Gandería SAT Iglesias: Un modelo de eficiencia en vacún de leite e de relevo xeracional

Esta gandería de A Baña (A Coruña) é un referente en eficiencia en vacún de leite, cunha media de 42 litros por vaca en dous muxidos e menos 130.000 RCS. A familia Iglesias-Tojo é tamén un exemplo de relevo xeracional entre pais e fillo. Contamos como traballan

Gandería SAT Iglesias: Un modelo de eficiencia en vacún de leite e de relevo xeracional

De esquerda a dereita: Manuel, Alonso, Rufina, Cándido e Ana

Gandería SAT Iglesias, situada na parroquia de Cabanas, no concello coruñés da Baña, é un modelo de eficiencia e benestar animal en vacún de leite en intensivo. Os datos así o corroboran: Durante os dous últimos anos esta gandería rexistrou unha media de 42 litros por vaca e día en 2 muxidos e lactacións vitalicias por riba dos 48.000 litros.

“Para que unha vaca produza moito ten que estar aburrida; é dicir, ter tranquilidade e estabilidade. Aí é cando expresa todo o seu potencial xenético”, explica Alonso José Iglesias Tojo, un gandeiro vocacional, fillo e sucesor de Cándido Iglesias Turnes e de Rufina Tojo Botana, dous gandeiros de referencia na provincia da Coruña.

Pasillos anchos e boa ventilación

Alonso incorporouse no ano 1999 e recoñece que o seu primeiro obxectivo foi mellorar o benestar das vacas. “Cando vin para aquí o primeiro polo que loitei foi por darlle altura e claridade ás naves, abrir o establo para que houbera máis ventilación porque daquela había a falsa crenza de que as vacas tiñan frío. Tamén para que os pasillos fosen anchos, de 4 ou 5 metros, co fin de que as vacas circulen e as dominantes non sometan ás outras. Fixen dúas viaxes a Canadá e a Estados Unidos no 2008 e no 2009 e aí comprobei como as naves eran abertas, moi ventiladas e con moita claridade, malia estar en Wisconsin, un estado con moito frío no inverno”, explica.

Agora mesmo en SAT Iglesias contan con 215 animais: 130 vacas adultas, das que unhas 120 están en muxido que o ano pasado produciron 1,8 millóns de litros de leite, e 95 xovencas. Ademais de Alonso, nesta granxa traballan dous empregados: Ana e Manuel.

Base territorial: A principal limitación para medrar

Cabanas é unha parroquia con moita tradición gandeira e 4 explotacións dimensionadas e profesionais grazas a que nos anos 60 xa se fixeron as concentracións parcelarias.

No caso de SAT Iglesias conta con 65 hectáreas de base territorial, das que 13 son en propiedade e 52 en aluguer, a un prezo medio de 275 euros. A superficie agrícola que queda é escasa e sen posibilidade a medio prazo de aumentala, polo que nesta gandería non se plantean aumentar a cabana gandeira, senón en mellorar a rendibilidade vía mellora xenética e benestar animal.

Unha situación que, como conta Alonso, frea o potencial de crecemento que ten o sector lácteo galego: “Andiven vendo explotacións noutros países e aí é onde ves a singularidade de Galicia. Por exemplo, no 2007 viaxei a Canadá e unha granxa de 70 vacas contaba daquela con 200 ou 300 hectáreas de base territorial, polo que eran prácticamente autosuficientes en comida para o gando. No 2015 fun a Bretaña e vías moitas explotacións con 100 ou 200 hectáreas, e fincas de 10 e 15 hectáreas e alugueiros a 150 euros a hectárea, algo impensable aquí, o que nos obriga a ser máis competitivos vía alta produción das vacas e menores custes laborais”.

“O que isto nos indica é que en Galicia hai extraordinarios gandeiros con granxas que non lle envexan nada en eficiencia ás máis punteiras do mundo. O que nos faltan son os medios: base territorial e que estea preto da explotación”, reflexiona.

Cortan o millo a 50 centímetros de altura para mellor as calidades do silo

En canto á xestión da súa base territorial, en SAT Iglesias sementan unhas 35 hectáreas a millo forraxeiro, que rotan con raigrás híbrido como cultivo de inverno. E outras 30 hectáreas a pradeira permanente de raigrás inglés, que pasan a millo cada certos anos.

