Gandería NODI, 30 anos de mellora xenética a subasta

Creada en 1985 e situada na parroquia de Vilamartín Grande, en Barreiros (Lugo), leva desde entón apostando pola mellora xenética. Ante a previsión de pechar, van realizar unha poxa en setembro dos seus mellores animais

Gandería NODI, 30 anos de mellora xenética a subasta

A mellora xenética é dos sinais de identidade desta gandería

O sábado 23 de setembro será día de festa en Vilamartín Grande, no concello mariñao de Barreiros. No campo da festa, a carón do vello teleclube, haberá unha carpa. Pero non se celebrará o Carme, patroa da parroquia, senón unha das poucas subastas de gando organizadas en Galicia por unha explotación. Os autores desta novidosa idea son Noel Balsa Amor e Diego Balsa Amor, dous irmáns que dan nome á Gandeiría NODI que rexentan os seus pais Alfonso e Josefa.

A historia desta explotación é semellante á de moitas outras en Galicia. Esta familia de tradición labrega construía en 1985 un establo novo que co paso dos anos foi medrando con reformas e engadidos. Mercaron cota e investiron en mellora xenética e contan neste momento con 87 cabezas, a metade en muxido. Pero Alfonso chega á xubilación o ano que ven e a explotación non conta con relevo xeracional pois aínda que tanto Noel como Diego están vinculados ao sector agrario (Noel ten unha empresa que distribúe seme ZooItaly e de Xenética Fontao para Galicia e Diego traballa para a cooperativa Os Irmandiños), ningún dos dous se vai facer cargo da explotación familiar. “O traballo é moito e o rendemento cada vez menor”, argumentan.

Por iso a explotación deixará de muxir e producir leite e continuará coa recría mentres Josefa non chega á xubilación. A filosofía da explotación ten precisamente desde o seu comezo na mellora xenética e no coidado da recría a súa estratexia para muxir cada día as mellores vacas (no ano 2010 tiveron a mellor media de produción da provincia de Lugo recibindo o premio Africor á máxima produción media por vaca).

É a segunda explotación de Galicia en puntos ICO na categoría de menos de 75 reprodutoras

Nodi logrou o ano pasado unha media de 13.116 litros por vaca con 3,51 de graxa e 3,26 de proteína e está situada como segunda explotación de Galicia e sexta de España na categoría de 17 a 75 reprodutoras con 2.460 puntos de Ico e 83,69 de media. O Ico representa o mérito xenético dun animal e indica que as vacas de Gandeiría Nodi posúen un elevado valor xenético que transmitirán á súa descendencia continuando así a mellora.

“Dá moita pena desfacerse a prezo de saldo de todo ese traballo de tantos anos de mellora xenética”, afirma Noel. Por iso ideou xunto ao seu irmán Diego unha iniciativa pioneira, unha subasta pública do gando na propia explotación, na que se porán á venda as mellores vacas entre aqueles outros gandeiros interesados en aproveitar os seus anos de experiencia en mellora xenética e o potencial neste campo da maioría dos animais desta explotación barreirense.

Pola pasarela que teñen pensado montar no campo da festa da parroquia, que está pegado á súa granxa, desfilarán entre 15 e 20 dos seus mellores animais, aqueles que se atopen no seu momento óptimo, e se a cousa sae ben nesta proba piloto teñen pensado repetir as subastas con certa periodicidade até irse desfacendo de todos os exemplares. “É unha das poucas veces que se fai unha iniciativa deste tipo na Mariña, polo menos da que eu teña constancia”, explica Noel.

Pioneira en moitos aspectos

A familia de Noel e Diego é unha familia de longa tradición labrega. O seu avó montara xa a comezos dos 70 xunto a outros catro veciños de Vilamartín, unha das principais zonas gandeiras da Mariña e con importantes explotacións aínda hoxe, unha das primeiras agrupacións de gandeiros de Galicia, O Formón, pioneira xunto á tamén creada na veciña parroquia de Noceda (A Rella), pertencente xa a Ribadeo. Naquel momento chamáronse Grupos Sindicais de Colonización, transformándose despois en SAT. O promotor das dúas foi Antonio Oca Fernández, que estaba naquel tempo como técnico de Extensión Agraria en Ribadeo.

Na agrupación O Formón había tres casas do pobo que tiñan as súas vacas xuntas pero os distintos socios tiñan idades diferentes así que 15 anos despois decidiron separarse, uns abandonaron e outros decidiron continuar. Foi cando Josefa e Alfonso fixeron o establo e comezaron a traballar coa súa idea de explotación, baseada na mellora xenética. Primeiro facéndoo de xeito convencional recriando das mellores vacas que tiñan, e a partir de 1992 traendo seme estranxeiro de Canadá, Italia e Estados Unidos e desde o ano 2000 traballando xa con embrións.

