Gandería Mantoño, diversificar en base á xenética

A venda de embrións e de recría a outras granxas supón unha cuarta parte dos ingresos anuais desta explotación da Mariña. A partir deste ano, ademais de descendentes das mellores vacas Holstein do mundo, ofertará tamén animais Jersey

Gandería Mantoño, diversificar en base á xenética

Saúl Dorado, de Gandería Mantoño, coas súas xatas de recría.

Saúl Dorado é un apaixoado das vacas. Estudou Educación Infantil pero nunca se dedicou a iso. Con 14 anos comezou a interesarse polos concursos morfolóxicos e a escoller os mellores exemplares da explotación familiar para pasealos polas pasarelas bovinas de Galicia. Corría o ano 1997 cando foi ao primeiro certame e quedou enganchado. Un ano despois, a gandería Mantoño poñía os primeiros embrións para mellorar a xenética dos seus animais e, en pouco tempo, Saúl lograba as primeiras ‘misses’.

O que comezou sendo unha afección do rapaz da casa abría case sen querelo un novo campo de negocio para aumentar a rendibilidade económica da granxa, creada polos seus pais nos anos 80. A mellora xenética con embrións volveuse unha práctica habitual a partir do ano 2000 neste establo ubicado na parroquia de San Xusto de Cabarcos, en Barreiros, un programa intensivo que lle permitiu situarse entre as mellores ganderías de Galicia por cualificación morfolóxica (segunda o ano pasado no ranking de Africor Lugo, con 87,8 de media, dez puntos por enriba da media das granxas españolas).

A granxa logrou o título de Maestro Criador, outorgado por Conafe, no ano 2007

No ano 2002, comezaron a nacer as primeiras crías descendentes daqueles embrións Holstein traídos de EEUU e Canadá e Saúl incorporouse á explotación. Desde entón, desta granxa barreirense marcharon 25 xatos para os principais centros de inseminación de toda España e doutros países como Italia ou Alemania. No 2007, Conafe distinguíu a Mantoño co título de Maestro criador, un galardón que se dá cada 10 anos e que podería volver repetir neste 2017. A sala de trofeos desta gandería nada ten que envexarlle á do Real Madrid e pide unha ampliación, e iso que hai xa uns anos que non participan en concursos.

Venden embrións e recría de calquera idade, tanto femias destinadas á produción como machos para mellora xenética, a granxas de Galicia, Asturias, León, Cantabria ou Andalucía. “Acuden a nós gandeiros que buscan animais con pedigrí para logo eles facer mellora xenética nas súas explotacións. A xente coñécenos e xa nos chama”, explica Saúl. Un mercado á carta moi dependente do prezo do leite pero que representa, dependendo do momento, entre un 25 e un 30% dos ingresos desta granxa.

Vacas en produción de Gandería Mantoño.

Vacas en produción de Gandería Mantoño.

A gandería Mantoño ten neste momento 155 cabezas totais, das que 70 son vacas en muxidura, que producen unha media de 11.000 litros de leite por vaca. Pero na filosofía desta granxa non está medrar, senón diversificar. “Penso que a explotación está ben dimensionada”, considera Saúl, que non ve viable en termos de custo-beneficio facer un gran investimento neste momento.

Os problemas de espazo onde está ubicada a explotación impiden unha ampliación, así que o seu futuro pasa por intensificar a selección para que cada vez os animais sexan mellores e incrementen a súa produtividade tanto en termos de venda de leite como de xens. “En vez de por aumentar, apostamos por seleccionar e diversificar”, detalla.

Buscando lonxevidade
Esta explotación mima ás crías pero tamén ás nais. “A nosa estratexia é coidar os animais para que as vacas duren moitos partos porque temos moito investido nelas, é o noso principal capital”, recoñece Saúl, que explica que se trata “ademais de ter boas vacas de que estas che duren porque se che fai falla a cria para ti, para reemprazar baixas na propia explotación, non podes vendela e sacarlle un rendemento económico”.

Mantoño ten unha produtividade vitalicia media por vaca duns 70.000 litros. “Unha vaca ten que durar 6 ou 7 partos”, defenden

“Ter vacas boas é moi rendible nunha explotación, pero de nada vale unha vaca que dá moito leite no primeiro parto se no segundo vai ao matadoiro, e isto é unha hipoteca enorme neste momento para moitas granxas”, afirma.

Por iso, Saúl prefire medir as vacas non en función da produción anual, senón da súa produción vitalicia. “A vaca boa é a que dá máis de 50.000 litros na súa vida”, considera. Grazas á lonxevidade das súas vacas, Mantoño ten unha produción vitalicia media por vaca duns 70.000 litros, entre os primeiros índices de Galicia e o dobre da media actual da provincia de Lugo. “O custo de poñer unha novilla a punto de parir é de entre 1.500 e 1.600 euros, dependendo do prezo das forraxes. Iso non se desquita nun parto, esa vaca ten que durar 6 ou 7 partos”, argumenta.