Unha das súas claves para mellorar a calidade das forraxes é , no caso do millo, cortalo alto, a 50 ou 60 cm do chan. As razóns explícaas Alonso: “Levamos varios veráns secos, co que esa parte de abaixo é sobre todo lignina, e ademais sole estar contaminada por terra, polo que se temos falta de fibra na ración preferimos meter algo palla. Deste xeito, cortando máis alto o millo, conseguimos que o silo tamén teña maiores calidades e dixestibilidade”. As calidades adoitan estar nun 35% de materia seca e nun 35% de amidón.

Analizando o rendementos das parcelas, solen estar nunha media de entre 38 e 40 toneladas de materia húmida por hectárea, para ciclos 300 ou 350.

Polo que respecta á herba, no primeiro corte roldan entre un 28% e un 30% de materia seca e entre un 17 e un 18% de proteína; no segundo sitúanse nun 33% e nun 15% e no terceiro, que destinan para alimentar as xovencas, baixan as calidades a un 14% de proteína e aproximadamente un 40% de materia seca.

En SAT Iglesias fan eles unha parte dos traballos agrícolas e tamén teñen carro propio, despois de estar 10 anos nunha CUMA que ao final deixou de funcionar por seren poucas ganderías e ter un custe de mantemento moi alto.

Ademais, agora mesmo esta gandería participa nun estudo da Cooperativa Agraria Provincial (CAP) da Coruña para pesar toda a comida e optimizar o custe das forraxes.

Gandería SAT Iglesias en imaxes:

Producir 42 litros por vaca cun custe de alimentación de 5,2 euros.

“Ata hai nada, que nos subiu a colza, o noso custe de alimentación estaba nuns 5,2 euros por vaca e día, para lograr unha produción media de 42 litros de leite en dous muxidos, cun 3,65% de graxa e un 3,30% de proteína, e menos de 130.000 células somáticas”, adianta Alonso.

Así, a ración das vacas en produción consta de 14 kg de silo de herba, 28 de silo de silo de millo, 0,5 kg de palla, sobre 7,75 kg de núcleo (fariña de millo e correctores), 5,75 kg de fariña de colza e 7 kg de bagazo de cervexa. “Son uns 63 kg de comida en materia fresca, e entre 25 e 26 kg de materia seca, as vacas son de alta produción e nótase no consumo de comida, que é alto”, recoñece.

En canto ao bagazo, destaca que “achega un pouco de humidade á ración, liga ben a comida, co que as vacas seleccionan menos, e dálle máis apetencia, sobre todo no verán”. “Por outra parte, supón meter outro tipo de proteína, co que diversificamos a alimentación”, engade.

No millo e na colza empregan materias primas que veñen do porto, cun custo máis barato: “O núcleo de millo, que llo mercamos a Progando, estámolo pagando a 230 euros máis IVE a tonelada, e a colza, que mercamos a través da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, tamén nos sae nuns 224 euros máis o IVE, aínda que agora a colza subiu uns 40 euros a toneladas”.

As xovencas aliméntanas con silo de herba para que non engorden e cheguen mellor ao parto

“Levamos uns 4 anos utilizando esta materia prima de proteína en exclusiva e logramos abaratar bastante o concentrado, ao suprimir pasos intermedios ao traela directamente dende o porto. Sobre o paso da soia á colza, non notamos diferencia, nin na produción nin na fertilidade, e cunha diferencia de prezo notable”, destaca Alonso.

Para as vacas secas a ración consta de palla de avea, 2,5 kilos de fariña de millo e outros 2,5 kg de fariña de colza. E para as xovencas, dende o destete aos 2 meses ata os 4 meses están a penso e palla de avea; dos 4 aos 8 comen a mezcla da ración unifeed das vacas e a partir de aí fáiselles un carro para elas, que consiste en 4 kilos de palla, 15 kg de silo de herba, 1,5 kg de fariña de millo, e 2,5 kg de fariña de colza. “Esta ración permite que as xovencas non engorden de máis e cheguen mellor ao parto, e dependendo da calidade de proteína do silo de herba sobes ou non o penso”, asegura este gandeiro.

