Gandería Fraga, unha granxa de vacas ‘excelentes’

Esta gandería de Lalín (Pontevedra) leva anos despuntando pola morfoloxía dos seus animais. Con 76 reprodutoras apostan por contar con vacas de boas características e coidar o manexo para incrementar os rendementos. Cóntannos como traballan

Gandería Fraga, unha granxa de vacas ‘excelentes’

Eduardo Fernández xunto co seu fillo Álvaro na granxa familiar.

A Gandería Fraga, situada na parroquia de Goiás, no concello pontevedrés de Lalín, leva tempo xa asentada entre as mellores granxas en canto a morfoloxía se refire, e os últimos datos da Federación Frisona Galega (Fefriga), do 2018, volven ratificalo, situándoa entre as 8 primeiras ganderías de Galicia, cunha puntuación de 84,35.

“Contando con boas vacas e manexándoas ben producen máis leite e resulta máis rendible a gandería”, indica Eduardo Fernández Sobrado, un dos gandeiros á fronte desta granxa. Xunto con el tamén a súa muller, Sonia Fernández Méijome, e os seus sogros, José Luís Fernández Gil e Marina Méijome Carral, integran a sociedade.

José Luís formouse na Gandería de Tauste e dende aquela apostou sempre pola mellora dos seus animais e a súa recría

A aposta por contar con animais de calidade comezou xa da man de José Luís hai máis de 40 anos, cando se interesou por ter na súa granxa vacas cunha boa morfoloxía. Empezou formándose en cuestións de morfoloxía e en inseminación na Gandería Tauste, en Zaragoza. Dende aquelas, foron traballando para conseguir ter unha gandería con vacas de boas características que lles permitan reducir os problemas nos animais e incrementar a produción de leite, a fin de facer máis rendible a actividade.

Os resultados deses esforzos traducíronse nun rabaño integrado por varias vacas calificadas como Excelentes por Conafe, que foron conseguindo sen mercar ningún animal, se non traballando coa recría, o que lle valeu tamén ó seu fundador o recoñecemento como Mestre Criador.

Ganderia-fraga-gando-

Na gandería contan con vacas destacadas como Taití, descendente de Buche, unha das mellores vacas da granxa.

Buche, o inicio dunha estirpe destacada

Hoxe contan con 150 animais: 76 vacas en muxido cunha media de 42 litros por vaca e día en 2 muxidos, cun 4,2% de graxa, un 3,30% de proteína e menos de 100.000 células somáticas. Teñen unha produción media duns 12.400 litros por vaca ó ano e unha media de 2,48 partos por vaca.

Á hora dos cruzamentos, fíxanse en criterios como a lonxevidade, as condicións das patas, ubres e a fertilidade, que consideran tamén moi importante. “Vemos que atendendo a estes aspectos temos mellores animais e menos problemas e, se algo funciona, para que se ha de cambiar?”, conclúe Eduardo.

Chegaron a contar con 8 vacas excelentes dende o 2007, ano que levara esta distinción Buche

Esa foi a base para que nesta gandería comezaran a contar con animais destacados, que foron recoñecidos en diferentes concursos morfolóxicos. “Todo comezou con Buche, no 2005, ela foi a que marcou a diferencia”, comenta Eduardo. Fraga Outside Buche foi Vaca Xove Internacional no certame da Semana Verde de Silleda e foi deixando un legado de vacas con boas calificacións e morfoloxía na gandería.

Outras das vacas destacadas son a filla de Buche, Butaca, ou a filla desta, Bota. A elas sumáronse outros animais con boas puntuacións como Paula ou Tatí, que aínda continúa na gandería, así como Laguna, que tiveron que sacrificar recentemente a causa dun accidente. Chegaron a contar con 8 vacas excelentes dende o ano 2007, cando levara esta distinción Buche.

O manexo, outra das claves

Na gandería Fraga teñen claro que, ademais de ter boas vacas, outra das claves na granxa é o manexo e confort dos animais. Por iso, no 2000 decidiron construír unha nova granxa onde ter as vacas de leite máis cómodas e deixar nas antigas instalacións a recría, que supón arredor de medio cento de animais. Algunhas das medidas ás que prestan atención é á cama da vaca, xa que dispoñen de cubículos amplos con mestura de carbonato cálcico e serraduras de madeira. “Para nós é o mellor sistema para que a vaca estea cómoda e non ter problemas nas ubres”, sinala Eduardo.

