Gandería Casa do Neiro: Vivir con calidade de vida con 21 vacas en muxido

Víctor Fernández Caseiro é un mozo de Esmoriz (Chantada) que dende que se incorporou implantou importantes cambios na súa gandería: pastoreo día e noite, paso a ecolóxico e aposta pola raza Montbeliarde. O resultado é unha gandería viable económicamente da que viven dúas persoas e unha mellora na calidade de vida

Gandería Casa do Neiro: Vivir con calidade de vida con 21 vacas en muxido

Víctor Fernández con parte do seu rabaño

Víctor Fernández Caseiro é un mozo da parroquia de San Xillao de Esmoriz, en Chantada, que hai 5 anos decidiu incorporarse á gandería familiar dun forma imprevista. “Ata os 27 anos fun comercial do sector alimentario, un sector moi competitivo e con alto nivel de estrés no que traballas por comisión. Coincidiu que quedei no paro e que miña nai, que era a que levaba a explotación, tiña que operarse polo que tomei o relevo”, explica.

A volta ao contacto coa natureza e cos animais e a un ritmo de vida máis natural convenceron a Víctor de que a gandería e o contacto coa terra, aquelo do que a presión social lle inculcara dende pequeno que había que afastarse, era o modo de vida co que se sentía feliz.

“Dar o paso a ecolóxico foi a subsistencia dunha gandería pequena como a nosa”

Pero para facer viable económicamente para dúas persoas e mellorar a calidade de vida, Víctor decidiu que había que pasarse a ecolóxico. “Cada explotación ten que ver o seu caso concreto, se ten base territorial cerca ou non e se é apta para o pastoreo. Dar o paso a ecolóxico foi a subsistencia dunha gandería pequena como a nosa”, recoñece.

Hoxe conta cunha cabana de 37 animais, das que 21 son vacas en muxido, e unha base territorial de 27 hectáreas.

O punto de partida foi unha gandería cun sistema mixto de pastoreo parcial e estabulación que nin optimizaba o pasto, como as puramente extensivas, nin o silo e o penso, como as de estabulación intensiva.

“Viñamos dunha gandería na que as vacas pacían durante o día e estabulábanse durante a noite. Gastabamos moito en penso, uns 10 kilos por vaca e día, e en silo de herba, para lograr unhas producións duns 9000 litros. As vacas tampouco comían todo o que querían no pasto, xa que en primavera o primeiro obxectivo era gardar o máximo de silo de herba para o verán e o inverno. O resultado eran animais máis febles, con peor fertilidade e con problemas frecuentes de torsións de estómago”, recoñece.

Cambio de raza

O punto de inflexión para Víctor Fernández Caseiro foi a visita á gandería Casa da Fonte, de Xosé García Freire, en Pantón (Lugo), unha das poucas en Galicia que fan pastoreo día e noite todo o ano para vacas de leite. “Era algo que tiña en mente, pero había reticencias polo frío e a choiva e como iso afectaba ás vacas. Pero aconsellado por José Luis Cortiñas visitei a Xosé e foi abrir a mente a novas posibilidades na gandería. Esa noite non durmín pensando nos cambios que ía facer”, asegura.

Despois desta visita un dos primeiros cambios que fixo Víctor foi cambiar de raza, comprando en Holanda 6 vacas de raza Montbeliarde. Buscaba unha vaca rústica e que producira leite con máis calidades. Cinco anos despois considera que foi unha decisión acertada: “É un animal cunha moi boa fertilidade, e a proba é que as vacas o primeiro ano pariron en setembro, e catro partos despois 5 das 6 seguen parindo en setembro. Ademáis, é unha vaca que non dá ningún problema de partos, os becerros estounos vendendo ben para machos, ao ser raza pura, e cando as queira vender para desvelle son animais cun físico espectacular, polo que cunha boa ceba podes quitar o dobre de diñeiro que cunha Frisona”, razoa.

“O obxectivo é ter a metade do rebaño con Montbeliarde pura e a outra metade con cruces”

No resto do rabaño de Frisoas que herdou da súa familia decidiu ir a un sistema de triple cruce. Nestas semanas están a nacer as primeiras xeracións do cruce de Montbeliarde con Frisona e para a terceira raza ten previsto decantarse pola Parda Alpina. “É unha raza leiteira, que produce tamén moitos sólidos, e ademais ten a vantaxe de que o máis probable é que os becerros nazan coa pel marrón ou escura, o que de entrada xa supón máis de 100 euros á hora de vendelos que se foran pintos de Montbeliarde”, explica. Nas vacas frisoas das que non quere recriar insemínaas con Limousin. Probou este pasado ano con Flekvieth, pero as complicacións que provocaron no parto fixeron que a descarte de cara ao futuro.

O obxectivo deste gandeiro é ter a metade do rabaño con Montbeliarde pura e a outra metade con triplo cruce para ver cal é a máis rendible para a súa explotación.

Manexo do pasto

O outro gran cambio que realizou Víctor foi o manexo do pasto, que pasou a ser a principal fonte de alimentación do gando, sendo a herba seca, o silo de herba e o penso meros suplementos cando o que pacen na pradeira non é suficiente.

