Gandería Carro SL: “A eficiencia na alimentación e o bo manexo son fundamentais para nos”

Visitamos Gandería Carro SL, unha explotación de vacún de leite de Mesía (A Coruña). José Manuel Carro dirixe esta gandería, na que colaboran as súas tres fillas. O seu obxectivo é mellorar os rendementos coidando a calidade dos silos e o manexo

Gandería Carro SL: “A eficiencia na alimentación e o bo manexo son fundamentais para nos”

De esauerda a dereita: Alejandra, Vanesa e Cristina

Gandería Carro SL é unha explotación gandeira familiar situada na parroquia de Boado, no concello coruñés de Mesía. José Manuel Carro está á fronte desta granxa que dende o ano 1980 se dedica profesionalmente á produción de leite. El é a terceira xeración de gandeiros na familia e gustaríalle que algunha das súas tres fillas (Vanesa, Alejandra e Cristina), tomara algún día o relevo, aínda que para iso precisa que “é necesario que a situación de prezos mellore”.

Preparación e ganas de traballar dende logo non lles faltan a Vanesa, Alejandra e Cristina, que botan unha man ao seu pai e aos dous empregados todas as semanas nos traballos da granxa.

Actualmente, Gandería Carro SL conta con 100 vacas en muxido, 20 secas e sobre 80 cabezas para recría, de 0 a 24 meses. Cultivan arredor de 40 hectáreas de millo forraxeiro e 15 hectáreas de pradeira permanente, unha base territorial que, segundo subliña Vanesa, técnica asesora de explotacións gandeiras, “é unha das nosas principais limitacións, xa que non podemos meter máis vacas ao ser moi difícil aumentar a cantidade de forraxes que cultivamos”.

Esto levou a esta gandería a mellorar os rendementos por vaca en base a realizar 3 muxidos diarios. Deste xeito logran un rendemento medio de 37 litros por vaca e día cunhas calidades de 3,37 de graxa e 3,29 de proteína.

“O bagazo de cervexa abarata a ración pero baixo algo a graxa”

Vanesa Carro recoñece que os tres muxidos e a estratexia de reducir os custos de alimentación leva a que “as calidades, sobre todo a graxa, estean algo baixas”. En concreto, reduciron a cantidade de fariña de soia e substituírona por bagazo de cervexa, un subproduto con alto contido en proteína e moi apetecible para as vacas. “Mercámosllo a Estrella Galicia a 5 pesetas o quilo, posto aquí, pero é un produto que tamén fermenta moi rápido, polo que hai que evitar que queza”, explica.

Deste xeito, a ración diaria para as vacas de leite en Gandería Carro é de 2 kg de palla, 4 kg de fariña de soia, 8 kg de bagazo de cervexa, 33 kg de silo de millo, 5 kg de silo de herba, 3 kg de fariña de millo e 1,5 de núcleo. Elaboran tamén unha ración específica para as vacas secas, composta por 3 kilos de palla picada, 7 kg de silo de millo e 2 kg de penso.

Para facer a ración dispoñen de carro propio. José Manuel explica os motivos que o levaron a realizar esta compra: “Temos unha nave pequena a nivel de cornadiza para os animais que hai, e entón quedaba moita cantidade de comida, que no verán quecía, polo que tivemos que meter o carro para facer a ración dúas veces ao día”.

“Desfixémonos do robot de muxido porque non nos compensaba”

Gandería Carro foi unha das primeiras na comarca que mercou robot de muxido. Foi no 2005 pero o ano pasado desfixéronse del e volveron ao sistema tradicional: sala de muxido con 20 puntos.

¿Cales foron as razóns que os levaron a tomar esta decisión? “Puxémolo para quitar máis litros por vaca, xa que non podíamos aumentar a base territorial e o rabaño, pero quitámolo porque acabou sendo máis un problema que unha solución”, explica Vanesa Carro.

En concreto, asegura que, no seu caso, os principais inconvenientes do robot foron os maiores gastos en electricidade e en deterxentes con respecto á sala de muxido; a obriga de usar concentrado na ración, en vez de materias primas, ou os problemas coa area das camas, xa que ao ir adherida aos tetos raiaba as cámaras do robot.

“Pero o principal problema foi que as vacas non entraban ben ao robot de muxido e tiñamos que dedicarlle moito tempo a metelas”, engade José Manuel Carro. Uns hándicaps que, segundo Vanesa, non foron exclusivos da súa gandería, “xa que na nosa zona colocáronse 11 robots de muxido e a día de hoxe están todos parados”.

A importancia do benestar animal e de alimentar de xeito distinto a cada lote

Un dos aspectos que máis coidan en Gandería Carro é o manexo e o benestar animal dende os primeiros días de vida dos xatos. Así, ao pouco de nacer, as becerras reciben 3 litros de costro da nai a través dunha sonda, desinféctanlles o embigo con iodo e pásanas a unha caseta limpa. As seguintes tomas serán xa mediante tetina e durante os seguintes días teñen leite e auga a libre disposición. Aos 85/90 kilos destétanas e pasan a un lote con penso e palla a discreción ata os 6 meses. Dende entón ata os 8 meses de vida toman ración de vacas de leite. A continuación pasan ao lote de inseminación, no que comen unha ración de becerras composta por 2 kg de alfalfa, 3 kg de bagazo, 15 de silo de herba, 3 kg de silo de millo e 200 gramos dun corrector.

Xunto ao loteado e á alimentación diferenciada, un aspecto ao que tamén prestan moita atención en Gandería Carro son as camas dos animais. Dende que quitaron o robot de muxido, as vacas en lactación están en cubículos con area, o que, segundo Vanesa, “repercutiu nunha importante diminución da incidencia das mamites”. O lote de preparto, tanto as vacas como as xovencas, están en cama quente de palla, mentres que as xatas de 7 a 14 meses están no patio con cama de area.

Necesidades de mellora da gandería: ampliación das instalacións e máis base territorial

¿E cales son as marxes de mellora nesta gandería? Tanto Vanesa como José Manuel téñeno claro: máis espazo e máis base territorial. “As actuais naves foron construídas en 1995 e inicialmente estaban concibidas para 82 vacas en muxido, pero hoxe hai 120 e iso xera problemas”, recoñece Vanesa. Pola súa súa parte, José Manuel apunta que “os cubículos quedáronse pequenos, porque o tamaño medio das vacas tamén foi aumentando nestes vintedous anos”.

En canto á base territorial, Vanesa non dubida en que “canto máis forraxes de calidade podamos producir na explotación mellor, pero aquí temos o problema de que é unha zona gandeira, con moita competencia polas parcelas, e tamén o de que hai explotacións que pechan pero prefiren plantar eucaliptos nas fincas antes que alugalas”.

Outra área na que atopan tamén marxe de mellora é nos consumos enerxéticos, polo que están a negociar contratos de electricidade en mellores condicións.

“O futuro pasa por facer mellores silos e mellorar o manexo”

En canto ao futuro do sector, Vanesa Carro amósase convencida de que “xa que no prezo do leite pouco podemos influír -no seu caso véndenllo a Pascual a 0,279 céntimos o litro-, o que nos queda é ser máis eficientes e ter un mellor manexo”. Así, advirte de que “hai moitas granxas nas que se seguen facendo os silos mal, o que obriga a mercar moita comida fóra, e impide que se aproveiten as parcelas ao 100%”. E en canto ao manexo, considera “crucial prestar máis atención ás vacas secas e nos tres meses despois de parir, que son os momentos críticos nos que máis baixas hai e máis gastos veterinarios”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información