Gandería Casa Barbeiro, o benestar que se nota na produción

A explotación de Juanjo Fraga, situada na parroquia de Lagoa, en Alfoz, ten como máxima que os animais estean relaxados. Foi deste xeito como logrou durante dous anos ter a vaca con máis produción de Galicia

Gandería Casa Barbeiro, o benestar que se nota na produción

Juanjo Fraga, segundo pola esquerda, xunto ao seu fillo e a dúas persoas que traballan na explotación.

No ano 2015, Barbeira Mimosa desbancaba a Cala como raíña da produción de leite en Galicia. No seu terceiro parto Mimosa chegou a producir 22.281 quilos de leite cun 3,57% de graxa e un 2,95% de proteína, cunha media de produción de 73 kilos diarios, dous máis que a súa antecesora. Pero Cala e Mimosa non eran rivais, senón compañeiras de granxa. As dúas compartían cubículos en Casa Barbeiro, que durante dous anos consecutivos foi distinguida pola Federación Frisona Galega por ter entre o seu gando a vaca líder en produción do país.

Nese momento outras 6 vacas desta granxa mariñá, entre elas Perica, Marilia ou Silvia, situábanse tamén entre o top ten galego. O segredo? Un manexo destinado ao benestar animal onde a produción chega por engadidura, explica Juanjo Fraga. “Hai que buscar que a vaca dure e para iso o primeiro é o coidado, que os animais estean relaxados e controlados”, considera. Na súa orde de prioridades estarían despois as instalacións, a alimentación e a xenética. “Hai que ir mellorando nesta orde”, defende.

“Para lograr a lonxevidade dos animais, o primeiro é o coidado e logo estarían instalacións, alimentación e xenética”

Na actualidade, Casa Barbeiro ten sitio para 140 produtoras nunhas instalacións que foron cambiando nestes últimos 10 anos buscando sempre ese obxectivo do benestar do gando, no que incide Juanjo, amante dos animais mesmo nos seus anacos libres grazas á súa paixón polos cabalos.

A súa formación, enxeñeiro agrícola, axudoulle en todo este proceso de modernización desde que no 2008 deu o paso de poñerse á fronte xunto á súa nai Josefina e á súa irmá Rosana.

Un ano despois, no 2009, acometeron a primeira ampliación na granxa, á que se sumou a de 2011, cando lle mercaron 86 cabezas a un veciño que abandonou a actividade e ao que lle alugaron tamén a súa nave para meter as xovencas.

Cambios nos cubículos
Aproveitaron entón para reformar o establo vello, mesmo con innovacións propias, por exemplo, na forma dos cubículos. “Collín a idea nunha revista, son cubículos distintos aos que se usaban por aquí, con dúas rampas na parte dianteira e traseira que facilitan á vaca o poder levantarse e evita accidentes, porque o animal non ten onde golpearse”, explica Juanjo.

A explotación incorporou cubículos con rampas na parte dianteira e traseira

A maiores, necesítase menos area que nos convencionais e a vaca ten máis espazo de descanso aínda medindo o cubículo entre 5 e 10 centímetros menos de longo (175 fronte aos 180 ou 185 dos habituais en Galicia). Este modelo de sofá bovino, que Juanjo incorporou de granxas canadenses, copiárono xa outras explotacións da zona.

granxa casa barbeiro

Novas ampliacións
No 2014 chegaría a terceira ampliación, coa instalación dunha sala de ordeño 2×10 que os obrigou a estar dous meses muxindo nun circuito provisional, malia o cal non notaron unha baixa na produción. Tamen introduciron medidas de aforro enerxético. “Deunos bo resultado o intercambiador de calor co tanque, desde que o puxemos, o termo eléctrico non volveu encender”, conta Juanjo.

Agora, unha década despois de tomar as rendas da granxa familiar, Juanjo Fraga prepara xa a cuarta ampliación da explotación, situada no lugar do Sixto, que vai consistir en 80 prazas máis para vacas en ordeño, un almacén de 450 metros cadrados, silos e unha foxa de purín cuberta de 1.400.000 litros.

A granxa retomou desde o outono pasado a elaboración da ración diaria dos animais co obxectivo de reducir custos

Forraxes
Este crecemento previsto vai estar acompañado dun incremento importante da superficie forraxeira da granxa, que pasou de botar 28 hectáreas de millo o ano pasado a 42 nesta campaña. Casa Barbeiro manexa neste momento unhas 70 hectáreas de superficie agraria e ten como obxectivo chegar ás 90 “para ser excedentarios en forraxe e ter garantías de autosuficiencia se hai un mal ano de produción. Queremos ao mesmo tempo ir reducindo ao concentrado”, detalla Juanjo.

Grazas a unha concentración parcelaria acometida en todo o concello, lograron mellorar o tamaño das parcelas e os accesos. O proceso iniciouse no ano 1996 pero as parcelas non foron entregadas até abril de 2015, polo que até o vindeiro ano as fincas non estarán aínda en plena produción. Na zona de Alfoz e o Valadouro, Casa Barbeiro é a explotación máis grande e “por desgraza”, considera Juanjo, case a única con miras a manter a produción de leite a medio e longo prazo. “Hai moita xente que se está a pasar á carne”, explica, un sector que acaba sendo un importante competidor para a base territorial das explotacións de leite.

