Gandería As Travesas: un exemplo de intensificación e de coidado do capital humano

Esta gandería situada no concello coruñés de Carral e con 300 vacas en muxido é un exemplo de aposta pola produción intensiva. Coidan especialmente o benestar animal, pero tamén o dos traballadores. Contamos como traballan

Gandería As Travesas: un exemplo de intensificación e de coidado do capital humano

O equipo de As Travesas Agropecuaria SL

As Travesas Agropecuaria SL é unha gandería situada no concello de Carral, unha das poucas que quedan neste municipio coruñés no que as plantacións de eucalipto foron substituíndo ás pradeiras e aos campos de cultivo.

Tamén é unha das escasas granxas de vacún de leite de Galicia que non é de propiedade familiar, senón que se trata dun investimento empresarial, o que condiciona o seu modelo de xestión, orientado a maximizar o beneficio, e garantir a estabilidade do cadro de persoal.

En concreto, no ano 2005 os irmáns madrileños Secundido e Jesús García Lavín adquiriron esta explotación de vacún de leite á empresa Saprogal. Daquela partiron muxindo 80 vacas e hoxe contan con 300 en muxido, cun total de 550 animais. A limitación da súa base territorial -100 hectáreas, das que 40 son alugadas- fai que aposten por maximizar o aproveitamento das terras.

O millo forraxeiro: a base para abaratar a ración nesta gandería

“Das 100 hectáreas botamos 90 a millo e 10 son pradeiras permanentes con raigrás inglés. Como cultivo de inverno sementamos entre 30 e 50 hectáreas de raigrás italiano”, explica José Vilariño, un mozo gandeiro de Frades que dende hai cinco anos traballa como capataz en As Travesas Agropecuaria SL.

 “Foi adquirida no 2005 por uns empresarios madrileños como un investimento empresarial”

“No millo este ano botamos un ciclo algo máis longo, un 420, cando habitualmente sementamos un 350 e vimos obtendo uns rendementos de entre 40 e 45 toneladas de materia húmida por hectárea, pero esta campaña está a ser excepcional, con máis de 50 toneladas por hectárea”, explica José. A ubicación das fincas, nunha zona alta pero fresca, que recibe todas as noites a humidade do mar, e a boa fertilización tanto con xurro de vacún como cun adubo de liberación lenta -un 33-10-10- favorecen que as colleitas rara vez baixen das 40 toneladas. En canto ás calidades, a materia seca anda sobre o 32% e o amidón sobre o 35%.

En total producen en cada campaña sobre 4000 toneladas de silo de millo, que resultan insuficientes para alimentar á súa cabana gandeira, polo que esta gandería merca unhas 1500 toneladas de millo forraxeiro na comarca de Carral. “O ideal sería ter máis base territorial, pero os propietarios son reticentes a alugar as fincas e a veces prefiren deixalas a monte”, recoñece José Vilariño.

Produción e xenética: Buscando vacas máis lonxevas

O millo forraxeiro constitúe a base da alimentación das vacas en As Travesas Agropecuaria SL.
Así, fan unha ración única para vacas leite con entre 40 e 50 kg de millo, dependendo de se son de primeiro parto ou adultas, e 12 kg de penso. As secas reciben 9 kg de palla e 3 kg de penso.

A cantidade de millo na ración baixa cando meten na mestura silo de herba, do que José Vilariño recoñece que “aínda que é certo que nos permite aumentar un pouco as calidades, sen embargo a produción de leite oscila máis, dependendo do estado do silo e de onde o collamos, que cando só empregamos silo de millo”.

Con esta ración, as vacas de As Travesas Agropecuaria SL producen unha media de entre 37 e 38 litros diarios, a 305 días de lactación. En 2016 foi unha das ganderías de Galicia con maior produción láctea, con 12.417 litros por vaca, e cunhas calidades de 3,55% de graxa e 3,27% de proteína. En total, o ano pasado produciron 3,9 millóns de litros que lle venden a Leite Celta.

 “Non buscamos touros altísimos en tipo, senón touros funcionais”

En canto aos acoplamentos, os touros que buscan nesta gandería teñen que ser positivos en leite e equilibrados no resto de caracteres. “Non buscamos touros altísimos en tipo, senón touros funcionais, para lograr vacas que aguanten na explotación o máximo tempo posible”, subliña José Vilariño.

E é que a lonxevidade das vacas é un dos aspectos nos que máis marxe de mellora ven nesta gandería. “As nosas vacas acadan unha media de 2,3 lactacións, en parte debido a que fomos seleccionando o rabaño nos últimos anos e descartando as menos rendibles, pero o ideal é ir subindo e pasar de 2,5”, explica o responsable de As Travesas Agropecuaria.

Aumentan a produción en torno a un 10% cada ano coa propia recría

Dende hai máis de 5 anos, incluso nas tempadas de prezos baixos, esta gandería non deixou de medrar. “Estamos aumentando produción conforme aumenta a explotación, en torno a un 12% cada ano, ou o que é o mesmo, unhas 35 vacas máis”, explica o capataz desta gandería.

