Gandería Sola, aposta decidida pola robótica

Javier Marcos e Isabel Martínez son titulares dunha das explotacións máis grandes e mecanizadas da zona occidental de Asturias, limítrofe con Galicia. Tres robots encárganse de muxir as 180 vacas en muxido que teñen neste momento e outro de achegar cada tres horas comida ao gando.

Gandería Sola, aposta decidida pola robótica

Na foto, Javier xunto á súa muller Isabel e ao seu fillo Alejandro.  

Situada na parroquia de Guiar, no concejo asturiano de Vegadeo, as cousas en Casa Sola parecen funcionar coa precisión dunha máquina. E iso malia que falamos de vacas, pero as 330 cabezas totais que hai na explotación estáN adaptadas á perfección ao ritmo diario que marcan os robots que hai na granxa.

Javier e a súa muller decidiron hai 6 anos iniciar un proceso de automatización das instalacións para poder seguir medrando sen aumentar as necesidades de persoal da explotación, que atenden eles dous sós coa axuda dun empregado.

Javier incorporouse no ano 1999, con 19 anos, á explotación familiar, na que os seus pais muxían xa medio cento de vacas. Cunha axuda pola incorporación e un plan de mellora, no ano 2001 construíron un establo novo con 104 camas e 80 cornadizas que desde entón sufriu xa varias ampliacións (a primeira, no 2006, para a recría e a segunda, no 2010, para as vacas secas).

Casa Sola produce unhas 6 toneladas de leite diarias, cunha media de 39 litros por vaca e día. Sen embargo, Javier busca un animal intermedio e funcional que lle dure un maior número de partos e que lle dea os menores problemas posibles na explotación. Nos últimos anos está apostando por poñer toda a xenética americana e con anterioridade, cando facía a recría na casa, puxo embrións a medias con SAT Teixeiro.

Na explotación, os animais están divididos en dous lotes: por un lado están as vacas secas, as primeirizas e as xovencas preñadas que veñen do Rancho Las Nieves, a onde envían a recría, con entre sete e medio e oito meses de xestación. E no segundo lote están as vacas en muxido a partir da segunda lactación e até o momento do secado.

“Os robots supoñen un investimento moi forte, pero aforramos en persoal”

No 2011 instalaron o primeiro robot de ordeño e comezaron a empregalo coas novillas mentras seguían muxindo o resto das produtoras na sala de ordeño convencional. A experiencia convenceunos e en novembro de 2015 instalaron dous robots máis e venderon a sala de ordeño.

“Supón un investimento moi forte, pero aforramos en persoal, cando trouxemos o primeiro fixemos o cálculo e cun leasing a 8 anos saíanos o mesmo custo ao mes que o salario dun obreiro”, xustifica Javier, que gastou uns 340.000 euros nas tres máquinas.

 Javier: “O robot libéranos do que máis ata ao gandeiro á explotación: o muxido”

“Todos os sistemas teñen cousas boas e cousas malas, pero o robot de muxido en explotacións familiares penso que encaixa ben, porque non pide vacacións nin días libres e libera ao gandeiro dun dos procesos que máis ata nunha explotación: o ter que muxir como mínimo dúas veces ao día”, argumenta.

Sen embargo, e aínda que os robots funcionan de maneira autónoma, di que “hai que estar pendente deles porque ás veces paran por algunha circunstancia e cando isto acontece teñen un sistema que te avisa ao móbil”. Como funcionan de maneira continua as 24 horas do día, a demanda das propias vacas, o aviso pode chegar a calquera hora e hai que acudir porque pode ser que haxa unha vaca atrancada, por exemplo.

Coa robotización aumentaron a produción entre un 10 e un 12% e as vacas acoden a muxirse ata 5 veces ao día

Outra das vantaxes que Javier lle atopa aos robots de muxido é que permiten facer máis de dúas muxiduras ao día, o que para Casa Sola supuxo un incremento de produción de entre un 10 e un 12%. “Para animais de alta produción é un bo sistema, porque acoden a muxirse até 4 e 5 veces ao día e isto, ademais de aumentar a súa produción, supón unha vantaxe importante ao ter menos problemas de ubre e de mamite. Isto é algo que tamén pasa coas primeirizas”, explica.

