Gandería Marelo SC: Producir en intensivo só con silo de herba e penso

Esta gandería en intensivo de Sobrado dos Monxes (A Coruña) é unha das poucas que traballa con silo de herba e non con silo de millo. Os seus propietarios explican as vantaxes deste sistema e que beneficios lles aporta o novo carro mesturador Keenan

Gandería Marelo SC: Producir en intensivo só con silo de herba e penso

José Cabo e Lucía Lamas, propietarios de Gandería Marelo SC

Gandería Marelo SC é unha granxa familiar de vacún de leite do concello coruñés de Sobrado dos Monxes. As vacas están estabuladas en réxime intensivo e a produción situouse no 2017 nunha media de 10.416 litros por lactación. Unhas cifras que poderían ser as de calquera gandería de vacún de leite en intensivo, pero sen embargo as 50 vacas en muxido desta gandería non proban nada de silo de millo, pois aquí a forraxe principal é o silo de herba.

“Vimos facendo uns 1.500 bolos de silo de herba ao ano, que almacenamos nunha explanada ao aire libre ao lado do establo, e que cubrimos cunha rede para que non os piquen os corvos. O motivo polo que non sementamos millo?
A herba sáenos máis barata xa que roturamos moito menos e non precisamos gastar tanto nin en sementeira nin en herbicidas; ademais de que corremos menos riscos que co millo (ataques do xabarín, seca…) e o traballo podémolo facer nós”, explica José Cabo Vilar, que xunto coa súa dona, Lucía Lamas, son propietarios e atenden esta gandería.

“Co silo de herba corremos menos riscos e o gasto da forraxe é menor que co millo”

Como moitas outras explotacións, a historia de Marelo SC é a dun proceso de crecemento continuo, pero apostando por unha forraxe abundante en Galicia e que lles sae máis barata que o millo. “Cada gandeiro ten que tomar as súas decisións, seguindo un rumbo ou estratexia que se marcou para ser rendible. No noso caso, empezamos cando nos casamos, no 1998, con 10 vacas, e hoxe temos 100, das que unhas 50 están en muxido”, explica José.

A ración das vacas componse de 27 kilos de silo de herba e de 13 de penso. Para as vacas secas e para as xovencas a ración de penso baixa a 2,5 kilos por cabeza. A maior calidade de proteína bruta do silo de herba -nunha media do 14%- en comparación co silo de millo, fai que o concentrado poda ser menos proteico e que, por tanto, lles saia máis barato.

¿E como se traduce esta ración en leite? “Movémonos entre os 30 e os 37 litros por vaca e día, cunha media no 2017, segundo os datos de AFRICOR Coruña, de 10.416 litros por lactación”, destaca.

Iso si, as calidades son lixeiramente inferiores en graxa con este tipo de dieta: “Non nos preocupa subir moito os sólidos neste momento porque a industria á que lle vendemos o leite non nolas paga, pero procuramos non baixar do 3 % de graxa e do 3,2 de proteína para non ser penalizados”, recoñece José Cabo.

“Se os prezos do leite e os do concentrado seguen así non imos mal, aínda que por parte da administración non se estean a facer moitos esforzos para axudar realmente ao sector”, engade.

“Cos bolos de herba practicamente non temos perda e non temos que contratar maquinaria externa”

A base territorial de Gandería Marelo SC é de 45 hectáreas, todas a pradeira, da que 30 son en propiedade e o resto alugadas ou cedidas. Non renovan practicamente as pradeiras. “Hainas feitas de cando nos casamos, nós non somos moi amigos de andar arando as fincas”, bromea.

Na primavera fan entre 2 e 3 cortes de herba para ensilar en bolos, e logo un de herba seca no verán. Nos prados predomina unha mestura de raigrases, e recoñece que os trevos non se acaban de implantar, “pois lévanse mal co xurro, sobre todo cando fai frío”. En canto ás calidades, priman a boa conservación sobre lograr unha alta porcentaxe de proteína bruta. Así, nesta campaña lograron uns silos cunha media de 14% de PB, 30% de materia seca e 50 de fibra neutro deterxente.

Ata hai uns anos tamén ensilaban un corte de outono, pero deixaron de facelo “porque un ano sae ben e 5 mal, polo que agora o que facemos é triturar ese corte como abono para a pradeira”. O xurro é o principal abono das pradeiras, pero tamén aplican Nitramón en primavera, para manter os niveis de rendemento, tanto en cantidade como en calidades.

¿Porque ensilan a herba en bolos e non en trincheira? José Cabo explica que optaron polo primeiro sistema, malia ser un proceso máis caro, “porque consérvase moi ben a herba, de forma que non temos practicamente descartes, onde realmente perdes cartos, e ademais podemos facer nós todo o traballo, sen ter que contratar maquinaria”.

