Gandería Nar Xosé, reinventando un modo de traballar cooperativo

Ubicada en Vilamariz, pertencente ao concello de Ribadeo, esta explotación, que muxe 180 vacas, ten un peculiar sistema de xestión das terras e da recría baseado na colaboración. A Xosé García, o seu propietario, nunca lle asustaron os retos e foi o primeiro presidente de Mondigoleite, que nos anos 80 distribuía leite fresco pasteurizado desde a Mariña a distintos puntos de Galicia.

Gandería Nar Xosé, reinventando un modo de traballar cooperativo

Xosé García Salgado

“Eu escollín ter vacas, por iso sempre fun feliz na gandería”, comeza dicindo Xosé García Salgado cando, con 62 anos, fai balance das tres décadas que leva adicado á produción de leite. Contrariamente ao que acontece na maioría das explotacións galegas, a el ter vacas non lle viña de tradición familiar. O seu pai, Narciso, tiña unha granxa de galiñas coas que facía venda directa pola Mariña e boa parte de Asturias. Pero a Xosé aquilo non lle gustaba así que decidiu cambiar de gando. “Naquel momento en todas as casas había vacas, pasaban de pais a fillos, pero no meu caso non foi así, foi unha escolla persoal e por iso nunca enfoquei isto con negativismo”, argumenta.

Do gando ovino ás vacas

Aínda que non pensou en vacas nun primeiro momento. “Son un namorado das ovellas e cheguei a ter 70 ou 80 nais. Nun Land Rover que tiña fun a Talavera de la Reina e trouxen dunha explotación que dirixía unha francesa dous machos, un deles Romanov, que é unha raza rusa que se parece máis a unha cabra que a unha ovella e que dá moitas crías, unha media de tres cordeiros por parto, e eu cruzábao con ovellas de aquí para sacar cordeiros F1 de carne. A idea era destetar e facer como facían os ingleses e os franceses, engordar esas crías cruzadas e vender canais con 30 ou 40 quilos. Aquilo funcionoume moi ben uns anos, porque tiña un carniceiro que me levaba todo para vodas”, conta. Era a comezos dos 80, “cando aínda non entraba carne de Nova Zelandia e case non había competencia”. Pero a explotación ovina de Xosé foi medrando e chegou un momento no que aquel intermediario non daba asumido toda a produción que tiña, así que tivo que reinventarse de novo.

“A idea que eu tiña para as ovellas era a de producir carne de cordeiro en estabulación pechada, xa fixera incluso o rebaixe para a nave, pero cando iso cae, foi cando pensei nas vacas”, di. Inicialmente ían ser de carne pero José Salvatierra, técnico de Desarrollo Ganadero, unha axencia dependente naqueles anos do Ministerio de Agricultura, fíxolle o estudo de viabilidade para as 40 cabezas que pensaba meter e incluíu nos cálculos tamén vacas de leite e os resultados concluían que a rendibilidade do leite, naquel momento, era maior que a da carne. “Naquel momento había un prezo mínimo de venda garantido polo Estado, iso dábache seguridade e foi o que me fixo decidirme”, explica.

Así que Xosé deulle outra volta máis á súa idea inicial e arrincou producindo leite no ano 1986 xunto á súa muller, María Trabada, coa que se acababa de casar. E menos mal que fixera aquel estudo previo, porque comezou a producir leite xusto cando comezaban as cotas lácteas e, grazas a aquel documento, asignáronlle como cota histórica 200.000 litros, a resultante de multiplicar polas 40 vacas do estudo unha produción media estimada duns 5.000 litros por animal e ano.

Unha explotación de vacún de leite innovadora: Das primeiras en ter sala de muxido con medición electrónica e retiradores automáticos´

Nar Xosé, que nacería máis tarde, no ano 1999 baixo a fórmula de cooperativa, foi unha explotación innovadora en moitos aspectos ao longo dos seus 31 anos de vida. Foi unha das primeiras naves pechadas da zona cando os cánones construtivos do momento apostaban por granxas semicubertas e contou xa desde o seu comezo cunha sala de muxido con medición electrónica e retiradores automáticos. “Merquei a sala de muxido no ano 84, dous anos antes de facer o establo. Fixen ao revés do que parecería lóxico, pero fíxeno así porque na sala de muxido non quería reparar e se non me chegaban os cartos prefería deixar sen lousado a nave antes que meter unha sala de muxdo de menores prestacións. Fora vela a Cataluña”, lembra Xosé. Con esa primeira sala muxiu ate o ano 2003, cando fixo unha ampliación na nave para 60 vacas máis e cambiou aquela primeira sala pola actual, que é rotativa.