Como destaca Víctor, “iso esixe saber que lles aporta o pasto en cada época do ano para complementar no establo as carencias que hai fóra. E para iso hai que observar como son as bostas das vacas, para saber se hai que meter máis herba seca e subir ou baixar ao penso, e tamén visitar as pradeiras polo menos cada dez días para saber a comida que teñen e en que estado está”.

No prado, unha das máximas que segue é non sobrepastorear, de forma que as vacas estean un máximo de 4 días na mesma parcela para que non coman os renovos da herba. Darlle á pradeira tempo de repouso suficiente para que a herba almacene reservas e que o pasto non espigue para aproveitar ao máximo a proteína vexetal son outras das premisas que segue.

Para aprender a manexar o pasto Víctor contou coa axuda de Xan Pouliquen, foi a unha charla formativa de Luiz Carlos Pinheiro Machado e asiste a todo canto curso pode para desta forma estar ao día.

“A herba seca é excelente para equilibrar a proteína no pasto e evitar diarreas”

O penso ecolóxico, que adquire a Ecofeed, adáptase tamén ás variacións do pasto tanto en cantidade como en calidades. “Baixo e subo proteína segundo como estea o pasto. Así, na primavera cando hai moito pasto doulles un penso cun 15% ou máximo de 17% de proteína mesturado á metade con fariña de millo. É dicir, 2 kg de penso diarios e outros 2 kilos de fariña de millo, que lles aporta enerxía. E cando non hai pasto vou a un penso cun 20% de proteína e cambio a un 50% de fariña de millo e 50% de cebada, porque as enerxías que lle aporta o pasto son diferentes”, explica.

A herba seca sempre está presente na ración, especialmente na primavera e no outono, cando o pasto ten máis proteína, para previr diarreas. “A herba seca é unha forraxe excelente e pode chegar a ter a mesma proteína que un silo de herba. O problema é que henificar en Galicia é difícil”, subliña.

Proba diso é que se antes deste cambio de manexo nesta gandería facían uns 200 bolos de silo de herba e uns 20 de herba seca, sobre todo para as becerras, agora a proporción inverteuse.

esmoriz_vacas_pasto_montbeliarde_1

Sistema de resembra das pradeiras

En canto ao abonado das pradeiras é o que fan os animais ao paceren e co pouco xurro que producen na corte. Para o establecemento e renovación das pradeiras Víctor asegura que, tras probar varios métodos, “o que mellor se adapta é o da resembra: mallar a herba propia para quitarlle a semente, pasarlle a trituradora á finca, botar a semente e botar xurro ou o gando para que o trepen e xa nace”. “Aforras moito en gasóleo e mantés a estrutura do solo”, defende.

O resultado tras estes 5 anos é unha gandería con vacas que producen uns 6.600 litros por lactación, cunhas calidades medidas de 3,9 de graxa e 3,3 de proteína, aínda que nas épocas de menos pasto poden subir a 4,2 e a 3,5. Véndenlle o leite a Leche Celta, a un prezo de 50 céntimos por litro máis calidades e IVE.

O cambio a ecolóxico foi vital para esta explotación, non só polo prezo do leite, -o último ano en convencional vendíano a 27 céntimos- senón tamén pola importante redución de gastos veterinarios, de penso e de gasóleo.

“O cambio foi baixar dunha factura mensual de 6.000 ou 7.000 kilos de penso a 3.000 kilos, e con 5 vacas máis en muxido. E practicamente desaparecer os gastos veterinarios, reducíronse moito os problemas de patas, de pneumonía, de mamites, e a fertilidade e as calidades do leite aumentaron moito”, subliña.

“A túa conta corrente mellora e vives máis tranquilo traballando menos”, conclúe.

Cambios de futuro:

De cara ao futuro, Víctor Fernández ten previsto cambiar o sistema de agrupación de partos. Na actualidade concentra os partos segundo a máxima dispoñibilidade de pasto: o 60% na primavera e o 40% no outono. Sen embargo ten previsto invertilo porque considera que “na primavera a produción nas vacas dispárase ata os 30 litros, sobre todo nas frisonas, e iso tampouco é bo porque se resinte a condición corporal do animal”.

Outro cambio que lle gustaría facer é na recría. Actualmente durante os 3 primeiros meses as xatas están no establo e logo pasan a unha finca de 1,5 hectáreas na que están ata son xovencas preñadas e próximas ao parto.

“Quero ir a un sistema no que as becerras estean coas nais e mamando directamente o leite durante os primeiros meses. Creo que é a forma de evitar pneumonías, diarreas e outros problemas”, avanza.

 “O progreso está na colaboración para avanzar xuntos”

O outro cambio de futuro que se plantea é mercar unha sala de muxido móbil e, co tempo, poder transfomar o seu leite en iogures e outros derivados lácteos. En canto ao número de animais, o seu obxectivo é chegar ás 30 vacas en muxido.

Unha nova actividade que se sumaría a unha vida xa moi polifacética. E é que Víctor Fernández tamén toca o saxo tenor no grupo chantadino Liviao de Marrao, é membro activo da mocidade do Sindicato Labrego Galego e tamén socio da cooperativa AIRA. “Creo que desde pequenos nos educan equivocadamente para que compitamos entre nós, cando, ao meu ver, o progreso está na colaboración para avanzar xuntos, tanto como persoas como profesionais”, conclúe.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información