Gandería “O Cobelo”: Aposta pola enerxía solar e polo cebo dos xatos

Visitamos esta gandería con 120 vacas en muxido que se atopa no concello ourensán de Sarreaus. Hai un ano instalaron un sistema de placas solares para reducir a factura eléctrica. Tamén ceban os becerros na propia explotación

Gandería “O Cobelo”: Aposta pola enerxía solar e polo cebo dos xatos

Rosa Pérez Rúa na súa gandería en Lodoselo (Sarreaus)

Gandería “O Cobelo” é unha explotación de vacún de leite familiar situada na aldea de Lodoselo, no concello ourensán de Sarreaus. Este é un dos últimos redutos da produción de leite na provincia de Ourense, xa que só neste lugar contabilízanse 4 ganderías de vacún de leite profesionais.

José Rúa comezou co vacún de leite no ano 1985, con 2 vacas e 6 becerras nunha corte pegada á casa. “Daquela o leite era o que daba máis cartos, e aquí na comarca da Limia había moitas ganderías, antes de que chegasen as cotas e a reestruturación do sector, que levou a moitas explotacións a pasarse a granxas de porcino, de aves ou á pataca”, explica Rosa Rúa, unha moza veterinaria que no 2016 decidiu tomar o relevo na explotación familiar. “É algo que me gusta, para o que estudei e, sobre todo, xa tiña a maior parte dos investimentos feitos”, explica. “Só se trataba -subliña- de continuar cun negocio no que os meus pais investiran moito diñeiro e esforzo”.

A día de hoxe gandería “O Cobelo” conta con 260 cabezas de gando nun establo que construíron no ano 2000, pero que xa se lles está quedando pequeno. E é que ao longo deste ano prevén pasar de 120 a 150 vacas en muxido, coa conseguinte necesidade de máis espazo. “Temos capacidade para medrar porque somos autosuficientes en forraxe e nesta zona hai disponibilidade de parcelas de bo tamaño, chás e tamén de abono gandeiro”, destaca Rosa. Na granxa traballan ela, dous empregados e, a tempo parcial, o seu marido, que tamén posúe dúas granxas de porcino con máis de 2.000 cabezas.

Un sistema co que esperan ser autosuficientes en enerxía eléctrica durante 6 meses ao ano

Un dos investimentos máis importantes que realizaron nos últimos anos foi a instalación dun sistema de placas solares para autoabastecerse en enerxía eléctrica. “Viñamos pagando entre 1.000 e 1.200 euros ao mes de factura a Fenosa. É un gasto fixo moi importante e que queríamos reducir”, explica Rosa.

A idea xurdiu dun amigo da familia, un enxeñeiro portugués que leva anos instalando este tipo de dispositivos no país veciño. “Levábanos anos falando do tema e o pasado mes de outubro decidímonos a instalalo”, comenta José Rúa, pai de Rosa.

As 64 placas solares están instaladas no teito do establo e cobren unha superficie duns 180 metros cadrados. A enerxía fotovoltaica que producen almacénase en 48 baterías que proporcionan enerxía eléctrica tanto para o funcionamento da explotación (sala de muxido, arrobadeira, alumeado, tanques de frío..etc) como para a casa familiar.

“De abril a outubro contamos cubrir o 100% do noso consumo eléctrico”

“Nun día de pleno sol as placas solares producen uns 5.000 vatios por hora e cargan as baterías e para cubrir as nosas necesidades precisamos uns 15.000 vatios ao día. Durante os meses de inverno estimamos que a factura se reduza entre un 30 e un 50% e dende o mes de abril ata outubro contamos con ser autosuficientes e non necesitar de Fenosa a non ser que haxa unha avaría”, engade.

Baterías nas que almacenan a electricidade que xeran as placas solares

Baterías nas que almacenan a electricidade que xeran as placas solares

Iso si, de momento a enerxía eléctrica sobrante non poden vertela á rede xa que en España, a diferencia da maioría dos países da nosa contorna, penalízase a produción deste tipo de enerxía por parte de particulares á hora de vendela ás compañías eléctricas.