Media de 3,5 partos e máis de 48.000 litros de lactación vitalicia

A lonxevidade das vacas é un dos aspectos que máis preocupa en SAT Iglesias. Están nuns datos bastante altos para unha gandería en estabulación: unha media de 3,5 partos por vaca e máis de 48.000 litros de produción vitalicia, segundo os datos dos dous últimos anos. “Creo que aí está a clave da rendibilidade dunha granxa: intentar que as vacas duren o máximo posible sendo produtivas”, subliña Alonso.

En canto aos acoplamentos, para os touros miran sobre todo o índice GTPI. “Utilizamos touros xenómicos tanto nas xovencas como nas vacas: no caso das novelas os máis punteiros e seme sexado, e nas vacas empregamos xenómicos convencionais que teñan unha alta fertilidade”, explica.

Os caracteres que máis teñen en conta en SAT Iglesias son vida produtiva, baixas células somáticas, alta taxa de preñez das fillas, sen esquecer a morfoloxía (ubres e patas). Neste sentido, Alonso recoñece que “me fixo bastante nos caracteres secundarios de lonxevidade, taxa de fertilidade das fillas, RCS ..”.

”Sei -aclara- que son caracteres con baixa herdabilidade, e que dependen moito do manexo, pero son moi crente da xenética e á larga estou vendo os resultados, a base de ser constante nos criterios dos acoplamentos durante varios anos. Todas as vacas trátanse igual, pero unhas teñen máis lonxevidade, máis produción e menos células somáticas que outras, e aí é onde entra a xenética”.

“Esta é unha granxa volcada cara a produción e teño un rabaño homoxéneo, con 82 puntos de media, 13.300 litros de media en Control Leiteiro, un ICO de 2.350 e en xeral estou bastante satisfeito coa súa rendibilidade”, subliña.

De cara ao futuro, gustaríalle empezar a ter en conta outros caracteres dos touros como que produzan leite A2A2 ou fillas que nazan sen cornos.

Xenotipan as becerras e inseminan un 50% do rabaño con raza Angus

Por outra parte, dende hai un ano están a facer xenotipado en todas as xatas, para empregar seme sexado nas mellores, e nas peores empregan seme convencional e incluso razas cárnicas. “Temos neste momento moita recría e podémolo facer. Aínda é cedo para ver os resultados, pero confiamos en que permita mellorar a xenética do rabaño nuns anos”, asegura.

Inseminan con carne o 50% dos animais da granxa, “fundamentalmente porque non queremos medrar, e prefiro criar menos animais, que sexan máis produtivos e duren máis”. “Agora mesmo -engade- quizás tiñamos demasiados animais, e como non estamos sobrados nin de comida nin de sitio preferimos ter menos”.

Traballan dende hai 4 anos como raza cárnica coa Angus, da que destaca que “é unha raza que se ben a cría non a solen valorar tanto como as de cruce con Limousin ou con Rubia Galega, sen embargo as xestacións duran menos que coas outras razas cárnicas e os partos son máis fáciles, con crías de menos tamaño que tamén lle tiran menos das reservas á vaca”.

Futuro: Ir a 3 muxidos e mellorar a calidade de vida

En canto aos plans para o futuro, recoñece que “sempre se pode mellorar todo o que sexa cow confort”. Así, o ano pasado instalaron un sistema de ventilación e este ano teñen previsto instalar máis ventiladores para reducir o estrés por calor, que considera que cada vez aféctalle máis no verán ás vacas, sobre todo ás de alta produción.

Polo que respecta ao tamaño, Alonso asegura que “non vou aumentar porque aquí é difícil incrementar a base territorial e non quero medrar sen terra”. O que si están valorando é instalar 2 robots, se non dan conseguido máis man de obra, para ir a 3 muxidos. “Sería bo para esta granxa muxir 3 veces ao día, pero para unha gandería de tamaño pequeno como esta suporía que os tería que facer unha soa persoa e sería un sacrificio moi grande, tanto para os empregados como para nós, sobre todo nas campañas do millo ou da herba”, explica. “Por tanto, -engade- só iría a 3 muxidos instalando robots, aínda que económicamente é máis rendible a sala, pois ten menos custe de adquisición, de mantemento, e tamén menos gasto de alimentación”.