A mestura húmida permitiu superar a limitación da base territorial

Nar Xosé foi tamén das primeiras explotacións da zona en apostar por ensilar todo o que producía e en contar cunha máquina desensiladora e cun carro mesturador (fora algo que Xosé vira en Alemaña). No 2008 deu un paso máis e pasouse á mestura húmida, que inicialmente lle servía a cooperativa Os Irmandiños e, desde hai un ano, Comercial Agropres, a empresa de Castropol pioneira neste sistema. Pasarse á mestura húmida eliminou definitivamente un dos principais condicionantes que limitaba á explotación: a falta de superficie agraria.

Gañar superficie agraria a base de roturar monte

Xosé e Rubén

Xosé e Manuel Carballo, un dos empregados

De feito, un dos problemas que tiña a familia de Xosé para ter vacas, e que motivara que o seu pai optase polas galiñas, era a falta de terra. Aínda que posuían unhas 22 hectáreas de terreo, case todo era monte agás 3,5 hectáreas onde os seus pais labraban millo para grao e fabas, e onde Xosé comezou coas ovellas.

Pero este hándicap logo mudou. “As primeiras concentracións parcelarias da provincia de Lugo comezaron a facerse aló polo ano 1965 nesta zona, en concreto en Vilarbetote, que pertence a Trabada, e aquí en Ribadeo en Vilamariz e Cedofeita”, lembra Xosé, que comezou tamén a roturar os montes para convertelos nas terras e as pradeiras para producir forraxe que até entón non tiña. Anos máis tarde o seu pai empezou a cambiar tamén montes cos veciños até que finalmente saíu adiante tamén unha concentración de montes.

Pero aínda así as 38 hectáreas coas que conta neste momento (16 delas alugadas) serían insuficientes para as 180 vacas en muxido que Nar Xosé ten neste momento logo da última ampliación, realizada no ano 2012, para outras 60 cabezas (en total na nave resultante hai neste momento 200 cubículos para animais en produción e 60 para vacas secas).

A granxa de Xosé especialízase nas vacas e a de Rubén en facer a recría

Ademais dese aumento, ese foi un ano de moitos cambios no modo de traballar da explotación. Para poder optimizar mellor a nave, podéndoa dedicar toda a vacas en produción, Rubén García Martínez, primo de Xosé, vendeu as súas vacas e pasou a facerse cargo na súa explotación da recría de Nar Xosé, liberando deste xeito o espazo que antes ocupaban as xovencas na granxa de Xosé. O sistema é peculiar, porque cando as xatas marchan de Nar Xosé póñenlles un prezo de común acordo e pasan a ser propiedade de Rubén e cando están próximas ao parto son recompradas por Xosé e volven á nave de produción.

Ao mesmo tempo, Rubén pasou a encargarse tamén da xestión das fincas de seu primo, que llas ten alugadas. En total, entre as súas e as de Xosé, este ano Rubén botou 68 hectáreas de millo, que serven para alimentar a recría e vender os excedentes de forraxe sobrantes.

“Cos tres muxidos logramos mellorar en calidade de vida”

Deste xeito, as 5 persoas que atenden a explotación (Xosé, María e tres empregados, Manuel Carballo e a súa muller Alicia, que levan 20 anos traballando na explotación e Osvaldo, que fai os muxidos da noite) están adicadas ao 100% a coidar das vacas en produción, que están divididas en tres lotes: nun están as primeirizas, noutro as de segundo parto e no outro o resto de vacas en muxido.

Sala de muxido de Nar Xosé

Sala de muxido de Nar Xosé

Desde hai 5 anos fan tres muxiduras ao día (ás 7 da mañá, ás 3 da tarde e ás 10 da noite). Cada muxido dura catro horas e obrigou a Nar Xosé a contratar nese momento a Osvaldo. “É inhumano facer tres muxidos co mesmo persoal porque case non sairías de aquí”, explica Xosé, que di que, deste xeito, ademais de lograr un aumento de produción de 3 ou 4 litros máis por vaca ao día, “mesmo conseguimos marchar máis cedo da explotación e practicamente todos os días ás 7 da tarde estamos na casa porque ese terceiro empregado encárgase exclusivamente de muxir pola noite”. Xosé defende os tres muxidos “porque os gastos fixos son practicamente os mesmos e nós logramos mellorar en calidade de vida”.

Xosé admite que sempre lle gustou probar cousas novas e desde hai 11 anos todos os pasillos da nave, polos que circulan as vacas, teñen goma no chan. “Desta maneira reducimos moito os accidentes e as baixas provocadas por caídas”, explica. Do mesmo xeito, admite que “non temos practicamente mamite desde que introducimos as camas de area, e iso que eu lle tiña medo á area por cuestións de desgaste e por temas de purín, pero serviunos para acabar coa mamite. Son casos moi puntuais, levamos agora por exemplo 4 meses sen ningún caso de mamite e, cando aparece un, véndese a vaca”, conta.

