Gandería Bargueiras, muxindo a contracorrente

¿É posible sacar un salario digno e ter calidade de vida con 25 vacas en muxido? Xosé Regueiro, un gandeiro da Pastoriza, demostra que si, apostando pola produción en ecolóxico e a moi baixos custos. Cóntanos como traballa.

Gandería Bargueiras, muxindo a contracorrente

Xosé Regueiro no seu establo. Foto: Camilo Friol

A Pastoriza é o municipio que máis leite produce de todo o estado español. Este concello da provincia de Lugo muxe máis litros, por exemplo, que toda a comunidade autónoma de Aragón xunta. Na parroquia de Baltar e rodeado de ganderías en intensivo, como unha especie de illa no medio do océano, atópase a de Xosé Regueiro Yáñez, empeñado en demostrar que pode ser viable unha pequena granxa de 30 cabezas.

Ten 37 anos e incorporouse con só 20 á explotación familiar rexentada pola súa nai Victoria. Cando ela se xubilou el seguiu adiante. No ano 2006 incorporouse seu irmán Juan pero a pequena explotación non daba para os dous, así que tiñan que tomar unha decisión: ou mercar cota para poder medrar (tiñan só 164.000 quilos) ou cambiar de filosofía. “A min o de mercar cota non me parecía unha boa decisión, así que optamos por pasarnos a ecolóxico”, lembra Xosé. Era o ano 2008 e aquilo non era o habitual.

Un ano máis tarde, no 2009, facían un investimento de 150.000 euros nun establo e unha sala de muxido novos, unha nave sobredimensionada que aínda está pagando. “Aínda estou pagando o crédito hoxe, uns 1.200 euros ao mes, e é algo que condiciona a viabilidade da explotación. Non foi unha decisión atinada, se fose hoxe tería feito doutra maneira, con moito menos investimento, sen establo e mercando unha sala de muxido móbil, que puidera levar aos prados nos que estiveran pacendo as vacas, en vez de traer todos os días as vacas a muxir ao establo”, recoñece unha vez vista a experiencia destes case 10 anos transcorridos. Pero “naquel momento non había quen te aconsellara nisto, en Extensión Agraria non sabían de ecolóxico e aínda hoxe a Administración segue tendo unicamente unha visión de modelo moi intensivo”, considera.

Agora, con el só como titular desde hai un ano, a explotación non é todo o rendible que podería precisamente por esa importante carga financeira que aínda soporta. Pero Xosé demostra que se pode vivir dunha granxa de leite de 31 cabezas (contando o touro da explotación), das que 25 están normalmente en muxido, a carga habitual por persoa neste modelo.

 “Agrupa os partos en dous lotes para coincidir coa máxima existencia de pasto”

Gandería Bargueiras ten feito agrupamento de partos en dous lotes coincidindo co outono e a primavera para aproveitar mellor a dispoñibilidade de pasto e entrega sobre 800 litros de leite cada dous días. Desde outubro do ano pasado ten contrato anual con Leite Celta e está cobrando o leite a 50 céntimos o litro máis calidades.

Xosé recoñece que a entrada de Leite Celta como competidor no mercado do leite ecolóxico serviu para subir de golpe o prezo uns 10 céntimos a todos os produtores e situalo “nun nivel aceptable de entre 49 e 52 céntimos o litro”.

Neste momento hai demanda de leite ecolóxico porque é un mercado no que sobe o consumo. “Somos 35 produtores certificados en toda Galicia e hai outros tantos inscritos nos últimos dous anos que están en período de adaptación. Todo isto desde a entrada de Leite Celta no mercado do leite ecolóxico, que coincidiu no tempo coa crise máis dura de prezos do leite convencional”, explica Xosé Regueiro.

Algúns, coma el, pasáronse ao ecolóxico por convencemento, noutros casos foi por simple necesidade, buscando unha maior marxe que salvara do peche a moitas explotacións con prezos de venda do leite por baixo dos custos de produción. Calcula que no seu caso o cambio de modelo de intensivo a extensivo ecolóxico supuxo unha mingua de produción por animal duns 2.000 litros por cabeza ao ano pero, malia isto, a rendibilidade por vaca aumentou porque a marxe custo-beneficio por litro producido increméntase notablemente.

Illarse do entorno e resistir a presión das plantacións de eucaliptos

Gandería Bargueiras está rodeado de explotacións en intensivo, algunhas delas con máis de cen vacas. Na súa parroquia, Baltar, hai 6 explotacións de leite e só a de Xosé está en ecolóxico. No conxunto do concello da Pastoriza hai outras dúas (Casa Ánxel, en Crecente, e Garridiño, na Rigueira) e outras dúas máis en período de adaptación. “Cando das o paso, aínda que sexa convencido, tes que illarte un pouco do entorno porque vas a contracorrente”, recoñece.