En canto ao custo de todo o equipo e da instalación ascendeu a 64.000 euros, e contaron cunha subvención do 50% por parte do GDR Limia-Arnoia. “Estas tecnoloxías abaratáronse nos últimos anos e penso que é algo que se vai pagar só. Se se cumpren as previsións, en 3 anos teríamos amortizado o investimento”, destaca José Rúa.

A aposta de Gandería “O Cobelo” pola solar fotovoltaica serviu de exemplo na comarca e de feito xa son varias as granxas e tamén outros negocios, como restaurantes ou talleres, que están a instalar tamén placas solares.

As placas solares ocupan uns 180 metros cadrados no teito do establo

As placas solares ocupan uns 180 metros cadrados no teito do establo

A importancia da calidade dos forraxes

Pero a principal enerxía para que funcionen os 260 animais de Granxa O Cobelo segue estando na terra, nas 140 hectáreas, a metade en aluguer, coas que producen as forraxes para alimentar ao gando. En 60 hectáreas sementan millo forraxeiro, normalmente ciclos longos, agás nun ano coma este. Reservan para este cultivo as terras máis húmidas e de maior calidade de forma que , a pesar de non contar con regadío, logran unha produción media superior ás 50 toneladas de materia húmida por hectárea, cun 33% de amidón.

Nas outras parcelas sementan raigrás e unha mestura de avea e veza para ensilar. “É unha forraxe que aporte moita calidade proteica, co que aforramos en penso”, destaca Rosa.

 “Ensilamos unha forraxe de veza e avea porque aporta moita proteína”

Desta forma, a ración para as vacas en produción nesta gandería é de 30 kilos de silo de millo, 13 kilos de herba, veza e avea; 1,5 kilos de herba seca e 10 kilos de penso, que baixa a 2,5 kilos para as vacas secas.

Con este menú en Gandería O Cobelo logran unha produción media de 38 litros por vaca e día cunhas calidades media de 4,2 de graxa e 3,5 de proteína. “Temos as calidades altas grazas tanto á xenética como á alimentación. A industria á que lle vendemos o leite, Leche Celta, prima as calidades e imos seguir por ese camiño”, afirma.

Todos os traballos, agás o ensilado do millo e da herba, fanos con maquinaria da propia explotación, e para facer a ración empregan un carro arrastrado

Cebo dos becerros na propia granxa

En canto aos acoplamentos, en Gandería O Cobelo buscan ante todo caracteres funcionais: boas patas, boas ubres, produción e calidades. Nas xovencas empregan seme sexado e nas vacas de mellor xenética e nas primeirizas poñen seme de touros de boa clasificación. “No resto, en arredor do 25% das vacas, inseminamos con Limousin e Angus, sobre todo pola facilidade de parto”, explica Rosa Pérez Rúa.

Precisamente, outra característica diferenciadora desta gandería é que ceban os becerros na propia explotación. “Non compensa moito vender os xatos a 100 euros, polo que decidimos dende hai anos cebalos na propia granxa. Temos forraxe en abundancia -só de millo recollen unhas 2.500 toneladas- e iso permítenos abaratar os custos”, recoñecen.

 “Cebamos os becerros porque temos forraxe abonda e suponnos un ingreso complementario”

En total, veñen vendendo uns 50 becerros cebados ao ano, o que supón un ingreso interesante, sobre todo en épocas de baixos prezos do leite.

Ata agora vendíanos directamente a carnicerías da comarca, pero dende hai uns meses comercialízanos a través de COREN, a cooperativa que tamén lles subministra o penso e lles presta o servizo de nutrólogo. “Decidimos vendelos a través de COREN pola comodidade, xa que dunha vez xa levan todos os becerros e non tes ti que andar buscando saída a cada un”, recoñece Rosa.

Futuro: Seguir medrando e mellorar as instalacións

En canto ao futuro, en Gandería O Cobelo prevén construír unhas novas instalacións para as xovencas e para os becerros. E a curto prazo, nos próximos meses ampliarán o establo para as vacas en produción, con máis cornadizas e camas para chegar a 150 vacas en muxido a finais deste ano.

Como conclusión, Rosa Pérez Rúa destaca que as súas claves para a rendibilidade na súa gandería son “boa saúde de patas e cascos, calidade e boa conservación das forraxes, un bo encalostrado dos becerros e realizar desparasitacións”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información