De feito, Javier comezou usando o primeiro dos robots con elas e a experiencia foi moi boa. “Adáptanse moi ben, en só 3 ou 4 días están perfectamente familiarizadas co sistema, o mesmo que se tivesen que adaptarse á sala de muxido”, explica. Durante catro anos compatibilizou o robot para as primeirizas coa sala de muxido para o resto, pero “era complicado”.

Antes de ter os robots Casa Sola levaba dous anos facendo tres muxidos diarios en sala. “Pero o persoal que tiñamos contratado era moi xusto para facer iso e acaba queimándote porque se falla alguén quen acaba pringando es sempre ti”, asegura.

Control individualizado de cada animal

Na actualidade Javier ten os tres robots practicamente a pleno rendemento, cunha media de entre 60 e 65 animais por robot, logo de ir incrementando paulatinamente nos últimos meses o número de vacas en muxidura. Con esa ratio, é capaz de manter unha media de 3 muxidos por vaca e día, aínda que o número de muxiduras varía dependendo de cada animal.

Un colar que leva cada vaca serve para que cada vez que entra a muxirse o robot monitorice os seus datos e a través dunha aplicación Javier poida ver no seu móbil as estatísticas diarias de cada animal. Unha antena ubicada na propia granxa envíalle información cada dúas horas. Inclúe datos sobre arrumia, celo e estado do animal, o que é moi útil por exemplo para detectar animais que están enfermos, aínda que estean no cubículo e non pasen a muxirse.

 O gandeiro recibe no móbil estatísticas diarias de cada animal

O sistema analiza mesmo datos sobre os niveis transformación de enerxía de cada animal ou as súas células somáticas e permítelle tamén facer variación de parámetros en cuestións como a cantidade de concentrado que toma cada animal mentres se está a muxir, dependendo da súa produción ou do seu estado de xestación de cara a momentos como o do secado.

“É unha boa ferramenta para seguir o día a día da granxa e axúdache a tomar decisións”, recoñece Javier, que fai un balance positivo da automatización. “Estamos moi contentos e seguimos vendo melloría cada día que pasa”, di.

O robot para arrimar a comida permite aumentar a inxesta diaria

Na granxa contan tamén cun robot para arrimar alimento ao gando. É autónomo e realiza as tarefas en función das rutas e a periodicidade que Javier lle marca. Teno programado para que faga unha pasada cada tres horas, de maneira que hai alimento fresco para os animais tanto de día coma de noite, o que aumenta o seu nivel de inxesta diaria.

Cada vez que se pon en marcha realiza un pitido que serve ao mesmo tempo de reclamo para as vacas, que acostuman responder á chamada facendo un achegamento ao pesebre para comer. Unha vez que realiza a pasada correspondente o robot regresa á súa base, onde recarga as baterías eléctricas que emprega para os desprazamentos.

Vacas no robot de muxido de Casa Sola

Vacas no robot de muxido de Casa Sola

Externalizar os procesos de alimentación, recría e tratamento do purín

Tamén co obxectivo de reducir necesidades de persoal e optimizar o espazo dispoñible nas instalacións, Casa Sola decidiu externalizar algúns procesos. Por exemplo, até 2008 Javier facía o ensilado na explotación e viña un carro mesturador de Central Lechera Asturiana a facerlle a ración diaria.

Pero a partir dese ano pasouse ao servizo de subministro de mistura húmida da cooperativa Os Irmandiños, un servizo co que Central Lechera non conta.

“O sistema de mestura húmida de Os Irmandiños foi unha solución idónea para nós”

“Para nós foi unha boa solución polas propias características que ten a explotación. Non fomos capaces de ir aumentando a base territorial ao mesmo ritmo que o número de cabezas, así que temos un déficit importante de superficie agraria. Manexamos unhas 44 hectáreas, das que só 32 son aptas para botar millo pola propia orografía da zona, e ademais unha parte desas fincas están moi distantes, algunhas delas situadas a 20 quilómetros da granxa”, asegura.

