Gandería Sebastián SC: As vantaxes de traballar con herba fresca en pesebre

Esta gandería en intensivo do concello coruñés de Irixoa e con 110 vacas en muxido traballa dende hai 3 anos coa herba fresca en pesebre. Contamos as vantaxes deste sistema

Gandería Sebastián SC: As vantaxes de traballar con herba fresca en pesebre

Vacas de Gandería Sebastian, en Irixoa

Gandería Sebastián SC é unha granxa de vacún de leite peculiar: As súas instalacións e o seu tamaño son os dunha moderna granxa en intensivo, con 110 vacas en muxido e estabuladas, pero a alimentación das vacas segue sendo a de antano: a base sobre todo de herba que se corta no prado e se lle dá en fresco aos animais. As vantaxes, segundo os seus propietarios, son múltiples: Menor custo da ración, maior lonxevidade das vacas, un leite con maiores propiedades saudables, e tamén maior tranquilidade para os gandeiros.

Para comprender como chegaron a este punto, que para moitos lectores lles parecerá unha involución, falamos con Alberto Quintián García, que no ano 2000 decidiu incorporarse á gandería familiar dos seus pais, Raimundo e Ana.

“Esta gandería remóntase ao meu bisavó, Sebastián, e eu incorporeime no ano 2000. Partíamos dun establo antigo, que se fora ampliando, e no que daquela contabamos con 50 vacas en muxido e unha base territorial de 30 hectáreas. A alimentación era en base a silo de herba en bolos. Pero queríamos seguir medrando e foi así como no ano 2012 construímos o novo establo, con capacidade para 150 vacas en muxido, fomos ampliando a base territorial ata as 80 hectáreas e subimos ata as 110 vacas en muxido. E como non, decidimos cambiar a alimentación e empezar a cultivar millo forraxeiro”, explica Alberto.

Un cambio do silo de millo á herba fresca obrigado polos ataques dos xabaríns aos cultivos

Ata aquí este proceso de crecemento é o mesmo que o de miles de granxas de vacún de leite: Intensificación e silo de millo como forraxe principal. Pero non contaban cun obstáculo imprevisto: “Os xabaríns estragábannos ano tras ano as fincas de millo, xa dende a sementeira, obrigándonos a plantar de novo. Era un non durmir e perdas continuas, malia que lle poñíamos peche eléctrico, pero nin así”, relata.

Isto foi o que levou hai tres anos a Gandería Sebastián SC a cambiar de raíz o seu sistema de alimentación, o principal capitulo de gasto dunha granxa de vacún de leite, con ao redor do 60% do gasto total.

“Pasamos a alimentar as vacas con herba fresca, que cortamos no prado e lles damos no pesebre despois de mesturala no carro co penso e con maior ou menor cantidade de silo de herba, segundo a época. Mantemos este sistema case todo o ano, agás dous ou tres meses nos que non hai herba nos prados e dámoslles só silo de herba. Para o cambio contamos co asesoramento do noso nutrólogo, Miguel Abelleira, e tamén de Xan Pouliquen, con quen fixen o curso de Método Obsalim, o que me permite observando as bostas das vacas, variar a porcentaxe de fariña de millo e de colza do penso para balancear a ración”, explica Alberto.

¿Satisfeitos con este cambio? “Coa herba fresca a granxa é moito máis rendible que con silo de millo. É un recurso moi barato, que funciona moi ben e en Galicia nesta zona temos moi boas condicións para a produción de herba”, responde sen dubidar.

Como é a ración das vacas ao longo do ano?

A ración das vacas de Gandería Sebastián SC está no prado case os 365 días do ano e a comida é fresca, fresca. “Saio case todos os días ás 9 da mañá co tractor e co autocargador -un moderno remolque con capacidade para 50 metros cúbicos-, sego a herba no prado e descárgoa sobre as 11 da mañá. Ven o carro da cooperativa Cusoviame e fai a ración, que lle voulle arrimando ao longo do día”, explica Alberto.

En función do tipo de herba -unhas fincas teñen máis trevo que outras, e polo tanto máis proteína no pasto- e da época do ano van engadindo maior ou menor cantidade de silo de herba, que recollen na primavera, e varían a cantidade e a composición do penso.

“En primavera este ano traballamos só con herba verde, chegando ata os 90 kilos de herba húmida, e penso, unha ración coa que acadamos unha produción media de 35 litros por vaca”, explica.