O principal cambio no seu caso foi o do pastoreo, que case non facía antes de pasar a ecolóxico. Agora ten que ter coidado coa posible contaminación, pero no seu caso di que “os veciños que están en intensivo fan as cousas ben e non teño problemas con iso, o meu principal atranco son as plantacións de eucalipto, que nesta zona eminentemente agrícola aumentan a presión sobre a terra e soben os arrendamentos”, afirma.

“A entrada de Celta no leite ecolóxico subiu os prezos 10 céntimos de media”

Xosé Regueiro ten 28 hectáreas de superficie agraria útil, das que 10 son propias e o resto arrendadas. En torno a 10 hectáreas, as máis próximas ao establo, son as que usa para pastoreo. A súa cabana está formada por animais de raza frisona, fleckvieh e cruce das dúas, para buscar animais máis rústicos e resistentes. Están en réxime de pastoreo día e noite, como máximo dous días en cada parcela de entre 4.000 e 5.000 metros cadrados, e tardan en volver á mesma parcela entre 20 e 30 días, dependendo da época do ano.

A alimentación diaria complétase con herba seca de produción propia e entorno a 2 quilos de penso ecolóxico diarios por animal. Gandería Bargueiras só recorre a silo de herba en rolos cando non hai pasto e iso nesta zona acontece moi poucas semanas no ano. “Este ano menos no mes de febreiro e algo no verán, tiven pasto todo o ano”, explica Xosé.

O único que usa para abonar é purín e algo de cal. “No modelo intensivo o purín é un grave problema pero neste modelo é un recurso máis, porque produces moito menos e abonas con el”, xustifica.

O resto das fincas, as que non destina a pastoreo, están nun radio de entre 3 e 4 quilómetros do establo. Até o ano pasado tiña nelas a recría, pero entre decembro de 2015 e outubro de 2016 sufriu catro ataques do lobo, que lle matou 4 xatas (3 dun ano e 1 de 17 meses), así que tivo que movelas para preto da casa.

Vacas da súa gandería volvendo dos pastos para o muxido. Foto: Camilo Friol

Vacas da súa gandería volvendo dos pastos para o muxido. Foto: Camilo Friol

Incremento do período de lactancia materna para alimentar ás xatas

Desde hai ano e medio Ganderia Bargueiras optou por aumentar o período de alimentación da recría con lactancia materna, de xeito que as xatas están até os 3 ou 4 meses coas nais. “Perdo en leite, pero gaño en traballo e en saúde das crías, que case non enferman”, explica Xosé.

A taxa de reemprazo na granxa é moi baixa, con animais que duran entre 7 e 9 partos. “Desde 2009 non volvín mercar unha vaca e non mando máis de 2 ou 3 ao matadoiro cada ano”, di. Así que como lle sobra recría, insemina unha parte con limusín para vender para carne e obter máis prezo. “Até que os vendo con 20 días os xatos están tamén coas nais”, conta.

Xosé vive na Pontenova e tenta ter a maior calidade de vida posible. Está na explotación desde as 8 da mañá ás 9 da noite. “A rutina é sempre a mesma: vou buscar as vacas ao prado, muxo, cando acabo doulles a herba seca e o penso e volven para fóra. Despois limpo o establo, cambio pastos, etcétera. Non me dá para ter a ninguén contratado permanentemente pero tento librar un día á semana e teño unha persoa que me ven facer as libranzas”, explica.

“O obxectivo é ter unha explotación que sexa viable e que poida atender unha persoa soa”

Todas as decisións que toma Regueiro están encamiñadas ao mesmo obxectivo: “ter unha explotación que sexa viable e que poida atender unha persoa soa”. Por iso as súas perspectivas de futuro non pasan por medrar, senón por manterse e aumentar os beneficios co mesmo número de cabezas a medida que vaia liquidando a carga financeira da explotación. E tamén por iso o único investimento en maquinaria que fixo foi mercar un tractor hai dous anos. “Non compensa ter máquinas para usar unha ou dúas veces no ano”, di.

Así que a 200 metros do castro de Saa, Xosé e os seus dous axudantes, Rufo e Dori, dous cruce de border collie con pastor alemán e pastor belga, coidan do gando libres de estrés, de pesticidas e de abonos químicos e aproveitan os anacos de tempo libre para xogar á billarda, outra das paixóns de Regueiro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información