“Así que, por un lado, xa tiñamos que mercar forraxes e ensilado para varios meses do ano, porque o que produciamos non nos chegaba, e, por outro, ao estar unha parte desas fincas tan distantes, a súa xestión non era doada e supoñíanos grandes esforzos. Desta maneira, cedemos o terreo a Irmandiños, eles encárganse de todo o proceso e sérvennos diariamente o alimento para o gando e iso permítenos adicarnos en exclusiva á granxa”, explica Javier.

Están barallando volver facer a recría na casa porque cos robots dispoñen de máis tempo

En 2012 comezaron tamén a enviar a recría ao Rancho Las Nieves, en Zaragoza. Tomaron a decisión para liberar espazo na explotación e poder adicala integramente a vacas en produción. Pero neste momento está repensando esa decisión. “Na alimentación non temos moita alternativa, pero na recría si, e estamos barallando volver facela na casa”, recoñece.

As 130 xatas de media que ten en Zaragoza e polas que paga cada mes supóñenlle un gasto importante. “Os robots permítenme ter tempo para atendelas eu e tería que facer pouco investimento, porque teño a granxa antiga e ademais poderían estar fóra boa parte do ano”, di.

Tratamento do xurro: 1,5 euros por tonelada

Outro dos procesos que Casa Sola está a piques de externalizar é o do tratamento do purín. “O purín é un tema que nos dá moita guerra, así que decidimos envialo á nova planta de biogás que se acaba de construír en Navia”, conta Javier. A planta, que copia instalacións similares existentes en Dinamarca, pertence a Biogastur, na que Central Lechera ten un 25% do capital.

De momento, enviou algún viaxe de proba, o que o obrigou por exemplo a prescindir da area nas camas das vacas porque a planta non a admite, pero en 2018 os sete millóns de litros de purín que xera ao ano a explotación de Javier e Isabel serán tratados nesta planta. Pagarán 1,5 euros por tonelada de purín enviado.

“Os excesos de produción non traen nada bo”

Casa Sola é socia e unha das fundatoras de Central Lechera Asturiana

Casa Sola é socia e unha das fundadoras de Central Lechera Asturiana

Javier é socio de Central Lechera Asturiana e desde o ano 2013 é tamén membro da Xunta Rectora da cooperativa, da que seu pai, Manuel Marcos, foi socio fundador.

“Envexo moitas cousas aos galegos -recoñece-, porque penso que Asturias non ten nin a sombra de potencial para facer leite que hai en Galicia e mesmo creo que en Galicia hai máis relevo xeracional que nas granxas asturianas”. “Pero temos unha gran vantaxe: ter unha empresa seria de transformación de base cooperativa, os gandeiros asturianos somos uns privilexiados nese aspecto”, di.

Central Lechera ten máis de 6.000 socios, aínda que o número de gandeiros en activo foise reducindo nos últimos anos até os 1.200 socios que ten na actualidade entregando leite. Javier afirma ademais que a alianza entre Central Lechera e Capsa, onde Central Lechera ten o 81% do capital, é “positiva” e a estratexia de buscar mercados fóra para exportar “atinada”. En relación á implantación en Galicia, considera que “Larsa vai coma un tiro”.

 “A gran vantaxe dos gandeiros asturianos fronte aos galegos é que temos unha gran industria láctea cooperativa”

Recoñece que, como gandeiro, ter o respaldo dunha cooperativa como Central Lechera Asturiana “é unha garantía e aporta estabilidade de prezos” pero insiste en que “a evolución do sector depende tamén moito de nós mesmos, dos que producimos, porque os excesos de produción non traen nada bo”.

“Desde a miña incorporación levamos gastados 40 millóns das antigas pesetas en mercar cota e acabei de pagala o mesmo ano que desaparecía”, explica. Por iso aposta por moderar os aumentos de produción. “Temos que autolimitarnos”, di.

Porén, non teme a competencia do leite de fóra. “Co fin das cotas pensamos que ía haber unha inundación de leite no mercado e non foi así, porque o leite non se produce tan fácil”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información