Segundo vai indo a menos a herba fresca incorporan na ración silo de herba ata chegar a ración coa que pasan o verán as vacas en produción: 30 kg de herba fresca, 30 kg de silo herba, 10,5 kilos de concentrado e 2 kilos de melaza

“Con esta ración conseguimos producir unha media de 38 litros por vaca un par de meses, co cal chegamos á conclusión que a mestura de herba fresca, máis silo de herba no carro mesturador dálle mellor palatabilidade, grazas ao silo, e moita dixestibilidade, grazas á herba fresca, e ademáis gañamos en estabilidade ruminal”, explica Alberto.

No que tamén axustan a ración segundo a dispoñibilidade de herba verde é no penso: En primavera meten na ración uns 10 quilos por vaca e cando non hai herba verde sobe a 12 kilos. Iso si, trátase dun penso só a base de fariña de millo (un 70%), case un 30% de fariña de colza e minerais. As porcentaxes varían arredor dun 10% segundo a herba teña máis ou menos proteína.

Na ración tamén inclúen melaza, sobre todo na primavera, para equilibrar a proteína que aporta o trevo dos prados.

Alberto diante da súa gandería

Alberto diante da súa gandería

Que cambios experimentaron coa herba verde?

-Mantívose a produción e a carga gandeira:

Un dos temores de Alberto e dos seus pais é que co paso a herba fresca baixaría a produción. “É un mito, as vacas producen practicamente o mesmo e duran máis, co que as lactacións vitalícias son maiores”, subliña.

Os datos de Control Leiteiro para Gandería Sebastián SC son que no 2017 produciu unha media de 9.564 litros por vaca, cun 4,67% de graxa e un 3,01 de proteína, segundo a memoria de Africor Coruña.

“E este ano chegamos a 35 litros de media diaria na primavera en dous muxidos, subimos a 38 no verán, e agora estamos nuns 34, cunha media de 3,2% de proteína e 4,1% de graxa, se ben é certo que na primavera baixou a graxa e as calidades foron 3,4 e 3,6%”, recoñece Alberto.

O leite, arredor de 1,3 millóns de litros que producen ao ano, véndenllo a CAPSA- Peñasanta. A súa calidade hixiénico sanitaria está no top de Galicia, con menos de 100.000 RCS en tanque, algo que Alberto atribúe tanto á xenética como ás camas de area.

-Mellorou a lonxevidade e o estado sanitario do rabaño:

“Partimos dunha media hai tres anos de 2,3 partos por vaca e hoxe estamos en 2,7 e imos subindo”, resume este gandeiro.

-Baixou o custo de alimentación:

A redución do custo de alimentación foi un dos aspectos que máis notaron a final de mes nesta gandería. “Co cambio a herba fresca estamos nun custo de 2,80 euros por vaca e día, cando só estamos con herba verde e penso, e en 3,90 cando non hai pasto e só as alimentamos con silo de herba e penso, incluíndo nestas cifras os gastos do concentrado”, destaca.

-Descendeu a taxa de reposición:

Actualmente Gandería Sebastián SC conta con 210 animais, dos que 110 son vacas en muxido e o resto secas e xovencas. Precisamente, co cambio de silo de millo a herba fresca unha das mellorías que notaron foi a maior lonxevidade e, consecuentemente, a menor necesidade de reposición, o segundo capítulo de gasto dunha gandería de vacún de leite. “Pasamos dunha taxa de reposición do 32% hai tres anos a estar este ano no 19%, e iso permítenos tamén vender moita xovenca para a recría”, subliña Alberto.

As xatas son inseminadas con seme sexado e pairen a unha media de 24 meses. Para os acoplamentos empregan seme de Xenética Fontao e nos touros miran fundamentalmente os caracteres de patas, células somáticos e que sexan positivos en calidades. “No caso das células somáticas é un traballo de selección xenética que se nota cos anos”, puntualiza Alberto.

-Mellora o perfil de ácidos graxos do leite:

Tal e como se conclúe nun estudo realizado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) no que participou esta gandería “o leite procedente das dietas que inclúen herba verde mostran unha composición de ácidos graxos trans C18:1 máis saudábel comparada coa das dietas que utilizan masivamente ensilado de millo e concentrado enriquecido con aceite de liño”. É dicir, o leite procedente de vacas alimentadas con herba verde en pesebre é máis saudable.

Ademais, Gandería Sebastián SC é unha das 10 granxas galegas de vacún de leite que participan no proxecto europeo “Dairy For Future”, unha iniciativa financiada polo Arco Atlántico e na que participan entidades de Galicia -entre elas o CIAM-, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e País Vasco, co obxectivo de mellorar a sustentabilidade medioambiental das ganderías de vacún de leite.

¿Como manexan as pradeiras?