Camiño de ida e volta

Durante unha década Noel traballou de estilista, preparando vacas para subastas e concursos de beleza por toda España, Portugal ou Canadá. Aínda hoxe fai dous concursos ao ano, un en Talavera e outro en Dos Torres (Córdoba), “para matar o gusanillo”, di. No ano 2008 Noel estivo durante seis meses traballando en Canadá preparando vacas e cobrou ese traballo en especie. “Non quixen cartos, pagáronme con seis embrións, cada un deles valorado en 1.800 euros, daquelas vacas que eu preparaba. Vin para aquí con eles e implantámosllos ás nosas vacas”, explica.

Aí comezou o traballo in vitro da gandería que agora, todos os meses, fai embrións IFV con Xenética Fontao, moitos deles descendentes deses primeiros embrións traídos por Noel das mellores vacas de Canadá. NODI recría todo canto nace na explotación, tanto machos como femias, para reemprazo na propia granxa ou para vender a outras explotacións como nais ou como sementais.

 “No 2008 trouxeron do Canadá seis embrións de alto valor xenético”

Vende tanto vacas como tamén embrións, do que hai un amplo catálogo na páxina web da explotación (www.ganaderianodi.com), e na súa páxina de facebook (https://www.facebook.com/ganaderia.nodi). Nodi xa vendeu embrións das súas vacas para outras explotacións de Galicia.

Iso si, nomes como Marela ou Pinta pasaron á historia. Ás veces seguir a árbore xenealóxica dalgunha das familias de vacas que ten a explotación faise difícil, por iso no seu DNI particular as vacas levan implícita información do nome do pai e da nai, moitas veces de orixe estranxeira, así que son Regina, Edda, Barbie, Cinderella, Supra, Riana, Madisa ou Kely. En NODI non usan tampouco o frío número do crotal para identificalas, porque para eles as vacas non son un simple número, son case un membro máis da familia e así as tratan.

A alimentación corre a cargo do Centro de Alimentación de Vacuno da cooperativa Os Irmandiños (CAVI), cuxa planta se atopa na mesma parroquia de Vilamartín Grande onde se ubica a gandería. É o CAVI o que traballa directamente as terras da explotación, fai as sementeiras, os coidados, as cortas e os ensilados e subministra despois a ración diaria á explotación para a alimentación do seu gando. Cada día reciben a mestura húmida para as vacas en muxido, mentres que as xovencas e as vacas secas son alimentadas con mesturas secas. Así Josefa e Alfonso poden adicar todo o seu tempo ao coidado das vacas e da recría.

Noel Balsa Amor e Diego Balsa Amor

Diego Balsa Amor e Noel Balsa Amor

Criadores dun dos 10 mellores touros de España

A gandería de Vilamartín Grande fixo tamén historia ao ser a criadora de NODI XACOBEO XUBILEO, fillo de NODI BOLTON KELI, e que se situou no ano 2014 no posto número 8 dos touros españois cun ICO de 3.170. Foi adquirido en 2010 por Xenética Fontao na explotación de Barreiros. Este semental conseguiu un feito insólito en España, xa que nunca un fillo dun touro galego (o seu pai é MARIO XACOBEO) se situara tan arriba, xa que son poucos os pais usados como sementais que conseguen situar aos seus descendentes nos primeiros postos da clasificación. Ademais, NODI XACOBEO XUBILEO tamén fixo historia ao tratarse dun semental descendente por parte materna dunha familia de vacas tamén galega, unha estirpe criada na gandería de Barreiros desde o seu comezo no ano 1985, sendo unha liña xenética feita integramente nesta explotación partindo dun animal en rexistro auxiliar nado hai 30 anos.

Tamén formou parte de Xenética Fontao hai xa 10 anos NODI IAGO, fillo dunha das vacas máis coñecidas da explotación, BOS NODI MERCHANT DANA, e que obtivo índices de pedigrí excelentes, sendo no seu momento o touro con maior ICO. O traballo como criadores da gandería NODI converteuna nunha referencia e nun exemplo de como o traballo en mellorar xenéticamente as vacas pode trasladarse, a través de touros coma estes, a outras ganderías, que se poderán aproveitar do seu potencial de mellora.