Falta de relevo xeracional

Aqueles 200.000 litros ao ano que Nar Xosé producía cando comezou no ano 1986 hoxe saen da nave de Vilamariz nun só mes (a produción anual é uns 2,5 millóns de litros, que entrega a Nestlé desde o ano 2011). A explotación atópase entre as 20 mellores da provincia de Lugo por produción diaria, segundo o ránking de Africor, con 41,1 litros por vaca, 3,77% de graxa e 3,41% de proteína.

Pero aínda así, Nar Xosé enfróntase a un problema importante, a falta de relevo xeracional. “O meu problema agora é darlle unha saída a todo isto cando me xubile”, admite Xosé. É un problema compartido con moitas outras explotacións galegas, que o leva a afirmar que “en poucos anos en Galicia quedarán vacas só en determinadas zonas, como a Terra Chá ou Santa Comba, pero no resto, como é o caso da Mariña ou do occidente asturiano, irán desaparecendo”.

Explica que a última ampliación, acometida hai 5 anos, tivo precisamente como finalidade “dimensionar a explotación para que dentro duns anos alguén se faga cargo dela ben sexa en aluguer ou en venda”, unha solución aínda pouco frecuente en Galicia pero moi habitual noutros países.

“As cooperativas teñen que axudarlle aos gandeiros a vender os seus produtos, non venderlles produtos aos gandeiros”

Xosé García é unha persoa de fortes conviccións e sempre foi firme defensor do cooperativismo. A mediados da década dos 80 foi un dos impulsores de Mondigoleite, unha cooperativa de produtores da que formaban parte 60 gandeiros principalmente dos concellos de Ribadeo, Barreiros e Trabada e que foi pioneira no envasado de leite fresco pasteurizado, leite do día que eles mesmos producían e que se encargaban de envasar nunha planta ubicada en Reme e distribuír por toda Galicia. “Diariamente saía un trailer cheo de leite que chegabamos repartindo á outra punta de Galicia”, lembra Xosé, que ri contando anécdotas coma esta: “Nas etiquetas poñiamos leite sen antibióticos e, en vez de axudarnos a vendelo, aínda nos prexudicaba, porque o consumidor non estaba concienciado e informado como o está hoxe e a xente pensaba que era peor leite por non levar antibióticos, porque era o que receitaba o médico para curar as enfermidades”.

Xosé foi o primeiro presidente daquel proxecto “adiantado ao seu tempo e moi ilusionante” que rememora con moito cariño e do que se sinte moi orgulloso aínda a día de hoxe, malia que ao final non saíu adiante e tivo que pechar por problemas económicos. Mondigoleite, que aínda segue existindo como grupo de produtores de leite, naceu como fábrica cooperativa en 1986 e funcionou até 1992. Con parámetros de calidade moi esixentes (admitían unicamente leite refrixerado e muxido directo ao tanque, algo que neses anos non era aínda xeneralizado), só envasaban leite do día e só se puxeron a facer queixo ao final, “cando a cousa ía mal e xa era tarde”, recoñece Xosé que achaca á Administración parte da culpa da súa desaparición (a outra parte á presión do resto das empresas do sector). “Caeu, coma todas as industrias cooperativas de carácter comarcal daquela época, como Xallas ou máis tarde Leyma, porque a Administración a deixou caer”, afirma.

 “É moito máis importante as cooperativas que me busquen solucións para vender o leite e non para mercar o penso”

Xosé cre nun cooperativismo “de base” e di que “o cooperativismo ten que servir para axudar ao gandeiro a vender os seus produtos e non para venderlle produtos ao gandeiro”. Por iso afirma que “o cooperativismo en Galicia fixo a súa labor no seu momento porque quizais nos anos 70 podía ter sentido facer penso, porque había poucas fábricas, pero quedou estancado e non fixo todo o que debera polo sector, porque nunca se preocupou de que os gandeiros viviramos mellor, senón de vendernos cousas. Co tempo as cooperativas tiñan que ir evolucionando mudando o seu modelo e sen embargo até agora non o fixeron”, di.

“En Europa o cooperativismo xurdiu para buscar saídas e solucións á produción, aquí para os subministros. Pero é moito máis importante que me busquen solucións para vender o leite e non para mercar o penso, porque para iso non fan falla as cooperativas, serven igual as empresas e, por enriba, fanche a pelota”, argumenta.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información