Saúl Dorado, cos premios e distincións obtidas.

Saúl Dorado, cos premios e distincións obtidas.

Ás veces, a Saúl cústalle desprenderse dalgún dos animais que nacen na granxa “porque sabes da súa calidade”, pero esas vendas supoñen un dos sustentos da explotación, da que saen ao ano unhas 25 xovencas. Dos machos que nacen, en torno ao 80% vanse tamén a otras granxas para sementais. “Se un xato recén nado non vale máis que 40 euros para o camión, nós deste xeito podemos sacarlle entre 350 e 400 euros. A diferenza é moi considerable”, conta.

Das Holstein ás Jersey
Desde que no ano 1998 importaran os primeiros embrións Holstein, “non houbo ano que non mercaramos embrións”, recoñece. Hai un mes, a esta explotación barreirense chegaron 4 embrións de EEUU (cada un deles custa 1.000 euros) pero “houbo anos que investimos moito máis”, admite Saúl. Grazas a iso, todo o establo é neste momento descendente de familias elite de vacas de EEUU e Canadá, e algunha foi desenvolvida xa en San Xusto tras varias xeracións na granxa.

Saúl oferta as súas novillas e xatos a través da páxina web da explotación e das redes sociais, que é hoxe a súa principal vía de contacto cos seus clientes de todo o Estado. A granxa aténdena catro persoas: seu pai, súa nai, el e un empregado a tempo completo.

A granxa está convencida da potencialidade da raza Jersey en Galicia polos requerimentos das industrias de máis graxa e proteína no leite

Neste momento decidiron, igual que no ano 1998, tomar unha decisión estratéxica para o futuro da explotación. “Hai ano e medio temos como proxecto facernos con entre 10 e 15 animais de raza Jersey. A idea é levar os dous rebaños, o Hosltein e o Jersey, en paralelo e sen mesturalos, para facer selección intensiva nas dúas razas. Saúl está convencido da potencialidade desta raza en Galicia a curto prazo “porque estase pedindo máis graxa e proteína para competir” e decidiu “adiantarse ao mercado”, de maneira que cando a demanda de animais Jersey aumente en Galicia poidan adquirirse xa aquí.

Para iso, igual que fixera hai 15 anos coas Holstein, foi ao mellor establo do mundo en Jersey (Arethusa Farm) e trouxo 6 embrións que nacerán este ano en San Xusto. A partir deles pensa desenvolver familias de alto valor xenético desta raza.

Ao tomar a decisión de non medrar en número de cabezas, “a selección é máis intensiva e a mellora xenética máis rápida”, explica Saúl, que ten pensado implementar coa raza Jersey a mesma estratexia que levou no seu día coas Holstein: “localizar vacas punteiras a nivel mundial e traer todos os anos algunha, vía descendencia, á explotación”.

Pero toda esta estratexia “non valería de nada sen un bo manexo”, admite. “Nós como somos pequenos, temos que esmerarnos máis para non ter fallos, para que as vacas pairan ben e non teñan problemas”.

Igual que a recría, a alimentación tamén é toda feita na explotación (desde a produción, o ensilado e a mestura). Basean a ración diaria no silo tanto de herba como de millo, “pero principalmente na herba”, aclara Saúl, que di que “o obxectivo é tentar facer unha ración barata a base de forraxes de calidade”, aínda que admite que “nesta zona o maior hándicap é non poder ter máis terreo dispoñible”.

“É necesario dignificar socialmente a profesión de gandeiro”

Saúl fixo no ano 2001 a súa primeira viaxe a Canadá e destaca que lle cambiou a mentalidade. “Alí os gandeiros teñen un dos mellores prezos do leite do mundo, moitísima axuda pública e unha profesión moi dignificada en todos os ámbitos”, afirma. “Aquí, pola contra, socialmente ter vacas segue tendo un punto negativo, algo que non acontece en países como Canadá, Estados Unidos ou Suíza, onde é unha profesión de prestixio”, compara.

Sen ir máis lonxe, bota un ollo con certa envexa a Asturias, unha comunidade situada a tan só 25 quilómetros de San Xusto. “En Asturias, que está aquí ao lado, temos un espello no que mirarnos tamén nese sentido”, afirma. “Alí os gandeiros están a cobrar o leite entre 4 e 5 céntimos máis ca nós”, detalla. El entrégallo a Leite Celta a un prezo de 30,5 céntimos o litro pero pensa que “iniciativas coma Clun son moi necesarias e tíñanse que ter feito xa hai moito tempo”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información