“En definitiva, o noso obxectivo é que as vacas produzan o máximo leite posible durante o máximo tempo, e para iso queremos seguir sendo moi eficientes”, conclúe.

Cándido Iglesias Turnes: “Unha granxa non ten futuro se o gandeiro quere manter o control da explotación ata o final e non pasarllo aos fillos”

Alonso cos seus pais: Rufina e Cándido

Alonso cos seus pais: Rufina e Cándido

Falamos con Cándido Iglesias Turnes, que xunto á súa dona, Rufina Tojo Botana, foron pioneiros e protagonistas da modernización do sector lácteo en Galicia, ata convertelo no motor económico do rural galego.

¿Como foron os teus primeiros comezos na gandería de vacún de leite?
Son dunha casa na que eramos 5 fillos e eu quedei na casa, aínda que son o segundo irmán máis novo da familia. A finais do 1968 comecei na gandería e no 70 casei con Rufina, que procede de Oroso. Non tiña outra noción do campo que o sistema tradicional, polo que ao volver da mili e apunteime ao plan do IRIDA en Negreira e fixen un cursiño de formación agrogandeira grazas ao que comecei a ter un mínimo coñecemento de abonos, de maquinaria agrícola…; en definitiva, do que é a agricultura e a gandería moderna.

“Construír a explotación fóra da aldea foi das mellores decisións que tomamos”

No ano 1972 comprei con dous primos un tractor e no 1974 construímos nós mesmos o primeiro establo na aldea. Fixemos a nave nós para 11 vacas estabuladas, pero con saída ao pasto, e con muxido en caldeiras. Pero necesitabamos aumentar porque tiñamos dous fillos e eramos novos.

Na parroquia había pequenas explotacións en toda a aldea, era un minifundio total, de forma que de 60 veciños o 90% tiñamos vacas. No 1986 vimos que para medrar a explotación na aldea era moi difícil, polo que viñemos para unha finca de 5 hectáreas que tiñamos no monte, froito da concentración parcelaria do 1964, e fixemos unha nave para 40 vacas, en estabulación libre pero con saída ao pasto, e sala de muxido de espiña de peixe. Foi das mellores decisións que tomamos, por hixiene e porque na aldea non había para onde medrar.

Coincidiu que na Oficina de Extensión Agraria de Negreira había técnicos de moita valía en asesoramento en asesoramento e axudáronnos moito a medrar.

No 1999 o noso fillo Alonso estaba estudando en Lugo agrónomos pero decidiu volver para a granxa para continuar. Constituímos unha SAT, formada por el e por nós. Foi entón cando decidimos ampliar a nave para 57 cabezas, no 2011 fixemos outra ampliación para 89 e no 2015 fixemos outra para 115 cornadizas e 140 cubículos. Ademais, no 2002 fixemos a nave das xovencas.

¿A parcelaria foi clave para que se manteña a gandería nesta aldea?
A parcelaria da terra laborable en Cabanas realizouse no ano 1962 e a do monte no 64 e iso foi o éxito para que a día de hoxe haxa explotacións gandeiras competitivas nesta parroquia. Todo veu de aí. As pistas seguen sendo as daquela, con 4 metros de ancho, e quizás habería que ir a outra nova concentración.

¿Fostes dos primeiros en incorporar xenética Frisona?
Si, pero a mellora xenética que fixemos foi a golpe de inseminar. Mercamos vacas de alta produción procedentes de Alemaña, pero os cubículos e as infraestruturas dos establos que tiñamos non eran as axeitadas e fracasaban. A mellora que fixemos foi a base de inseminar, falabamos dos touros como das mozas ja ja.

A miña conclusión é que o éxito dunha explotación está no gandeiro, no benestar animal e nunha boa alimentación.

¿Que vos gustou máis da vosa vida de gandeiros?
Traballouse moito, pero somos de moita vocación: Rufina ten unha capacidade de traballo enorme e eu participei tamén na fundación da Asociación Nacional Frisona, fun fundador tamén de Afriga, de Fefriga e de Africor Coruña.