“Despois da lavadora o Keenan foi o mellor invento que chegou a esta casa”

Para facer a ración contaban ata hai un ano cun carro arrastrado, pero que non estaba adaptado a desenlear os bolos. “Con el levábanos 45 minutos facer a mestura das vacas de leite, e para as secas o que facíamos era desenrolar os bolos a man. É dicir, moito traballo, sobre todo para Lucía, a miña dona, que se encarga deste traballo”, recoñece este gandeiro.

Na busca dun carro máis adaptado a traballar con bolos compraron hai un ano un Keenan, unha máquina fabricada polo grupo Alltech, e que incorpora importantes avances.

¿Que cambiou en Gandería Marelo SC con Keenan? “Que agora facemos en 45 minutos dúas racións, a das vacas en produción e a das vacas secas e das xovencas. Ademais, ao ser especial para mesturar bolos, a ración está máis mesturada, de forma que non hai rechazos no pesebre, e as vacas comen todo. Por último, o sistema de transmisión do carro permite que estando cheo podas paralo e volver arrancalo sen problema”, explica José.

“Co Keenan as vacas comen mellor e acabouse ter que empregar a galleta cos bolos, polo que podo dicir que despois da lavadora este foi o mellor invento que chegou a esta casa”, bromea.

Futuro: Aumentar o número de vacas en muxido e mercar un robot arrimador

Neste momento o establo de Gandería Marelo SC atópase ao límite da súa capacidade, polo que incluso están descartando vacas con algún problema para optimizar as camas das que dispoñen.

Esta limitación esperan superala se lles resulta aprobado o plan de mellora que solicitaron e que prevé a construción dun almacén para maquinaria e forraxes, de forma que lles permitiría librar a parte que estas ocupan no establo, e construír máis camas.

 “Non é xusto que para que che aproben o plan de mellora teñas que facer unha nova incorporación”

Tamén teñen previsto adquirir un robot arrimador da comida, unha trituradora e un variador de frecuencia. O que non convence a José Cabo son as prioridades que establece a Consellería de Medio Rural para acceder a un plan de mellora: “Para ter garantía de que che concedan a axuda tes que incorporar tamén unha persoa moza e nós temos unha filla de 18 anos que poderíamos incorporar de forma falsa. Levo tres anos pedindo esta axuda do plan de mellora e non ma conceden por non querer ser cómplice desta fraude”, denuncia.

¿Como funciona a máquina Keenan?

Lucía Lamas, José Cabo Vilar e Henrique Prado, representante de Alltech no noroeste peninsular

Lucía Lamas, José Cabo Vilar e Henrique Prado, representante de Alltech no noroeste peninsular

ALLTECH (NOTICIA DE EMPRESA) O carro mesturador Keenan, propiedade de Alltech, é unha nova máquina deseñada especialmente para as explotacións de vacún que producen forraxes propias. As novidades que incorpora esta máquina permiten un mesturado óptimo de pacas e rolos de herba, entre outros, reducindo os custos de produción.

Así, grazas á tecnoloxía Meca-FibreTM, mellórase a calidade do corte e das mesturas obtidas grazas ás coitelas fixas e ás paletas almenadas. “Isto repercute nun aumento medio do índice de conversión nun 16%”, destacan desde Alltech.

Ademais, a mesturadora Meca-FibreTM destaca pola súa versatilidade, xa que permite traballar con pacas enteiras e rolos, sen problemas de atascamentos.

En canto á potencia necesaria para o funcionamento da mesturadora Meca-fibreTM, desde Alltech destacan que “é un 28 % menor que a doutras mesturadoras de capacidade similar, permitindo aforrar ata un 20% de combustible do tractor”. Desde a empresa inciden tamén en que a incorporación gradual das fibras na mesturadora, mantén en bo estado o embrague do tractor.

Racións homoxéneas e á carta

A descarga da ración realízase a través dunha comporta tipo guillotina situada ao longo da máquina (con patente de Keenan) que garante unha descarga uniforme das racións, incluídas as máis fibrosas, sen compactala, e conseguindo unha ración homoxénea en todo o proceso da distribución.

Outra característica que destacan os fabricantes de Keenan é que “grazas ao compartimento estanco da mesturadora Meca-fibreTM, poden engadirse a auga e a melaza á ración para mellorar o seu aproveitamento”.

Por último, desde Alltech salientan que a mesturadora Meca-fibreTM permite preparar racións homoxéneas con alto contido en fibra para as vacas secas ou preparar pequenas mesturas específicas, como as racións secas para os tenreiros e os xatos.

Así funcionan o Keenan: 

As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao correo: alltechspain@alltech.com

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información