Consideran importante ter moitos puntos de auga para as vacas e sistemas de ventilación axeitados. Así, contan con 3 ventiladores e humificadores dende hai xa 10 anos para mitigar a calor nas instalacións ou con cepillos para incrementar o benestar do animal.

Ganderia-Fraga-Vacas-secas-no-pasto-

As vacas secas saen pacer a unha parcela colindante á granxa.

Non só se preocupan pola comodidade das vacas en produción, xa que as vacas secas dispoñen dunha carballeira e unha pradeira contigua á granxa onde poden saír a pacer. “Preferimos que cando queiran saían ó pasto e estean tamén algo fóra da granxa”, apunta Eduardo.

Produción propia

Ademais deste terreo duns 50 ferrados (preto de 3 hectáreas) onde botan as vacas secas, a maior parte da terra que traballan atópase nas proximidades da granxa, o que lles ofrece unha gran vantaxe. “Só temos algunha finca alugada un pouco máis lonxe, o resto témolo todo preto e iso permíteche tamén que sexa máis rendible. De nada serve ter 200 vacas se tes que alugar fincas lonxe, porque os gastos increméntanse”, recoñece o gandeiro.

Encárganse de producir case tódolos forraxes e só mercan a palla

Contan cunhas 46 hectáreas, 10 delas alugadas a veciños. Adican unhas 22 hectáreas a millo, cunhas calidades que adoitan estar nun 35% de amidón, aínda que este ano reduciron a superficie deste cultivo. “O ano pasado botamos moito e aínda temos moito millo no silo, polo que xa sementamos menos cantidade”, indica Eduardo.

O resto da terra téñena a pradeira, cunha mestura de raigrás italiano con inglés. “Buscamos boas calidades por iso nos gusta este tipo de mestura”, apunta Eduardo. Nos silos de herba acostuman obter unha media dun 16% de proteína. Xunto con outro traballador que teñen na granxa, eles mesmos se encargan de facer tódolas forraxes e do traballo das terras. Só encargan o picado do millo.

Vista das instalacións da gandería.

Vista das instalacións da gandería.

Aínda que contan cun carro mesturador, nos últimos anos do preparado da ración encárgaselle a Cooperativa Perpetuo Socorro. A ración das vacas de produción está formada a base de 31 quilos de millo, 16 quilos de silo de herba, 10 quilos de concentrado, 700 gramos de palla e 200 gramos de corrector.

“Se te encargas de todo e queres ter as cousas ben non che queda tempo ningún e temos dous rapaces pequenos cos que queremos pasar tempo, por iso preferimos encargar o carro”, apunta Eduardo. Este tamén foi un dos motivos polos que nos últimos anos deixaron de acudir, de xeito regular, ós concursos morfolóxicos. “A meu sogro gustoulle moito participar nos concursos pero ó final ir sácache moito tempo e por iso deixamos de acudir, pero a nosa filosofía na granxa segue a ser a mesma, de feito, mesmo conseguimos subir a puntuación”, reafirma o gandeiro.

Vista da granxa de polos e unha das fincas de millo afectadas pola granizada caída en días pasados no Deza.

Vista da granxa de polos e unha das fincas de millo afectadas pola granizada caída en días pasados no Deza.

Diversificar para ser rendibles

Ademais de atender a granxa das vacas, contan con dúas granxas máis, unha de porcos de cebo e outra de polos. “Quixemos diversificar un pouco e non só centrarnos nas vacas. Por iso construímos a dos polos no 2009”, comenta o gandeiro. A a penas un par de quilómetros da granxa de vacún, teñen a granxa avícola onde crían unhas 40.000 femias ou 35.000 machos, dependendo da crianza. Polo xeral, realizan unhas 6 crianzas ó ano.

Tamén contan cunha granxa de cría de polos e un cebadeiro de porcos

Da supervisión dos polos encárgase normalmente Eduardo, aínda que tamén a súa muller colabora. Ademais, a granxa está totalmente equipada cun sistema informático co que reciben tódalas alertas precisas directamente no móbil, o que lles facilita a súa xestión.

Xunto coa granxa avícola teñen tamén un cebadeiro de porcos cuns 300 animais. “Meus sogros xa tiñan a granxa dos porcos antes de comezar coas vacas, só que daquelas era de nais e logo decidiron pasarse ó cebo”, apunta Eduardo. Hai uns 10 anos que tamén reformaron e automatizaron esta granxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información