Gandería Rey de Miñotelo: competindo na Champions League

Aos seus 25 anos, José Alberto Iglesia Vila sabe xa o que é competir coas súas vacas en concursos a nivel internacional. En 2017 logrou en Italia o título de segundo mellor criador europeo de tenreiras e xovencas para a súa explotación do concello lucense da Pastoriza.

Gandería Rey de Miñotelo: competindo na Champions League

José Alberto en su ganadería.

A gandería Rey, ubicada no lugar de Miñotelo, na parroquia de Aguarda, é unha SAT familiar que conta na actualidade con 230 cabezas, das que a metade son vacas en muxidura. É unha das habituais dos podiums de concursos como o de Muimenta, Silleda ou Xixón, aos que o pai de Alberto, José, comezou a ir nos anos 90. Pero foi Alberto quen colleu o relevo máis en serio a partir do ano 2004, ampliando fronteiras e colleitando recoñecementos en distintos puntos de Europa.

En 2016 unha vaca desta granxa do concello lucense da Pastoriza (Rey 547 Sonrisa Sid) participou na Confrontación Europea de raza holstein celebrada no mes de xuño na localidade francesa de Colmar, sendo seleccionada por Conafe entre as 14 mellores vacas de España para formar parte do seu equipo para participar nesta especie de campionato europeo bovino de seleccións. E este pasado ano, no mes de febreiro, sete animais desta explotación da Terra Chá, 5 xovencas e 2 vacas en lactación, viaxaron á localidade italiana de Montichiari para participar no 16 European Open Holstein Show. Foi a única explotación galega que enviou animais a este concurso, un dos máis importantes dos que se celebran anualmente en Europa.

Nesta especie de Champions League gandeira, Rey de Miñotelo obtivo o título de segundo mellor criador europeo de tenreiras e xovencas, un galardón que avala a súa aposta pola mellora constante da súa cabana e o seu traballo neste campo. Alberto recoñece a súa satisfacción por ver nestes concursos internacionais animais da súa explotación ao lado doutros procedentes das granxas máis prestixiosas do Estado español, como Badiola ou Ponderosa.

“Participar en concursos aporta prestixio e ademais permíteche ver que estás na liña correcta”

“Aporta prestixio e ademais permíteche ver que estás na liña correcta”, di. Defende que “unha vez que chegas a un determinado nivel, hai que ir fóra, viaxar a Europa para poder comparar os teus animais cos mellores do mundo para ver realmente en que punto estás, porque aquí temos moito nivel, pero por aí adiante, en Italia, Francia, Suíza ou Alemaña, tamén”, explica.

Nesta granxa da Pastoriza fan a recría na casa e crían o 100% dos animais nados na explotación. Os machos véndenos a outras granxas que queren progresar desde o punto de vista da xenética. En torno a 15 animais ao ano saen de Rey de Miñotelo cara outras explotacións con esta finalidade. Tamén embrións e algún que outro excedente de xatas, aínda que poucos, porque esta explotación medrou bastante nos últimos anos (uns 50 animais desde 2007) e fíxoo practicamente sen mercar nada. “Podemos comprar 1 ou 2 animais ao ano en subastas de elite, pero non por necesidade de reposición, senón para mellorar, para facernos con vacas de familias importantes que teñan potencial para concurso”, explica Alberto.

O 60% das xovencas da explotación son inseminadas con embrións

Tamén mercan algún embrión de EEUU e Canadá e deste xeito lograron que nesta parroquia pastoricense haxa animais descendentes das mellores familias de vacas do mundo, como Apple, Chieff Adeen, Laury Sheik ou Aero Flower, liñaxe, por exemplo, da que Rey de Miñotelo conta con 20 descendentes.

Nesta granxa traballan con embrións desde o ano 2008 e implántanos habitualmente en xovencas “por temas de facilidade no manexo e tamén porque a garantía de éxito é maior en xovencas”, conta Alberto. O 60% das novelas da explotación son inseminadas con embrións, uns 30 ao ano, todos con seme sexado no primeiro intento, igual que nas mellores vacas, onde a primeira inseminación tamén é sempre con seme sexado. Fronte á tendencia actual, en Rey de Miñotelo prefiren seleccionar a tipo moito máis que a xenómica.

Vacas de concurso da gandería Rey

Vacas de concurso da gandería Rey

Sonrisa, a estrela da granxa

Os 115 animais en muxido están divididos en tres lotes. Nun están as recén paridas, noutro o resto de vacas en produción e nun terceiro, separadas nun espazo máis amplo, sen cubículos e con cama de serrín, as vacas de concurso.

Normalmente, esta suit é ocupada por Sonrisa, a vaca estrela da granxa, cun palmarés que inclúe gran vaca campioa nos últimos 4 anos na Moexmu, onde Rey de Miñotelo foi declarado varios anos mellor criador do concurso.

Pero a mellora experimentada nos últimos anos fai que a competencia para Sonrisa aumente dentro da propia explotación. O ano pasado outras tres compañeiras de establo recibiron premio: Abby foi declarada tenreira campioa de España, Martita subcampioa e Negara campioa de Galicia. Así que neste momento Sonrisa comparte privilexios con Roxie e Yudi.

Alberto está metido de cheo no mundo dos concursos e fixo xa a cuarta escola de xuíz, pero non ten iso como meta prioritaria. “Gústame, pero non sei se vou ser xuíz, eu fágoo por aprender”, xustifica.

Autosuficientes na alimentación

Rey de Miñotelo entrega a Larsa de xeito ininterrompido desde o ano 1997, cando aínda estaban no establo vello, onde collían 30 vacas. No ano 2000 facían a nova nave, no 2007 a primeira ampliación e dobraban o número de cabezas e desde entón incrementaron medio cento de animais máis. Alberto incorporouse cando se acababa de facer a última ampliación, con 18 anos, e despois de acabar o ciclo medio de Técnico en Explotacións Agrarias Extensivas que se imparte en Castro de Rei. A granxa aténdena el, o seu pai, José, a súa nai, Elvira, e un empregado. O seu irmán Esteban aínda está estudando pero bota unha man de vez en cando.

A media de produción da explotación é de 36 litros por vaca e día en dous muxidos, efectuados nunha sala en forma de espiña de peixe de 2×5 puntos. Alberto cre que o “o futuro do sector nun mundo sen cotas ten riscos porque o prezo vai ser máis ou menos o que hai agora, así que hai que tentar ser moi eficientes para reducir custos”. En Rey de Miñotelo fan todo eles, tanto as labores na granxa como os procesos de produción de forraxe, ensilado e alimentación, agás a colleitadora do millo e a herba, que contratan. Para o resto de traballos, teñen maquinaria propia.

“Hai que tentar ser moi eficientes para reducir custos”

Manexan unha superficie de 70 hectáreas, das que botan a millo a metade. Unha gran parte do terreo é en propiedade e a finca máis afastada da explotación está a unha distancia de 2 quilómetros. A ración diaria consiste en 32 quilos de ensilado de millo, 13 de ensilado de herba e 10,5 de penso. “Non mercamos alfalfa nin ningunha outra cousa, somos practicamente autosuficientes na alimentación e iso hoxe é unha garantía, porque coa marxe tan pequena por litro de leite entre os custos de produción e os de venda non podes depender dos altibaixos no custo da forraxe”, explica Alberto.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información