Gandería Maseda: aposta polo leite AA e polas calidades

José Manuel López Tellado é dono dunha das explotacións con mellores datos de produción, cualificación morfolóxica e índices xenéticos da provincia de Lugo. Cóntanos como é o manexo na súa granxa e como se adaptou ás limitacións de espazo.

Gandería Maseda: aposta polo leite AA e polas calidades

José Manuel López Tellado na súa gandería

Situada na parroquia de Cirio, pertencente ao concello de Pol, gandería Maseda SC é unha das habituais todos os anos no top ten das explotacións de leite da provincia de Lugo. Limitada nas súas posibilidades de crecemento polas súas instalacións, o seu propietario, José Manuel López Tellado aposta por incrementar a súa rendibilidade en base á mellora na calidade do leite que produce, que está cualificado xa como dobre A.

“É necesario priorizar a calidade, agora que se valora tanto a graxa, e vou intentar mellorar por aí”, avanza. E iso que gandería Maseda está situada xa en niveis de 3,90 de graxa e 3,11 de proteína, pero José Manuel non se conforma. E, ao mesmo tempo, considera que “tamén hai opcións de mellora no leite AA. xa que tecnicamente hai medios suficientes para seleccionar animais que o produzan”. De momento el está recollendo parámetros do seu rabaño por medio da realización de probas xenómicas a todas as xatas que destina a recría cando estas cumpren os tres meses de vida “para saber o que teño na casa”, di.

Recoñece que hai moita expectación no sector con este tipo de leite, que posúe betacaseína A2 e noutros países ten xa un prezo superior, pero afirma que “producir leite A2 non vale de nada se non hai quen mire de buscarlle un sitio no mercado”.

“Se te descoidas, a mellora xenética podes perdela en moi pouco tempo”

En toda a súa vida como gandeiro, José Manuel sempre foi partidario de aproveitar os avances técnicos no campo da mellora xenética, un campo que non descoida porque “o que lograches durante moitos anos con constancia, se te descoidas podes perdelo en moi pouco tempo” e as súas vacas teñen un ICO moi alto (a media foi de 2.523 puntos no 2016). “Nalgún momento fixen embrións e agora, desde que comencei a facer tests xenéticos, estou empezando a usar seme sexado nas xatas, e nas primeirizas en animais con índices suficientes para poder aproveitar iso, mentres que no resto poño cruce industrial para sacar máis cartos polos becerros”, conta.

Gandería Maseda ten agora a mirada posta na calidade e non na cantidade, pero a súa anterior decisión estratéxica foi incrementar litros, cando no 2012 decidiu pasar de dous a tres muxidos diarios. “Houbera unha crise, penso que máis aguda que a actual, porque aínda que fora máis curta, ao prezo baixo do leite engadíranselle custos de produción moi altos pola suba do gasóleo e dos pensos”, lembra José Manuel.

Por iso pensou nos tres muxidos como unha forma de “producir máis litros coas mesmas vacas e a mesma man de obra para diluír os gastos fixos e compensar esa suba de custos”. Co cambio logrou un incremento de entorno ao 12%, ao pasar dunha media de produción de 36 litros por vaca e día a superar os 40 na actualidade (a media do pasado ano foi de 13.411 litros por vaca, segundo os datos de Control Leiteiro).

 Con tres muxidos logran unha media de 13.411 litros por vaca

“Visto desde a óptica de hoxe igual non ten tanto sentido pasar a tres muxidos, porque se valora máis a calidade que a cantidade, pero naquel momento foi unha boa solución para nós”, indica. De momento non pensa volver atrás “porque unha vez que te adaptas á organización do traballo dun xeito determinado non podes andar facendo e desfacendo”, di, aínda que non descarta volver aos dous muxidos “se no futuro hai limitacións á produción”.

As horas de muxido en gandería Maseda están fixadas ás 7 da mañá, ás 3 da tarde e ás 10 e media da noite e as quendas repártense entre José Manuel e dous empregados. Entre os tres atenden a explotación.

30 anos de historia

A historia desta explotación remóntase a 1987, cando José Manuel xunto ao seu pai e a súa tía Josefa crearon unha comunidade de bens. “Meu tío tiña problemas de saúde e pensaba pechar a súa explotación. Estaban comezando as cotas lácteas e na nosa casa había pouca cota, así que pensamos nesta opción para poder aproveitar a cota das dúas, que sumaban uns 150.000 litros”, conta. A partir de aí foron comprando en sucesivas veces até chegar aos 600.000 litros de cota propia.

A orixe do nacemento da granxa foi tamén marcando o seu devir posterior. “Fomos aumentando en base a ampliacións a partir dunha nave de traballo que aínda mantemos hoxe e que tiña problemas de espazo. Comezas así e logo xa te ves atado, porque senón tiras o investimento. Daquela, cando comezamos, era unha explotación grande, con 40 vacas, e hoxe estase quedando pequena”, asegura José Manuel.

Externalizar a recría permitiulles pasar de 55 animais en muxido aos 90 actuais

Á nave orixinal, na que caben uns 55 animais, fixéronlle un engadido para outros 30 e máis tarde acondicionaron un espazo aparte para as vacas secas. A cama dos animais é de palla, e reponse a diario tanto para as vacas en produción como para as secas, aínda que só as que están en muxido dispoñen de cubículos.

No ano 1998, dous anos antes da primeira ampliación, gandería Maseda pasou de comunidade de bens a sociedade cooperativa, formada por José Manuel e a súa tía. Hoxe lévaa el só. Conta cunhas 160 cabezas, das que 90 son vacas en muxido, 10 secas e 60 xovencas, despois de que no ano 2011 decidira externalizar a recría para gañar espazo na nave e poder meter máis vacas en produción. Con esa decisión, nun só ano pasou de muxir 55 animais aos 90 actuais. Así que desde entón as xatas que nacen pasan en boxes na explotación até os 3 meses, idade na que marchan a unha explotación cercana que fai recría para tres granxas da zona. As xovencas volven aos 7 meses de preñadas e están nun cuberto aparte coas vacas secas até que paren.

As vacas secas reciben a súa propia ración

As vacas secas reciben a súa propia ración

Máis concentrado nas primeirizas

No momento de parir as xovencas pasan á nave de produción, onde os animais están separados en dous lotes. Nun están as primieirizas e no outro o resto de vacas en muxido. Isto permite a José Manuel facer dúas racións diferenciadas. “As primeirizas comen menos, así que se as racións fosen iguais a inxesta de concentrado sería menor, así que a súa ración leva máis concentrado e menos forraxe para que ao final do día o volume de penso que teñen no corpo sexa similar ao das vacas multíparas, en torno a 13 quilos por animal”, explica. Ao ter as vacas secas tamén separadas faise unha terceira ración diferenciada tamén para elas.

As distintas racións fanse con forraxe propio que Gandería Maseda ensila na propia explotación. Dispón dunhas 45 hectáreas de terreo, a metade delas alugadas, que destina a produción de herba e de millo. Todos os traballos, incluído o servizo de carro mesturador diario, son contratados á cooperativa Agris, a excepción das tarefas de sacar e botar o purín nas terras e dalgunha das fases de preparación para a sementeira do millo, como pode ser o laboreo con fresa rotativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información