Nesta granxa o principal activo está nas pradeiras, a súa fonte de alimentación prioritaria. O proceso comeza coa sementeira, na que empregan unha mestura de Fertiprado con raigrás inglés (arredor dun 50%), raigrás híbrido (30%) e un 20% de trevos, principalmente trevo branco. “É unha mestura que se adapta moi ben á nosa zona e permítenos sacar unha herba con calidades. No caso do silo de herba este ano chegamos a un 17% de proteína bruta e non ía nas mellores condicións porque coa choiva da primavera encamou nalgunhas zonas”, explica Alberto.

Non renovan as pradeiras, “agás a renovación que fan os xabaríns”, bromea. Se o ano ben moi seco fan unha resementeira superficial no mes de setembro, simplemente esparexendo a semente polo prado e logo botando xurro por riba.

“Se se bota o xurro que se recomenda, non hai problemas co trevo”

Para evitar que se perda o trevo procuran respectar as doses recomendadas de aporte de nitróxeno. “En cada corta botamos un máximo de 30.000 litros de xurro por hectárea e desta forma o trevo aguanta. A maiores, en cada corta de primavera tamén botamos entre 200 e 300 kilos de NAC por ha”, explica.

Con este sistema en Gandería Sebastián logran unha media anual de 7 cortes de herba fresca por parcela, sobre todo na primavera. Iso nas parcelas máis cercanas á explotación, para aforrar custos, mentres que nas que deixan para ensilar acadan unha media de 4 cortes de herba. Para este proceso de ensilado si que contratan servizos de maquinaria, mentres que o resto dos traballos fanos eles.

A maquinaria coa que contan nesta explotación é un tractor con segadora frontal, autocargador, cuba e unha pala mixta, que como recoñece Alberto “foi unha boa compra porque fai moitos traballos”. Tamén conservan o vello Massey Ferguson da familia que segue traballando como un reloxo arrimando a comida.

Outras pequenas innovacións de Gandería Sebastián SC:

-Cama quente de serrín para as vacas secas:

En Gandería Sebastián SC empregan cama quente de serraduras para as vacas secas. “Ata hai dous anos tiñamos as secas xuntas coas xovencas próximas ao parto, pero as cousas non ían ben. Por iso, habilitamos este espazo con cama quente de serrín e decidimos apartar para aquí as secas e funciona de marabilla para mellorar o estado dos cascos e solucionar problemas de úlceras..etc”, destaca Alberto.

-Cobren o silo con terra:

Nesta gandería tamén cobren os silos de herba cunha capa de terra para mellorar a conservación e evitar problemas de furados. “Tivemos problemas de mala conservación porque o raposo rachábanos seguido a lona da cuberta e tamén porque quencía a mestura. Pero nunha visita vimos outra granxa que empregaba este sistema de cubrir o silo con terra e acabáronse os problemas dos furados e logo co ácido fórmico resolvemos tamén o do quecemento da ración”, explica Alberto.

-Estrutura de metal da granxa:

O establo está construído cunha estrutura de ferro, á que lle ven máis vantaxes que o formigón, xa que “saíunos daquela mellor de prezo, gañamos máis altura e é moito máis fácil á hora de facer ampliacións”.

A cuberta é de panel sandwich, un sistema illante que lles axuda a paliar o estrés por calor no verán.

-Separación en lotes de alta e de baixa produción:

As vacas en muxido están separadas en dous lotes: de alta e de baixa produción. Destacan que deste xeito “aforramos moito en penso e as vacas non engordan tanto cando están dando menos leite, co que tamén nos evitamos moitos problemas de fertilidade e no parto”.

Cortando a herba na primavera

Cambios de cara o futuro

De cara ao futuro en Gandería Sebastián SC o cambio máis urxente é construír silos de formigón canto antes. A medio prazo outros obxectivos que marcan é mellorar a eficiencia para producir máis litros con herba verde e aumentar a base territorial para baixar a actual carga gandeira das 2,7 UGM por hectárea a 2. “Isto permitiríanos ser totalmente autosuficientes en forraxes”, asegura Alberto, aínda que recoñece que “non é fácil, porque nesta zona hai moita presión das plantacións de eucalipto”.

Na actualidade das 80 hectáreas coas que conta esta explotación só 15 son en propiedade, e todo o resto en aluguer, a un prezo medio duns 220 euros por hectárea.

¿Volverían cultivar millo forraxeiro se puideran? “Se tivera base territorial abondo non botaría millo porque as vacas van mellor coa herba verde. Na situación actual si que sementaría algo de millo se non tivéramos o problema do xabarín, porque non me chega a comida con esta base territorial que teño”, conclúe Alberto.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información