 “O sindicalismo foi unha ferramenta fundamental para defender os intereses dos gandeiros”

Tamén son socio fundador do Sindicato Labrego Galego,e creo que o sindicalismo foi unha ferramenta fundamental para defender os intereses dos gandeiros ante a cota empresarial, as sancións pola cota láctea..etc. Agora estou participando na organización dunha asociación de xubilados do SLG.

Ademais, teño o título de xuíz gandeiro e recoñezo que a morfoloxía encántame, así como asistir aos concursos. Por outra parte, sempre fun algo morriñas, polo que sempre pensei que non había que saír de Galicia para ser alguén.

¿Insistíronlle a Alonso para que quedara na explotación?
Non o queríamos na casa pero non houbo maneira. Ata que foi estudar a Santiago e logo a Lugo non se apaixonou pola gandería, se ben é certo que axudaba e ía aos concursos. Pero insistíamoslle que antes de vir aquí primeiro tiña que ter unha boa formación, porque tes moita presión comercial e se non tes un bo criterio pódenche vender de todo.

¿Como foi o relevo? ¿Deixáronlle poder de decisión?
Desde logo que houbo discrepancias entre nós, sobre todo ao comezo. Pero os avances para que a explotación estea onde está foron grazas ás súas decisións.

O gandeiro que se agarre ao poder nunha gandería e non deixe tomar o relevo aos fillos fará que a granxa sexa un proxecto unipersoal, e non haberá continuidade, polo que pechará con el.

¿Como levades a xubilación?
Dende o ano 1970 non sabemos o que é coller unha semana libre. A primeira semana espertaba ás 6:30 e doíame de que Alonso fora facer o primeiro muxido e non axudarlle. Pero á segunda semana xa fun máis práctico e asumín que estaba xubilado que a miña vida de gandeiro rematara, polo que tiña que desfrutar do descanso.
`
Sigo vindo por aquí á mañá e á tarde, para mirar as vacas, mirar algo no ordenador e pasar o tempo. Pero facemos viaxes, este ano imos ir ás viaxes do INSERSO e sempre vou o fin de semana ao fútbol e pola semana ás partidas de dominó. Axúdolle a Alonso se o precisa de forma puntual, pero o meu compromiso laboral rematou.

Alonso: “Os meus pais teñen unha mentalidade moi avanzada e deixáronme poder de decisión pero a condición de que traballase”

E ti Alonso, ¿por que decidiches volver para continuar coa gandería dos pais?
Fun estudar peritos a Lugo pero vin que aquilo non era o meu e vía que se non volvía para a granxa ía perder o paso de facela avanzar para seguir sendo punteira. Tiven moita sorte de que o meu pai ten unha mentalidade moi aberta. É certo que tivemos choques, porque eu volvín para a explotación con 23 aos e el aínda estaba na flor da vida, con 49 anos.

Tanto o meu pai como a miña nai teñen unha mentalidade moi avanzada e iso foi moi importante. E aínda que non querían que volvese para a granxa, cando viron que non facía parvadas e que as cousas ían ben déronme marxe para decidir, aínda que sempre consultei e consulto con eles as decisións. Sempre me axudaron moitísimo e estoulles moi agradecido.

“Hai que incidir sobre todo na alimentación e no confort das vacas, porque é aí de onde sae o leite e a rendibilidade”

Tamén destacaría que os meus pais déronme a capacidade de decisión pero tamén a responsabilidade de facer o traballo, de muxir e atender o gando. E penso que iso é clave.

En canto á formación, gran parte do que aprendín foi lendo, estou subscrito a varias revistas, sobre todo americanas. Ao meu pai gustáballe moito o tipo das vacas e os concursos, pero eu céntrome máis na produción e na vida produtiva das vacas, aínda que sen descoidar a morfoloxía, sobre todo ubre e patas. Creo que hai que incidir sobre todo na alimentación e no confort das vacas, porque é aí de onde sae o leite e a rendibilidade.

Finalmente quería darlle as grazas a Manolo e a Ana como actuais traballadores da granxa, e a Pepe, que tamén o fixo. Sen eles SAT Iglesias non sería o que é.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información