Gandería Quinteiro, como traballa a xenética unha granxa do top-20 galego en morfoloxía

A explotación, ubicada en Bermés (Lalín), acadou no último ano unha calificación de 83,9 puntos, a terceira da provincia de Pontevedra. A súa media de calidades dos últimos 12 meses foi do 4,11 de graxa e 3,53 de proteína

Gandería Quinteiro, como traballa a xenética unha granxa do top-20 galego en morfoloxía

José Luis Méijome Blanco compatibiliza a xestión da gandería co seu traballo como técnico de Africor.

A Gandería Quinteiro, en Bermés (Lalín), é unha explotación familiar dunhas 40-45 vacas en muxido que destaca polo nivel xenético do seu rabaño. De sempre, na granxa gustaron as vacas con boa morfoloxía e nos últimos 6 anos a explotación mantense cunha cualificación morfolóxica media por riba de 83 puntos, situándose no Top-20 galego e como terceira da provincia de Pontevedra no 2017, con 83,9 puntos. Falamos con José Luis Méijome Blanco, que compatibiliza a xestión da gandería co seu traballo como técnico de Africor Pontevedra.

A granxa, que no día a día é levada principalmente por un traballador contratado, orientou o seu manexo a lograr boas calidades de leite, que se sitúan nos últimos 12 meses nunha media de 4,11 de graxa e nun 3,53 de proteína, cunha produción media por animal que oscila nos 31-34,5 litros. “Fomos a este tipo de produción porque parécenos máis rendible e evitamos forzar demasiado ás vacas en litros. A proteína estase pagando razonablemente, aínda que a graxa debera estar máis compensada”, valora José Luis Méijome, que na actualidade entrégalle o leite a Larsa.

“Á hora de seleccionar o touro, fixámonos na proteína, nos caracteres de ubres e patas, e tamén valoramos cuestións como lonxevidade, células ou fertilidade das fillas”

“Á hora de seleccionar touros, intentamos elixilos por proteína, sen esquecer os caracteres de tipo, ubres e patas. Desde hai uns anos, tamén facemos énfase en caracteres funcionais como lonxevidade, células somáticas e fertilidade das fillas” -explica José Luis-. “En canto a produción, imos a touros de producións medias, non nos interesa tanto chegar a cifras de produción altas en litros, senón acadar boas porcentaxes de sólidos”.

A decisión de quedarse por baixo dos topes de produción das vacas busca reducir o máximo posible os problemas sanitarios e de manexo. A explotación, que presenta a singularidade de traballar en prazas trabadas, cun sistema de amarre canadiense, fai o muxido en praza dúas veces ó día e cando as vacas chegaban aos seus límites de produción, había casos de animais que tiraban leite nas camas, o que representaba un problema.

Forraxes e ración
Co actual manexo, evítanse problemas nas camas, acondicionadas con palla e carbonato cálcico, e trátase tamén de producir o máximo leite posible en base ás forraxes propias. A granxa xestiona na actualidade 28 hectáreas -25 propias e 3 arrendadas-, e adica 14 hectáreas a millo -que en parte rotan con pradería cada poucos anos-, e o resto a praderías de raigrás inglés ou híbrido.

Vacas secas no exterior.

Vacas secas no exterior.

Do suministro da ración encárgase un carro unifeed da cooperativa Perpetuo Socorro (Arzúa), que está prestando este servizo na comarca do Deza. A ración base da Gandería Quinteiro consiste en 30 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba, medio quilo de palla e 6 quilos de concentrado no carro, que se acompañan de punteos, co cal a media de concentrado ronda os 9,5 quilos por animal.

Inseminacións
A gandería insemina en torno a un 80-85 % dos animais enfocándose na recría e no restante 15-20 % emprega seme de cruces de carne. Usa seme sexado en todas as xovencas e en parte das vacas dun parto, en tanto no resto dos animais emprega seme convencional.

A súa prioridade na selección de touros sitúase na proteína e en canto á morfoloxía, nas ubres e nas patas. “Ata hai uns anos, a ferramenta que tiñas era a morfoloxía. Agora atendemos máis a caracteres como lonxevidade, células ou fertilidade das fillas. Estámonos orientando ademais a ter un rabaño que produza leite con kappa caseína BB, xa que aínda que as queixerías todavía non están pagando máis por este leite, si que o demandan e algunhas están orientando os seus gandeiros cara esa selección xenética”, explica José Luis.

