Gandeiros na zona cero das minas de Touro – O Pino

Explotacións lácteas do entorno das canteiras quedarían condeadas ó peche se se implanta un proxecto megamineiro de extracción de cobre, en tanto outros produtores perderían base territorial e critican os impactos da actividade

Gandeiros na zona cero das minas de Touro – O Pino

Gandería de Bama (Touro) nas proximidades das minas de Touro.

En Arinteiro (Loxo, Touro) teñen as minas de cobre de Touro a tiro de pedra. Textualmente. Manuel Ferro, un gandeiro de Arinteiro, aínda lembra a anterior etapa das minas a ceo aberto, nos anos 80, cando ao chegar ós prados atopaba sobre a herba pedras procedentes das voaduras da mina. A sociedade propietaria das antigas canteiras, Cobre San Rafael, traballa agora na súa reapertura e ampliación, un proxecto de megaminería que ten a oposición unánime dos gandeiros da contorna.

Se as minas se chegasen a reactivar, as granxas máis próximas, como as de Arinteiro, quedarían condeadas ó peche e moitas outras ven con preocupación os impactos que tería a actividade extractiva. As vellas minas, que pecharan a finais dos anos 80, ocupaban unha superficie de algo máis de 200 hectáreas, que agora se ampliarían ata 700 nunha primeira fase. O proxecto, que estivo a exposición pública ata comezos de outubro, recibiu máis de 1.500 alegacións veciñais.

Gandería en Bama, Touro, preto das minas.

Gandería en Bama, Touro, preto das minas.

A preocupación veciñal e dos gandeiros céntrase nas consecuencias da actividade mineira. O ruído continuo, a contaminación de manantiais e os efectos do po con metais pesados en suspensión sobre cultivos, persoas e animais centran as inquietudes.

Outra espada de Damocles que pende sobre a zona é a posible ampliación futura da actividade mineira. O proxecto inicial prevé explotar durante 13 anos arredor de 700 hectáreas, do total de máis de 2.000 da concesión, pero os sondeos mineiros afectan a un área de 122 quilómetros cadrados. “Se hoxe é Arinteiro, en Loxo, o núcleo máis afectado, mañá pode ser calquera outro na comarca, en Vilar, Prevediños ou Boqueixón”, valoran os veciños, organizados en torno á Plataforma Veciñal Minas Touro-O Pino Non.

O entorno máis próximo da mina inclúe parroquias de gran actividade gandeira, como Bama ou Loxo, en Touro. Visitamos explotacións da zona para coñecer a opinión dos gandeiros. O sentir é unánime. Non queren que a mina volva abrir.

“Se a mina reabre, pecho porque só podería alimentar a media ducia de vacas”

Manuel Ferro, de Arinteiro (Loxo, Touro).

Manuel Ferro, de Arinteiro (Loxo, Touro).

Manuel Ferro é un produtor de Arinteiro (Loxo, Touro) con arredor de 65 cabezas de gando, 30 en muxidura. Vive nun núcleo de poboación que quedaría emparedado pola actividade mineira. Dun lado, tería unha escombreira cun muro de ata 80 metros de alto. Do outro, a menos de 200 metros, unha balsa de augas e lodos ácidos de máis de 50 metros de alto e na que os veciños ven perigo de rotura.

Entre a escombreira e a balsa, a media ducia de ganderías do lugar quedaría case sen terras. Manuel Ferro fai contas da superficie de cultivo e de monte que perdería, arredor dunha ducia de hectáreas, e da que podería manter, a penas un par de fincas. “Tería terreo para alimentar a 5 ou 6 vacas, así que non é para continuar. De momento traballo, mañá non se sabe”, resume.

O sentir de Manuel e dos seus veciños de Arinteiro é unánime contra a mina. “Aquí ninguén quere que veña. Esperamos que non reabra”, conclúe.

Granxa Santa María, en Loxo.

Granxa Santa María, en Loxo.

“Levaríanos parte do terreo e deixaríanos po, ruído e auga contaminada”

Antonio Taboada é socio da Sat Santa María, unha das principais explotacións lácteas de Loxo (Touro). A granxa xestiona arredor de 60 hectáreas de terreo e conta con 130 animais en muxidura. “Se a mina reabre, perderiamos o 20% da nosa base territorial e sufriríamos o impacto da súa actividade” -valora Antonio.- “Po, ruídos e augas contaminadas”, resume mentres conduce os animais cara a sala de muxidura.

Cando se lle pregunta pola súa preocupación pola reapertura das canteiras, Antonio coincide co resto de granxas da contorna: “Preocupación?, De 0 a 10, un 11”.

“Os gandeiros somos os que mantemos a actividade e tiramos pola comarca”

Manuel Sandá é un dos cinco socios de Gandería Sar (Bama, Touro), a principal explotación láctea da zona, con máis de 800 animais, dos cales hai uns 380 en ordeño. A súa gandería quedaría a un quilómetro das minas, polo que a penas perdería base territorial, pero Manuel ve claros outros moitos impactos.

Manuel Sandá, de Gandería Sar.

Manuel Sandá, de Gandería Sar.

“As minas aféctannos a todos. Fálase de que a actividade sería de 24 horas ao día os 7 días da semana, así que o ruído e o po en suspensión serían continuos, co impacto que iso tería nos cultivos forraxeiros e nas propias vacas”, valora. “Estamos falando dun po con metais pesados que afectaría a saúde e á actividade agraria”, subliña.

A gandería en Touro e O Pino abarca 2.600 vacas de leite en control leiteiro, sen contar pequenas explotacións e granxas de carne. “Somos os que tiramos pola zona e os que mantemos a actividade”, defende Manuel.

Outra das cuestións sobre as que incide o gandeiro é a contaminación de manantiais e regos por metais pesados, un problema que xa se iniciara coa vella explotación mineira. “Sería un problema para os veciños, para as granxas e moito máis alá, xa que as augas da mina chegan ó río Ulla, co impacto que iso podería xerar na pesca e no marisqueo da ría de Arousa”, valora.

“A gandería na zona ten futuro, na maioría das granxas entramos xente nova e afrontamos ampliacións”

Fernando Lago, de Casa Eiras (Cebreiro, O Pino).

Fernando Lago, de Casa Eiras (Cebreiro, O Pino).

Fernando Lago é un gandeiro novo do Cebreiro (O Pino). A súa explotación, Casa Eiras, ten uns 140 animais, dos que 70 están en muxidura. As minas quedaríanlle tamén a un quilómetro da granxa, un escenario que ve con preocupación.

“Todo o entorno da mina é unha das zonas gandeiras máis importantes da comarca. Somos granxas nas que houbo relevo xeneracional e nas que estamos afrontando ampliacións”, describe. “Aquí houbo moito investimento público en concentracións parcelarias e en apoio ó sector gandeiro. Que sentido ten botar agora todo iso abaixo?”, pregúntase.

O impacto das minas sobre a actividade gandeira inquieta tanto a Fernando coma ao resto de produtores consultados. “A mina poderíame coller algunhas fincas, pero o peor sería o ruído, o po con metais pesados e a contaminación das augas” -sinala Fernando.- “É probable que nas vivendas tamén suframos fendas ou outros danos polas voaduras, como xa se produciran nos anos 80, na anterior etapa das minas”, valora.

Os gandeiros son claros: “Non queremos que as canteiras reabran -conclúen-. “Sería crear uns postos de traballo durante uns anos, pero destruíndo moitos outros para sempre”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información