e afórrase en cemento, porque a cuberta de serrín inicial colócase directamente sobre un chan de terra. 

“A idea deuma o nutrólogo e decidín probar coas vacas secas porque arriscaba pouco e dá resultado. En Galicia non coñezo ningunha explotación que estea a usar este sistema, pero tanto en Estados Unidos como en Cataluña e noutras partes de España xa hai granxas que usan esta cama nas vacas de produción”, explica Gabriel, que considera que “nos animais que están dando leite penso que tamén funcionaría ben, pero no noso caso teriamos que adaptar as instalacións para eliminar os cubículos e precisariamos case o dobre e espazo”.

“É outro sistema distinto, pero o investimento non variaría moito, porque terías que facer unha nave máis grande pero precisarías unha fosa de purín máis pequena e non terías que facer cubículos”, aclara.

image_print

Una idea sobre “Gandería Varela, leite de calidade e aforro enerxético

  1. Xoan

    Unha granxa modélica, e innovadora. As camas frías de serrín van ter efecto na reducción da emisión de amoníaco no interior dos establos. Por outra banda o serrín das camas dos cubículos, acaba na fosa, formando unha costra maior que a natural, o que tamén sería unha boa práctica para reducir as emisións de amoniaco na fosa. Tamen enriqueceríamos en maior medida o contido en materia orgánica no solo (fixación de CO2), outra boa p´ractica agraria interesante de cara a mitigar o cambio climático, e por suposto melloramos a saúde do solo.
    Ollo, estase a vender o tema da biodixestión, do biogas. Temos que pensar que é mellor, alimentar o solo con materia orgánica de calidade, fixando CO2, ou botarlle o dixestato resultate da fermentación anaeróbica, que tería menor valor para o solo, por ter menor materia orgánica, e ademais aumentaría as emisións de amoníaco nun 40%, o que sería unha mala práctica, peor que utilizar o abanico…

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información