A explotación traballa con arredor dun 70% de touros xenómicos e cun 30% de touros probados. “Igual habería que usar un pouco máis de touros probados, sobre todo de touros probados elite, pero deixeime levar un pouco pola corrente do que están facendo a maioría de granxas”, recoñece José Luis.

“O erro en moitas granxas está en mercar seme de touros de fóra que compitan en prezo cos de aquí”

A maioría dos touros que usa a Gandería Quinteiro son de Xenética Fontao, unha compañía coa que José Luis considera que ninguén pode competir en relación calidade prezo. “Poño arredor do 80% de touros de Fontao e o 20% restante de touros de fóra que me chaman por algo. Eu non digo que deba usarse todo o seme de Fontao, que os de fóra evidentemente tamén teñen touros bos, pero con frecuencia o grande erro en moitas granxas está en mercar seme de touros de fóra que compitan en prezo cos touros de Fontao”, analiza José Luis Méijome.

“Poñemos un 80% de touros de Fontao e un 20% de fóra. Temos que valorar máis a xenética española e o índice ICO”

“Se por exemplo unha granxa decide mercar unha dose de fóra a 10 euros, en lugar de mercar unha dose ó mesmo prezo de Fontao, sae perdendo bastante, non se pode equiparar” -advirte o gandeiro.- “Temos que valorar máis a xenética española e o noso índice, o ICO. Cando usas touros de fóra que veñen con bos índices noutros rankings e teñen fillas aquí e comparas o seu resultado co dos touros galegos, ves que algo pasa, porque o habitual é que non melloren o resultado dos nosos touros”, cuestiona José Luis.

O gandeiro lembra tamén o bo funcionamento do material xenético galego noutros países. “Está demostrado que o que aquí é bo funciona ben noutros países, pois en Fontao teñen exportado touros e seme de touros probados como Xacobeo ou Delete, que foron unha referencia, e os nosos touros xenómicos actuais están sendo utilizados como pais de touros en programas xenéticos europeos”, explica o gandeiro.

A granxa usa un sistema de amarre canadiense.

A granxa usa un sistema de amarre canadiense.

Embrións e xenómica
A gandería tamén traballa puntualmente con embrións, participando nos programas de Fontao e no da Finca de Mouriscade (Lalín). “Temos feito ademais transferencia de embrións con vacas nosas punteiras, como unha que mercaramos entre tres socios nunha subasta da antiga unidade de Boss (Guísamo)”. Estes días, a explotación está á espera de recibir a xenómica de dúas xatas nadas co programa de embrións de Fontao, coas que teñen “boas perspectivas”, e entre os plans da explotación valórase a posibilidade de facer unha análise xenómica de todos os animais do rabaño.

“Ata agora fixémoslle a xenómica a algunhas femias de xeito aleatorio, pero de facer análises xenómicos, o ideal é facer o xenotipado de todo o rabaño. Se o fas en animais punteiros, si tes máis datos e facilítache o tema dos apareamentos, pero o ideal para mellorar un rabaño é facelo en tódolos animais”, subliña José Luis.

Recría
A recría do gando faise na propia explotación, aínda que a granxa presenta problemas de espazo. A nave das vacas en produción é unha antiga instalación reformada para darlle máis altura, pero estase tamén a quedar pequena. De cara ó futuro, a explotación baralla construir unha nova nave e deixar a actual para a recría das xovencas e para o cebo dalgunhas vacas, na idea de sacarlles maior rendemento no marco da IXP Vaca e Boi de Galicia.

A granxa baralla reconvertir a actual nave de produción para a recría e para cebo de vacas no marco da IXP Vaca Galega

“Agora mesmo, na nosa zona estase rematando o proceso de concentración parcelaria e temos que valorar como nos quedan ao final as parcelas. Dependendo do resultado da concentración, poderiamos incluso optar por un sistema extensivo, en base a pastoreo, ou por un intensivo”, explica o gandeiro. A explotación produce arredor de 480.000 – 500.000 quilos de leite ó ano, unha cifra que conta de aumentar cando dispoña das novas instalacións.

Certames
Gandería Quinteiro foi en tempos unha habitual de certames gandeiros coma os da Semana Verde, Feiradeza e incluso chegou a acudir ó Nacional. Por falta de tempo, esa actividade minguou, se ben aínda este ano participou cunha xata en Feiradeza.

“Gústanme os certames, pero por falta de tempo e man de obra non estamos participando. Véxoos importantes como un xeito de reunir á xente e de promover a cría de bos animais, aínda que para o meu gusto os certames chegaron a un nivel de competitividade e rivalidade que non comparto”, opina José Luis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información