Preparación do carro mesturador.

Preparación do carro mesturador.

Juanjo está apostando tamén pola autosuficiencia da granxa tanto nos procesos de produción como de elaboración da alimentación. Desde outubro fai el na propia explotación o ensilado e a mestura para a ración diaria co obxectivo de aforrar custos. Até ese momento Casa Barbeiro servíase do CAVI (Centro de Alimentación de Vacún) que a cooperativa Os Irmandiños ten na parroquia barreirense de Vilamartín Pequeno e desde o que subministra diariamente ración húmida a moitos dos seus socios.

Acolléranse a este servizo “por comodidade”, pero Juanjo considera que “dependendo das circunstancias de man de obra e dispoñibilidade de forraxes que teñas na explotación, é rendible facelo ti mesmo”. Así que volveu mercar un carro misturador e fai diariamente dúas misturas diferentes de silo de herba, millo e concentrado destinadas unha delas ás vacas en produción e a outra ás vacas secas e á recria.

Recuperarse dun bache
Casa Barbeiro produciu o ano pasado 1.350.000 litros de leite despois de sufrir un importante bache do que trata de recuperarse aínda. “No ano 2016 tivemos moitísimas baixas, case un 40%. Fixemos moitas probas e a día de hoxe aínda non sabemos certamente a que se debeu. Os animais estaban baixos de defensas e afectounos tamén á mamite e á reprodución. Para nós foi un pau moi grande que coincidiu ademais cos prezos máis baixos do leite”, admite Juanjo.

“No 2016 tivemos moitas baixas e aínda hoxe non sabemos certamente a que se debeu”

A explotación quedou mermada con 232 cabezas e con só 98 en ordeño neste momento, cando o habitual sería estar muxindo entre 140 e 150 vacas. Teñen previsto voltar este ano a eses niveis grazas á recría, con 50 novillas en parto previstas a un ano vista, que estaban pensadas para a ampliación e que agora servirán “para recuperarnos e poñernos onde estabamos”, o que retrasará un ano o aumento real de produción de Casa Barbeiro, onde a media sitúase neste momento en 36 litros por vaca.

Juanjo defende que é importante a produción, pero para el “a lonxevidade do gando é un aspecto esencial”. Tamén ter recría propia dabondo, para o que a explotación dispón dunha nave alugada con 70 prazas e 6 hectáreas de terreo. É el mesmo quen se encarga de todo o proceso de inseminación, menos a revisión de ecógrafo e desde hai dous anos introduciron unha amamantadora que acelera o crecimento das xatas no seu proceso de recría.

“Non é doado atopar persoal cualificado para traballar”
A explotación aténdea neste momento Juanjo máis dúas persoas contratadas (Daniel, asturiano aínda que afincado en Foz, e Laura, de Rumanía) e o seu fillo Álex, que con 18 anos aprende o oficio as fins de semana botando unha man. Malia que Juanjo é novo (ten só 40 anos) pensa xa no relevo, un dos problemas de futuro de moitas granxas galegas, e gustaríalle que Álex tomase no seu momento a mesma decisión que tomou el hai 10 anos.

“Hoxe en día, este traballo é moi digno. Facemos 9 horas de reloxo e non lle envidiamos en salario a outros traballos”

Un aspecto no que incide é no da formación. “Non é doado atopar xente cualificada e formar xente na explotación lévache tempo”, afirma, malia que considera que “hoxe este é un traballo moi digno, aquí facemos 9 horas de reloxio e o salario non ten nada que envexarlle a outros traballos”.

Juanjo ten unha titulación universitaria que lle aportou coñecimentos importantes tanto no traballo cos animais como agronomicamente e aínda que afirma que “na Universidade aprendes a aprender”, recoñece que “á hora de levar a explotación, ser enxeñeiro agrícola permíteche absorber máis rapidamente a información que vén nova, adaptarte mellor e con máis rapidez aos cambios no sector, introducindo aquilo que consideras beneficioso e descartando outras cousas, e ao mesmo tempo eres máis autocrítico co que fas e iso é o que che permite mellorar”.

“Necesitamos estabilidade de prezos, pero tamén que as axudas se repartan con outros criterios”

Coma todos os gandeiros, a Juanjo os actuais prezos do leite non lle parecen xustos, pero pensa que as demandas han de ir máis aló. “Necesitamos estabilidade nos prezos, que non temos, pero tamén mellorar o reparto das axudas públicas”, quéixase.

Por un lado, lograr que as axudas europeas da PAC “vaian destinadas a quen realmente traballa no sector, vinculándoas á produción, para que se alguén abandona a actividade ou a mantén de xeito testemuñal non poida seguir conservando as mesmas axudas que cando producía”, denuncia.

Tamén é partidario de cambios na filosofía das axudas autonómicas para plans de mellora e modernización. “A Xunta valora as fusións á hora de conceder as axudas, pero eu desgraciadamente nesta zona xa case non teño con quen fusionarme e pode ser tan viable unha explotación unipersoal que unha de 20 socios, o que hai que valorar realmente é que esteas creando postos de traballo máis que a forma xurídica ou o número de propietarios”, defende.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información