Ventres de alugueiro

Do recoñecemento ao traballo ben feito durante todos estes anos dan fe nomes como NODI BOLTON KELI, declarada mellor vaca de Galicia por ICO no ano 2010. Keli é filla de Bolton, número un dos touros con proba en España pero Keli mesmo logrou superar os valores xenéticos do seu pai, cun ICO de 3.328 puntos. Tivo unha produción superior aos 15.000 quilos de leite no primeiro parto cunha cualificación de MB 85 con ubre 88. Esta familia de vacas leva na explotación máis de 20 anos e NODI conseguiu completar 5 xeracións de vacas MB desta estirpe.

En febreiro de 2014 nacía o seu primeiro neto, NODI ARTES DUNA x DOORMAN, fillo dunha filla de NODI BOLTON KELI (NODI ARTES DUNA). A noticia non era só o nacemento, senón a técnica empregada, xa que grazas á colaboración con Xenética Fontao Doorman era froito de fecundación in vitro, mediante a extracción de óvulos á nai cando esta só tiña 7 meses de vida. Estes óvulos foron fecundados en laboratorio e implantados logo noutra tenreira que realizou a xestación do embrión até o parto.

Esta técnica permite adiantar 6 ou 7 meses o nacemento da primeira descendencia dunha xovenca e aproveitar o período que vai desde o primeiro celo até que está xestante de 5 ou 6 meses, ademais de lograr ter varios descendentes das mellores tenreiras antes mesmo de que cheguen a ter o seu primeiro parto, algo impensable até non fai moito tempo. Este sistema de embrións, engadido ás probas xenómicas que permiten coñecer con antelación o seu potencial xenético, convértese na mellor ferramenta de mellora xenética até agora coñecida.

Na actualidade NODI mesmo usa a modo de ventres de alugueiro a xovencas doutras explotacións, coas que chega a acordos para implantarlles embrións nas súas vacas, un traballo e unha colaboración conxunta beneficiosa para as dúas explotacións e que fai que a experiencia adquirida durante as últimas décadas pola gandería de Barreiros se traslade a outras explotacións galegas.

Premios que avalan o traballo ben feito

A sala de trofeos da gandería non ten nada que envexarlle á do Real Madrid e avalan un traballo ben feito nos últimos anos. Desde que se crearon os premios Africorín, que escollen ás 10 mellores ganderías da provincia de Lugo, NODI estivo sempre entre as 5 mellores e en varias ocasións no máis alto do palmarés, coma nos anos 2006, 2007 ou 2010. O ránking ten en conta a produción, cualificación morfolóxica, índices xenéticos, reconto celular e intervalos entre partos.

Nodi ten tamén ten desde o ano 2007 o título Maestro Criador, un mérito outorgado pola Confederación de Asociacións de Frisona Española (CONAFE) en base ás producións, conformacións e lonxevidade das vacas. Para a obtención deste título, que só se pode obter cada 10 anos, todos os animais deben ter nacido na explotación. Esta gandería logrou tamén varios premios como mellor criador de Galicia e mesmo mellor criador internacional.

Unha das afeccións tanto de Noel como de Diego son os concursos, nos que levan moitos anos participando. Sérvenlles para relacionarse con outros gandeiros e comparar os seus animais xunto aos de outras explotacións, obtendo así unha visión máis real do sector. Habituais en concursos de gando frisón como o da Semana Verde de Silleda, o de MOEXMU de Muimenta, Sarria ou Chantada, nos que quedaron campións en varias ocasións.

Mesmo teñen acudido a concursos a nivel estatal, punto de encontro de criadores de toda España. No Concurso Nacional de Raza Frisona celebrado en 2009 en Xixón quedaron segundos con NODI DANTE GISELA e no 13º Concurso Nacional de Primavera celebrado en 2011 en Torrelavega quedaron cuartos con NODI AFFIRMED LOLA.

NODI XF MERIDIAN RENEE

NODI XF MERIDIAN RENEE. Foto: Mauricio de los Santos

As top model do desfile

Dúas das xoias actuais da explotación, e que formarán parte da poxa de setembro como as top model do desfile, son Renee e Sublime. Renee (NODI XF MERIDIAN RENEE é o seu nome completo), está considerada a vaca número 7 de España no ránking de CONAFE con 88 puntos MB. Este é o seu segundo parto e ten realizadas probas xenómicas en tres países (España, Estados Unidos e Canadá).

A outra das vacas de elite que desfilará en setembro será NODI ATWOOD SUBLIME, de primeiro parto con 86 puntos e avalada por 10 xeracións con cualificación MB ou Excelente, descendente dos primeiros embrións traídos de Canadá da familia SUPRA. Son nese momento as dúas vacas insignia da casa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información