A súa filosofía empresarial é non mercar ningún animal de fóra da explotación, de forma que levan máis de 5 anos sen meter gando de fóra, e aproveitando todas as becerras para recría, de forma que a súa taxa de reposición sitúase nun 35% e nun 20% a porcentaxe de renovación.

Unha estratexia de redución de custos e de busca da rendibilidade nos investimentos que tamén aplican ao parque de maquinaria. Así, esta gandería, malia o seu tamaño conta cun carro mesturador arrastrado e 3 tractores. Unha cisterna, un arado, unha rotativa e un removedor de xurro, completan o parque de maquinaria. “Para a sementeira do millo botamos o xurro, aramos e preparamos o terreo pero nin sementamos nin sulfatamos. E na herba só facemos a sementeira e contratamos a colleita”, resume José Vilariño.

Benestar animal e coidado da recría, aspectos clave para As Travesas Agropecuaria

O benestar animal e o coidado da recría son outros dous aspectos clave nesta gandería. En canto a este segundo aspecto, as becerras toman leite de vaca da pasteurizadora ata os 2 meses, uns 4 litros ata os 7 días que aumentan a 6 litros entre os 7 e os 14 días. A partir de aí pasan a 10 a 12 litros diarios ata os 2 meses.

O destete é progresivo, baixando un litro diario de leite e mantendo as becerras en boxes individuais durante unha semana para que se adapten ao penso e non sufran estrés por competencia. A continuación, pasan a estar en grupo nun curral e ata os 7 meses reciben unha mestura cun 80% de penso e un 20% de palla. Ao final deste período, novamente experimentan unha transición progresiva cara a ración do carro mesturador, con herba, palla, millo e penso. E a partir de que están preñadas, arredor dos 15 meses, pasan a comer a ración das vacas secas.

“A filosofía desta gandería é reducir custos e buscar a máxima rendibilidade”

En canto ao benestar animal, valoran moi positivamente o efecto da cama quente, tanto para as becerras e as xovencas como para as vacas secas. Estas últimas están nunha nave separada, cunha finca arredor, e normalmente paren na palla. Posteriormente, se a vaca é primeiriza, sepárana das vacas adultas en lactación para evitar pelexas e reducir o estrés.

A importancia de coidar o capital humano nunha granxa de vacún de leite

Un operario muxindo

Un operario muxindo

Pero en As Travesas Agropecuaria SL é tan importante coidar o benestar dos animais, como o dos traballadores. Así, as sete persoas asalariadas que traballan nesta gandería (Óscar, Antonio, José Antonio, Áurea, Álvaro, Eduardo e José) libran 1,5 días á semana e desfrutan dun mes de vacacións.

Para lograr isto, o traballo organízase do seguinte xeito: divídense en dous equipos de tres que dende o luns pola tarde ata o venres pola tarde realizan todas as labores da explotación, incluído a limpeza de naves, pero durante a fin de semana realízanse só as tarefas imprescindibles: muxir, coidar dos becerros, facer tratamentos e inseminacións e dar de comer ao gando.

En canto aos traballos, hai tres equipos de 2 persoas que se especializan nunhas tarefas. Así, un equipo muxe, fai cubículos, aplica tratamentos, limpa bebedeiros e atende os cubículos das xovencas. Outro equipo encárgase de atender a nave das vacas secas e do coidado dos becerros. Por último, unha terceira parella é responsable de facer o carro, limpar e manter a maquinaria e limpar os pesebres. José Vilariño é o coordinador e o responsable na toma de decisións, pero bota tamén unha man no que faga falta. O salario é fixo, sen complementos por produtividade.

 José Vilariño: “Creo que o fundamental é facer equipo porque todos somos importantes”

“Creo que o fundamental é facer equipo porque todos somos importantes, dende o que saca o esterco ao que dirixe. É clave que todos nos entendamos, que procuremos ter un bo ambiente e traballo, apoiándonos e falando todo o que haxa que falar”, subliña o capataz de As Travesas Agropecuaria.

O día a día en As Travesas Agropecuaria:

O coidado da recría é clave nesta gandería.

Futuro: Ir a tres muxidos

En canto aos plans de futuro desta gandería, a curto prazo o seu obxectivo é aumentar 50 vacas para ir a 3 muxidos. “Isto é algo que esperamos facer a curto prazo, e permitiríanos incorporar a outro traballador”, asegura José. E por suposto, aumentar a base territorial na medida do posible para producir a máxima cantidade de forraxes propias.

En canto ao resto do sector, o capataz de As Travesas Agropecuaria considera clave coidar ao persoal asalariado nas explotacións, porque da súa estabilidade e do seu compromiso tamén depende a rendibilidade das explotacións lácteas.

“Non podemos ter xente no campo se non a coidamos e a tratamos ben. Debemos procurar ter todos un horario, respectando a nosa hora de entrada e de saída e os días que imos librar. Se a xente non pode ter vida privada á parte da empresa dificilmente se vai quedar a traballar neste sector”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información